Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 198 Xoves, 14 de outubro de 2021 Páx. 50375

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación

ACORDO do 5 de outubro de 2021, da Xefatura Territorial da Coruña, polo que se somete a información pública a solicitude de autorización administrativa previa, a autorización administrativa de construción, o estudo de impacto ambiental (EIA) e o proxecto de interese autonómico (PIA) do proxecto de solución de evacuación conxunta dos parques eólicos Maragouto e Banzas, nos concellos de Mazaricos, Brión, Lousame, Negreira, Outes e Rois (expediente IN408A 2020/144).

En cumprimento do disposto na Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico; na Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crea o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, modificada pola Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia, e a Lei 9/2001, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia; no Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica; na Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental; na Lei 1/2021, do 8 de xaneiro, de ordenación do territorio de Galicia, e demais normas vixentes de aplicación, sométese a información pública a solicitude relacionada coa instalación que se describe a seguir:

Solicitante/promotora: Green Capital Power, S.L. (CIF: B85945475).

Domicilio social: Torre Serrano, r/ Marqués de Villamagna, nº 3, 5º andar, 28001 Madrid.

Domicilio para efectos de notificacións: r/ Fernando de Casas Novoa, nº 35, bloque B, 2º andar, porta B, 15707 Santiago de Compostela (A Coruña).

Denominación do proxecto: solución de evacuación conxunta dos parques eólicos Maragouto e Banzas.

Nº de expediente: IN408A 2020/144.

Municipios afectados: Outes, Mazaricos, Negreira, Brión, Rois e Lousame (A Coruña).

Orzamento de execución material: 10.165.173,65 €.

Prazo de execución: oito (8) meses.

Obxecto:

Co fin de evacuar a enerxía eléctrica xerada nos parques eólicos (PPEE) proxectados e promovidos por Green Capital Power, S.L. e outras sociedades pertencentes ao grupo empresarial Capital Energy:

• Parque eólico San Cosmeiro, de 36,0 MW, con nº de expediente IN408A 2019/24.

• Parque eólico O Vao, de 31,5 MW, con nº de expediente IN408A 2020/28.

• Parque eólico Maragouto, de 34,65 MW, con nº de expediente IN408A 2017/21.

• Parque eólico Barrosino, de 13,5 MW, con nº de expediente IN408A 2019/30.

• Parque eólico Vilartoxo, de 27,0 MW, con nº de expediente IN408A 2019/44.

• Parque eólico Troitomil, de 30,0 MW, con nº de expediente IN408A 2017/24.

• Parque eólico Alvite II, de 27,0 MW, con nº de expediente IN408A 2019/16.

• Parque eólico Alvite, de 41,4 MW, con nº de expediente IN408A 2018/32.

• Parque eólico Banzas, de 31,185 MW, con nº de expediente IN408A 2017/15.

• Parque eólico Iroite, de 22,5 MW, con nº de expediente IN408A 2019/26.

Así como a enerxía eléctrica xerada nos PPEE proxectados e promovidos por outros titulares:

• Parque eólico Vaqueira, de 12,60 MW, con nº de expediente IN408A 2017/39, do grupo Greenalia.

• Parque eólico A Costa, de 9,0 MW, con nº de expediente IN408A 2019/51, do grupo Greenalia.

• Parque eólico Vilacoba, de 23,0 MW, con nº de expediente IN408A/2020/30, de Villar Mir Energía, S.L.U.

Deséñanse:

• A liña de alta tensión (LAT) 132 kV subestación eléctrica transformadora (SET) Maragouto (30/132 kV)-SET Banzas (30/132 kV).

• A LAT 132 kV SET Banzas (30/132 kV)-SET colectora Lousame (132/220 kV).

• A LAT 220 kV SET colectora Lousame (132/220 kV)-SET Lousame (220 kV).

• A SET colectora Lousame 132/220 kV.

Estas tres liñas e a subestación colectora conforman a solución de evacuación conxunta dos PPEE Maragouto e Banzas, obxecto deste proxecto, e que evacuará a enerxía xerada polos citados parques eólicos na SET Lousame 220 kV, propiedade de Red Eléctrica de España (REE).

Características técnicas da instalación:

As liñas que compoñen a solución de evacuación obxecto da presente tramitación constan dos seguintes tramos:

• Tramo 1: LAT 132 kV SET Maragouto (30/132 kV)-SET Banzas (30/132 kV).

– Subtramo A: liña aérea de alta tensión (LAAT) a 132 kV. Con orixe no pórtico metálico sito no interior da SET Maragouto 30/132 kV, no termo municipal (T.M.) de Outes, e final no apoio de paso aéreo-subterráneo (PAS) nº 25 (T.M. de Mazaricos), consistirá nun simple circuíto de condutor tipo LA-455 SIMPLEX e terá unha lonxitude aproximada de 6.055 metros (sen incluír o van destensado de conexión coa subestación de Maragouto de 29,74 m).

– Subtramo B: liña subterránea de alta tensión a 132 kV. Con orixe no apoio PAS nº 25 (T.M. de Mazaricos) e final na SET Banzas 30/132 kV (T.M. de Negreira), consistirá nun simple circuíto de condutor tipo RHZ1-RA+2OL (S) 76/132 kV 1×630 mm² Al + H165, baixo tubo sen formigonar, e lonxitude 3.122 m.

• Tramo 2: LAT 132 kV SET Banzas (30/132 kV)-SET colectora Lousame (132/220 kV).

– Subtramo A: liña aérea dobre circuíto de alta tensión a 132 kV. Con orixe no pórtico metálico sito no interior da SET Banzas (T.M. de Negreira) e final no apoio 16 (T.M. de Negreira), consistirá nun dobre circuíto de condutores tipo LA-455 DUPLEX e LA-280 SIMPLEX e terá unha lonxitude aproximada de 3.582 m (sen incluír o van destensado de conexión á SET Banzas de 34,54 m).

– Subtramo B: LAAT a 132 kV. Con orixe no apoio 16 (T.M. de Negreira) e final no pórtico metálico sito no interior da SET colectora Lousame 132 kV (T.M. de Lousame), consistirá nun simple circuíto de condutor tipo LA-455 DUPLEX e terá unha lonxitude aproximada de 12.551 m (sen incluír o van destensado de conexión á subestación colectora de Lousame de 21,90 m).

• Tramo 3: LAT 220 kV SET colectora Lousame (132/220 kV)-SET Lousame (220 kV). Con orixe no pórtico metálico sito no interior da SET colectora Lousame (T.M. de Lousame) e final no pórtico metálico sito no interior da SET Lousame 220 kV de REE (T.M. de Lousame), consistirá nunha liña aérea de simple circuíto, condutor tipo LA-280 DUPLEX, e terá unha lonxitude aproximada de 221,28 m (sen incluír os vans destensados de conexión coas dúas subestacións: de 78,53 m á SET colectora Lousame e 38,36 m á SET Lousame).

Todas as liñas aéreas disporán, ademais do condutor, dun cable de fibra óptica tipo OPGW-48 para comunicacións que efectuará, tamén, a función de cable de terra, mentres que a liña subterránea contará cun cable de fibra óptica monomodo para as comunicacións.

O tendido aéreo ten unha lonxitude aproximada de 22.409,28 m (sen incluír os vans destensados de conexión coas subestacións) e o subterráneo de 3.122 m.

O tendido das liñas aéreas realizarase sobre apoios metálicos de celosía e son 91 o número de apoios proxectados.

A nova SET colectora Lousame 132/220 kV, sita nas coordenadas UTM fuso 29 ETRS89: X=518.049 e Y=4.740.950, estará composta polos seguintes elementos:

• Unha (1) posición de salida de liña de 220 kV para a LAT enlace SET colectora Lousame-SET Lousame 220 kV (Pos. L/SET Lousame 220 kV).

• Unha (1) posición de chegada de liña de 132 kV para a LAT 132 kV SET PE Iroite-SET colectora Lousame (Pos. L/SET PE Iroite 132 kV), na cal evacúa o PE Iroite.

• Unha (1) posición de chegada de liña de 132 kV para a LAT 132 kV SET PE Banzas-SET colectora Lousame (Pos. L/SET PE Banzas 132 kV), na cal evacúan todos os PPEE, excepto PE Iroite e PE Vilacoba.

• Unha (1) posición de transformación 132/220 kV, de 350 MVA, para elevar a 220 kV a enerxía procedente da SET PE Banzas e da SET PE Iroite.

• Un (1) transformador de potencia de 280/350 MVA ONAN/ONAF e relación de transformación 220/132 kV.

• Unha (1) posición de medida de tensión de barras 220 kV.

• Unha (1) posición de medida de tensión de barras 132 kV.

• Un (1) transformador de servizos auxiliares 20/0,4 kV de 50 kVA.

• Dous (2) equipamentos de medida necesarios para cuantificar a enerxía vertida na rede:

– Na posición de liña procedente da SET PE Iroite.

– Na posición de liña procedente da SET PE Banzas.

• A aparellaxe de 132 kV e de 220 kV instalarase no parque de intemperie e será de tecnoloxía convencional.

• O edificio de control terá unhas dimensións en planta de 24,50 × 5,00 m e disporá dun único nivel. Anexo a el situarase o parque intemperie da SET.

Aínda que o PE Vilacoba tamén evacuará pola subestación colectora Lousame, as súas infraestruturas de conexión serán obxecto doutro proxecto independente.

Ademais, tanto a SET Maragouto (nº de expediente IN408A 2017/21) como a SET Banzas (nº de expediente IN408A 2017/15) tamén son obxecto doutros proxectos independentes, do mesmo titular Green Capital Power, S.L. e estarán actualmente en tramitación.

Así mesmo, a SET Lousame 220 kV de REE (nº de expediente IN407A 2009/471-1) tampouco é obxecto da presente licitación e xa se encontra en servizo.

Obxecto da información pública:

A solicitude de autorización administrativa previa, a autorización administrativa de construción, o estudo de impacto ambiental (EIA) e o proxecto de interese autonómico (PIA) das instalacións.

• Documentación que se expón:

1. O proxecto de execución (setembro 2021-vsdo. 21.9.2021).

1.1. Plano xeral do proxecto do parque eólico.

2. O estudo de impacto ambiental (EIA) (setembro 2021-asdo. 20.9.2021).

3. O proxecto de interese autonómico (PIA) (setembro 2021-vsdo. 21.9.2021).

O que se fai público, de conformidade co artigo 33.10 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crea o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, modificada pola Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia, e pola Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia, para o coñecemento xeral e para que se poida examinar a documentación técnica anteriormente relacionada e, se for o caso, presentar as alegacións ou observacións que achen oportunas dentro do prazo de trinta (30) días, que se contará a partir do día seguinte ao da publicación deste acordo no Diario Oficial de Galicia (DOG).

A documentación estará á disposición dos interesados nas dependencias da Sección de Enerxía desta Xefatura Territorial da Coruña da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación (rúa Vicente Ferrer, núm. 2-2º andar, 15071 A Coruña, das 9.00 ás 14.00 horas, de luns a venres, con cita previa no correo electrónico seccion.enerxia.coruna@xunta.es ou nos teléfonos 981 18 49 83 e 981 18 49 17, así como nos concellos de Outes, Mazaricos, Negreira, Brión, Rois e Lousame (A Coruña). Ademais, tamén se poderá consultar no portal web da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación a través da seguinte ligazón:

https://ceei.xunta.gal/transparencia/instalacions-xeracion/maragouto-banzas

O estudo de impacto ambiental estará tamén dispoñible, durante o mesmo prazo, nas dependencias da Xefatura Territorial da Coruña da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda.

A Coruña, 5 de outubro de 2021

Isidoro Martínez Arca
Xefe territorial da Coruña