Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 141 Luns, 26 de xullo de 2021 Páx. 38040

IV. Oposicións e concursos

Universidade de Santiago de Compostela

RESOLUCIÓN do 15 de xullo de 2021 pola que se modifica a Resolución do 10 de maio de 2021 pola que se convoca concurso público para a provisión de prazas de profesorado asociado de Ciencias da Saúde e se abre un novo prazo de presentación de solicitudes.

Mediante a Resolución reitoral do 10 de maio de 2021 (DOG núm. 97, do 26 de maio), convocouse concurso público para a provisión de prazas de profesor asociado de Ciencias da Saúde da Universidade de Santiago de Compostela.

A dita convocatoria incluía entre os requisitos para poder participar no proceso recollidos na súa norma segunda o de: «2.1.f) Estar prestando servizos nas dependencias hospitalarias do Sergas que así se indican para cada praza no anexo I.1. Esta actividade profesional terá que terse realizado por un período mínimo de tres anos ao longo dos cinco últimos, con referencia á data de finalización do prazo de presentación de solicitudes e manter o citado vínculo laboral durante o tempo de vixencia do contrato».

Á vista das reclamacións sobre o dito requisito, e tendo en conta que o fin último do proceso selectivo é dotar a USC de persoal docente entre profesionais especialistas de recoñecida competencia que desenvolvan normalmente a súa actividade profesional en funcións específicas dentro do ámbito sanitario, cómpre revisar e clarificar a súa redacción. O marco legal establece como requisito xeral para a figura do profesorado asociado de Ciencias da Saúde (PACS) o exercicio, fóra do ámbito universitario, da actividade profesional para a que capacite o título académico que o interesado posúa durante o período mínimo de tres anos dentro dos cinco anteriores á súa contratación como PACS. Para os efectos do cumprimento deste requisito non é relevante o feito de ter prestado servizos durante todo ese período nas unidades hospitalarias ou asistenciais do Sergas indicadas para cada praza, senón dentro do seu ámbito funcional, independentemente de que si é relevante a dependencia hospitalaria ou asistencial do Sergas onde a persoa aspirante presta os seus servizos cando opta á praza e durante o período de vixencia do contrato.

E por isto, co fin de propiciar a concorrencia de profesionais cualificados, o que non pode senón redundar en beneficio da calidade docente, considérase conveniente modificar a redacción da citada epígrafe 2.1.f) da Resolución reitoral do 10 de maio de 2021 pola que se fai público o concurso público para a provisión de prazas de profesorado asociado de Ciencias da Saúde da Universidade de Santiago de Compostela e adaptar a dita convocatoria, en consecuencia, abrindo novamente o prazo de presentación de solicitudes por un período de dez (10) días hábiles contados a partir do seguinte á data de publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia (DOG).

Polo exposto anteriormente, esta reitoría

RESOLVE:

Primeiro. Modificar a epígrafe 2.1.f) da Resolución reitoral do 10 de maio de 2021 (DOG núm. 97, do 26 de maio), pola que se convoca concurso público para a provisión de prazas de profesor asociado de Ciencias da Saúde da Universidade de Santiago de Compostela, que queda redactada do seguinte xeito:

2.1.f) Ter prestado servizos profesionais da categoría e especialidade requiridas para cada praza por un período mínimo de tres anos ao longo dos cinco últimos, con referencia á data de finalización do prazo de presentación de solicitudes.

Así mesmo, con referencia a esta mesma data, deberase estar prestando servizos nas dependencias hospitalarias ou asistenciais do Sergas que así se indican para cada praza no anexo I.1 e manter o citado vínculo laboral na mesma unidade durante o tempo de vixencia do contrato.

Segundo. As persoas interesadas en participar no proceso selectivo que non fixesen a solicitude no prazo establecido na convocatoria feita pública o 26 de maio, e aquelas que, téndoo feito, queiran modificar ou ampliar a súa solicitude, poderán presentala no prazo de dez días hábiles contados a partir do seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia (DOG).

A lista provisoria de todas as persoas admitidas farase pública nos lugares establecidos na convocatoria publicada, o día 24 de agosto de 2021.

Feitas públicas as listas provisorias, os candidatos excluídos dispoñerán ata o día 31 de agosto de 2021 para repararen ou emendaren os defectos polos que foron excluídos.

A Vicerreitoría de Profesorado fará públicas o día 9 de setembro as listaxes definitivas de todas persoas admitidas, incluíndo aquelas que presentaron a súa solicitude tanto no prazo establecido na convocatoria publicada no DOG do 26 de maio, como aqueloutras que o fagan no marco desta resolución.

Terceiro. O prazo máximo para a resolución do concurso establecido na norma 1.2 da dita convocatoria será de 3 meses contados a partir da data de publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Contra esta resolución, que esgota a vía administrativa, poderase interpor recurso contencioso-administrativo perante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Santiago de Compostela no prazo de dous meses, contados a partir do día seguinte ao da súa publicación, de conformidade cos artigos 46 e 8.2.a) da Lei 29/1998, do 13 de xullo, da xurisdición contencioso-administrativa. Non obstante, as persoas interesadas poderán interpor recurso potestativo de reposición no prazo dun mes perante o órgano que a ditou.

Neste caso non se poderá interpor o recurso contencioso-administrativo anteriormente indicado en canto non se dite resolución expresa ou presunta do recurso administrativo de reposición, ao abeiro dos artigos 123 e 124 da LPACAP.

Santiago de Compostela, 15 de xullo de 2021

O reitor da Universidade de Santiago de Compostela
P.D. (Resolución do 30.4.2020; DOG do 11 de maio)
Ernesto González Seoane
Vicerreitor de Profesorado da Universidade de Santiago de Compostela