Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 177 Martes, 14 de setembro de 2021 Páx. 45071

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Universidade

ORDE do 2 de setembro de 2021 pola que se regula o réxime de axudas a centros privados concertados para a realización de probas de nivel lingüístico para o alumnado que non curse os estudos dentro do programa da Rede de Centros Plurilingües no curso 2021/22 (código de procedemento ED531C).

As accións e recomendacións emanadas da Comisión Europea e do Consello de Europa nos últimos quince anos veñen configurando as políticas lingüísticas e a innovación en educación lingüística dos distintos países membros da Unión, ao considerar a competencia en linguas como un recurso económico e social indispensable dentro, e máis aló, dunha Europa cultural e lingüisticamente diversa.

As liñas estratéxicas desta consellería contemplan medidas e accións enfocadas a que o alumnado adopte unha actitude positiva de cara ás linguas e ao mesmo tempo aprecie a diversidade cultural e a comunicación intercultural. A comunidade internacional considera o multilingüismo como unha ferramenta moi poderosa para o multilateralismo e a cooperación internacional, tan necesaria ante os retos globais aos que nos enfrontamos.

A Consellería de Cultura, Educación e Universidade implantou de xeito experimental os centros plurilingües en Galicia durante o curso 2010/11, como parte do proceso de fomento da diversidade lingüística e cultural da súa política educativa e do que forman parte programas como a anticipación da primeira lingua estranxeira, os cursos para a formación complementaria de aprendizaxe de linguas estranxeiras ou o Plan de seccións bilingües. Esta implantación experimental permitiu, por unha banda, incrementar a presenza da lingua estranxeira como lingua vehicular, mediante a aplicación do disposto no Decreto 79/2010, do 20 de maio, para o plurilingüismo no ensino non universitario de Galicia; e pola outra, favorecer a transferencia entre as linguas que se imparten nos centros educativos galegos tanto nas destrezas comunicativas como nas destrezas académicas, mediante a concreción de medidas tendentes á impartición dun currículo integrado das linguas no proxecto lingüístico de centro.

A resposta altamente favorable dos centros educativos e das familias á participación neste proxecto de plurilingüismo da Consellería de Cultura, Educación e Universidade e o compromiso do profesorado, responsable do desenvolvemento do proxecto, coa formación do alumnado e a súa propia levaron á Administración educativa a continuar na vía iniciada e a promover a ampliación do programa plurilingüe na Educación Infantil, no Bacharelato e na Formación Profesional desde o ano 2017.

Igualmente, a Consellería de Cultura, Educación e Universidade en coherencia coa política educativa que desenvolve, convoca cada curso a Orde pola que se regula o réxime de axudas a centros privados concertados para a contratación de auxiliares de conversa coa finalidade de mellorar a competencia lingüística do alumnado en linguas estranxeiras, especialmente a aqueles que forman parte da Rede de Centros Plurilingües ou participan no Programa de seccións bilingües.

Ademais a Consellería de Cultura, Educación e Universidade organiza anualmente actividades de formación en linguas estranxeiras para o alumnado que se desenvolven durante o curso escolar en centros residenciais situados en Galicia en réxime de internado para estimular a práctica do idioma e a súa utilización en contextos comunicativos diversificados e enfocados cara á mellora da comunicación oral co apoio de profesorado nativo en lingua inglesa. Igualmente organiza actividades de inmersión lingüística no estranxeiro.

En consecuencia, de conformidade co exposto e por proposta da Secretaría xeral de Educación e Formación Profesional, como conselleiro de Cultura, Educación e Universidade,

ACORDO:

CAPÍTULO I

Disposicións xerais

Artigo 1. Obxecto e ámbito de aplicación

O obxecto desta orde é regular o procedemento de solicitude e concesión de axudas, en réxime de concorrencia competitiva, a centros privados concertados con ensinanzas de educación secundaria, bacharelato e/ou formación profesional para a realización de probas de nivel lingüístico para o alumnado.

Esta convocatoria, para os efectos da súa identificación e acceso polas persoas interesadas, na sede electrónica da Xunta de Galicia, aos formularios de inicio, denomínase «Axudas a centros privados concertados para a contratación de probas de nivel lingüístico para o alumnado», código de procedemento ED531C.

Artigo 2. Financiamento e contía das axudas

1. O financiamento das axudas previstas nesta orde efectuarase con cargo á partida orzamentaria 10.30.423A.780.3, por un importe máximo 150.000,00 € con cargo ao orzamento de 2021.

2. As probas lingüísticas para o alumnado deberán realizarse no primeiro trimestre do curso 2021/22, polo que o orzamento desta convocatoria pode cubrir os gastos orixinados entre setembro de 2021 e novembro de 2021. O custo outorgado a cada centro por proba de acreditación en lingua estranxeira e alumno/a será de 100 € e debe incluír:

a) A realización das probas das destrezas orais e das destrezas escritas.

b) A certificación correspondente.

3. A contía da axuda para cada centro determinarase en función das prazas solicitadas no proxecto que se presente no momento da solicitude.

CAPÍTULO II

Finalidade das axudas e requisitos para poder solicitalas

Artigo 3. Finalidade das axudas

As axudas reguladas nesta orde poderá empregarse para contratar a realización de probas de nivel lingüístico para o alumnado. As probas ás que se refire esta orde desenvolveranse de acordo co obxectivo e as características que se especifican a seguir:

1. O obxectivo principal destas probas é acreditar a competencia en lingua estranxeira do alumnado, nos niveis de competencia B1, B2 ou C1, descritos no Marco común europeo de referencia para as linguas do Consello de Europa (MCERL), segundo corresponda.

2. As probas que realizará o alumnado serán do nivel B1, B2 ou C1 (segundo decida o alumnado coa orientación do seu profesorado de lingua estranxeira), e terá que ser unha das probas recollida no anexo da Orde do 21 de xuño de 2016 pola que se modifica a Orde do 18 de febreiro de 2011 pola que se establece o procedemento de acreditación de competencia en idiomas do profesorado para impartir nunha lingua estranxeira áreas, materias ou módulos non lingüísticos nos centros docentes públicos dependentes desta consellería, ou proba análoga que conte co mesmo recoñecemento internacional e siga os mesmos estándares de calidade.

3. As probas realizaranse durante o entre setembro e novembro do curso 2021/22.

Artigo 4. Requisitos do centro

Non poderán ter a condición de beneficiarios das axudas previstas nesta orde os centros privados concertados en que se dea algunha das circunstancias previstas no artigo 10.2 e 3 da Lei 9/2007, do 13 xuño, de subvencións de Galicia.

Para os efectos de simplificación da acreditación do cumprimento de obrigas coa consellería competente en materia de Facenda da Xunta de Galicia, coa Axencia Estatal de Administración Tributaria e coa Tesourería Xeral da Seguridade Social, a entidade beneficiaria presentará a declaración responsable prevista no artigo 11 do Regulamento da citada Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, recollida nos anexos I e II.

Artigo 5. Destinatarios

Os destinatarios desta convocatoria son os centros concertados non universitarios dependentes da Consellería de Cultura, Educación e Universidade nos que se impartan ensinanzas de educación secundaria obrigatoria, bacharelato e formación profesional. As probas están destinadas ao alumnado de 4º da ESO, para o alumnado de bacharelato e ciclos de formación profesional. Na solicitude faranse constar os datos, que cumpran en cada caso, dos que se relacionan a continuación:

a) Número de alumnado interesado (que asina o correspondente compromiso individual asinado polo alumnado/familias) en presentarse a estas probas, matriculado en 4º da ESO no curso 2021/22.

b) Número de alumnado interesado (que asina o correspondente compromiso individual asinado polo alumnado/familias) en presentarse a estas probas en 2º de bacharelato.

c) Número de alumnado interesado (que asina o correspondente compromiso individual asinado polo alumnado/familias) en presentarse a estas probas, matriculado en 1º de bacharelato no curso 2021/22.

d) Número de alumnado interesado (que asina o correspondente compromiso individual asinado polo alumnado/familias) en presentarse a estas probas, matriculado en ciclos PluriFP en linguas diferentes do inglés ou alumnado matriculado no último curso dun ciclo de FP no curso 2021/22.

e) Número de alumnado interesado (que asina o correspondente compromiso individual asinado polo alumnado/familias) en presentarse a estas probas matriculado no primeiro curso dun ciclo de FP no curso 2021/22.

Artigo 6. Organización e xestión das probas

1. As probas de nivel lingüístico deberán ser realizadas polas empresas ou institucións que figuran no anexo da Orde do 21 de xuño de 2016.

2. Os centros educativos informarán o alumnado desta convocatoria e identificarán o alumnado interesado na realización das probas (cun compromiso individual do alumnado/familias que custodiará o centro) e indicarán na súa solicitude o número de alumnado interesado por nivel.

3. Unha vez publicada a resolución definitiva de centros seleccionados, se a dotación económica que recibe o centro educativo non fose suficiente para cubrir todas as demandas de alumnado interesado, os centros educativos seleccionarán o alumnado participante nestas probas segundo criterios transparentes, públicos e obxectivos dos que se informará ao claustro e que se aprobarán no consello escolar. Unha vez realizada a selección en acto público, levantarase acta do sorteo ou selección realizada e custodiarase no centro educativo.

4. Os centros educativos seleccionarán as probas ás que se presentará o seu alumnado. Esta selección debe buscar a maior proximidade e comodidade para que o alumnado poida participar nas probas e que o custo se adecúe á dotación económica facilitada por esta consellería, para evitar o custo para as familias.

5. As familias ou, de ser o caso, os centros educativos, encargaranse da organización do traslado do alumnado ao lugar de realización das probas, en caso de que estas non poidan realizarse no propio centro educativo. A Consellería de Cultura, Educación e Universidade non asumirá os gastos derivados destes desprazamentos.

6. O alumnado será orientado polo profesorado de lingua estranxeira e deberá coñecer con antelación as características da proba á que se vai presentar.

7. Cada alumno ou alumna poderá matricularse nunha única proba dunha lingua estranxeira, que será, preferentemente a que curse como primeira lingua estranxeira.

CAPÍTULO III

Solicitude e prazos

Artigo 7. Forma e prazo de presentación

As solicitudes presentaranse por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal, de acordo co anexo I.

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela na cal fose realizada a emenda.

Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte á publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo for inhábil entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e se no mes do vencemento non houbera día equivalente ao inicial do cómputo entenderase que o prazo expira o último do mes.

Artigo 8. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

CAPÍTULO IV

Procedemento para a adxudicación das axudas

Artigo 9. Criterios de selección dos centros

Todos os centros solicitantes que cumpran cos criterios de participación indicados nesta resolución serán seleccionados. Os centros non poderán percibir unha asignación superior ao número total de alumnado interesado. A dotación económica para cada centro resultará de distribuír a dotación económica total desta convocatoria entre os centros solicitantes do seguinte xeito:

1. A dotación económica distribuirase entre os centros con alumnado de 4º da ESO interesado en participar nas probas.

2. De sobrar remanente, este distribuirase entre o alumnado do último curso de ciclos de formación profesional ou ciclos PluriFP en linguas diferentes do inglés.

3. De sobrar remanente, este distribuirase entre o alumnado de 2º de bacharelato.

4. De sobrar remanente, este distribuirase entre o alumnado de 1º de bacharelato.

5. De sobrar remanente, este distribuirase entre o alumnado do primeiro curso de ciclos de formación profesional ou ciclos PluriFP en linguas diferentes do inglés.

Artigo 10. Comisión de Valoración

1. A valoración das solicitudes realizaraa unha comisión, integrada polos seguintes membros:

a) Presidente/a: a persoa titular da Secretaría xeral de Educación e Formación Profesional ou persoa en quen delegue.

b) Vogais: dous vogais, con categoría de subdirector/a xeral, xefe/a de servizo ou membros da Inspección Educativa.

c) Unha persoa funcionaria da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, que actuará como secretario/a, con voz e sen voto.

2. A percepción de asistencias desta comisión de selección atenderá á categoría correspondente segundo o disposto no Decreto 144/2001, do 7 de xuño, sobre indemnizacións por razóns do servizo ao persoal con destino na Administración autonómica de Galicia.

CAPÍTULO V

Resolución

Artigo 11. Resolución provisional

Valoradas as solicitudes, a Secretaría xeral de Educación e Formación Profesional publicará no portal educativo (http//www.edu.xunta.gal) a proposta de resolución provisional, co importe asignado a cada centro. A exposición abrirá un prazo de dez días naturais para efectuar reclamacións ou renuncias á concesión das axudas ante a persoa que exerza a presidencia da Comisión.

Artigo 12. Resolución definitiva

1. Analizadas e resoltas as reclamacións presentadas contra a resolución provisional, o secretario xeral de Educación e Formación Profesional elevará ao conselleiro de Cultura, Educación, e Universidade a proposta de resolución definitiva, na cal se sinalará a concesión ou a denegación das axudas, así como, de ser o caso, a exclusión daqueles centros docentes que non reúnan algún dos requisitos da convocatoria.

2. A resolución definitiva será ditada polo conselleiro de Cultura, Educación e Universidade e publicarase no portal educativo (https://www.edu.xunta.gal) e no Diario Oficial de Galicia no prazo máximo de tres meses, contado desde o remate do prazo de solicitude.

3. Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso potestativo de reposición ante o conselleiro de Cultura, Educación e Universidade no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación no Diario Oficial de Galicia, de acordo co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas ou ben directamente recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, de conformidade co artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

4. Se transcorre o prazo máximo que se sinala no parágrafo segundo deste artigo sen que se publique a resolución definitiva os centros solicitantes poderán entender desestimadas, por silencio administrativo, as súas solicitudes, para os efectos de interpoñer os recursos que proceda.

Artigo 13. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, á que se atopen vinculadas, previo requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 14. Renuncias

1. Os centros docentes poderán renunciar á axuda nos dez días naturais seguintes á publicación da resolución provisional.

2. Se un centro renunciase á axuda despois deste prazo non poderá concorrer á concesión desta nos dous cursos seguintes ao correspondente a esta convocatoria.

Artigo 15. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do sistema de notificacións electrónicas de Galicia Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do sistema de notificación electrónica de Galicia Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderá de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse practicadas no momento no que se produza o acceso ao seu contido, entendéndose rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non fose posible por problemas técnicos practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

CAPÍTULO VI

Pagamentos

Artigo 16. Pagamento

1. O pagamento da axuda farase con posterioridade á xustificación do gasto realizado.

2. O pagamento das axudas concedidas farase de conformidade co disposto no artigo 31 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, polo que se desenvolve o procedemento de aprobación do gasto e pagamento de subvencións de Galicia.

Artigo 17. Documentación

1. Para o pagamento, o centro docente concertado terá que presentar, antes do 30 de novembro de 2021, a seguinte documentación:

a) Facturas a nome do centro.

b) Relación de alumnado que realizou as probas con indicación do idioma e nivel ao que se presentou e o nome da proba realizada.

c) Anexo II, cumprimentado e asinado.

2. Os documentos acreditativos dos gastos deberán reunir todos os requisitos exixidos pola normativa vixente. Se a xustificación está incompleta ou é incorrecta, pagarase unicamente a cantidade da axuda concedida correctamente xustificada.

3. Para os efectos do artigo 31.7 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, deberá presentar a declaración responsable recollida no punto 4 do artigo 4 desta orde, no momento da solicitude e do pagamento.

Artigo 18. Seguimento da realización das probas de acreditación do nivel lingüístico do alumnado

A Secretaría Xeral de Educación e Formación Profesional realizará o seguimento do proxecto subvencionado a través dos servizos provinciais da Inspección Educativa. Para facer ese seguimento a Inspección Educativa realizará, como mínimo, unha visita no ano 2021. Nas visitas comprobarase que o desenvolvemento das actividades se axusta á programación subvencionada e, unha vez finalizado o seguimento, elaborarase un informe, que servirá para a posterior avaliación do aproveitamento da subvención.

Artigo 19. Fiscalización e control

1. Os centros beneficiarios quedarán obrigados a facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e de control do destino das axudas.

2. Así mesmo, a Consellería de Cultura, Educación e Universidade poderá realizar, en calquera momento e ata transcorridos tres anos a partir da resolución de concesión das axudas, as comprobacións e avaliacións que considere oportunas sobre as actuacións realizadas e a xustificación.

3. Os centros beneficiarios darán a axeitada publicidade do carácter público do financiamento das actividades que foron obxecto de subvención.

Artigo 20. Perda do dereito ao cobramento da axuda

1. O centro docente perderá o dereito ao cobramento da axuda polas seguintes causas:

a) Xustificación de forma incompleta ou fóra de prazo.

b) Incumprimento dos fins ou obxectivos para os cales se concedeu.

c) Perda da capacidade xurídica ou de obrar, ou inhabilitación para ser beneficiario de subvencións e axudas públicas, nos termos previstos no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. De concedérselle outra subvención por esta mesma finalidade no prazo de vixencia desta convocatoria, a entidade terá que comunicalo á Administración, segundo dispón artigo 11.d) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, para que, en aplicación do seu artigo 17.3, o importe da subvención se minore, co fin de que, illadamente ou en concorrencia coas subvencións concedidas por outras administracións ou entes públicos ou privados, non supere o 100 % do investimento.

3. No caso de que se revogue a axuda, o centro docente terá que reintegrar as cantidades percibidas e mais os xuros de mora xerados desde o momento do seu pagamento, nos termos que figuran nos artigos 33 a 38 da referida Lei 9/2007, do 13 de xuño.

CAPÍTULO VII

Disposicións derradeiras

Disposición derradeira primeira. Recursos

Contra esta orde, que esgota a vía administrativa, os interesados poderán interpoñer recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou ben directamente un recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses, ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, de conformidade co artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Disposición derradeira segunda. Competencias

Facúltase a persoa titular da Secretaría Xeral de Educación e Formación Profesional para adoptar todas as actuacións e medidas que sexan necesarias para a execución e desenvolvemento do previsto nesta orde.

Disposición derradeira terceira. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 2 de setembro de 2021

Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura, Educación e Universidade

missing image file
missing image file
missing image file