Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 143 Mércores, 28 de xullo de 2021 Páx. 38321

III. Outras disposicións

Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación

ORDE do 16 de xullo de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das subvencións ás asociacións de comerciantes sen ánimo de lucro para a dinamización dos centros comerciais abertos e prazas de abastos de Galicia, e se procede á súa convocatoria para o ano 2021(código de procedemento CO300A).

A Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación é o órgano encargado de exercer as competencias que, en materia de comercio interior, o artigo 30.I.4 do Estatuto de autonomía de Galicia atribúe á nosa comunidade autónoma.

O Decreto 230/2020, do 23 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, establece que lle corresponde á Dirección Xeral de Comercio e Consumo a planificación, coordinación e control das competencias da consellería en materia de comercio interior.

O comercio tradicional na actualidade está sometido a un profundo proceso de cambio que exixe realizar un esforzo de renovación e adaptación continuo, co obxecto de que se volva situar na posición histórica que tradicionalmente veu desempeñando no desenvolvemento económico e social das nosas vilas e cidades. Por isto, co obxecto de contribuír a construír un sector comercial máis competitivo e dinámico, recóllese un conxunto de medidas entre as que cabe subliñar:

a) A dinamización e a revitalización dos centros comerciais abertos e a súa adaptación ao seu contorno, creando espazos confortables e de lecer para realizar compras que xeren polos de atracción comercial nas cidades e vilas.

b) A dinamización e rexeneración das prazas de abastos.

Por outra banda, na actualidade, a crise do coronavirus COVID-19 e o estado de alarma declarado a través do Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, e súa posterior prórroga, afectou todos os sectores, entre eles e de forma moi significativa, o comercio.

Por isto, era preciso poñer en marcha unha serie de medidas para impulsar a dixitalización e reforzar a dinamización do sector, para evitar unha perda de competitividade. Na crise, manifestouse como a dixitalización e o uso das novas tecnoloxías se configuraban como ferramentas de utilidade para manter a actividade do comercio, polo que resultaba preciso a posta en marcha de mecanismos de xestión integral que permitirán combinar a venda física coa venda en liña e a distancia.

En consecuencia, co obxecto de facilitar a recuperación das vilas en xeral e do seu comercio en particular, tanto desde o punto de vista económico e social como urbanístico, contribuíndo a evitar o despoboamento que nos últimos anos se está producindo nos centros urbanos, esta orde diríxese ás asociacións de comerciantes de carácter territorial, sen ánimo de lucro, que estean legalmente constituídas e cuxo ámbito de actuación se desenvolva na Comunidade Autónoma de Galicia, que leven a cabo proxectos para a dinamización e revitalización dos centros comerciais abertos e prazas de abastos.

A teor do exposto, en virtude das competencias que ten a Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, e no exercicio das atribucións que me foron conferidas,

DISPOÑO:

Artigo 1. Convocatoria e bases reguladoras

1. Esta orde ten por obxecto aprobar as bases polas que se rexerá a concesión das subvencións da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación destinadas ao desenvolvemento equilibrado dos centros comerciais abertos e prazas de abastos.

2. Para a concesión destas subvencións destínanse 2.250.000 € con cargo á aplicación orzamentaria 06.03.751A.781.1 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2021.

3. Esta cantidade poderase incrementar en función das solicitudes presentadas e de acordo coa dispoñibilidade de crédito, cando o aumento veña derivado dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito, á existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo.

O incremento do crédito quedará condicionado á declaración de dispoñibilidade do crédito como consecuencia das circunstancias antes sinaladas e, se é o caso, logo da aprobación da modificación orzamentaria que proceda.

Nestes casos publicarase a ampliación de crédito polos mesmos medios que esta convocatoria, sen que tal publicidade implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio dun novo cómputo de prazo para resolver.

Artigo 2. Solicitudes

Para poder ser persoa beneficiaria da subvención deberá presentarse unha solicitude dirixida á Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, axustada ao modelo normalizado que se inclúe como anexo II desta orde, que irá acompañada dos documentos que se especifican no artigo 5 das bases reguladoras.

Artigo 3. Lugar e prazo de presentación das solicitudes

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos, a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

2. De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

3. Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

4. O prazo para a presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houber día equivalente ao da publicación, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

Artigo 4. Prazo de duración do procedemento de concesión

Unha vez finalizado o prazo para a presentación de solicitudes, estas serán tramitadas e valoradas de acordo co procedemento establecido nas bases reguladoras, que non poderá ter unha duración superior a cinco meses, contados a partir do día seguinte ao do remate do prazo de presentación de solicitudes. Transcorrido o dito prazo para resolver sen que recaia resolución expresa, as/os interesadas/os poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo, de conformidade co artigo 23.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 5. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán, de oficio, crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, entendéndose rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 6. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrarlle á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, á que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 7. Información ás persoas interesadas

Sobre este procedemento administrativo, que ten o código CO300A, poderase obter información a través dos seguintes medios:

1. Na guía de procedementos e servizos da Xunta de Galicia no enderezo https://sede.xunta.gal

2. Páxina web oficial da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación http://ceei.xunta.gal/portada, na súa epígrafe de axudas.

3. No teléfono 981 54 45 30 da Dirección Xeral de Comercio e Consumo.

4. No enderezo electrónico cei.dxc.axudas@xunta.gal

5. Presencialmente, na Dirección Xeral de Comercio e Consumo da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, Edificio Administrativo de San Caetano, 3º andar, 15071 Santiago de Compostela.

Así mesmo, para cuestións xerais sobre este ou outro procedemento, poderá facerse uso do teléfono de información xeral da Xunta de Galicia, que é o 012 (desde o resto do Estado, 902 12 00 12).

Artigo 8. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 9. Recursos

Contra a presente orde, que pon fin á vía administrativa, poderán interpoñerse os seguintes recursos, sen prexuízo de que as entidades interesadas poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

1. Recurso potestativo de reposición ante a Vicepresidencia Segunda e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

2. Recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Disposición adicional primeira. Base de datos nacional de subvencións

De conformidade co establecido na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase a información necesaria á Base de datos nacional de subvencións.

Disposición adicional segunda. Informe da mesa local do comercio

Naqueles supostos en que se acredite fidedignamente a imposibilidade, non imputable ao solicitante da subvención, de obter o informe da mesa local de comercio, será suficiente, para os efectos establecidos no artigo 5.2, letra l), coa presentación da solicitude do dito informe.

Disposición derradeira primeira. Habilitación para o desenvolvemento

Facúltase a persoa titular da Dirección Xeral de Comercio e Consumo para ditar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento e a aplicación desta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 16 de xullo de 2021

Francisco José Conde López
Vicepresidente segundo e conselleiro de Economía,
Empresa e Innovación

ANEXO I

Bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das subvencións ás asociacións de comerciantes sen ánimo de lucro para a dinamización e revitalización dos centros comercias abertos e prazas de abastos
e se procede á súa convocatoria para o ano 2021 (código CO300A)

Artigo 1. Obxecto e réxime da subvención

1. As subvencións reguladas por estas bases teñen por obxecto a dinamización e revitalización dos centros comerciais abertos e prazas de abastos de Galicia.

2. O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia competitiva, e quedará suxeito ao réxime de axudas de minimis, polo que non poderán exceder os límites cuantitativos (200.000 euros nun período de tres anos) establecidos no Regulamento (UE) nº 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE do 24 de decembro de 2013, L352/1).

3. Con carácter xeral e de acordo co establecido no artigo 29.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (en diante, Lei 9/2007), consideraranse subvencionables os gastos e os investimentos que, de xeito indubidable, respondan á natureza da actuación subvencionada.

En concreto, considéranse actuacións subvencionables dentro desta liña de axudas as recollidas no punto 3.1, sempre que estas sexan realizadas e efectivamente pagadas entre o 1 de xaneiro de 2021 ata a data límite de xustificación establecida no artigo 18.

En función da súa especial natureza e, por teren unha continuidade ininterrompida, tamén se considerarán actuacións subvencionables aquelas actuacións realizadas a partir do 1 de novembro de 2020 ata o 31 de decembro de 2020.

3.1. Actuacións subvencionables:

3.1.1. Centros comerciais abertos.

Serán subvencionables os proxectos que teñan por finalidade acadar a dinamización e a revitalización dos centros comerciais abertos, en concreto considéranse actuacións subvencionables:

a) A creación e mantemento de market place que deberán reunir as características técnicas e condicións legais previstas no anexo IX.

A participación no market place dos comercios asociados non suporá ningún custo adicional para estes.

b) A loxística e-commerce. Considéranse subvencionables os gastos de envío en liña, realizados por empresas loxísticas desde os comercios ata o domicilio do cliente.

Os gastos de envío subvencionados non poderán repercutirse ao cliente.

c) Dinamización comercial. Campañas de dinamización comercial e publicidade dirixidas á dinamización das vendas e á fidelización de clientes.

O desenvolvemento de campañas de promoción ou actuacións encamiñadas á promoción das vendas deberán presentarse dentro dun proxecto de incentivación ao consumo en que se amose a participación directa dos comercios asociados.

d) Os gastos imputables ás unidades xerenciais, que cumpran os requisitos establecidos no artigo 4 (Beneficiarios) alínea 1.3, e derivados da formulación, execución e seguimento do proxecto obxecto da subvención.

Só serán subvencionables por este concepto aqueles proxectos que inclúan, como mínimo, dúas actuacións das previstas na letra c).

3.1.2. Prazas de abastos e mercados.

Serán subvencionables os proxectos que teñan por finalidade acadar a dinamización e rexeneración das prazas de abastos a través das seguintes actuacións:

a) A creación e mantemento de market place que deberán reunir as características técnicas e condicións legais previstas no anexo IX .

A participación no market place dos comercios asociados non suporá ningún custo adicional para estes.

b) A loxística e-commerce. Considéranse subvencionables os gastos de envío en liña, realizados por empresas loxísticas desde a praza de abastos ata o domicilio do cliente.

Os gastos de envío subvencionados non poderán repercutirse ao cliente.

c) Dinamización comercial. Campañas de dinamización comercial e publicidade dirixidas á dinamización das vendas e á fidelización de clientes.

d) Os gastos imputables ás unidades xerenciais, que cumpran os requisitos establecidos no artigo 4 (Beneficiarios) alínea 1.3, e derivados da formulación, execución e seguimento do proxecto obxecto da subvención.

Só serán subvencionables por este concepto aqueles proxectos que inclúan, como mínimo, dúas actuacións das previstas na letra c).

e) Instalacións e equipamentos do mercado e das praceiras e dos praceiros.

4. Os gastos financeiros, os de asesoría xurídica ou financeira, os gastos notariais e rexistrais, periciais e os gastos de garantía bancaria poderán ser subvencionables se están directamente relacionados coa actividade subvencionada e son indispensables para a adecuada preparación ou execución desta.

Así mesmo, serán admisibles como gastos subvencionables os orixinados polas unidades xerenciais, incluídos os custos de persoal e de funcionamento, tendo en conta que as devanditas unidades resultan indispensables para a axeitada preparación, avaliación e execución do proxecto subvencionable. Non obstante o anterior, o importe máximo da subvención destinada aos custos de persoal non será superior a 15.000 euros, incluído o custo salarial do xerente e a Seguridade Social, no caso dos centros comerciais abertos, e de 4.000 euros no caso das prazas de abastos.

Os gastos subvencionables deberán estar realizados e efectivamente pagados entre o 1 de xaneiro de 2021 e a data límite establecida no artigo 18 destas bases reguladoras, coa excepción dos gastos efectuados en 2020 de acordo co establecido no punto 3.

En ningún caso o custo da adquisición dos gastos subvencionables poderá ser superior ao valor de mercado.

5. Segundo o artigo 29.8 da Lei 9/2007, en ningún caso se consideran gastos subvencionables os impostos indirectos cando sexan susceptibles de recuperación ou compensación, nin os impostos persoais sobre a renda.

Así mesmo, non serán subvencionables:

– Os regalos promocionais nin os custos relativos a axudas de custo, desprazamentos, nin a realización de cócteles e actos análogos.

As campañas de dinamización, promoción ou calquera outra actuación que teña exclusivamente por finalidade o patrocinio, colaboración ou axuda económica que comporten actividades lúdicas, turísticas, de exaltación gastronómica, deportivas ou similares, sen relación co fomento da actividade comercial e sen a participación directa dos establecementos comerciais asociados.

– As bolsas comerciais.

– Os gastos da asesoría externa en contía superior a 2.500 euros de subvención.

– A edición e a publicación de revistas, xornais ou medios análogos, en soporte físico nin dixital.

– Os envíos de e-commerce de establecementos comerciais que foran beneficiarios por este concepto a través da orde de axudas á dixitalización, código de procedemento CO300C.

Artigo 2. Financiamento e concorrencia

1. O importe total que se habilita para esta convocatoria ascende a 2.250.000 euros que se imputará á aplicación 06.03.751A.781.1 Asociacionismo comercial e servizos para pemes comerciais dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para 2021, sen prexuízo de ulteriores variacións producidas como consecuencia da existencia dunha maior dispoñibilidade orzamentaria, o que poderá dar lugar á concesión de máis subvencións de acordo coa orde de prelación de solicitantes que resulte da aplicación dos criterios do artigo 10.

A natureza desta subvención xustifica realizar pagamentos anticipados que supoñerán entregas de fondos con carácter previo á xustificación, como financiamento necesario para poder levar a cabo as actuacións inherentes a ela de ata un 50 % da subvención concedida, nos termos establecidos no artigo 2.4.

2. Centros comerciais abertos.

Os investimentos máximos subvencionables e a contía da subvención que corresponda ás actuacións contidas no artigo 1, punto 3.1.1, atenderán ao seguinte criterio:

Os investimentos máximos subvencionables modularanse en tres tramos tendo en conta a relación existente entre as cifras oficiais de poboación dos concellos onde radiquen os centros comerciais abertos e o número de comercios asociados a estes, segundo os datos obtidos, respectivamente, do padrón municipal de habitantes vixente, publicado polo Instituto Galego de Estatística, e o número de comercios asociados segundo certificación.

Para os efectos desta orde, os salóns de peiteados teranse en conta para o cómputo dos comercios asociados previsto neste artigo.

Naqueles concellos en que exista máis dun centro comercial aberto, a poboación do concello será ponderada entre o número de centros comerciais abertos existentes.

O investimento máximo subvencionable e o importe da subvención para estas actuacións é de:

a) 57.150 euros para os centros comerciais abertos situados en poboacións de máis de 14.000 habitantes que conten con máis de 100 comercios asociados, así como para os centros comerciais abertos situados en poboacións de menos de 14.000 habitantes que conten con máis de 80 comercios asociados.

O importe da subvención resultará de aplicar unha porcentaxe do 75 % sobre o investimento subvencionable.

b) 44.000 euros para os centros comerciais abertos situados en poboacións de máis de 14.000 habitantes que conten con máis de 60 comercios.

O importe da subvención resultará de aplicar unha porcentaxe do 80 % sobre o investimento subvencionable.

c) 27.800 euros para os centros comerciais abertos que non estean comprendidos en ningún dos supostos recollidos nas letras a) e b) anteriores.

O importe da subvención resultará de aplicar unha porcentaxe do 80 % sobre o investimento subvencionable.

En todo caso, o investimento máximo solicitado non poderá exceder do investimento máximo establecido para cada tramo.

3. Prazas de abastos.

O investimento máximo subvencionable establecido para as actuacións contidas no artigo 1, punto 3.1.2, é de 14.000 euros.

A porcentaxe de subvención acadará o 75 % do investimento subvencionable.

En todo caso, o investimento máximo solicitado non poderá exceder do investimento máximo establecido.

A concesión das subvencións queda condicionada á existencia de crédito adecuado e suficiente no momento da resolución de concesión.

4. O importe das subvencións reguladas nesta orde en ningún caso poderán ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con outras axudas das distintas administracións ou calquera dos seus entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, supere o custo da actividade subvencionada.

5. A axuda de minimis non se acumulará con ningunha axuda estatal correspondente aos mesmos gastos subvencionables, se a acumulación dá lugar a unha intensidade de axuda superior á establecida para as circunstancias concretas de cada caso nun regulamento de exención por categorías ou nunha decisión adoptada pola Comisión Europea.

6. As subvencións previstas nesta orde serán incompatibles con calquera outra das reguladas por esta Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación e entes dependentes, para os mesmos conceptos subvencionables e a mesma persoa beneficiaria.

Artigo 3. Pagamento anticipado

As asociacións poderán solicitar, segundo o disposto no artigo 31.6 da Lei 9/2007, do 13 de marzo, de subvencións de Galicia, así como nos artigos 62, 63 e 67 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, de desenvolvemento da citada lei, o pagamento anticipado, que suporán entregas de fondos con carácter previo á xustificación (anexo VIII), como financiamento necesario para poder levar a cabo as actuacións inherentes á subvención de ata un 50 % da subvención concedida coa obriga de constituír garantía no caso de subvencións superiores a 18.000 euros, nos termos previstos a continuación.

A garantía constituirase mediante seguro de caución prestado por entidade aseguradora ou mediante aval solidario de entidade de crédito ou sociedade de garantía recíproca que deberá alcanzar, como mínimo, ata os dous meses seguintes á finalización do prazo de xustificación previsto nas bases reguladoras ou na convocatoria.

A garantía deberá cubrir o 110 % do importe das cantidades aboadas á conta ou das cantidades anticipadas, calquera que sexa o prazo de xustificación previsto na convocatoria.

Unicamente serán admisibles as garantías presentadas por terceiros cando o fiador preste fianza con carácter solidario, renunciando expresamente ao dereito de excusión.

O avalista ou o asegurador será considerado parte interesada nos procedementos que afecten directamente a garantía prestada nos termos previstos na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

As garantías deberán constituírse na Caixa Xeral de Depósitos da Comunidade Autónoma de Galicia ou nas súas sucursais, situadas nas delegacións territoriais da consellería competente en materia de facenda.

A concesión do anticipo (anexo VIII) realizarase mediante resolución motivada do órgano correspondente.

En ningún caso poderán realizarse pagamentos anticipados a beneficiarios cando se solicitou a declaración de concurso, fosen declarados insolventes en calquera procedemento ou se atopen declarados en concurso, salvo que neste adquirise a eficacia un convenio, estean suxeitos a intervención xudicial ou sexan inhabilitados conforme a Lei 22/2003, do 9 de xullo, concursal, sen que concluíse o período de inhabilitación fixado na sentenza de cualificación do concurso.

Artigo 4. Beneficiarios

1. Poderán ser beneficiarias das subvencións, sen prexuízo de reuniren os demais requisitos establecidos nestas bases:

1.1. As asociacións de vendedores das prazas de abastos, sen ánimo de lucro, que estean legalmente constituídas, e cuxo ámbito de actuación se desenvolva na Comunidade Autónoma de Galicia.

1.2. As agrupacións de persoas físicas e xurídicas, comunidades de bens ou calquera outro tipo de unidade económica, constituídas para os únicos efectos de compartir a unidade xerencial prevista nos puntos 3.1.1.d) e 3.1.2.d) do artigo 1, e cuxo ámbito de actuación se desenvolva na Comunidade Autónoma de Galicia.

Cando se trate de agrupacións de persoas físicas ou xurídicas, públicas ou privadas sen personalidade, deberanse facer constar expresamente, tanto na solicitude como na resolución de concesión, os compromisos de execución asumidos por cada membro da agrupación, así como o importe de subvención que aplicará cada un deles, que terán, igualmente, a consideración de beneficiarios. En calquera caso, deberá nomearse un representante ou apoderado único da agrupación, con poderes suficientes para cumprir as obrigas que, como beneficiario, corresponden á agrupación. Non poderá disolverse a agrupación ata que transcorra o prazo de prescrición previsto nos artigos 35 e 63 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

1.3. As asociacións de comerciantes de carácter territorial, sen ánimo de lucro, que estean legalmente constituídas e cuxo ámbito de actuación se desenvolva na Comunidade Autónoma de Galicia, que leven a cabo proxectos de interese e transcendencia en centros comerciais abertos.

Para estes efectos, terán a consideración de centros comerciais abertos as agrupacións de establecementos comerciais definidas no artigo 24 da Lei 13/2010, do 17 de decembro, do comercio interior de Galicia, que conten, en todo caso, cunha unidade de xestión profesionalizada que deberá cumprir os seguintes requisitos:

– A unidade xerencial deberá ter contratada unha persoa física mediante un contrato laboral, que en ningún caso poderá ser membro da asociación nin formar parte dos seus órganos de goberno e que desenvolverá funcións de xestión, contabilidade, información e asesoramento aos comerciantes e dinamización do comercio.

– Prestar servizos de atención ás persoas usuarias un mínimo diario de 6 horas en horario comercial.

Estas unidades xerenciais poderán ser compartidas entre dous ou máis centros comerciais abertos.

Ademais, o Centro Comercial Aberto (en diante, CCA) deberá cumprir, polo menos, catro dos seguintes cinco requisitos mínimos e, en todo caso, o establecido na letra c):

a) Estar en concellos con poboación superior aos 10.000 habitantes, de acordo co establecido na normativa pola que se declaren oficiais as cifras de poboación resultantes da revisión do padrón municipal referidas a 1 de xaneiro de 2020.

b) Dispoñer dun grao de concentración comercial alto, é dicir, no espazo onde se desenvolve, que en ningún caso pode ser superior ao termo municipal, debe haber polo menos 100 comercios (asociados e non asociados), os cales deberán compartir un sinal de identidade conxunto tanto a nivel urbanístico como comercial.

c) Contar como adheridos polo menos co 50 % dos comercios existentes na súa delimitación territorial que en ningún caso pode ser superior ao termo municipal.

d) Presentar unha diversidade de oferta comercial, con predominio da oferta especializada en equipamento persoal.

e) Integrar os principais eixes comerciais da vila.

2. Non poderán ser beneficiarias destas axudas as empresas en crise, conforme a definición prevista no artigo 2, número 18, do Regulamento (UE) nº 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño, polo que se declaran determinadas categorías de axudas compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado (DOUE do 26 de xuño de 2014, L 187/1).

Artigo 5. Solicitude e documentación complementaria

1. As solicitudes para participar no procedemento de concesión da subvención presentaranse na forma e o prazo que se indica na convocatoria.

2. Xunto coa solicitude deberá presentarse a seguinte documentación:

a) Acta e estatutos de constitución e modificacións posteriores, se é o caso, e acreditación da súa inscrición no rexistro correspondente.

b) Poder suficiente da persoa representante da entidade solicitante.

c) No caso de estar exento do imposto sobre o valor engadido (IVE), documentación acreditativa da mencionada exención.

d) Memoria de cada unha das actividades para as que se solicita subvención, que incluirá, polo menos, a súa descrición, obxectivos, localización e calendario de realización, así como o número e as características dos participantes e beneficiarios e, de ser o caso, plan de dinamización.

e) Copia da acta da sesión en que se informen os asociados do proxecto para o cal se solicita a subvención.

f) Orzamento detallado de gastos previstos para a realización de cada unha das actividades para as cales se solicita subvención, segundo o anexo VI, e factura ou, na súa falta, factura pro forma da actividade ou adquisición que se subvenciona de quen vaia subministrar o ben ou prestar o servizo, coa desagregación de conceptos e contías, así como o plan de financiamento do proxecto.

Cando o importe do gasto subvencionable supere as contías establecidas na Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, para o contrato menor (40.000 euros no suposto de execución de obra ou 15.000 euros nos demais supostos), o beneficiario deberá solicitar, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contratación do compromiso para a obra, a prestación do servizo ou a entrega do ben, agás que polas súas especiais características non exista no mercado suficiente número de entidades que as realicen, presten ou subministren, ou agás que o gasto se realizase con anterioridade á solicitude da subvención.

A elección entre as ofertas presentadas, que deberá achegarse na xustificación, realizarase de conformidade con criterios de eficiencia e economía, e deberá xustificarse expresamente nunha memoria a elección cando non recaia na proposta económica máis vantaxosa. Considerando o anterior, deberá achegarse a documentación disposta nos parágrafos seguintes:

f.1) Copia ordenada de todos e cada un dos orzamentos e ofertas detalladas dos investimentos sobre os que se solicita a axuda, obtidos dos provedores seleccionados pola entidade solicitante, con independencia da contía dos investimentos.

f.2) Copia ordenada de todos e cada un dos orzamentos e ofertas que non foron seleccionadas pola entidade solicitante para a realización do proxecto.

f.3) Memoria económica xustificativa da elección dos provedores, nos seguintes casos:

f.3.1) Cando a elección do provedor non recaia na oferta económica máis vantaxosa, das tres que, como mínimo, obtivo a entidade solicitante.

f.3.2) Cando polas especiais características dos gastos subvencionables non exista no mercado suficiente número de entidades que o subministren ou presten.

Non existe a obriga de presentar esta memoria xustificativa cando a elección do provedor recaia na oferta económica máis vantaxosa das tres que, como mínimo, obtivo a entidade solicitante.

As ofertas presentadas e os provedores elixidos supoñen unha documentación vinculante para o desenvolvemento do proxecto no caso de ser entidade beneficiaria da axuda.

Non se considerarán subvencionables, parcial ou totalmente, aqueles investimentos dos que non se presente documentación económica completa conforme o aquí recollido.

g) Orzamento do exercicio corrente da entidade asociativa.

h) Orzamento liquidado pola entidade asociativa no ano 2020.

i) Certificado expedido pola persoa que exerza a secretaría ou representación da entidade que acredite o número de membros asociados dados de alta e número de comercios retallistas, dos que se achegará relación detallada e actualizada, con inclusión do nome da persoa titular e do establecemento, CIF ou NIE da persoa titular, así como as epígrafes do IAE en que figura dado de alta, enderezo postal e telefónico, concretando, se é o caso, as empresas ou as entidades participantes no proxecto e actuacións que se van desenvolver.

j) Formalización do anexo IV, relativo ás unidades xerenciais, acompañado da documentación que nel se sinala, de ser o caso.

k) No caso das agrupacións a que se refire o artigo 4, punto 1.1.2, deberá achegarse o compromiso de execución asumido por cada membro da agrupación, así como o importe de subvención que se vai aplicar por cada un deles. Nomeamento da persoa representante ou apoderada única da agrupación con poderes suficientes para cumprir as obrigas que lle corresponden á agrupación.

l) Informe da mesa local de comercio correspondente, sobre o proxecto de dinamización comercial obxecto de solicitude de concesión de subvención, de conformidade co disposto no artigo 3.b) do Decreto 183/2011, do 15 de setembro, polo que se regulan as mesas locais de comercio ou, de ser o caso, presentación da solicitude de informe de acordo co establecido na disposición adicional primeira da convocatoria.

3. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

4. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

5. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán recadados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se puidesen obter os citados documentos, poderá solicitarse a súa achega novamente á persoa interesada.

6. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

7. No caso de que algún dos documentos que se presente de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a súa presentación de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 6. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) DNI ou NIE da persoa representante da entidade solicitante.

b) NIF da entidade solicitante.

c) NIF da entidade representante.

d) Certificación de estar ao día no cumprimento das súas obrigas coa Axencia Estatal da Administración Tributaria.

e) Certificación de estar ao día no cumprimento das súas obrigas coa Tesouraría Xeral da Seguridade Social.

f) Certificado de estar ao día no pagamento de obrigas tributarias coa Atriga.

g) Inhabilitacións para obter subvencións e axudas.

h) Concesións de subvencións e axudas.

i) Concesións pola regra de minimis.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario que corresponda e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos poderáselles solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 7. Órganos competentes

A Dirección Xeral de Comercio e Consumo será o órgano competente para a instrución do procedemento de concesión da subvención e correspóndelle á persoa titular da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación ditar a resolución de concesión, sen prexuízo da delegación desta competencia.

Artigo 8. Instrución dos procedementos

1. De conformidade co establecido no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se a solicitude non reúne algún dos requisitos exixidos nestas bases reguladoras ou na correspondente convocatoria requirirase a entidade interesada para que, nun prazo de dez días, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixer, se terá por desistida na súa petición, logo da correspondente resolución.

Este requirimento de emenda tamén se fará se das certificacións obtidas de conformidade co artigo 5.1 resulta que a entidade solicitante non está ao día no pagamento das súas obrigas tributarias co Estado, coa Comunidade Autónoma e coa Seguridade Social, ou no suposto de que sexa necesario achegar calquera outra documentación, logo de aplicarse o disposto na letra d) do artigo 53.1 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

2. Por tratarse dun procedemento de concorrencia competitiva, e de conformidade co establecido no artigo 45.1.a) da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, os requirimentos citados de emenda ou reparación poderanse facer mediante publicación no DOG e producirán os mesmos efectos que a notificación. Esta publicación tamén se realizará no taboleiro electrónico de anuncios da páxina web da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación ao cal se remitirá desde o texto publicado no DOG, e poderase facer indicación de que os seguintes actos administrativos deste procedemento serán notificados a través do citado taboleiro. Se a instrución do procedemento o aconsella, o órgano competente poderá substituír esta publicación no DOG e na web pola notificación, de conformidade co establecido no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

3. Sen prexuízo do disposto nos parágrafos anteriores, poderá requirirse a entidade solicitante para que xunte cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.

4. Unha vez revisadas as solicitudes e as emendas feitas, aqueles expedientes administrativos que reúnan todos os requisitos e a documentación necesaria serán remitidos á Comisión encargada da súa valoración, de acordo co establecido no artigo seguinte.

5. Os expedientes que non cumpran as exixencias contidas nestas bases ou na normativa de aplicación, ou que non conteñan a documentación necesaria, quedarán á disposición do órgano instrutor para que formule a proposta de resolución de inadmisión, na cal se indicarán as causas desta.

Artigo 9. Comisión de Valoración

1. A Comisión de Valoración será o órgano colexiado encargado de valorar as solicitudes de acordo cos criterios obxectivos fixados no artigo seguinte, así como de propoñer a concesión ou denegación das subvencións ás persoas interesadas.

2. A composición da Comisión de Valoración será a seguinte:

– Presidencia: o/a subdirector/a da Dirección Xeral de Comercio, ou persoa que designe.

– Vogais:

a) Un/unha xefe/a de servizo da Dirección Xeral de Comercio e Consumo.

b) Un/unha xefe/a de sección da Dirección Xeral de Comercio e Consumo.

c) Un/unha funcionario/a da Dirección Xeral de Comercio e Consumo, que terá as funcións da secretaría.

3. Na proposta de concesión que formule a Comisión figurarán de xeito individualizado as entidades solicitantes propostas para obter a subvención, e especificarase a avaliación que lles corresponde segundo os criterios recollidos no artigo seguinte. Así mesmo, indicarase o importe da subvención para cada unha delas, ata esgotar o crédito dispoñible.

4. O resto das actuacións subvencionables quedarán en reserva para seren atendidas ben co crédito que quedase libre de producirse algunha renuncia ou modificación nos proxectos inicialmente subvencionados, ben coa ampliación dos créditos orzamentarios destinados a estas subvencións de acordo co establecido no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Para estes efectos, poderán realizarse sucesivas propostas de resolución conforme o sinalado neste artigo.

5. A Comisión de Valoración constituirase na sede do devandito centro directivo. O seu funcionamento rexerase polo disposto na sección terceira do capítulo I do título I da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral do sector público autonómico de Galicia.

Artigo 10. Criterios de valoración

1. Os proxectos ou as actuacións que se presenten deberán ser técnica, comercial e financeiramente viables e os criterios de avaliación, que servirán de base para a determinación da contía e da preferencia na concesión das subvencións, relacionados por orde decrecente de importancia, serán os seguintes:

a) A participación dos comercios asociados no programa de dinamización comercial Bonos Activa Comercio:

– Se abrangue un número de comercios igual ou superior ao 80 % dos asociados: 5 puntos.

– Se abrangue un número de comercios igual ou superior ao 50 % e inferior ao 80 % dos asociados: 3 puntos.

Para estes efectos, teranse en conta as perrucarías e centros de estética.

b) A implicación dos comerciantes no market place valorarase do seguinte xeito:

– Se abrangue un número de comercios igual ou superior ao 75 % dos asociados: 5 puntos.

– Se abrangue un número de comercios igual ou superior ao 50 % e inferior ao 75 % dos asociados: 3 puntos.

– Se abrangue un número de comercios inferior ao 50 % dos asociados: 1 punto.

c) Establecemento dunha política ambiental que contribúa á mellora da sustentabilidade e á adopción de medidas de redución de impacto ambiental, conforme o seguinte baremo:

– Emprego de transporte loxístico sustentable no quilómetro cero, tales como transporte eléctrico ou bicicleta: 4 puntos.

– Emprego de materiais ecolóxicos e reciclables en envases e embalaxes do market place: 4 puntos.

– Outra adopción dunha medida de carácter ambiental: 1 punto.

d) Porcentaxe de comercios adheridos á plataforma de tícket dixital desenvolvida pola Vicepresidencia Segunda e Conselleria de Economía, Empresa e Innovación en colaboración coa Federación Galega de Comercio:

– Se a porcentaxe de comercios adheridos é igual ou superior ao 50 %: 4 puntos.

– Se a porcentaxe de comercios adheridos é inferior ao 50 % e igual ou superior ao 25 %: 2 puntos.

– Se a porcentaxe de comercios adheridos é inferior ao 25 %: 1 punto.

e) As actuacións que supoñan unha maior novidade e que non foron realizadas con anterioridade relacionadas con plans de dinamización comercial: 4 puntos.

f) A concorrencia doutras administracións ou institucións públicas ou privadas no desenvolvemento e financiamento do proxecto nunha porcentaxe igual ou superior ao 15 %: 3 puntos.

g) A realización de campañas ou actuacións que impliquen beneficios ás familias numerosas: 1 punto.

h) Por presentar a documentación sen requirimento: 1 punto.

Artigo 11. Audiencia

1. Instruído o procedemento, e inmediatamente antes de redactar a proposta de resolución, porase de manifesto ás entidades interesadas para que, nun prazo de dez días, poidan formular alegacións e presentar os documentos e xustificacións que consideren pertinentes.

2. Porén, poderase prescindir do trámite a que se refire o punto anterior cando non figuren no procedemento nin se vaian ter en conta na resolución outros feitos nin outras alegacións ou probas que as aducidas polas entidades interesadas.

Artigo 12. Resolución e notificación

1. Unha vez concluído o trámite de audiencia, a Comisión de Valoración formulará o correspondente informe, que será elevado polo órgano instrutor, xunto a súa proposta de resolución, á persoa titular da Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación.

2. A persoa titular da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, á vista da proposta, ditará a correspondente resolución, que deberá estar debidamente motivada e expresará, cando menos, a actuación que se subvenciona e o seu custo, así como a subvención concedida e a súa contía ou, se é o caso, a causa de denegación.

A dita resolución será publicada na web http://ceei.xunta.gal e notificada ás persoas beneficiarias, de acordo co establecido na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. Non obstante, e de conformidade co establecido no artigo 45.1.b) da mesma lei, poderase substituír a notificación individual pola publicación no Diario Oficial de Galicia.

En ningún caso o importe das subvencións concedida poderá superar o custo da actividade que vai desenvolver o beneficiario ou, se é o caso, a porcentaxe máxima do investimento subvencionable legalmente establecida.

3. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución á entidade interesada será de cinco meses contados a partir do día seguinte ao da publicación da orde de convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

Se transcorre o prazo máximo para resolver sen que se dite resolución expresa, as entidades interesadas poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo, de conformidade co artigo 23.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

4. As notificacións de resolucións e os actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

5. Nesa notificación comunicarase o importe previsto da axuda, expresado en equivalente bruto de subvención, e o seu carácter de axuda de minimis, en aplicación do Regulamento (UE) nº 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE do 24 de decembro de 2013, L352/1).

Non obstante, e de conformidade co establecido no artigo 45.1.b) da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, no caso das subvencións concedidas poderase substituír a notificación pola publicación no Diario Oficial de Galicia e na páxina web da Consellería de Economía, Emprego e Industria. Nesta publicación especificarase a data da convocatoria, o beneficiario, a cantidade concedida e a finalidade da subvención outorgada. Coa publicación no DOG poderá remitirse ás entidades beneficiarias a que consulten información detallada da resolución nun taboleiro da citada web.

As solicitudes desestimadas notificaranse con indicación das causas da desestimación. Non obstante, poderase substituír a dita notificación pola publicación no DOG, coa indicación de que as entidades non beneficiarias consulten a información detallada da súa resolución nun taboleiro da citada web.

Artigo 13. Réxime de recursos

As resolucións ditadas ao abeiro da correspondente orde de convocatoria porán fin á vía administrativa e contra elas poderán interpoñerse os seguintes recursos, sen prexuízo de que as entidades interesadas poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Vicepresidencia Segunda e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta é expresa. Se a resolución non é expresa, o solicitante e outros posibles interesados poderán interpor recurso de reposición en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que a resolución debería ter sido ditada.

b) Recurso contencioso-administrativo perante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da notificación da resolución, se esta é expresa, ou de seis meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

Artigo 14. Modificación da resolución

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderán dar lugar á modificación da resolución de concesión.

2. O órgano competente para a concesión da subvención poderá acordar a modificación da resolución por instancia da entidade beneficiaria, que debe cumprir os seguintes requisitos:

a) Que a modificación do proxecto estea comprendida dentro da finalidade das normas ou bases reguladoras.

b) Que se acredite a inexistencia de prexuízos a terceiros.

c) Que non concorran requisitos ou circunstancias que, debendo concorrer no momento en que se ditou a resolución, tiveron lugar con posterioridade a ela.

d) Que os novos elementos e circunstancias que motiven a modificación, de ter concorrido na concesión inicial, non supoñan a denegación da axuda ou subvención.

3. A entidade beneficiaria deberá solicitar a modificación mediante instancia dirixida ao titular da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación acompañada da documentación acreditativa do cumprimento dos requisitos sinalados no punto anterior, cun límite de 40 días antes da data de finalización do prazo de xustificación do investimento subvencionado, sen prexuízo do disposto no artigo 59 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

4. O acto polo cal se acorde ou se denegue a modificación da resolución será ditado polo órgano concedente despois da instrución do correspondente expediente, en que se dará audiencia ás entidades interesadas na forma prevista no artigo 11 destas bases.

Artigo 15. Renuncia

A renuncia á subvención, debidamente motivada, poderase facer por calquera medio que permita a súa constancia, de acordo co establecido no artigo 94 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

A persoa titular da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación ditará a correspondente resolución nos termos do artigo 21.1 da mesma lei.

Artigo 16. Obrigas dos beneficiarios

a) Cumprir o obxectivo, executar o proxecto, realizar a actividade ou adoptar o comportamento que fundamenta a concesión da subvención.

b) Xustificar ante o órgano concedente ou a entidade colaboradora, se é o caso, o cumprimento dos requisitos e condicións, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión ou o desfrute da subvención.

c) Someterse ás actuacións de comprobación, que efectuará o órgano concedente ou a entidade colaboradora, se é o caso, así como a calquera outra actuación, sexa de comprobación e control financeiro, que poidan realizar os órganos de control competentes, tanto autonómicos como estatais ou comunitarios, para o que se achegará canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

d) Comunicarlle ao órgano concedente ou á entidade colaboradora a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, especificando aquelas axudas obtidas de minimis, para os efectos de poder comprobar o cumprimento do límite cuantitativo o que fai referencia o artigo 1.2 das presentes bases. Así mesmo, comunicar a modificación das circunstancias que fundamentasen a concesión da subvención.

Esta comunicación deberá efectuarse no momento en que se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

e) Acreditar con anterioridade a que se dite a proposta de resolución de concesión que se atopa ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social, e que non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Atriga, nos termos previstos no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

f) Dispoñer dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable ao beneficiario en cada caso.

g) Conservar os documentos xustificativos da aplicación de fondos recibidos, incluídos os documentos electrónicos, mentres poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.

h) Adoptar as medidas de difusión contidas no número 3 do artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, así como no artigo 20 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, de desenvolvemento desta. Estas medidas deberán adecuarse ao obxecto subvencionado, tanto na súa forma como na súa duración, e deberán consistir na inclusión da imaxe corporativa institucional básica da Xunta de Galicia, de conformidade co establecido no artigo 2 do Decreto 409/2009, do 5 de novembro (DOG núm. 227, do 19 de novembro).

Así mesmo, no caso de comunicacións ou notas informativas en medios de comunicación, deberá incluírse a referencia de que a actuación foi subvencionada pola Xunta de Galicia.

i) Proceder ao reintegro dos fondos percibidos nos supostos recollidos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

j) Manter o investimento subvencionado durante un período mínimo de cinco anos desde a súa concesión.

k) Participar ou ter participado, as persoas que ocupen a xerencia, nos cursos formativos que en materia de xestión de centros comerciais abertos e prazas de abastos promova ou teña promovido a Dirección Xeral de Comercio e Consumo.

l) Actuar as unidades xerenciais como puntos de información comercial no marco da Redic (Rede de dinamización comercial) e coordinarse coa Administración pública para o debido funcionamento da devandita rede, sen que esta obriga implique relación laboral, contractual ou de calquera outro tipo entre as persoas profesionais que vaian desenvolver estas actividades e a Vicepresidencia Segunda e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación.

m) Comunicar con antelación á Dirección Xeral de Comercio e Consumo os actos de presentación das campañas promocionais, para os efectos da asistencia dun representante da Vicepresidencia Segunda e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación.

n) Cumprir coas obrigas de información contidas na Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno.

Artigo 17. Subcontratación

Permítese a subcontratación pola entidade beneficiaria das actuacións subvencionables, sempre que se axusten ás previsións dispostas no artigo 27 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

En ningún caso poderá concertar a entidade beneficiaria a execución total ou parcial das actividades subvencionadas con persoas ou empresas vinculadas coa entidade solicitante ou cos seus órganos directivos e xestores, agás que concorran as circunstancias previstas no artigo 27.7.d) da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Artigo 18. Xustificación da subvención

1. O pagamento da subvención quedará condicionado á presentación, nos lugares sinalados no artigo 3 da convocatoria e ata o 30 de outubro de 2021, dunha copia da seguinte documentación:

a) Memoria explicativa de cada unha das accións realizadas.

No caso establecido no artigo 5.2.f) deberá xustificarse expresamente nunha memoria, cando a selección da oferta non responda á proposta económica máis vantaxosa.

b) Xustificantes dos investimentos:

Os gastos xustificaranse mediante a presentación de facturas dos provedores, que deberán cumprir os requisitos establecidos no Real decreto 1619/2012, do 30 de novembro, polo que se aproba o regulamento que establece as obrigas de facturación, e demais documentos de valor probatorio equivalente no tráfico xurídico-mercantil e con eficacia administrativa.

Cando o beneficiario non dispoña de facturas electrónicas para a xustificación da subvención, deberá achegar unha copia dos documentos orixinais en papel, de acordo cos procedementos que establece a normativa vixente.

As facturas deberán estar emitidas dentro do período comprendido entre a data de inicio do proxecto e a data límite de xustificación do proxecto. Xuntarase relación nominativa de facturas, agrupadas e ordenadas por actuacións subvencionables, facendo constar para cada documento o seu número de orde, que deberá coincidir coa da relación enviada xunto coa solicitude, data de expedición, expedidor, concepto, importe en euros e data de pagamento, segundo o anexo VII.

A xustificación dos pagamentos acreditarase a través de transferencia bancaria, certificación bancaria ou extracto de pagamento. Nestes documentos deberán quedar claramente identificados o receptor e o emisor do pagamento. Non se admitirán os pagamentos en efectivo.

Así mesmo, non se admitirán como xustificantes os obtidos a través da internet se non están validados pola entidade bancaria ou dispoñen de códigos para a súa verificación por terceiros na sede electrónica da dita entidade bancaria.

c) Para aquelas actuacións de divulgación, tales como material promocional e publicidade, sen prexuízo do establecido nos artigos 15.g) e 15.j), deberase achegar a documentación acreditativa da súa realización.

d) Certificación, do órgano que teña atribuídas as facultades, da aplicación dos fondos á finalidade para a que foron concedidos.

e) Declaración actualizada de conxunto das axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, para a actividade obxecto desta orde, das distintas administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades. Farase mención expresa sobre calquera outra axuda de minimis recibida durante os dous exercicios fiscais anteriores e durante o exercicio fiscal en curso, así como declaración da entidade solicitante de non estar incursa en ningunha das circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, segundo modelo normalizado establecido no anexo III desta orde.

f) Declaración responsable de estar ao día no pagamento de obrigas por reintegro de subvencións, segundo o anexo III desta orde.

g) Certificacións expedidas polos organismos competentes, acreditativas de estar ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias e coa Seguridade Social, e de non ter pendente de pagamento ningunha débeda, por ningún concepto, coa Atriga, no caso que a entidade solicitante denegase expresamente a autorización ao órgano xestor para que solicite de oficio estas certificacións.

h) Información relativa aos indicadores de actuación segundo o anexo V desta orde.

i) De ser o caso, os tres orzamentos exixidos de conformidade co previsto no artigo 29.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. Transcorrido o prazo indicado sen que a entidade beneficiaria presentase a documentación solicitada aplicarase o disposto no artigo 45.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

3. Os órganos competentes da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación poderán solicitar as aclaracións ou informes relativos á xustificación do investimento que consideren convenientes. No caso de que non fosen remitidos pola entidade beneficiaria dentro do prazo que se sinale poderá entenderse que renuncia á axuda.

Artigo 19. Pagamento

1. Recibida a documentación xustificativa da subvención, os órganos competentes da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, antes de proceder ao seu pagamento, realizarán as actuacións de comprobación oportunas para verificar o cumprimento da actividade subvencionada.

2. O importe das axudas aboarase mediante transferencia bancaria á entidade financeira, ao número de conta para o que a entidade beneficiaria realizou na súa solicitude a declaración responsable acerca da veracidade dos datos consignados.

3. As subvencións minoraranse proporcionalmente se o investimento xustificado é inferior ao orzamento que serviu de base para a resolución da concesión, sempre que estea garantida a consecución do obxecto. En caso de concorrer con outras axudas, aplicarase o establecido no artigo 2.5.

Artigo 20. Incumprimento, reintegros e sancións

1. Producirase a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención no suposto de falta de xustificación do cumprimento do proxecto, das condicións impostas na resolución de concesión, das obrigas contidas nestas bases reguladoras, das obrigas contidas no artigo 33 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, ou na demais normativa aplicable, o que dará lugar á obriga de devolver total ou parcialmente a subvención percibida, así como os xuros de demora correspondentes.

2. O procedemento para declarar a procedencia da perda do dereito ao cobramento da subvención e para facer efectiva a devolución a que se refire o punto anterior será o establecido no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Incumprimento parcial: sempre que se cumpran os requisitos ou condicións esenciais tomados en conta na concesión das axudas, a Dirección Xeral de Comercio e Consumo poderá apreciar un incumprimento parcial, e deberá resolver sobre o seu alcance, aplicando a mesma ponderación que tivese a condición incumprida na resolución de concesión e, se é o caso, establecendo a obriga de reintegro.

Cando se trate de condicións referentes á contía ou conceptos da base subvencionable, o alcance do incumprimento determinarase proporcionalmente ao gasto deixado de practicar ou aplicado a conceptos distintos dos considerados subvencionables e, se é o caso, deberán reintegrarse as cantidades percibidas na dita proporción.

Para os efectos do disposto no parágrafo anterior, deberá reintegrarse o total da cantidade percibida cando o cumprimento non acade o 60 % do investimento subvencionado.

4. Ás entidades beneficiarias das subvencións reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no título VI do seu regulamento.

Artigo 21. Control

1. A Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación poderá levar a cabo as actividades de inspección que considere oportunas para controlar o cumprimento da subvención.

2. Alén do anterior, a subvención estará sometida á función interventora e de control financeiro exercido pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, nos termos que establece o título III da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Así mesmo, estará sometida ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, así como, se é o caso, aos servizos financeiros da Comisión Europea e do Tribunal de Contas Europeo.

Artigo 22. Publicidade

No prazo máximo de tres meses contados desde a data de resolución da concesión, publicarase no Diario Oficial de Galicia a relación das subvencións concedidas con indicación da norma reguladora, entidade beneficiaria, crédito orzamentario, contía e finalidade da subvención.

Non obstante o anterior, cando os importes das subvencións concedidas, individualmente consideradas, sexan de contía inferior a 3.000 euros, non será necesaria a publicación no Diario Oficial de Galicia, que será substituída pola publicación das subvencións concedidas na páxina web da Vicepresidencia Segunda e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación.

Artigo 23. Remisión normativa

Para todo o non previsto nestas bases se aplicará o previsto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no Regulamento desta lei, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro; na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas; no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, e modificado pola Lei 5/2000, do 28 de decembro; na Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia vixente na anualidade, no Regulamento (UE) nº 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de Funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE 24.12.2013, L352/1) e no resto de normativa que resulte de aplicación.

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file

ANEXO IX

Características para o desenvolvemento de market places

1. Características xerais do market place.

1. Desenvolvemento propio de market place en propiedade con programación a medida ou cun software de xestor especializado en market place ou con soporte multitenda nativo, non baseado en plugins.

2. O deseño deberá adaptarse a múltiples dispositivos, resolucións e pantallas e permitir unha visualización correcta desde todos eles.

3. O peso das imaxes debe ser inferior a 350 KB e a resolución máxima será de 72 dpi.

4. As páxinas deberán contar con optimización para SEO, incluíndo especificamente:

a. Configuración das metaetiquetas de título e descrición segundo as boas prácticas establecidas polos buscadores.

b. Arquivo robots.txt optimizado e mapa do sitio sitemap.xml.

c. Que non existan ligazóns rotas ou erros 404 ou 500.

d. No caso dunha web multiidioma contar coas etiquetas canonical correspondentes.

e. As imaxes deberán ter o atributo descritivo Alt.

f. Non poderá existir contido duplicado.

5. Dispor dun carro da compra en que poder realizala.

6. Incorporar unha pasarela de pagamentos para finalizar as compras de xeito completamente en liña.

7. Os prezos e información sobre envíos teñen que ser correctamente configurados e indicados de acordo co contrato que teña a/o propietaria/o do market place coa/s empresa/s de servizo de mensaxaría.

8. Que exista unha páxina específica para a/o comerciante dentro do market place.

9. Que estea visible para a/o compradora/o final a información de contacto da/o vendedora/o para poder executar os seus dereitos de consumo e protección de datos, engadidos enlaces a redes sociais, páxina web (se dispón dela) e a listaxe de produtos ofertados por esa/e vendedora/o.

10. As/os comerciantes deberán dispor dun panel de control desde o que xestionar as súas vendas e obter información e estatísticas das vendas realizadas.

2. Características das fichas de produto.

• Facilitarlles un titorial ás/aos comerciantes para que poidan crear eles mesmos as fichas de produto e que estas cumpran cos seguintes requisitos:

• O peso das imaxes debe ser inferior a 350 KB e a resolución máxima será de 72 dpi.

• Descrición dos produtos de, polo menos, 300 palabras.

• Mínimo de 2 imaxes por produto, agás para aqueles que pola súa natureza non procedan das imaxes, como o caso de produtos dixitais ou cursos.

• Estar organizados por categorías e etiquetas.

3. Características do aloxamento.

• A/o propietaria/o do market place debe dispor de acceso ao aloxamento no hosting ou servidor no que estea situada/o.

• Aloxamento web dentro da Unión Europea.

• Aloxamento web que permita unha velocidade de carga acorde cos requisitos actuais de Google.

• Contar con certificado seguro SSL para o market place (https).

4. Condicións legais.

• Cumprir con toda a lexislación vixente xeral e en materia de consumo.

• Engadir a información legal en materia de consumo accesible, completa e doada de atopar (prezos, envíos, devolucións, reclamacións, etc.).

• Os prezos deben estar indicados segundo unidade de medida (prezo por kg, prezo por litro...), e debe especificarse se os impostos están engadidos ou non.

• Dispor dunha páxina co aviso legal, identificando á/o responsable da explotación do market place e conforme a lexislación vixente.

• As cookies cuxa instalación automática non está permitida por lei, non poderán instalarse sen o permiso expreso da/do usuaria/o da web.

• Dispor dunha páxina coa información de privacidade segundo a lexislación vixente.

• Incorporar calquera outra páxina con información legal que sexa necesaria para cumprir coa lexislación vixente no momento da creación do market place.