Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 161 Luns, 23 de agosto de 2021 Páx. 42173

III. Outras disposicións

Consellería de Emprego e Igualdade

ORDE do 10 de agosto de 2021 pola que se modifica o artigo 34 da Orde do 31 de decembro de 2020 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas e subvencións para a realización de Programas de emprego para persoas mozas incluídas no ficheiro do Sistema nacional de garantía xuvenil (formación e aprendizaxe) no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, e se procede á súa convocatoria para o ano 2021 (código de procedemento TR353B).

O día 2 de febreiro de 2021 publicouse no Diario Oficial de Galicia a Orde do 31 de decembro de 2020 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas e subvencións para a realización de Programas de emprego para persoas mozas incluídas no ficheiro do Sistema nacional de garantía xuvenil (formación e aprendizaxe) no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, cofinanciadas nun 91,89 % pola Iniciativa de Emprego Xuvenil e o Fondo Social Europeo (FSE) no marco do Programa operativo de emprego xuvenil, e procedeuse á súa convocatoria para o ano 2021 (código de procedemento TR353B).

No artigo 34 da orde de convocatoria regúlase o pagamento da subvención establecéndose o aboamento dun anticipo do 50 % unha vez iniciado o proxecto e logo da xustificación do seu comezo, para o que a entidade promotora deberá presentar a xustificación dese anticipo antes do 31 de marzo de 2022 comprensiva dos gastos realizados ata o 31 de decembro de 2021. O 50 % ou a porcentaxe que resulte restante aboaráselle á entidade promotora unha vez rematado o proxecto, xustificados todos os gastos e presentada a acta de liquidación do expediente nos termos dispostos na orde.

No proceso de tramitación da convocatoria, revisión das solicitudes, concesión das axudas e actuacións previas ao inicio dos programas actúan diversas circunstancias que dificultan o axuste exacto das anualidades previstas, anticipos incluídos, ao momento temporal preciso en que as entidades beneficiarias realizan o gasto. Para favorecer o citado axuste, faise necesario modificar algúns aspectos relativos ao pagamento e xustificación das axudas.

En consecuencia co exposto, en exercicio das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1. Modificación do artigo 34.2

Modifícase e engádese un parágrafo ao artigo 34.2 da Orde do 31 de decembro de 2020 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas e subvencións para a realización de Programas de emprego para persoas mozas incluídas no ficheiro do Sistema nacional de garantía xuvenil (formación e aprendizaxe) no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, e se procede á súa convocatoria para o ano 2021, que quedaría coa seguinte redacción:

«2. Unha vez iniciado o proxecto, e despois da xustificación do comezo mediante a oportuna certificación emitida en tal sentido pola entidade promotora, aboaráselle a esta, en concepto de anticipo, un importe máximo do 50 % do importe total da subvención do proxecto, sempre que a dita cantidade non supere o importe correspondente á anualidade de 2021. Tendo en conta que os beneficiarios da subvención teñen a condición de Administración pública non é necesaria a constitución de garantías para cobrar o anticipo, tal e como establece o artigo 65.4.c) do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

O importe aboado no ano inicial poderá ser inferior cando se xulgue, en función da data de inicio efectiva e, se for o caso, das previsións achegadas polas entidades beneficiarias, que o gasto realizado nese ano vai ser inferior ao importe do pagamento máximo do anticipo. Neste caso, unha vez efectuado o correspondente reaxuste de anualidades, a cantidade non aboada poderá ser aboada no exercicio seguinte tamén en concepto de anticipo.

No caso de que o gasto realizado sexa superior ao importe concedido na primeira anualidade o exceso de gasto realizado pola entidade beneficiaria entre o 1 de outubro e o 31 de decembro da primeira anualidade poderá ser xustificado e aboado con cargo ao orzamento da segunda anualidade da subvención concedida».

Disposición derradeira. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 10 de agosto de 2021

María Jesús Lorenzana Somoza
Conselleira de Emprego e Igualdade