Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 160 Venres, 20 de agosto de 2021 Páx. 42021

III. Outras disposicións

Consellería de Sanidade

RESOLUCIÓN do 10 de agosto de 2021 pola que se encomenda á Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde (ACIS) a xestión do III congreso internacional sobre prevención, tratamento e control do consumo de cannabis e os seus derivados.

De conformidade co previsto no artigo 9 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, e no artigo 8 da Lei 19/2013, do 9 de decembro, de transparencia, acceso á información pública e bo goberno, dáse publicidade á Resolución do 10 de agosto de 2021, da Consellería de Sanidade, pola que se encomenda á Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde a xestión do III congreso internacional sobre prevención, tratamento e control do consumo de cannabis e os seus derivados.

– Actividade: en virtude da presente encomenda, a axencia asumirá:

a) A xestión das inscricións e acceso das persoas inscritas aos contidos do congreso.

b) A programación, planificación e xestión das actividades formativas do congreso propostas pola Consellería de Sanidade, dentro dos límites orzamentarios establecidos.

c) Facilitar o acceso vía streaming (on line) ás persoas inscritas nas mesas de debate que se levarán a cabo os días do congreso, así como a resolución das incidencias que poidan xurdir nos accesos á plataforma de contidos e recursos técnicos.

A xestión das actividades formativas por parte da ACIS incluirá a xestión das inscricións dos destinatarios, a planificación, programación, disposición e/ou contratación dos recursos formativos, humanos e materiais para a realización das actividades, a supervisión da execución das mesas de debate, a avaliación da satisfacción dos asistentes e da calidade da formación, a xestión económica das actividades formativas e a información sobre as actividades encomendadas para o seu control e verificación.

A ACIS, no desenvolvemento da actividade encomendada, seguirá as directrices e instrucións da Consellería de Sanidade, a que lle corresponden os poderes de verificación e control da encomenda.

A Subdirección Xeral de Programas de Fomento de Estilos de Vida Saudables da Conselleria de Sanidade, como promotora e responsable da iniciativa, verificará e controlará esta encomenda.

– Natureza e alcance da xestión encomendada: o encargo ten natureza de encarga a medio propio, de acordo co disposto nos artigos 47 e seguintes da Lei 16/2010, do 17 de decembro, e no artigo 13 da Lei 14/2013, do 26 de decembro, de racionalización do sector público autonómico. Tal condición de medio propio vén prevista no artigo 5 do Decreto 112/2015, do 31 de xullo, polo que se crea a Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde e se aproban os seus estatutos.

– Prazo de vixencia: esta encomenda producirá efectos a partir da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, e manterase ata o 31 de decembro de 2021.

Santiago de Compostela, 10 de agosto de 2021

Julio García Comesaña
Conselleiro de Sanidade