Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 154 Xoves, 12 de agosto de 2021 Páx. 40339

III. Outras disposicións

Vicepresidencia primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo

ORDE do 4 de agosto de 2021 pola que se clasifica de interese cultural, educativo, ambiental e de promoción dos valores constitucionais, estatutarios e de defensa dos principios democráticos a Fundación La Toja.

Unha vez examinado o expediente de solicitude de clasificación da Fundación La Toja con domicilio no Gran Hotel La Toja, rúa Condesa, número 2, na Illa da Toxa (O Grove-Pontevedra).

Feitos:

1. O 7 de xullo de 2021, Amancio López Seijas, na súa condición de presidente do padroado da fundación, presentou solicitude de clasificación, declaración de interese galego e a súa correspondente inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A Fundación La Toja constituíuna Amancio López Seijas, mediante escritura pública outorgada en Barcelona o 14 de xuño de 2021, ante o notario Antonio Bosch Carrera, co número de protocolo 1.323.

3. Segundo consta no artigo 5 dos seus estatutos, a fundación ten por obxecto:

– A defensa dos valores e os principios da democracia liberal.

– A difusión da cultura tanto local, da Comunidade Autónoma de Galicia, como da cultura ibérica en todo o mundo, especialmente no ámbito atlántico.

– A formación integral das persoas. A mellora na educación das persoas.

– A sustentabilidade do territorio, preferentemente dentro do territorio de Galicia; o coidado do ambiente; a conservación da flora e fauna, especialmente en Galicia e a conservación de todas as contornas, en concreto, da contorna rural.

4. O padroado inicial da fundación está formado por Amancio López Seijas, como presidente; Pedro Ferreras Díez, como secretario; Ana María Sanjurjo Fernández, Marina López Sanjurjo e Clara López Sanjurjo como vogais.

5. A Comisión integrada polos secretarios xerais de todas as consellerías eleva ao vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Turismo proposta de clasificación como de interese cultural, educativo, ambiental e de promoción dos valores constitucionais, estatutarios e de defensa dos principios democráticos da Fundación La Toja, con base nas materias que constitúen o seu obxecto fundacional.

6. Na escritura de constitución consta a identidade dos fundadores, a dotación inicial, os estatutos e a identificación dos membros do padroado.

7. De conformidade co artigo 51 do Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento de fundacións de interese galego, e segundo proposta da Comisión de Secretarios Xerais, procede a súa clasificación como de interese cultural, educativo, medioambiental e de promoción dos valores constitucionais, estatutarios e de defensa dos principios democráticos e a súa adscrición á Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo.

Consideracións legais:

1. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral de acordo coa lei, e o artigo 27.26 do Estatuto de autonomía de Galicia establece competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.

2. A escritura de constitución da fundación contén os datos exixidos na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego.

3. Segundo establece o artigo 7 do Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, correspóndelle a esta Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo, a clasificación da fundación e a adscrición á consellería correspondente, que exercerá as funcións de protectorado.

De conformidade co exposto, e considerando que se cumpren as condicións establecidas pola normativa vixente en materia de fundacións de interese galego, de acordo coa proposta realizada pola Comisión de Secretarios Xerais na súa reunión do día 26 de xullo de 2021.

Dispoño:

Clasificar de interese cultural, educativo, ambiental e de promoción dos valores constitucionais, estatutarios e de defensa dos principios democráticos a Fundación La Toja, adscribíndoa ao protectorado da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo.

Contra esta orde, que pon fin á vía administrativa, pode interpoñerse recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, podendo interpoñer previamente e con carácter potestativo recurso de reposición ante o mesmo órgano que ditou o acto, no prazo dun mes, segundo o disposto no artigo 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 4 de agosto de 2021

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia,
Xustiza e Turismo