Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 141 Luns, 26 de xullo de 2021 Páx. 38031

III. Outras disposicións

Universidade de Santiago de Compostela

EXTRACTO da Resolución do 1 de xullo de 2021 pola que se convocan axudas para a recualificación do Sistema universitario español para 2021-2023.

BDNS (Identif.): 573399.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo pode consultarse na Base de datos nacional de subvencións (https://www.infosubvenciones.es/bdnstrans/ge/es/convocatoria/573399).

Primeiro. Modalidades

Axudas Margarita Salas para a formación de mozos doutores.

Axudas para a recualificación do profesor universitario funcionario ou contratado.

Axudas María Zambrano para a atracción de talento internacional.

Segundo. Beneficiarios

Axudas Margarita Salas para a formación de mozos doutores.

Persoas con título de doutor obtido na Universidade de Santiago de Compostela. Persoas con título de doutor obtido en universidades privadas españolas. Persoas de nacionalidade española que obtiveron o título de doutor en universidades ou centros de investigación estranxeiros, públicos ou privados. Transcorrer como máximo dous anos entre a data de obtención do título de doutor e a do peche do prazo de presentación de solicitudes.

Axudas para a recualificación do profesor universitario, funcionario ou contratado.

Profesores titulares de universidade e profesores contratados doutores da Universidade de Santiago de Compostela que non superen 10 anos de servizos na figura que desempeñen no momento da solicitude. Profesores axudantes doutores da Universidade de Santiago de Compostela.

Axudas María Zambrano para a atracción de talento internacional.

Persoal docente e investigador, de nacionalidade española ou doutro país, cunha traxectoria postdoutoral acumulada non inferior a 24 meses en universidades ou centros de investigación españois ou situados fóra de España diferentes ao da defensa da tese doutoral. No momento de formular a solicitude, deben estar a desenvolver proxectos de investigación, e/ou impartindo docencia en universidades, centros de investigación ou organismos situados fóra de España e residir no país onde estes se sitúen.

Terceiro. Obxecto

Axudas Margarita Salas para a formación de mozos doutores.

O obxecto destas axudas é a formación de mozos doutores mediante estadías de formación nunha universidade pública española ou ben en universidades e centros de investigación estranxeiros, así como en organismos públicos de investigación españois, sempre que o último ano da estadía se realice nunha universidade pública española seleccionada polas persoas solicitantes.

Axudas para a recualificación do profesor universitario funcionario ou contratado.

O obxecto destas axudas é a recualificación do profesorado universitario funcionario ou contratado mediante estadías de formación nunha universidade ou centro de investigación públicos distintos daquel en que manteñen a relación estatutaria ou laboral.

Axudas María Zambrano para a atracción de talento internacional.

O obxecto destas axudas é a atracción á Universidade de Santiago de Compostela de persoal docente e investigador con traxectoria postdoutoral acumulada en universidades ou centros de investigación estranxeiros.

Cuarto. Bases reguladoras

Real decreto 289/2021, do 20 de abril, do Ministerio de Universidades, e Orde UNI/551/2021, do 26 de maio, pola que se conceden as subvencións a universidades públicas para a recualificación do Sistema universitario español, que actuarán como bases reguladoras.

Quinto. Contía

A contía total do crédito destinado a estas axudas será de oito millóns oitocentos setenta e cinco mil oitocentos euros (8.875.800 €), segundo a distribución por anualidades para 2021, 2022 e 2023 que figuran no Real decreto 289/2021, do 20 de abril, con cargo aos orzamentos da Universidade de Santiago de Compostela de 2021, incorporándose o remanente e restantes anualidades na aplicación orzamentaria que corresponda para os anos 2022, 2023 e 2024.

Sexto. Prazo de presentación de solicitudes

Desde o día 14 de xullo de 2021 ata o día 13 de agosto de 2021 (ambos incluídos).

Santiago de Compostela, 1 de xullo de 2021

Antonio López Díaz
Reitor da Universidade de Santiago de Compostela