Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 181 Luns, 20 de setembro de 2021 Páx. 46128

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación

RESOLUCIÓN do 27 de agosto de 2021, da Xefatura Territorial da Coruña, pola que se concede a autorización administrativa previa e de construción dunha instalación de distribución eléctrica no concello de Mugardos (expediente-e IN407A 2020/214-1).

Expediente-e: IN407A 2020/214-1.

Promotora: UFD Distribución Electricidad, S.A.

Denominación da instalación: recuamento da LMT VDC706, no lugar da Redonda.

Concello: Mugardos.

Feitos.

1. O 22 de decembro de 2020, a empresa promotora solicitou a autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción do proxecto de execución da dita instalación de distribución eléctrica, coa fin de recuar varios apoios que están en contacto co mar. Coa solución proposta, búscase evitar problemas de seguridade, calidade da subministración e facilitar o mantemento das instalacións.

Achegan o proxecto que inclúe memoria, planos e orzamento, ao abeiro do artigo 123 do Real decreto 1955/2000 que abrangue os seguintes documentos:

– Proxecto de execución nomeado: recuamento LMT VDC706.

2. O proxecto non se someteu ao trámite de información pública, segundo o artigo 38 da Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia (DOG núm. 203, do 25 de outubro).

3. Solicitouse o preceptivo informe ás distintas administracións, organismos ou, de ser o caso, empresas de servizo público ou de servizos de interese xeral afectadas, isto é, Augas de Galicia-Consellería de Infraestruturas e Mobilidade; Servizo Provincial da Axencia Galega de Infraestruturas-Xefatura Territorial da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade da Coruña; Servizo de Urbanismo da Xefatura Territorial da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda; Servizo de Patrimonio Cultural-Xefatura Territorial da Consellería de Cultural, Educación e Universidade da Coruña; Demarcación de Costas de Galicia na Coruña-Ministerio para a Transición Ecolóxica e Reto Demográfico e o Concello de Mugardos. A empresa promotora manifestou a súa conformidade cos condicionados establecidos polo Servizo de Urbanismo, Servizo de Patrimonio Cultural, Costas e o concello. UFD Distribución Electricidad, S.A. achegou a autorización da AXI á perforación dirixida incluída no proxecto e aceptou o condicionado incluído nesta.

4. Os servizos técnicos da xefatura territorial emitiron informe favorable sobre a dita solicitude.

Consideracións legais e técnicas.

1. O xefe territorial é competente para resolver este expediente segundo o Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia e o artigo 39.a) do Decreto 230/2020, do 23 de decembro (DOG do 11 de xaneiro de 2021), polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación.

2. A lexislación a aplicar neste expediente é a que a seguir se relaciona:

a) A Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.

b) O Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

c) O Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09.

d) O Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.

e) O Real decreto 842/2002, do 2 de agosto, polo que se aproba o Regulamento electrotécnico para baixa tensión.

f) A Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia (DOG núm. 203, do 25 de outubro).

3. As características técnicas da instalación son as que a seguir se describen:

– Retensado liña eléctrica de media tensión aérea a 15 kV, cunha lonxitude de 68 metros, coa orixe en apoio formigón ALP8LE9S//119 (existente), condutor tipo LA-110 mm2 Al, e remate no apoio proxectado C3000/16 (substitución do apoio ALQDRV4S//118).

– Liña eléctrica de media tensión soterrada (actuación número 1), a 15 kV cunha lonxitude de 1.210 m, coa orixe en no CT Baño 2 (15SJJP), condutor tipo RHZ1-2OL 12/20 kV 3×240 mm2 Al e remate no centro de transformación A Redonda (15CP72).

– Liña eléctrica de media tensión soterrada (actuación número 2), a 15 kV cunha lonxitude de 240 m, coa orixe no centro de transformación A Redonda (15CP72), condutor tipo RHZ1-2OL 12/20 kV 3×240 mm2 Al e remate en apoio proxectado C3000/16 (substitución do apoio ALQDRV4S//118).

– Reforma centro de transformación en caseta non prefabricada A Redonda (15CP72), cunha potencia de 100 kVA e unha relación de transformación de 15.000/400 V para posibilitar a entrada da LMTS.

– Desmontaxe do centro de transformación aéreo CT Baño 15AP71 (expediente IN407A 2016/1830-1).

– Retírase o treito de liña aérea da LMT VDC706 (expediente 34750) existente entre os apoios AM72MO5M//106 e ALQ0RV4S//118 en condutor LA-110, así coma os diferentes apoios sobre os cales está tendida.

– Proxéctase deixar sen servizo o treito soterrado da LMT VDC706 entre o apoio AM72MO5M//106 e o CT Baño 2-15SJJP e, deste xeito, deixar libre unha cela.

4. No expediente consta un informe favorable dos servizos técnicos desta xefatura territorial.

De acordo con todo o sinalado,

RESOLVO:

1. Conceder a autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción á dita instalación de distribución eléctrica.

2. A instalación executarase no prazo dun ano, contado a partir do día seguinte ao da publicación da presente resolución no Diario Oficial de Galicia.

3. Para a posta en funcionamento da instalación autorizada, deberá achegar ante esta xefatura territorial unha solicitude coa cal xuntará a seguinte documentación:

I. As declaracións de conformidade relativas ao material ou equipamento, e as certificacións ou homologacións, se procede.

II. Un certificado do/da director/a da montaxe no que se garantirá o cumprimento das especificacións do proxecto e prescricións complementarias, se as houber, así como das regulamentacións e normas oportunas na montaxe da instalación e posta a punto.

4. Esta aprobación outórgase sen prexuízo doutras que sexan de aplicación segundo a lexislación vixente, en especial as relativas á ordenación do territorio e ao medio ambiente.

Contra esta resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpor recurso de alzada ante o conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación ou publicación, segundo o disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro), sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan interpor calquera outro recurso que considere pertinente.

Mediante este documento notifícaselle á empresa promotora esta resolución, segundo o exixido no artigo 40.1 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro).

A Coruña, 27 de agosto de 2021

Isidoro Martínez Arca
Xefe territorial da Coruña