Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 146 Luns, 2 de agosto de 2021 Páx. 38883

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Universidade

ORDE do 26 de xullo de 2021 pola que se desenvolve o Decreto 107/2021, do 1 de xullo, polo que se transforman institutos de educación secundaria en centros integrados de formación profesional e se trasladan ensinanzas.

Por medio do Decreto 107/2021, do 1 de xullo, transformáronse os institutos de educación secundaria Universidade Laboral de Culleredo, Fraga do Eume de Pontedeume e Leixa de Ferrol, en centros integrados de formación profesional.

Como consecuencia desta transformación, as ensinanzas de educación secundaria obrigatoria e bacharelato do IES Fraga do Eume trasládanse ao IES Breamo, e as ensinanzas de educación secundaria obrigatoria e bacharelato do IES Leixa trasládanse ao IES de Catabois.

Así mesmo, no Decreto 107/2021, do 1 de xullo, trasládanse as ensinanzas do ciclo superior de Educación Infantil do centro integrado de formación profesional Ferrolterra de Ferrol ao centro integrado de formación profesional Leixa de Ferrol, e o ciclo formativo de grao superior de Ensinanzas de Animación Sociodeportiva do instituto de educación secundaria Nosa Señora dos Ollos Grandes de Lugo ao centro integrado de formación profesional Politécnico de Lugo.

A disposición adicional única do citado decreto establece que a Consellería de Cultura, Educación e Universidade determinará as necesidades e a situación do profesorado dos centros afectados por este decreto, en aplicación do Decreto 140/2006, do 31 de agosto, polo que se determinan os criterios de perda do destino polas funcionarias e funcionarios docentes que prestan servizos nos centros educativos que imparten ensinanzas distintas das universitarias e o cómputo da antigüidade no centro en función das causas de acceso a el e demais normativa de aplicación.

Resulta necesario, pois, regular o proceso de adscrición do persoal docente dos corpos de catedráticos e profesores de ensino secundario e mestres afectados polo decreto.

Así mesmo, o CEIP Plurilingüe de Pino de Val do concello de Mazaricos intégrase no CPI Plurilingüe da Picota do mesmo concello, e o CEIP de Baamonde do concello de Begonte, intégrase no CEIP Virxe do Corpiño do mesmo concello.

A disposición derradeira primeira do Decreto 107/2021, do 1 de xullo, habilita a persoa titular da Consellería de Cultura, Educación e Universidade para ditar as disposicións que procedan no desenvolvemento e execución deste.

Na súa virtude, a Consellería de Cultura, Educación e Universidade

ACORDA:

Primeiro. Cesamento nos institutos que se transforman en centros integrados de formación profesional e nos CEIP que se integran noutros centros

1. O persoal docente do corpo de mestres e dos corpos de catedráticos e profesores de ensino secundario, das especialidades comprendidas entre os códigos 590001 e 590061, ambas incluídas, agás a especialidade 590018 –Orientación Educativa– con destino definitivo nos institutos de educación secundaria Fraga do Eume de Pontedeume e Leixa de Ferrol, cesa nestes institutos con efectividade do 31 de agosto de 2021, sen prexuízo de permaneceren nel ata que conclúan as actividades imprescindibles previstas para a finalización do curso académico 2020/21.

2. Exceptúase do establecido no punto anterior o persoal docente que poida continuar adscrito con carácter definitivo aos institutos de educación secundaria Fraga do Eume de Pontedeume e Leixa de Ferrol, como consecuencia das prazas que nestes centros se publican no anexo da presente orde.

3. O persoal docente do corpo de mestres con destino definitivo no CEIP Plurilingüe de Pino de Val do concello de Mazaricos e do CEIP de Baamonde do concello de Begonte cesa nestes centros con efectividade do 31 de agosto de 2021.

Segundo. Adscrición do persoal do corpo de catedráticos e profesores de ensino secundario

O persoal do corpo de catedráticos de ensino e do corpo de profesores de ensino secundario, das especialidades relacionadas no punto primeiro, que teña destino definitivo para o curso académico 2021/22 no IES Fraga do Eume ou no IES de Leixa poderá continuar adscrito nestes centros ou poderá adscribirse con carácter definitivo no centro receptor das ensinanzas, nun número por especialidade igual ao que se publica como anexo desta orde. A adscrición no centro receptor das ensinanzas terá efectividade do 1 de setembro de 2021.

Terceiro. Criterios de adscrición

1. A prioridade do persoal docente para continuar adscrito con carácter definitivo no centro de procedencia, ou para adscribirse con carácter definitivo no centro receptor das ensinanzas ou para quedar suprimido ou desprazado por falta de horario virá determinada pola especialidade da praza de que é titular e, en segundo lugar, pola aplicación dos criterios establecidos no Decreto 140/2006, do 31 de agosto, polo que se determinan os criterios de perda do destino definitivo polo persoal funcionario docente que presta servizos nos centros educativos que imparten ensinanzas distintas das universitarias e o cómputo da antigüidade no centro en función das causas de acceso a el. Para estes efectos terase en conta que un catedrático soamente terá prioridade cando no centro receptor de ensinanzas non haxa catedrático ou catedrática da especialidade.

2. O persoal funcionario docente non poderá optar por quedar suprimido ou desprazado por falta de horario se quedan prazas da súa especialidade sen cubrir no centro de orixe ou no centro receptor de ensinanzas.

Cuarto. Adscrición noutra especialidade da cal se é titular

O persoal docente que non pode quedar adscrito definitivamente no centro receptor das ensinanzas pola súa especialidade de destino poderá, voluntariamente, adscribirse a prazas doutra especialidade da cal sexa titular en que haxa vacantes.

Quinto. Opción do profesorado non adscrito

O persoal funcionario docente dos corpos de catedráticos e profesores de ensino secundario que non poida quedar adscrito definitivamente deberá optar por quedar suprimido ou con destino definitivo no centro receptor de ensinanzas. Neste último suposto, este persoal funcionario docente quedará desprazado por falta de horario e deberá participar obrigatoriamente, cando sexa o caso, na adxudicación provisional de destinos e nos concursos de traslados ata a obtención dun novo destino.

Sexto. Procedemento de adscrición

O persoal docente formulará a súa solicitude de integrarse con destino definitivo no centro receptor de ensinanzas ou de pasar á situación de suprimido ou desprazado por falta de horario nunha reunión convocada pola dirección do centro do cal se trasladan as ensinanzas ou, se for o caso, do receptor das ensinanzas, facendo constar a opción de cada unha das funcionarias e funcionarios docentes, e remitiraa á Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, e unha copia á xefatura territorial correspondente.

Sétimo. Profesorado titular das especialidades que imparten ensinanzas de formación profesional específica

O profesorado adscrito definitivamente en data 1 de setembro de 2021 a prazas das especialidades de formación profesional específica afectado polo cambio de ensinanzas previsto nas epígrafes 3 e 4 do artigo 2 do Decreto 107/2021, do 1 de xullo, polo que se transforman institutos de educación secundaria en centros integrados de formación profesional e se trasladan ensinanzas, quedará adscrito con carácter definitivo ao centro receptor das ensinanzas. Así mesmo, tres persoas do corpo de profesores de ensino secundario, da especialidade de Educación Física con destino definitivo no instituto de educación secundaria Nosa Señora dos Ollos Grandes de Lugo, que imparten no actual curso académico 2020/21 o ciclo superior de Ensinanzas e Animación Sociodeportiva, adscribiranse definitivamente ao centro integrado de formación profesional Politécnico de Lugo, coa mesma efectividade do 1 de setembro de 2021.

Oitavo. Efectividade da adscrición do profesorado

Esta adscrición terá efectividade do 1 de setembro de 2021. Sen prexuízo do anterior, realizará no centro de procedencia as actividades imprescindibles previstas para a finalización do curso académico 2020/21.

Noveno. Adscrición do persoal do corpo de mestres

1. Queda adscrito con carácter definitivo e efectividade do 1 de setembro de 2021 ao CEIP Virxe do Corpiño o persoal do corpo de mestres con destino definitivo no CEIP de Baamonde, das especialidades de Educación Infantil e de Pedagoxía Terapéutica.

2. Queda adscrito con carácter definitivo e efectividade do 1 de setembro de 2021 ao CPI A Picota de Mazaricos o persoal do corpo de mestres con destino definitivo no CEIP Plurilingüe de Pino do Val da especialidade de Educación Infantil.

Noveno. Cómputo da antigüidade

O persoal funcionario docente que, como consecuencia do Decreto 107/2021, do 1 de xullo, polo que se transforman institutos de educación secundaria en centros integrados de formación profesional e se trasladan ensinanzas, se adscriba con carácter definitivo nos centros receptores de ensinanzas, e o persoal pertencente ao corpo de mestres que se integra no CPI Plurilingüe da Picota ou no CEIP Virxe do Corpiño manterá, para todos os efectos de antigüidade no novo centro, a xerada no seu centro de orixe.

O persoal que quede suprimido ou desprazado por falta de horario, cando obteña un novo destino definitivo, tamén manterá, para todos os efectos de antigüidade no novo centro, a xerada no seu centro de orixe, á cal se engadirá o tempo transcorrido como suprimido ou desprazado.

Décimo. Publicación dos destinos no DOG

A Consellería de Cultura, Educación e Universidade publicará no Diario Oficial de Galicia os destinos do persoal docente que os obteña con carácter definitivo.

Décimo primeiro. Cesamento dos equipos directivos

As direccións e restantes membros dos equipos directivos dos institutos de educación secundaria Universidade Laboral de Culleredo, IES Fraga do Eume de Pontedeume e Leixa de Ferrol cesarán con efectividade do 31 de agosto de 2021.

Décimo segundo. Traslado de material

Se é o caso, as xefaturas territoriais da Consellería de Cultura, Educación e Universidade adoptarán as medidas oportunas en relación cos traslados de material que sexa necesario efectuar.

Disposición derradeira. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 26 de xullo de 2021

Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura, Educación e Universidade

ANEXO

Centro

Especialidade

Prazas

IES de Breamo

Filosofía

1

IES de Breamo

Latín

1

IES de Breamo

Lingua Castelá e Literatura

2

IES de Breamo

Xeografía e Historia

2

IES de Breamo

Matemáticas

2

IES de Breamo

Física e Química

1

IES de Breamo

Bioloxía e Xeoloxía

1

IES de Breamo

Debuxo

1

IES de Breamo

Inglés

1

IES de Breamo

Música

1

IES de Breamo

Educación Física

1

IES de Breamo

Tecnoloxía

1

IES de Breamo

Lingua Galega e Literatura

2

CIFP Fraga do Eume

Matemáticas

1

CIFP Fraga do Eume

Inglés

1

CIFP Fraga do Eume

Francés

1

IES de Catabois

Lingua Castelá e Literatura

1

IES de Catabois

Matemáticas

1

IES de Catbois

Física e Química

1

IES de Catabois

Bioloxía e Xeoloxía

1

IES de Catabois

Inglés

1

IES de Catabois

Lingua Galega e Literatura

1

CIFP de Leixa

Lingua Castelá e Literatura

1

CIFP de Leixa

Inglés

1

CIFP de Leixa

Física e Química

1