Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 160 Venres, 20 de agosto de 2021 Páx. 42030

III. Outras disposicións

Instituto Galego de Promoción Económica

RESOLUCIÓN do 11 de agosto de 2021 pola que se amplía o prazo máximo de execución dos proxectos establecido na Resolución do 16 de decembro de 2019 pola que se dá publicidade do acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras das axudas ao investimento para infraestruturas locais (Programa de centros de fabricación avanzada), cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia competitiva (código de procedemento IG408C).

Mediante a Resolución do 16 de decembro de 2019 publicouse o acordo do Consello de Dirección do Igape que aproba as bases reguladoras das axudas ao investimento para infraestruturas locais (Programa de centros de fabricación avanzada), cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia competitiva (DOG núm. 4, do 8 de xaneiro de 2020).

No segundo parágrafo do punto quinto do Resolvo establécese que o prazo de execución dos proxectos rematará na data establecida na resolución de concesión, sen que nunca poida exceder o 30 de abril de 2022.

Este prazo máximo establecido no 30 de abril de 2022 foi prorrogado de oficio, automaticamente, ata o 28 de xuño de 2022 debido á suspensión de prazos pola duración do estado de alarma pola pandemia COVID-19, e estableceuse para todos os proxectos o 28 de xuño de 2022 como data límite de execución.

As tramitacións necesarias para a adquisición de parcelas e os trámites administrativos para a súa legalización e obtención de licenzas xeraron importantes atrasos no inicio dos proxectos de investimento aprobados, que impedirían a implantación dos proxectos aprobados no prazo establecido.

Por todo o anterior, de conformidade co disposto no artigo 32 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas,

RESOLVO:

Artigo 1

Ampliar, ata o 30 de outubro de 2023, o prazo máximo de execución dos proxectos previsto no segundo parágrafo do punto quinto do Resolvo da Resolución do 16 de decembro de 2019 pola que se dá publicidade do acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras das axudas ao investimento para infraestruturas locais (Programa de centros de fabricación avanzada), cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia competitiva.

Artigo 2

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 11 de agosto de 2021

Fernando Guldrís Iglesias
Director xeral do Instituto Galego de Promoción Económica