Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 152 Martes, 10 de agosto de 2021 Páx. 40105

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación

RESOLUCIÓN do 19 de xullo de 2021, da Xefatura Territorial da Coruña, pola que se concede a autorización administrativa previa e de construción dunha instalación de distribución eléctrica no concello de Ferrol (expediente-e IN407A 2020/41-1).

Expediente-e: IN407A 2020/41-1.

Promotora: UFD Distribución Electricidad, S.A.

Denominación da instalación: anexo 1 do proxecto para a LMTS, CTC e RBT Barca de Arriba, no lugar da Barca de Arriba.

Concello: Ferrol.

Feitos:

1. Mediante a Resolución desta xefatura territorial do 2 de setembro de 2020 (DOG do 23 de setembro e BOP do 8 de setembro), concedeuse a autorización administrativa previa, de construción e se declarou a utilidade pública do proxecto de execución LMTS, CTC, e RBT Barca de Arriba. Con data do 16 de abril de 2021, a empresa promotora solicitou a autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción do proxecto de execución da dita instalación de distribución eléctrica, co fin de reflectir os cambios inxeridos respecto do proxecto achegado, por mor do condicionante do Concello de Ferrol, polo que se muda o emprazamento do centro de transformación que se vai situar na mesma parcela, de propiedade particular e coa autorización da persoa propietaria, desprazándoa uns once metros ata o suroeste.

Achegan o proxecto, que inclúe memoria, planos e orzamento, ao abeiro do artigo 123 do Real decreto 1955/2000, que abrangue os seguintes documentos:

• Proxecto de execución nomeado: anexo 1 do proxecto para a LMTS, CTC e RBT Barca de Arriba.

2. O proxecto non se someteu ao trámite de información pública, segundo o artigo 38 da Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia (DOG núm. 203, do 25 de outubro).

3. Solicitouse o preceptivo informe ás distintas administracións, organismos ou, de ser o caso, empresas de servizo público ou de servizos de interese xeral afectadas, isto é, Axencia Estatal de Seguridade Aérea-Ministerio de Transportes, Mobilidade y Axenda Urbana e o Concello de Ferrol. A empresa promotora manifestou a súa conformidade co condicionado establecido polo concello. A día de hoxe, non consta no expediente resposta do organismo afectado, é dicir, AESA, á solicitude do condicionado solicitado.

4. Os servizos técnicos da Xefatura Territorial emitiron informe favorable sobre a dita solicitude.

Consideracións legais e técnicas:

1. O xefe territorial é competente para resolver este expediente segundo o Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia, e o artigo 39.a) do Decreto 230/2020, do 23 de decembro (DOG do 11 de xaneiro de 2021), polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación.

2. A lexislación que se aplica neste expediente é a que deseguido se relaciona:

a) A Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.

b) O Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

c) O Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09.

d) O Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.

e) O Real decreto 842/2002, do 2 de agosto, polo que se aproba o Regulamento electrotécnico para baixa tensión.

f) A Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia (DOG núm. 203, do 25 de outubro).

3. As características técnicas da instalación son as que a seguir se describen:

• Centro de transformación prefabricado, cunha potencia de 250 kVA e unha relación de transformación de 15.000/400 V.

• Liña de media tensión soterrada a 15 kV, cunha lonxitude de 541 metros, coa orixe no paso de áereo a soterrado que se vai realizar no apoio número d27 existente da LMT SMR703 (expediente 2279/16), no treito entre o CT Monte Curuto (expediente 1810/16) e o CT Cabana Militar (expediente 1811/16), que concorda coa derivación ao CT particular Centro de Deseño (15PGP5), condutor tipo RHZ1-2OL 12/20 kV 1×240 mm2 Al e remate no novo CT Barca de Arriba proxectado.

4. No expediente consta un informe favorable dos servizos técnicos desta xefatura territorial.

De acordo con todo o sinalado,

RESOLVO:

1. Conceder a autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción á dita instalación de distribución eléctrica.

2. A instalación executarase no prazo dun ano, contado a partir do día seguinte ao da publicación da presente resolución no Diario Oficial de Galicia.

3. Para a posta en funcionamento da instalación autorizada, deberá achegar ante esta xefatura territorial unha solicitude coa cal xuntará a seguinte documentación:

I. As declaracións de conformidade relativas ao material ou equipamento, e as certificacións ou homologacións, se procede.

II. Un certificado do/da director/a da montaxe en que se garantirá o cumprimento das especificacións do proxecto e prescricións complementarias, se as houber, así como das regulamentacións e normas oportunas na montaxe da instalación e posta a punto.

4. Esta aprobación outórgase sen prexuízo doutras que sexan de aplicación segundo a lexislación vixente, en especial as relativas á ordenación do territorio e ao ambiente.

Contra esta resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpor recurso de alzada ante o vicepresidente segundo e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación ou publicación, segundo o disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro), sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan interpor calquera outro recurso que consideren pertinente.

Mediante este documento notifícaselle á empresa promotora esta resolución, segundo o exixido no artigo 40.1 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro).

A Coruña, 19 de xullo de 2021

Isidoro Martínez Arca
Xefe territorial da Coruña