Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 144 Xoves, 29 de xullo de 2021 Páx. 38585

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación

RESOLUCIÓN do 8 de xullo de 2021, da Xefatura Territorial de Ourense, pola que se conceden as autorizacións administrativas previa e de construción e se declaran, en concreto, de utilidade pública, para os efectos da urxente ocupación, unhas instalacións eléctricas no concello do Carballiño (expediente IN407A 2021/39-3).

Examinado o expediente instruído por solicitude de UFD Distribución Electricidad, S.A. (UFD), co CIF A63222533 e domicilio social na avenida San Luis, 77, 28033 Madrid, sobre as autorizacións administrativas previa e de construción e a declaración, en concreto, de utilidade pública das instalacións eléctricas de referencia, que se desagregan no seu proxecto de execución asinado o 30.7.2020 polo enxeñeiro técnico industrial Antonio Javier Sabín Vázquez, colexiado nº 2233 do Coeticor, quen acredita a súa habilitación e competencia mediante declaración responsable do día 31.7.2020, resultan os seguintes:

Antecedentes de feito:

Primeiro. O proxecto, que ten un orzamento de 42.667 euros, recolle a execución das instalacións de reforma na LMTA, 20 kV, CNO804 (expediente 1922 AT), que teñen as características técnicas que se detallan a continuación:

Regulamentación LMTA CN0804 entre apoios 15-17 e 15-22: desmontaxe de 5 apoios de formigón, e 395 m de condutor LA-30, con pase a soterrado entre apoios números 15-17 e 15-21. Instalación de nova LMTS, a 20 kV, de 380 m de lonxitude en condutor de tipo RHZ1-3×(1×240) entre paso A/S que se vai realizar no apoio de celosía existente nº 15-17 e o paso A/S que se vai realizar en apoio proxectado nº 15-21, do tipo C-14/2000-H35, con orixe no apoio nº 15-17 existente e final no citado apoio nº 15-21, retensando o condutor existente LA-30 entre apoios números 15-21 e 15-22.

Segundo. A petición someteuse a información pública por Resolución desta xefatura territorial do 22 de abril de 2021, que foi publicada no DOG do 14 de maio, no BOP de Ourense do 14 de maio de 2021, no xornal La Región do 6 de maio de 2021, no taboleiro de anuncios do concello afectado, e nesta xefatura territorial, en aplicación dos artigos 125 e 144 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

Terceiro. Dentro do prazo establecido foron presentadas alegacións polo propietario do predio nº 1 dos incluídos na relación de bens e de dereitos afectados, que se refiren a erros no total de superficie da parcela afectada. Destas alegacións déuselle traslado para os efectos oportunos á empresa solicitante.

Fundamentos de dereito:

Primeiro. Esta Xefatura Territorial da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación é competente para resolver este expediente con fundamento no Estatuto de autonomía de Galicia, no Real decreto 2563/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servizos da Administración do Estado á Comunidade Autónoma galega en materia de industria, enerxía e minas, no Decreto 230/2020, do 23 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación e no Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia; en relación coa Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, e coa Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Segundo. Foron cumpridos os trámites ordenados na Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, no capítulo II, título VII, do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, na Resolución da Consellería de Economía e Industria, do 19 de febreiro de 2014, pola que se aproba o procedemento de autorización administrativa de construción (DOG núm. 54, do 19 de marzo), así como na Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia (DOG núm. 39, do 26 de febreiro).

Terceiro. Polo que respecta ás alegacións presentadas por Rubén García Fernández, como presidente da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Pol, titulares do citado predio nº 1, que reclaman que se lle considere toda a superficie afectada pola reforma como incluída dentro das propiedades do seu monte comunal, o que supón un total de 246 m lineais afectados; cómpre dicir que será no momento do levantamento das actas previo á ocupación, trámite para o cal serán citados os afectados no momento que corresponda, cando o perito da Administración comprobe os actuais aproveitamentos e os demais datos de afección, que han servir, xunto coas follas de valoración que presenten as partes, para que o Xurado de Expropiación de Galicia adopte a resolución do correspondente prezo xusto.

Cuarto. No expediente inclúese acta de comprobación sobre o terreo da traza da infraestrutura eléctrica, en que non se dá ningunha das limitacións á constitución de servidume de paso ás que se refire o artigo 161 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro.

Esta xefatura territorial, de acordo co que antecede e no exercicio das competencias que ten atribuídas,

RESOLVE:

Primeiro. Declarar de utilidade pública, en concreto, o proxecto e conceder a autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción ás devanditas instalacións, cuxas características se axustarán en todas as súas partes ao proxecto antes sinalado e ás condicións técnicas e de seguridade establecidas nos regulamentos de aplicación e nos condicionados establecidos polos ministerios, organismos ou corporacións que constan no expediente. Esta autorización outórgase sen prexuízo das concesións e autorizacións que sexan necesarias, de acordo con outras disposicións que resulten aplicables, e en especial, as relativas á ordenación do territorio e ao ambiente.

A declaración de utilidade pública leva implícita a necesidade de ocupación dos bens ou de adquisición dos dereitos afectados e implica a urxente ocupación para os efectos do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

As instalacións executaranse en prazo non superior a seis meses, contados a partir da data da última autorización administrativa necesaria para a súa execución.

Segundo. Que o representante da Administración, en cumprimento do disposto nos artigos 52 da Lei de expropiación forzosa, do 16 de decembro de 1954, e 149 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, dea comezo ao levantamento das actas previo á ocupación, nos días e nas horas que a cada interesado se lle notifique de xeito individual, daqueles predios que figuran no anexo da resolución de información pública do proxecto.

Contra a presente resolución, que non é definitiva na vía administrativa, cabe interpor recurso de alzada ante o vicepresidente segundo e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da notificación ou publicación desta resolución, conforme o establecido no artigo 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.

Ourense, 8 de xullo de 2021

Pablo Fernández Vila
Xefe territorial de Ourense