Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 141 Luns, 26 de xullo de 2021 Páx. 38075

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación

EXTRACTO da Resolución do 28 de xuño de 2021, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, pola que se outorgan as autorizacións administrativas previa e de construción do parque eólico Bustelo, sito nos concellos de Coristanco e Carballo (A Coruña), promovido por Greenalia Wind Power Bustelo, S.L.U. (IN408A 2017/02).

A continuación, recóllese a información exixida nas letras a) e b) do artigo 42.4 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, respecto da Resolución do 28 de xuño de 2021, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, pola que se outorgan as autorizacións administrativas previa e de construción do parque eólico Bustelo.

a) Contido da resolución e condicións que a acompañan:

Outorgar as autorizacións administrativas previa e de construción do parque eólico Bustelo, sito nos concellos de Coristanco e Carballo (A Coruña), promovido pola sociedade Greenalia Wind Power Bustelo, S.L.U., para unha potencia de 45 MW.

Todo isto de acordo coas condicións seguintes:

1. Consonte o disposto no artigo 4 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, de fianzas en materia ambiental, Greenalia Wind Power Bustelo, S.L.U. constituirá, con carácter previo ao inicio das obras, unha fianza para garantir o cumprimento do deber de restaurar os terreos ocupados polo parque eólico na fase de obras. O importe da fianza fíxase, por proposta da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, en 251.783 euros.

A dita fianza depositarase na Caixa Xeral de Depósitos da Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, en calquera das formas sinaladas no artigo 11.3 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, sobre réxime de instalación, ampliación e traslado de industrias. A súa devolución efectuarase de acordo co establecido no artigo 6 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, unha vez depositada a fianza para garantir o deber de restaurar os terreos ocupados na fase de desmantelamento.

2. Para a inscrición da instalación no Rexistro autonómico creado pola Orde da Consellería de Industria e Comercio do 5 de xuño de 1995 (DOG nº 135, do 14 de xullo), o promotor efectuará a correspondente solicitude, de acordo co procedemento regulamentariamente establecido.

3. A instalación adaptarase ao procedemento de captación e procesamento de datos de produción de enerxía eléctrica de Galicia regulado pola Orde da Consellería de Innovación e Industria, do 23 de xaneiro de 2009, pola que se establece o procedemento para a captación e procesamento dos datos de produción enerxética das instalacións acollidas ao réxime especial de produción de enerxía eléctrica na Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 37, do 23 de febreiro).

4. De conformidade co artigo 34.2 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, o promotor disporá dun prazo de tres anos, contados a partir do outorgamento da autorización administrativa previa e de construción, para solicitar a correspondente autorización de explotación. En caso de incumprimento, poderá producirse a revogación das mencionadas autorizacións nos termos establecidos no punto 10 do artigo 53 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, ou norma que a substitúa.

5. O parque eólico deberá cumprir cos requisitos que se recollan nos procedementos de operación aprobados polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico que lle resulten de aplicación.

6. O promotor deberá dar cumprimento a todas as condicións establecidas na declaración de impacto ambiental do 6.11.2020, así como as establecidas no correspondente programa de vixilancia e seguimento ambiental.

7. Unha vez construídas as instalacións autorizadas, e con carácter previo á súa posta en servizo, a Xefatura Territorial da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación da Coruña inspeccionará a totalidade das obras e montaxes efectuadas e verificará o cumprimento das condicións establecidas nesta resolución e as demais que sexan de aplicación.

8. Conxuntamente coa solicitude de autorización de explotación das instalacións o promotor deberá presentar, ante a xefatura territorial, un certificado de final de obra subscrito por un técnico facultativo competente, en que conste que a instalación se realizou de acordo coas especificacións contidas no proxecto de execución aprobado, así como coas prescricións da regulamentación técnica aplicable á materia, de acordo co artigo 132 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

Así mesmo, deberá presentar ante a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais un plano as built e outro plano cartográfico en formato shape das instalacións do parque eólico.

9. No caso de que se manifesten perturbacións na recepción do sinal de televisión, directamente atribuíbles ás instalacións do parque eólico, Greenalia Wind Power Bustelo, S.L.U. deberá adoptar as medidas necesarias para devolverlle á recepción do sinal as anteriores condicións de calidade.

10. De acordo co establecido no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, o incumprimento das condicións e requisitos establecidos nas autorizacións ou a variación substancial dos presupostos que determinaron o seu outorgamento poderán dar lugar a revogación das autorizacións, logo de audiencia do interesado.

11. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

12. Esta resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia, de acordo co establecido no artigo 34 da Lei 8/2009, do 22 de decembro.

b) Principais motivos e consideracións nos que se basea a resolución:

1. O 26.10.2017, Greenalia Power, S.L.U. (en diante, o promotor) solicitou as autorizacións administrativas previa e de construción, a declaración de utilidade pública, en concreto, así como a aprobación do proxecto sectorial das instalacións do parque eólico.

O 26.1.2018, a Dirección Xeral de Enerxía e Minas (actualmente Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais) notificoulle ao promotor o cumprimento dos requisitos de capacidade do solicitante e da solicitude establecidos nos artigos 30 e 31 da Lei 8/2009, do 22 de decembro. O 31.1.2018, o promotor achegou o xustificante de pagamento da taxa correspondente á autorización administrativa das instalacións de parques eólicos.

2. O 28.2.2018, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu, en relación co proxecto sectorial do parque eólico, o informe a que facía referencia o artigo 33.5 (na súa redacción vixente nesa data) da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, modificada pola Lei 5/2017, do 19 de outubro.

3. O 28.2.2018, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático emitiu o informe a que facía referencia o artigo 33.4 (na súa redacción vixente nesa data) da mencionada Lei 8/2009, do 22 de decembro.

4. O 10.4.2018, o promotor solicitou a declaración de interese especial para o parque eólico. O 26.4.2018, o Consello da Xunta de Galicia declarou o parque eólico como proxecto de interese especial.

5. Polo Acordo do 5 de xuño de 2018, da Xefatura Territorial da Coruña (en diante, a xefatura territorial), someteuse a información pública a solicitude de autorización administrativa previa, a declaración de utilidade pública, en concreto, e a necesidade de urxente ocupación que iso implica, a autorización administrativa de construción, o proxecto sectorial de incidencia supramunicipal e o estudo de impacto ambiental do proxecto do parque eólico.

O dito acordo publicouse no Diario Oficial de Galicia do 27.6.2018 e no xornal La Voz de Galicia do 27.6.2018. Así mesmo, permaneceu exposto ao público nos taboleiros de anuncios dos concellos afectados (Coristanco e Carballo), da xefatura territorial, e da Xefatura Territorial da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio da Coruña, que emitiron os correspondentes certificados de exposición pública.

A continuación resúmese o contido das alegacións presentadas durante o período de información pública e durante a tramitación do expediente:

– Existencia de erros na relación de bens e dereitos afectados maioritariamente, en relación coa titularidade das parcelas, coas superficies afectadas, coa clasificación do solo, cos enderezos para os efectos de notificacións, co tipo de aproveitamento, coa comprobación das superficies afectadas e das disposicións das afeccións sobre os predios, etc.

– Solicitude de ampliación da servidume afectada e de planos de afectación dalgunhas parcelas afectadas.

– A instalación da torre anemométrica deixa a entrada a unha parcela moi reducida.

– Oposición ás servidumes proxectadas, por limitar e modificar os usos dos predios, coa conseguinte diminución das perspectivas económicas destas, ou por facer inviable o seu uso polo perigo físico que correrían o propietario e os seus bens.

– Na solicitude do promotor non se tivo en conta o establecido na Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia, polo que non se recollen as afeccións que se establecen nesta lei.

– As as vías e gabias deben ser tratadas como afeccións de pleno dominio.

– Solicitude de denegación das autorizacións, da declaración de utilidade pública, así como da aprobación do proxecto sectorial do parque eólico, polas afeccións económicas, urbanísticas, sociais, naturais, patrimoniais e culturais; pola tramitación administrativa separada dos parques eólicos Bustelo, Monte Toural e Campelo sitos na zona, que comparten infraestrutura de evacuación e mesmo promotor, así como a presenza de múltiples instalacións xeradoras de enerxía na zona, aínda que estas sexan de distintos promotores.

– Solicitan a tramitación dos proxectos eólicos (Bustelo, Campelo e Monte Toural) como un único proxecto industrial, posto que coa fragmentación se evita unha adecuada avaliación ambiental ao ignorar os efectos sinérxicos causados polo conxunto dos proxectos sobre hábitats, especies, paisaxes, patrimonio, recursos e servizos ecosistémicos nas ADE.

– Solicitan que se escolla outra localización alternativa para o proxecto ao tratarse dunha área de especial interese paisaxístico e sensible para a flora e a fauna ao situarse á beira das zonas húmidas Lagoa de Alcaián e Marco do Couto.

– Non existe xustificación da necesidade do inicio dun proceso de utilidade pública por razóns de interese xeral, pois supón unha intervención na contorna con graves prexuízos nos valores da dita zona, mentres que o aproveitamento eléctrico pode obterse por outras vías.

– Solicitan o rexeitamento do proxecto posto que non se xustifica o seu interese especial nin a utilidade pública, dada a súa grave afección á paisaxe, aos ecosistemas, ás poboacións próximas e a falta dunha avaliación adecuada.

– A implantación dos parques eólicos (Bustelo, Campelo e Monte Toural) e da LAT Campelo Mesón é contraria aos intereses socioeconómicos dos veciños e ten un importante impacto negativo na saúde, no ambiente e na paisaxe.

– A recualificación como solo rústico de protección de infraestruturas enerxéticas impide o seu aproveitamento forestal.

– Solicitudes de que se teñan en conta as posibles afeccións de carácter ambiental (valores naturais, paisaxísticos, augas, arqueolóxicos, culturais,...).

– A instalación dun parque eólico non semella compatible coa protección de zonas húmidas (a Lagoa de Alcaián e o Marco do Couto), coa presenza de especies endémicas, tanto animais como vexetais, incluso algunhas en perigo de extinción e/ou consideradas vulnerables como a Lycopediella inundata, a Euphorbia uliginosa, a Centaurea ultreiae (especie que só se dá nesta zona), a Woodwardia radicans ou a Spiranthes aestivalis que consta nesta zona.

– Os aeroxeradores AE7, AE8 e AE9 sitúanse en solo rústico de protección de espazos naturais, como a súa vía de acceso e gabia de cablaxe. O cambio na cualificación do solo suporía un perigo na conservación dos valores naturais, polo que non deberían situarse no dito espazo.

– Impacto visual, contaminación electromagnética, contaminación acústica; no mapa de afección do ruído obsérvanse zonas de solo rústico de protección de espazos naturais afectadas, con grave risco para a flora e a fauna do ecosistema e a saúde dos veciños; algunhas casas atópanse a menos de 500 ou 1000 m dos aeroxeradores, segundo o caso, así como varias poboacións con efectos sinérxicos polo ruído de dous parques sen que sexa avaliado debidamente.

– A empresa solicitante pode non cumprir os requisitos necesarios para acreditar a capacidade legal e económica para desenvolver a actividade.

– A Xunta de Galicia debe aplicar a Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, e demais lexislación ambiental en primeiro lugar, e en detrimento do regulamento do Plan sectorial eólico de Galicia.

– O Plan sectorial eólico obvia o Decreto 297/2008, do 30 de decembro, polo que se aproba o Plan de xestión do lobo en Galicia.

– Solicita a inaplicación do Plan sectorial eólico de Galicia debido á súa ilegalidade e invalidez, ao abeiro da lexislación ambiental actual e con base no principio de xerarquía normativa e nulidade de pleno dereito das disposicións administrativas que vulneran normas de rango superior, como é o caso.

– Solicita a ineficacia da Resolución do 27 de abril de 2018, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, pola que se fai público o Acordo do 26 de abril de 2018, do Consello da Xunta de Galicia, polo que se declaran de interese especial varios proxectos de produción de enerxía eléctrica a partir de fontes renovables e as súas infraestruturas de evacuación asociadas (DOG núm. 94, do 18 de maio) e de cantos actos administrativos deriven da tramitación dos proxectos eólicos Bustelo, Campelo e Monte Toural.

– Solicita a nulidade de pleno dereito da declaración de impacto ambiental favorable do proxecto eólico Bustelo, por obviar e omitir a avaliación dos impactos do proxecto eólico Bustelo sobre o Lobo, ao abeiro do Convenio de Berna e o Plan galego de xestión da especie.

– O rexeitamento do proxecto eólico Bustelo, mentres non se actualice e revise o Plan sectorial eólico de Galicia e a inaplicación deste, que se converteu nunha norma inválida e, por tanto, inaplicable ao non incorporar nin integrar na súa planificación a actual normativa ambiental e paisaxística, incluído o Plan de xestión do lobo de Galicia do ano 2008.

– O Plan sectorial eólico converteuse, polo transcurso dos anos, nunha norma inválida, polo cal se debe revisar e proceder á súa actualización inmediata. A fragmentación do territorio que implica na práctica o Plan sectorial actual dá lugar a unha fragmentación do territorio, dos hábitats e das paisaxes que deberá ser obxecto de avaliación e estudo global, por non estar nin avaliada, nin valorada nin cualificada. Polo tanto, non se poden adoptar medidas ao respecto, co obxecto de eliminar ou minimizar os impactos negativos para as familias afectadas por proxectos como o proxecto eólico.

– Fragmentación de hábitats e perda de biodiversidade derivada dunha deficiente e obsoleta planificación sectorial eólica.

– A fragmentación fraudulenta dun parque de maior potencia e dimensión, motivo abondo polo que ten que ser revogada a declaración de impacto ambiental do proxecto do parque eólico.

– A revisión da declaración de impacto ambiental do proxecto do parque eólico por incorrer en nulidade de pleno dereito do artigo 47 e de anulabilidade do artigo 48 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, ao prescindiren total e absolutamente do procedemento establecido e por infracción normativa ao basearse nun plan sectorial eólico inválido e ilegal.

6. Durante a tramitación do procedemento, e de acordo co establecido nos artigos 127 e 131 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, a xefatura territorial remitiulles, para a emisión dos correspondentes condicionados técnicos, as separatas do proxecto de execución do parque eólico aos seguintes organismos e empresas de servizo público: Cellnex Telecom, S.A., Retegal, Concello de Coristanco, Concello de Carballo, Consellería do Medio Rural, Deputación Provincial da Coruña, Augas de Galicia e Axencia para a Modernización Tecnolóxica.

7. O 14.9.2018, a xefatura territorial emitiu o informe sobre o proxecto. Coa mesma data, remitiu o expediente do parque eólico á Dirección Xeral de Enerxía e Minas (actualmente Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais) para continuar coa tramitación do procedemento.

8. O 7.2.2019, esta dirección xeral tomou razón do cambio de denominación social de Greenalia Power, S.L.U. a favor de Greenalia Wind Power, S.L.U.

9. O 25.4.2019, a Axencia Estatal de Seguridade Aérea autorizou as instalacións do parque eólico, establecendo o correspondente condicionado.

10. O 2.8.2019, o promotor presentou a documentación técnica actualizada coas modificacións introducidas no proxecto, derivadas dos informes emitidos polos diferentes organismos. Estas modificacións consisten, con carácter xeral, na eliminación da máquina AE05, no desprazamento das máquinas AE06 e AE08 cara ao sueste, no cambio do modelo do aeroxerador e no desprazamento do centro colector e da torre meteorolóxica, así como o necesario reaxuste na situación das cimentacións e das plataformas de montaxe, e no trazado dos vieiros e das gabias de cablaxe. Así mesmo, a potencia total instalada redúcese de 46,2 MW a 45 MW.

11. O 4.10.2019, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu, en relación co proxecto sectorial do parque eólico, un novo informe de acordo co establecido no artigo 33.5 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, na súa redacción vixente nese momento, en que se conclúe que as posicións dos 10 aeroxeradores seguen a cumprir a distancia mínima de 500 m regulada no punto 3.1 do Plan sectorial eólico de Galicia respecto das delimitacións dos núcleos rurais, solo urbano e solo urbanizable.

Así mesmo, no informe recóllese que, debido aos cambios incorporados ao proxecto, resultan preceptivos os mesmos informes sectoriais indicados no informe a que fai referencia o antecedente de feito segundo.

12. O 11.10.2019, a Dirección Xeral de Enerxía e Minas (actualmente Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais) remitiulles, para a emisión dos correspondentes condicionados técnicos, as novas separatas do proxecto de execución do parque eólico aos seguintes organismos e empresas de servicio público: Cellnex Telecom, S.A., Retegal, Concello de Coristanco, Concello de Carballo, Consellería do Medio Rural, Augas de Galicia e Axencia para a Modernización Tecnolóxica.

13. Durante o trámite de avaliación de impacto ambiental a que o proxecto foi sometido recibíronse informes dos seguintes organismos: Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, Dirección Xeral de Patrimonio Natural, Dirección Xeral de Saúde Publica, Instituto de Estudos do Territorio, Axencia de Turismo de Galicia, Augas de Galicia, Subdirección Xeral de Planificación e Protección Civil da Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, Concello de Coristanco e Concello de Carballo.

O 6.11.2020, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático formulou a declaración de impacto ambiental relativa ao parque eólico, que se fixo pública mediante o Anuncio do 9 de novembro de 2020 (DOG nº 238, do 25 de novembro).

14. O 4.2.2021, a xefatura territorial emitiu informe en relación co proxecto de execución do parque eólico.

15. O 21.4.2021, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais autorizou a transmisión de titularidade do parque eólico a favor de Greenalia Wind Power Bustelo, S.L.U.

16. O parque eólico conta cos permisos de acceso e conexión á rede de transporte para a potencia obxecto desta autorización, de acordo cos informes do xestor da dita rede do 3.4.2018 e do 4.7.2018.

17. No expediente instruído para o efecto cumpríronse os trámites de procedemento establecidos na Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, no Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, na Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, modificada pola Lei 4/2014, do 8 de maio, pola Lei 5/2017, do 19 de outubro, e pola Lei 9/2021, do 25 de febreiro, na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e demais normas vixentes de aplicación.

Santiago de Compostela, 28 de xuño de 2021

Paula Uría Traba
Directora xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais