Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 190 Venres, 1 de outubro de 2021 Páx. 48089

III. Outras disposicións

Academia Galega de Seguridade Pública

RESOLUCIÓN do 23 de setembro de 2021 pola que se convoca a Xornada de vehículos de mobilidade: análise-xurídico penal e intervención policial, dirixida aos membros das forzas e corpos de seguridade con destino na Comunidade Autónoma de Galicia.

A recente aparición na nosa sociedade de novos medios de transporte e desprazamento, vinculados principalmente a contornas urbanas e potenciadas na súa comercialización, debido ás súas especiais características de tamaño, prestacións, custos de adquisición e mantemento, baixos niveis de emisións contaminantes e que se encadran, como ben di o fiscal da Sala de Seguridade Viaria da Fiscalía Xeral do Estado, en ocasións de maneira incorrecta, baixo a denominación de vehículos de mobilidade persoal (VMP), fan necesario coñecer e manexar novos conceptos, así como as condicións e características destes aparellos e abordar o seu tratamento tanto a nivel administrativo, como a nivel xurídico penal e da intervención dos axentes policiais con este novo tipo de vehículos.

Por este motivo, desde a Academia Galega de Seguridade Pública (Agasp), en colaboración coa Asociación de Xefes e Mandos da Policía Local de Galicia (Axempol) exponse o desenvolvemento da presente xornada na cal se van analizar as últimas novidades na regulamentación, tanto a nivel da súa regulación legal como das condicións e posibles consecuencias do seu uso nas vías e espazos abertos á circulación.

1. Datos da actividade.

Denominación: vehículos de mobilidade persoal (VPM): análise-xurídica penal e intervención policial.

Tipo: xornada.

Edicións: 1.

Horas lectivas: 8.

Modalidade: presencial.

Contido:

– 9.30 horas: presentación da xornada.

– De 10.00 a 12.30 horas: delitos contra a seguridade viaria relacionados cos vehículos de mobilidade persoal: problemática actual.

– De 13.00 a 14.00 horas: intervención policial con vehículos, aparellos e artefactos de mobilidade persoal na contorna urbana (1ª parte).

– De 15.30 a 16.45 horas: intervención policial con vehículos, aparellos e artefactos de mobilidade persoal na contorna urbana (2ª parte).

– De 15.15 a 19.30 horas: o informe técnico policial sobre vehículos de mobilidade urbana.

2. Destinatarios/as.

Policía Local, Garda Civil, Policía Nacional, UPA, e público interesado en xeral.

Prazas ofertadas: 160.

3. Solicitudes de participación.

O persoal que desexe participar na xornada convocada nesta resolución deberá cubrir o formulario de matrícula telemática dispoñible na páxina web da Agasp (http://agasp.xunta.gal), non se admitirá ningunha outra forma ou modelo de solicitude.

É preciso que todas as persoas que desexen participar manteñan actualizados os seus datos persoais, especialmente a conta de correo electrónico e o teléfono móbil, co obxecto de posibles comunicacións; no suposto de non ser correctos ou exactos os devanditos datos, a Agasp non é responsable dos posibles prexuízos causados aos interesados.

A falsidade ou ocultación de datos esenciais para a selección das persoas solicitantes dará lugar á exclusión automática do curso solicitado, así como á imposibilidade de participar en ningún outro curso durante o prazo dun ano, computado desde o momento en que se detecte o feito.

Serán excluídas automaticamente aquelas solicitudes que non teñan cubertos correctamente todos os datos para realizar a selección do alumnado, non se axusten ao modelo normativizado ou sexan presentadas fóra de prazo.

No caso de atoparse nalgún dos supostos que a continuación se indican, o/a solicitante deberán remitir á Agasp, no mesmo prazo establecido para o envío da solicitude de inscrición, a certificación orixinal ou fotocopia legalizada que acredite tal situación. Non será preciso se tal documentación xa obra en poder da Agasp, en cuxo caso deberán comunicalo na propia solicitude.

– Profesionais que estean a gozar ou gozasen nos dous últimos anos, dunha licenza de maternidade, dun permiso de paternidade, dunha redución de xornada ou dunha excedencia por coidado de familiares.

O prazo de presentación de solicitudes será desde as 8.00 horas do día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG ata as 14.00 horas do día 15 de outubro de 2021.

Non está permitida a realización de cursos que teñan simultaneidade de horarios nunha ou varias sesións presenciais. Cando o alumnado teña coñecemento de que foi seleccionado para un curso que teña coincidencia horaria con outro no que xa foi seleccionado debe renunciar a un deles.

No caso de que se comprobe con posterioridade a realización simultánea de varias actividades, non se expedirá certificación de ningunha delas, e o/a alumno/a non poderá participar noutros cursos durante un ano desde que se detecte este feito.

Listaxe de solicitudes seleccionadas:

O día 16 de outubro de 2021 a Academia Galega de Seguridade publicará no sitio web http://agasp.xunta.gal, as solicitudes de participación recibidas que cumpran os requisitos anteriores.

Os/as alumnos/as seleccionados/as serán informados/as da súa selección a través do correo electrónico e da mensaxaría telefónica.

O alumnado seleccionado só poderá renunciar ao curso por causas de forza maior suficientemente xustificadas ou necesidade do servizo sempre que se acredite documentalmente o feito alegado.

No caso de cambios de cadrante ou quendas de traballo, deberán quedar suficientemente acreditados os motivos destes e que se coñeceron con posterioridade á solicitude de inscrición no curso.

A renuncia debe ser comunicada por escrito a través do modelo que figura na páxina web da Agasp e cunha antelación de 3 días hábiles ao comezo do curso, co fin de poder cubrir a vacante.

A renuncia non xustificada ou a non acreditación documental da causa que a produce supoñerá a exclusión da persoa seleccionada nos seguintes 10 cursos que se convoquen polo Servizo de Formación en Seguridade Pública da Agasp e nos que a persoa figurase como posible destinataria destes, sen contar edicións repetidas, cursos xa realizados e que polo menos teñan a mesma carga horaria, do curso polo que foi penalizado.

4. Desenvolvemento da actividade.

Presentación: as persoas admitidas a esta xornada deberán presentarse ás 9.30 horas do día 21 de outubro de 2021.

Lugar: Academia Galega de Seguridade Pública. A xornada realizarase no salón de actos.

Horario lectivo: das 9.30 ás 14.00 horas e das 15.30 ás 19.30 horas.

Datas: 21 de outubro de 2021.

1º. A xornada realizarase respectando en todo momento as indicacións das autoridades sanitarias; o uso das máscaras é obrigatorio así como o mantemento da distancia de seguridade.

2º. Ningún alumno nin alumna seleccionado/a asistirá á xornada con síntomas asociados á COVID-19, nin tendo contacto cunha persoa diagnosticada como positiva nesta enfermidade nos últimos 14 días anteriores a comezar o dito curso.

3º. É obrigatoria a asistencia con puntualidade a todas as sesións da xornada.

Durante a realización da xornada levarase un control permanente da asistencia a través dos sistemas que se establezan para o efecto e poderán realizarse controis de asistencia extraordinarios.

Unicamente se autorizará a ausencia por causas xustificadas e debidamente acreditadas e en ningún caso, poderá superar o 10 % das horas lectivas.

A falta de asistencia dun número superior ao 10 % das horas lectivas sen xustificación ou falta de acreditación documental da causa alegada non só dará lugar á perda do dereito ao diploma do curso, senón tamén á penalización coa non participación en cursos da Agasp durante un ano contado desde o día seguinte ao da finalización do curso.

4º. O alumnado asistirá ao curso co uniforme regulamentario. No caso de non facelo, e non existir causa suficientemente xustificada, a Agasp poderá impedir a asistencia ao curso e non emitirá diploma nin certificado acreditativo.

Certificado de superación do curso:

A avaliación será realizada polo/a profesor/a en función da participación dos/das alumnos/as, e se se considera necesario, un test de coñecementos.

5. Modificacións e incidencias.

1º. A Agasp poderá suspender a realización de actividades formativas convocadas cando sexa necesario por motivos técnicos ou insuficiencia de solicitudes de participación.

2º. A Agasp poderá modificar as datas, os horarios, os contidos e o desenvolvemento de actividades formativas, así como resolver todas as continxencias e incidencias que poidan xurdir.

3º. A Agasp poderá programar actividades formativas diferentes cando así veña exixido por circunstancias que afecten a organización, a xestión e a docencia.

A Estrada, 23 de setembro de 2021

Santiago Villanueva Álvarez
Director xeral da Academia Galega
de Seguridade Pública