Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 147 Martes, 3 de agosto de 2021 Páx. 39008

I. Disposicións xerais

Consellería do Medio Rural

DECRETO 114/2021, do 22 de xullo, polo que se modifica o Decreto 149/2018, do 5 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería do Medio Rural e se modifica parcialmente o Decreto 177/2016, do 15 de decembro, polo que se fixa a estrutura orgánica da Vicepresidencia e das consellerías da Xunta de Galicia.

Mediante o Decreto 149/2018, do 5 de decembro, estableceuse a estrutura orgánica da Consellería do Medio Rural e modificouse parcialmente o Decreto 177/2016, do 15 de decembro, polo que se fixa a estrutura orgánica da Vicepresidencia e das consellerías da Xunta de Galicia.

A relevancia socioeconómica do sector primario en Galicia, nun contexto caracterizado por importantes retos como garantir a xestión sustentable dos recursos naturais e o desenvolvemento territorial equilibrado das economías e comunidades rurais, exixe a adecuación da estrutura orgánica do departamento competente na materia co fin de adecuala a esas demandas.

Así, a importancia e a complexidade dos retos sinalados fan necesario reforzar a estrutura orgánica da Consellería do Medio Rural, en particular en dous concretos ámbitos: a prevención e a defensa contra os incendios forestais e a planificación e a ordenación forestal, que xa no Decreto 149/2018, do 5 de decembro, se configuraban con autonomía, ao establecerse dous centros directivos independentes: a Dirección Xeral de Defensa do Monte e a Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal.

Así, segundo o establecido no dito Decreto 149/2018, á Dirección Xeral de Defensa do Monte correspóndelle o exercicio das competencias inherentes ás medidas de prevención e defensa contra os incendios forestais e a vixilancia de incumprimentos, coa estruturación do dito centro directivo en dúas subdireccións xerais: a Subdirección Xeral de Prevención e a Subdirección Xeral de Extinción, e un servizo directamente dependente da Dirección Xeral, o Servizo de Xestión de Fondos e Coordinación.

A complexidade das tarefas atribuídas ao órgano directivo, a crecente importancia e a especial relevancia atribuída ás tarefas de prevención na loita contra os incendios forestais, que se sitúan como a punta de lanza dos instrumentos de loita contra o lume, fan evidente que a existencia ata este momento dun único servizo, o de Actuacións Preventivas, dependente da Subdirección Xeral, resulta insuficiente. Así, ao servizo de Actuacións Preventivas atribúeselle a elaboración, a tramitación e o seguimento dos plans anuais de actuación; as infraestruturas preventivas lineais, ou o Plan de queimas controladas, aspectos eles cun perfil claramente técnico, xunto cos cales asumía tamén a xestión das subvencións preventivas e as accións subsidiarias propias. A especificidade e a intensidade das tarefas técnicas preventivas, dificilmente compatibles coas relacionadas coa xestión das medidas de fomento, dificultaban o axeitado desenvolvemento destas últimas e, polo tanto, a súa óptima xestión, de xeito tal que resulta imprescindible a creación dun novo servizo, o Servizo de Xestión de Fondos, que exercerá a xestión de calquera instrumento xurídico relativo aos fondos asignados á prevención de incendios. E, en particular, quedan atribuídas a el as funcións relativas á iniciativa cara á tramitación dos convenios que se vaian subscribir coas administracións locais para o exercicio de actuacións relacionadas coa prevención de incendios forestais, así como a xestión dos ditos acordos.

Con motivo desa modificación, e co fin de evitar duplicidades, cómpre tamén modificar a denominación do servizo directamente dependente da Dirección Xeral de Defensa do Monte, que pasa a denominarse Servizo de Xestión Económica e Coordinación Administrativa, así como precisar as funcións a el encomendadas.

Por outra banda, o propio Decreto 149/2018 atribúelle á Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal o exercicio das competencias inherentes á política forestal, desenvolvendo as medidas relacionadas coa planificación, ordenación, fomento, mellora da produción e conservación dos recursos forestais. Estrutúrase para o efecto nunha subdirección xeral e catro servizos que exercen esencialmente as funcións relativas ás competencias específicas que como órgano forestal lle corresponden, pero sen establecer unha unidade concreta con funcións de coordinación e apoio administrativo ás actividades e ás unidades dependentes do centro directivo. A necesidade de levar a cabo a elaboración de programas de actuación, realizar tarefas de coordinación administrativa forestal e ante a insuficiencia da actual estrutura organizativa, ao que cómpre engadir a complexidade da estrutura territorial periférica da consellería, e a tamén necesaria coordinación coa Secretaría Xeral Técnica e coas xefaturas territoriais fan preciso dotar a Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal dun Servizo de Planificación e Coordinación Forestal, con dependencia directa do titular do centro directivo, ao cal prestará apoio en tarefas de coordinación xerais.

A creación dese servizo, que modifica a estrutura da Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal dentro da Consellería do Medio Rural, reforzará as funcións de coordinación e planificación forestal facilitando o seguimento e unha maior coordinación de toda a actividade administrativa, como o órgano de apoio directamente dependente da persoa titular do centro directivo, cara á súa planificación e á axilización, eficiencia e eficacia na súa actuación, así como en criterios de racionalización e mellora continua.

De acordo co exposto e por proposta do conselleiro do Medio Rural, cos preceptivos informes favorables, e en uso das atribucións conferidas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, logo de deliberación do Consello da Xunta, de Galicia na súa reunión do día vinte e dous de xullo de dous mil vinte e un,

DISPOÑO:

Artigo único. Modificación do Decreto 149/2018, do 5 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería do Medio Rural e se modifica parcialmente o Decreto 177/2016, do 15 de decembro, polo que se fixa a estrutura orgánica da Vicepresidencia e das consellerías da Xunta de Galicia

Modifícase o Decreto 149/2018, do 5 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería do Medio Rural, nos termos seguintes:

Un. Modifícase o número 2 do artigo 11 do Decreto 149/2018, que queda redactado como segue:

2. A Dirección Xeral de Defensa do Monte conta, para o exercicio das súas competencias, cos seguintes órganos:

a) Subdirección Xeral de Prevención.

b) Subdirección Xeral de Extinción.

c) O Servizo de Xestión Económica e Coordinación Administrativa, que dependerá directamente da Dirección Xeral.

Dous. Modifícase o número 2 do artigo 12 do Decreto 149/2018, que queda redactado como segue:

2. Para o desenvolvemento das funcións antes relacionadas, a Subdirección Xeral de Prevención contará co Servizo de Actuacións Preventivas e o Servizo de Xestión de Fondos.

a) O Servizo de Actuacións Preventivas exercerá as funcións de planificación preventiva e as accións subsidiarias e de elaboración dos informes sectoriais en materia urbanística e de planeamento municipal.

En particular, encargarase, entre outras, das funcións relativas á elaboración, tramitación e seguimento dos plans anuais de actuación; ás infraestruturas preventivas lineais; ao Plan de queimas controladas; ás subvencións preventivas e ás accións subsidiarias propias.

b) O Servizo de Xestión de Fondos exercerá a xestión de calquera instrumento xurídico relativo aos fondos asignados á prevención de incendios. En particular, quedan atribuídas a este servizo as funcións relativas á iniciativa cara á tramitación dos convenios que se vaian subscribir coas administracións locais para o exercicio de actuacións relacionadas coa prevención de incendios forestais, así como a súa xestión.

Tres. Modifícase o artigo 14 do Decreto 149/2018, que queda redactado como segue:

Artigo 14. Servizo de Xestión Económica e Coordinación Administrativa

O Servizo de Xestión Económica e Coordinación Administrativa desenvolverá, como órgano de apoio á Dirección Xeral e en coordinación coa Secretaría Xeral Técnica, as seguintes funcións:

a) A xestión administrativa e orzamentaria da Dirección Xeral; en particular, a xestión das contratacións públicas, das encargas a medios propios e das encomendas de xestión e das convocatorias de axudas competencia do centro directivo.

b) A elaboración dos informes, sen prexuízo dos que correspondan a outras unidades, encomendados pola persoa titular do centro directivo.

c) A análise e a elaboración dos informes dos recursos de alzada e reposición nas materias propias das competencias da Dirección Xeral.

d) Cantas outras cuestións lle sexan encomendadas pola persoa titular da Dirección Xeral.

Catro. Modifícase o número 2 do artigo 15 do Decreto 149/2018, que queda redactado como segue:

2. A Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal conta, para o exercicio das súas competencias, coa Subdirección Xeral de Recursos Forestais e co Servizo de Planificación e Coordinación Forestal.

Cinco. Engádese o artigo 16 bis ao Decreto 149/2018, coa seguinte redacción:

Artigo 16 bis. Servizo de Planificación e Coordinación Forestal

O Servizo de Planificación e Coordinación Forestal, dependente directamente da Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal, exercerá as seguintes funcións:

a) Apoiar a Subdirección Xeral de Recursos Forestais na planificación forestal, no seguimento do Plan forestal de Galicia, na planificación e optimización do financiamento das actuacións, plans e programas, na coordinación e no seguimento dos distintos plans e programas de actuación, así como no seguimento da execución orzamentaria.

b) Apoiar a Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal na coordinación coa Secretaría Xeral Técnica; en particular, quedan atribuídas a este servizo as funcións relativas á iniciativa cara á tramitación dos convenios e a xestión dos que se subscriban, así como a xestión das contratacións públicas, das encargas a medios propios e das encomendas de xestión competencia da Dirección Xeral.

c) Elaborar os correspondentes informes en materia de planificación e ordenación forestal, sen prexuízo dos que correspondan a outras unidades, así como aqueles outros encomendados pola persoa titular do centro directivo.

d) Tamén exercerá as funcións de análise e elaboración dos informes dos recursos de alzada e reposición nas ditas materias.

e) Cantas outras cuestións lle sexan encomendadas pola persoa titular da Dirección Xeral.

Disposición derradeira primeira. Modificación da relación de postos de traballo

A Consellería do Medio Rural proporalle á Consellería de Facenda e Administración Pública, para a súa elevación ao Consello da Xunta de Galicia, as modificacións que procedan na relación de postos de traballo.

Disposición derradeira segunda. Desenvolvemento normativo

Autorízase a persoa titular da Consellería do Medio Rural para ditar as disposicións precisas para o desenvolvemento deste decreto.

Disposición derradeira terceira. Entrada en vigor

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e dous de xullo de dous mil vinte e un

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

José González Vázquez
Conselleiro do Medio Rural