Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 160 Venres, 20 de agosto de 2021 Páx. 42034

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación

RESOLUCIÓN do 26 de xullo de 2021, da Xefatura Territorial da Coruña, pola que se concede a autorización administrativa previa e de construción dunha instalación de distribución eléctrica no concello de Cariño (expediente IN407A 2015/266-1).

Expediente: IN407A 2015/266-1.

Promotora: UFD Distribución Electricidad, S.A.

Denominación da instalación: anexo 2 do proxecto para o recuamento da LMT e CT Cabanán, no lugar de Cabanán.

Concello: Cariño.

Feitos:

1. Mediante a Resolución do 10 de xaneiro de 2017 desta xefatura territorial, concedeuse a autorización administrativa previa, a autorización administrativa de construción e a declaración de utilidade pública, en concreto, da instalación do proxecto «recuamento da LMT e CT Cabanán». O 13 de febreiro de 2020, a empresa promotora solicitou que se concedese a autorización administrativa previa, a autorización administrativa de construción e a declaración de utilidade pública, en concreto, das modificacións do anexo 1 do proxecto de recuamento da LMT e CT Cabanán. O obxecto do dito anexo era o de reflectir o cambio de localización do centro de transformación proxectado, para cumprir un condicionado emitido pola Deputación da Coruña. Con data do 13 de maio de 2021, a dita promotora solicitou ante esta xefatura territorial a autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción das modificacións inxeridas nas instalacións do proxecto de execución polo «anexo 2 do proxecto recuamento da LMT e CT Cabanán», co fin de plasmar o cambio de localización do centro de transformación proxectado, por mor das alegacións formuladas pola persoa propietaria da parcela. Con data do 23 de xuño de 2021, UFD Distribución Electricidad, S.A. solicitou a desestimación do anexo 1 e a continuación da tramitación da solicitude de autorización administrativa previa e da autorización administrativa de construción para o anexo 2.

Achegan o proxecto que inclúe memoria, planos e orzamento, ao abeiro do artigo 123 do Real decreto 1955/2000, que abrangue os seguintes documentos:

– Proxecto de execución denominado: anexo 2 do proxecto recuamento LMT CT Cabanán.

2. O proxecto non se someteu ao trámite de información pública, segundo o artigo 38 da Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia (DOG núm. 203, do 25 de outubro).

3. Solicitouse o preceptivo informe ás distintas administracións, organismos ou, de ser o caso, empresas de servizo público ou de servizos de interese xeral afectadas, isto é, Augas de Galicia-Consellería de Infraestruturas e Mobilidade; Instituto de Estudos do Territorio-Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda; Deputación Provincial da Coruña e Concello de Cariño. A empresa promotora manifestou a súa conformidade co condicionado establecido polo IET. No día desta resolución, non consta no expediente resposta dos organismos afectados, é dicir, Augas, Deputación e Concello, á solicitude do condicionado solicitado.

4. Os servizos técnicos da xefatura territorial emitiron informe favorable sobre a dita solicitude.

Consideracións legais e técnicas:

1. O xefe teritorial é competente para resolver este expediente segundo o Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia, e o artigo 39.a) do Decreto 230/2020, do 23 de decembro (DOG do 11 de xaneiro de 2021), polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación.

2. A lexislación aplicable neste expediente é a que a seguir se relaciona:

a) A Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.

b) O Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

c) O Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09.

d) O Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.

e) O Real decreto 842/2002, do 2 de agosto, polo que se aproba o Regulamento electrotécnico para baixa tensión.

f) A Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia (DOG núm. 203, do 25 de outubro).

3. As características técnicas da instalación son as que a seguir se describen:

– Liña eléctrica de media tensión aérea MEA 815, a 20 kV, cunha lonxitude de 0,883 km, con orixe no apoio número 53 existente da LMT MEA 815, onde se realiza a derivación ao CT Cabanán (expediente 29776) que se retirará, condutor tipo LA 56 mm² Al e remate no novo centro de transformación intemperie Cabanán.

– Novo centro de transformación intemperie Cabanán, cunha potencia de 100 kVA e unha relación de transformación de 20.000/400-230 V.

– Desmantelamento do CT Cabanán existente.

4. No expediente consta un informe favorable dos servizos técnicos desta xefatura territorial.

De acordo con todo o sinalado,

RESOLVO:

1. Conceder a autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción á dita instalación de distribución eléctrica.

2. A instalación executarase no prazo dun ano, contado a partir do día seguinte ao da publicación da presente resolución no Diario Oficial de Galicia.

3. Para a posta en funcionamento da instalación autorizada, deberá achegar ante esta xefatura territorial unha solicitude coa cal xuntará a seguinte documentación:

I. As declaracións de conformidade relativas ao material ou equipamento, e as certificacións ou homologacións, se procede.

II. Un certificado do/da director/a da montaxe en que se garantirá o cumprimento das especificacións do proxecto e prescricións complementarias, se as houber, así como das regulamentacións e normas oportunas na montaxe da instalación e posta a punto.

4. Esta aprobación outórgase sen prexuízo doutras que sexan de aplicación segundo a lexislación vixente, en especial as relativas á ordenación do territorio e ao ambiente.

Contra esta resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpor recurso de alzada ante o vicepresidente segundo e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación ou publicación, segundo o disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro), sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan interpor calquera outro recurso que considere pertinente.

Mediante este documento notifícaselle á empresa promotora esta resolución, segundo o exixido no artigo 40.1 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro).

A Coruña, 26 de xullo de 2021

Isidoro Martínez Arca
Xefe territorial da Coruña