Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 190 Venres, 1 de outubro de 2021 Páx. 48094

III. Outras disposicións

Instituto Galego da Vivenda e Solo

RESOLUCIÓN do 22 de setembro de 2021 pola que se amplía a dotación orzamentaria da convocatoria de 2021 das axudas ao alugamento de vivenda do Plan estatal de vivenda 2018-2021.

O 30 de marzo de 2021 publicouse no DOG núm. 60 a Resolución do 5 de marzo de 2021 pola que se convocan as axudas ao alugamento de vivenda do Plan estatal de vivenda 2018-2021 para o ano 2021 (código de procedemento VI432A).

O punto un do ordinal terceiro da antedita resolución establece que as axudas previstas nesa convocatoria se farían efectivas con cargo á aplicación orzamentaria 08.81.451B.480.6 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia, por un importe total de 2.272.000 euros, dos que 1.485.000 corresponden á liña A da axuda (proxecto 2018 00008) e 787.000 euros á liña B (proxecto 2018 00004).

Así mesmo, no punto tres do mesmo ordinal prevese que a contía establecida nesta convocatoria poderá ser obxecto de ampliación mediante resolución ditada pola persoa titular da Dirección Xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo, que terá efecto logo da súa publicación no DOG, de conformidade co establecido no artigo 30 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Tendo en conta o elevado número de solicitudes recibidas ao abeiro desta convocatoria 2021 e que existen remanentes de crédito de convocatorias anteriores das axudas ao alugamento de vivenda do Plan estatal de vivenda 2018-2021, estímase necesario realizar unha ampliación do crédito establecido inicialmente.

De conformidade co punto terceiro do ordinal terceiro da Resolución do 5 de marzo de 2021 é competente para ditar esta resolución a persoa titular da Dirección Xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo.

Polo exposto,

RESOLVO:

Único. Ampliar a dotación orzamentaria para a convocatoria de axudas ao alugamento de vivenda do Plan estatal de vivenda 2018-2021 para o exercicio 2021.

O incremento da dotación será de 1.055.000 euros, polo que a contía máxima que se poderá conceder no exercicio 2021 será a seguinte:

Liñas de axudas

Aplicación orzamentaria

Crédito inicial

Ampliación de crédito

Crédito total

Liña A. Axuda ao alugamento de vivenda

08.81.451B.480.6

(Proxecto 2018 00008)

1.485.000,00 €

1.000.000,00 €

2.485.000,00 €

Liña B. Axuda á mocidade para o alugamento de vivenda habitual e permanente

08.81.451B.480.6

(Proxecto 2018 00004)

787.000,00 €

55.000,00 €

842.000,00 €

Total

2.272.000,00 €

1.055.000,00 €

3.327.000,00 €

Esta ampliación non implica a apertura do prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio dun novo cómputo do prazo máximo para resolver.

Esta resolución producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 22 de setembro de 2021

Heriberto García Porto
Director xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo