Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 145 Venres, 30 de xullo de 2021 Páx. 38756

III. Outras disposicións

Consellería de Emprego e Igualdade

RESOLUCIÓN do 23 de xullo de 2021, da Secretaría Xeral da Igualdade, pola que se amplía a dotación orzamentaria da Resolución do 8 de xaneiro de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas destinadas a financiar actividades de promoción da igualdade e de prevención da violencia de xénero, financiada en desenvolvemento do Pacto de Estado contra a violencia de xénero, para as asociacións de nais e pais do alumnado de centros educativos de Galicia, e se procede á súa convocatoria para o ano 2021 (código de procedemento SI449B) (Diario Oficial de Galicia número 28, do 11 de febreiro).

Mediante a Resolución do 8 de xaneiro de 2021 establecéronse as bases reguladoras e a convocatoria de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, das subvencións destinadas a financiar actividades de promoción da igualdade e de prevención da violencia de xénero, financiada en desenvolvemento do Pacto de Estado contra a violencia de xénero, para as asociacións de nais e pais do alumnado de centros educativos de Galicia.

Estas axudas dirixidas ás asociacións de nais e pais de alumnos/as (anpas) legalmente constituídas e ás federacións ou confederacións de anpas, dos centros educativos sustentados con fondos públicos da Comunidade Autónoma de Galicia, teñen como finalidade a realización de programas de actividades de promoción da igualdade entre mulleres e homes e de prevención e rexeitamento da violencia contra as mulleres, dirixidas ao alumnado de centros educativos non universitarios, ás familias, ás anpas e á comunidade educativa, en desenvolvemento do Pacto de Estado contra a violencia de xénero.

As accións subvencionables son a realización de programas e actividades de difusión, información e formación para a promoción da igualdade e a prevención da violencia de xénero, que as anpas, federacións e confederacións de anpas vian realizar, dirixidas ao alumnado de centros educativos non universitarios, ás familias e á comunidade educativa, no marco do Pacto de Estado contra a violencia de xénero, realizadas entre o 1 de decembro de 2020 e o 30 de novembro de 2021.

Así mesmo para que os programas e actividades poidan ser subvencionados ao abeiro desta resolución teñan que incluír como mínimo o desenvolvemento e realización dunha actividade dirixida directamente ás familias, nais e pais, que facilite a difusión, información, coñecemento e mesmo reflexión sobre as actividades de difusión levadas a cabo co alumnado e co resto da comunidade educativa.

Serán obxecto de subvención as citadas actividades e programas que respondan a algunha ou algunhas das seguintes tipoloxías recollidas nas medidas do Pacto de Estado contra a violencia de xénero do eixe 1:

a) Escolas de pais e nais e/ou formación para as familias en temas de igualdade, de educación afectivo-sexual (aspectos fisiolóxicos e afectivo-emocionais) e sobre violencia de xénero.

b) Elaboración de materiais informativos para nais e pais que lles axuden a detectar a violencia de xénero de que poden ser vítimas ou agresores as súas fillas ou fillos adolescentes.

c) Realización de accións de formación, sensibilización e difusión, contra a cosificación do corpo das mulleres e contra a hipersexualización das nenas.

d) Formación para pais e nais e/ou para mozas e mozos sobre o uso adecuado e crítico da internet e as novas tecnoloxías, especialmente na protección da privacidade e sobre os ciberdelitos (stalking, sexting, grooming, etc.).

e) Accións de formación coas familias e/ou alumnado sobre novas masculinidades para romper cos micromachismos e os comportamentos machistas adquiridos polos estereotipos.

f) Outras accións de formación e información para nais e pais que sensibilicen as familias sobre os estereotipos persistentes na sociedade e tamén no eido educativo e sobre pautas para previr a violencia de xénero, ou para detectala, e que se dean a coñecer entre as familias os protocolos existentes nos casos de agresións ou violencia contra as mozas.

De acordo co establecido no artigo 2 da convocatoria, o crédito destinado ao financiamento destas axudas é o seguinte:

Aplicación

Proxecto

Importe

2021.11.02.313D.481.2

2018. 00112

400.000,00 €

Ao existiren remanentes doutras convocatorias financiadas no mesmo servizo, e logo das correspondentes modificacións orzamentarias, co fin de poder amparar unha parte das solicitudes que quedaron en lista de espera por terse esgotado o crédito inicialmente destinado a estas axudas, estímase conveniente ampliar a dotación orzamentaria consignada, a través do suposto previsto na alínea b) do artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no artigo 2 da Resolución do 8 de xaneiro de 2021, da Secretaría Xeral da Igualdade, das axudas destinadas a financiar actividades de promoción da igualdade e de prevención da violencia de xénero, financiada en desenvolvemento do Pacto de Estado contra a violencia de xénero, para as asociacións de nais e pais do alumnado de centros educativos de Galicia.

De conformidade cos devanditos preceptos regulamentarios, o órgano concedente debe publicar a ampliación de crédito nos mesmos medios que a convocatoria, sen que tal publicidade implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio dun novo cómputo de prazo para resolver.

En consecuencia co anteriormente exposto, e de acordo co previsto no Decreto 215/2020, do 3 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Emprego e Igualdade, correspóndelle á Secretaría Xeral da Igualdade, como órgano superior da Administración autonómica en materia de igualdade, entre outras, impulsar as actuacións conducentes á promoción da igualdade e á eliminación da discriminación entre mulleres e homes, así como á eliminación da violencia de xénero, nos termos establecidos na Constitución, no Estatuto de autonomía de Galicia, no Decreto lexislativo 2/2015, do 12 de febreiro, polo que se aproba o texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de igualdade, na Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero, e na demais lexislación aplicable na materia; así mesmo, segundo o establecido na disposición adicional primeira do mencionado Decreto 2015/2020, correspóndelle á Secretaría Xeral da Igualdade a aprobación das bases, da convocatoria e as resolucións en materia de axudas e subvencións, así como a administración dos créditos para gastos do seu respectivo ámbito de competencia.

DISPOÑO:

Artigo único

1. Amplíase a dotación orzamentaria prevista no artigo 2.1 da Resolución do 8 de xaneiro de 2021, da Secretaría Xeral da Igualdade, pola que se establecen as bases reguladoras das axudas destinadas a financiar actividades de promoción da igualdade e de prevención da violencia de xénero, financiada en desenvolvemento do Pacto de Estado contra a violencia de xénero, para as asociacións de nais e pais do alumnado de centros educativos de Galicia e se procede a súa convocatoria para o ano 2021 (código de procedemento SI449B).

2. O incremento da dotación será de 59.432,45 euros, con cargo á aplicación orzamentaria 11.02.313D.481.2, no código de proxecto 2018.00112, coa denominación Pacto de Estado contra a violencia de xénero, consignada no estado de gastos dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2021.

3. O crédito total dispoñible para atender as axudas previstas na citada Resolución do 8 de xaneiro de 2021 queda así establecido en 459.432,45 euros:

Aplicación

Proxecto

Crédito inicial

Ampliación

Crédito total

2021.11.02.313D.481.2

2018.00112

400.000,00 €

59.432,45 €

459.432,45 €

4. Esta ampliación de crédito non afecta o prazo de presentación de solicitudes establecido no artigo 7.1 da Resolución do 8 de xaneiro de 2021 nin supón o inicio dun novo cómputo do prazo para resolver.

Disposición derradeira

Esta resolución entrará en vigor o día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 23 de xullo de 2021

Susana López Abella
Secretaria xeral da Igualdade