Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 194 Xoves, 7 de outubro de 2021 Páx. 48981

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Universidade

ORDE do 28 de setembro de 2021 pola que se modifica a autorización do centro privado estranxeiro Trisquel Compostela International School, de Santiago de Compostela.

Mediante a Orde da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria do 15 de setembro de 2016, concedeuse a autorización de apertura e funcionamento temporal ao centro privado estranxeiro (CPREX) Trisquel Compostela International School, de Santiago de Compostela, para impartir ensinanzas do sistema educativo dos Estados Unidos de América, para alumnado español e estranxeiro, prorrogada mediante distintas ordes desta consellería.

A titularidade do centro educativo solicita a modificación da autorización e achega un certificado de confirmación da acreditación plena emitido pola New England Association of Schools & Colleges (NEASC), autorizando Pre-School Section (infantil) para un máximo de 30 estudantes de 3 a 6 anos, Elementary Section (primaria) para un máximo de 60 estudantes de 6 a 12 anos e Secondary Section (secundaria) para un máximo de 40 estudantes de 12 a 16 anos, do sistema educativo dos Estados Unidos de América.

O Ministerio de Asuntos Exteriores, Unión Europea e Cooperación informa que non se aprecia disposición ningunha que impida o establecemento dun centro docente para impartir as devanditas ensinanzas e, tendo en conta o principio de reciprocidade, non existe inconveniente para a autorización. Así mesmo, o Ministerio de Educación y Formación Profesional, informa favorablemente a autorización das ensinanzas.

Logo da tramitación do expediente de conformidade co establecido no Real decreto 806/1993, do 28 de maio, sobre centros docentes estranxeiros en España, e no Decreto 133/1995, do 10 de maio, de autorización de centros docentes privados para impartir ensinanzas de réxime xeral non universitarias, e coa Orde do 20 de setembro de 1995 que o desenvolve, por proposta da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos,

DISPOÑO:

Artigo 1. Modificación da autorización

Modificar a autorización do centro privado estranxeiro Trisquel Compostela International School conforme coa seguinte configuración:

Denominación xenérica: centro privado estranxeiro (CPREX).

Denominación específica: Trisquel Compostela International School.

Código do centro: 15033058.

Domicilio: Silvouta, Roxos, s/n.

Localidade: Santa María de Villestro.

Código postal: 15896.

Concello: Santiago de Compostela.

Provincia: A Coruña.

Titular: Trisquel Compostela I.S., S.L.

Ensinanzas autorizadas do sistema educativo dos Estados Unidos de América a alumnado español e estranxeiro, para un total de 130 postos escolares:

• Pre-School Section (infantil) para un máximo de 30 estudantes.

• Elementary Section (primaria) para un máximo de 60 estudantes.

• Secondary Section (secundaria) para un máximo de 40 estudantes.

Artigo 2. Ensinanzas de lingua e cultura

O centro deberá complementar as ensinanzas autorizadas, de niveles equivalentes aos obrigatorios do sistema educativo español con ensinanzas de lingua española e de lingua galega, que deberán impartirse co mesmo deseño e horario establecidos nos correspondentes decretos da Comunidade Autónoma de Galicia.

Así mesmo, a cultura española deberá desenvolver os contidos esenciais da correspondente área de coñecemento, recollidos na norma reguladora das ensinanzas.

Artigo 3. Requisitos do profesorado

O profesorado que imparta as ensinanzas mencionadas no artigo 2 deberá reunir os requisitos de titulación requiridos pola lexislación española para o nivel educativo, e terá os dereitos e obrigas que determina o artigo 12 do Real decreto 806/1993, do 28 de maio, sobre réxime de centros docentes estranxeiros en España.

A Xefatura Territorial da Consellería de Cultura, Educación e Universidade da Coruña, logo do informe do Servizo Territorial de Inspección Educativa, aprobará expresamente a relación de persoal que imparta estas materias.

Artigo 4. Inscrición no rexistro

Esta orde dará lugar á correspondente inscrición no Rexistro de Centros da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 5. Obrigas do centro

O centro queda obrigado ao cumprimento da normativa vixente e sometido á inspección educativa da Consellería de Cultura, Educación e Universidade de conformidade co establecido no artigo 9 do Real decreto 806/1993, do 28 de maio, así como a solicitar unha nova autorización e inscrición no caso de que se produza calquera variación nos elementos e circunstancias que dan lugar a esta autorización.

Disposición derradeira primeira. Recursos

Contra esta orde, que esgota a vía administrativa, as persoas interesadas poderán formular recurso potestativo de reposición ante esta consellería, no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou ben, directamente, recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses desde a mesma data, ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, de conformidade co artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 28 de setembro de 2021

Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura, Educación e Universidade