Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 153 Mércores, 11 de agosto de 2021 Páx. 40271

III. Outras disposicións

Instituto Galego da Vivenda e Solo

RESOLUCIÓN do 5 de agosto de 2021 pola que se amplía a dotación orzamentaria da convocatoria de subvencións do Programa da conservación, da mellora da seguridade de utilización e da accesibilidade en vivendas do Plan estatal de vivenda 2018-2021, para o ano 2021.

O 22 de marzo de 2021, publicouse no Diario Oficial de Galicia a Resolución do 5 de marzo de 2021 pola que se convocan distintas liñas de subvencións para actuacións de rehabilitación xestionadas polo Instituto Galego da Vivenda e Solo para o ano 2021.

No punto dous do ordinal terceiro da citada resolución sinálase que as contías establecidas nestas convocatorias poderán ser obxecto de ampliación por resolución da persoa titular da Dirección Xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo, e terá efecto logo da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido no artigo 30 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

No ordinal décimo segundo da dita resolución convócanse as subvencións para rehabilitar vivendas e edificios de vivendas dos programas de fomento da conservación, da mellora da seguridade de utilización e da accesibilidade en vivendas do Plan estatal de vivenda 2018-2021 (en diante, Plan 2018-2021), para o exercicio 2021, con carácter plurianual (código de procedemento VI422E). No seu resolvo dous indícase que as subvencións previstas nesta convocatoria faranse efectivas con cargo á aplicación orzamentaria 08.81.451A.780.6 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia, cun importe de 680.000 euros para a anualidade 2021.

Tendo en conta que a data de hoxe existen remanentes como consecuencia do reaxuste da anualidade 2021 do Plan 2018-2021, asinado no seo da comisión bilateral realizada o 26 de maio de 2021, e que o crédito fixado na convocatoria é insuficiente para atender o número de solicitudes habituais neste programa, é necesaria a ampliación do crédito establecido inicialmente.

De conformidade co punto dous do ordinal terceiro da Resolución do 5 de marzo de 2021 é competente para ditar esta resolución a persoa titular da Dirección Xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo.

Polo exposto,

RESOLVO:

Único. Ampliar a dotación orzamentaria para a convocatoria de subvencións do Programa de fomento da conservación, da mellora da seguridade de utilización e da accesibilidade en vivendas do Plan 2018-2021, para o exercicio 2021.

O incremento da dotación será de 2.710.881,92 euros para a anualidade 2021, do proxecto 2018 00006 (Programa de fomento da conservación, da mellora da seguridade de utilización e da accesibilidade en vivendas) da aplicación 08.81.451A.780.6, polo que a contía máxima das subvencións que se poderán conceder con cargo a esta será de 3.390.881,92 euros.

Esta ampliación non implica a apertura do prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio dun novo cómputo do prazo máximo para resolver.

Esta resolución producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 5 de agosto de 2021

Heriberto García Porto
Director xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo