Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 139 Xoves, 22 de xullo de 2021 Páx. 37546

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación

RESOLUCIÓN do 30 de xuño de 2021, da Xefatura Territorial de Pontevedra, de autorización administrativa previa, declaración, en concreto, de utilidade pública e a necesidade da urxente ocupación que leva implícita e de autorización administrativa de construción dunha instalación eléctrica no concello de Mos (expediente IN407A 2020/216-4).

Feitos:

Primeiro. O 26 de novembro de 2020, a empresa UFD Distribución Electricidad, S.A. solicitou a autorización administrativa previa, autorización administrativa de construción e declaración de utilidade pública da instalación eléctrica denominada substitución apoio na LMT ATI712 e instalación RC.

Examinado o proxecto de execución, conclúese que a instalación consiste en substituír o apoio existente HV-400/11 (A4SNNOMLX//D1-92-2) por un apoio C-2000/12 no circuíto aéreo da liña de media tensión ATI712, no tramo ATI7120556. As obras sitúanse no lugar da Rúa, na parroquia de Santa Eulalia, no concello de Mos (Pontevedra).

Segundo. O 16 de decembro de 2020, esta xefatura territorial solicitou o preceptivo informe ás distintas administracións, organismos ou, de ser o caso, empresas de servizos de interese xeral afectadas. Non se emitiron condicionados por parte dos organismos afectados.

Terceiro. Mediante escrito do 15 de decembro de 2020, esta xefatura territorial notificou a solicitude da autorización administrativa previa, a autorización administrativa de construción e a declaración de utilidade pública da instalación eléctrica referida ás persoas que figuran afectadas pola declaración de utilidade pública na relación de bens e dereitos achegada pola empresa promotora. Ademais, para aqueles casos en que non foi posible efectuar notificacións, o 15 de marzo de 2021 publicouse o correspondente anuncio no taboleiro de edictos único do Boletín Oficial del Estado co fin de realizar a notificación por comparecencia. Transcorrido o prazo establecido no dito anuncio non compareceu ningunha persoa interesada.

Cuarto. O proxecto someteuse ao trámite de información pública mediante Resolución do 15 de decembro de 2020 publicada nos seguintes medios:

DOG (Diario Oficial de Galicia): 12 de xaneiro de 2021.

BOPPO (Boletín Oficial da provincia de Pontevedra): 4 de xaneiro de 2021.

Xornal Faro de Vigo: 21 de decembro de 2020.

Taboleiro de anuncios do Concello de Mos desde o 16 de decembro de 2020 ao 28 de xaneiro de 2021 conforme o certificado expedido polo propio concello.

Quinto. Recibíronse as alegacións presentadas por Carmen Renda Carrera en que indica que a notificación viña dirixida a Carmen Renda García, e é o nome correcto da titular da propiedade Carmen Renda Carrera. Destaca que a instalación desta infraestrutura supón un perigo potencial para as persoas que desenvolven tarefas agrícolas na leira, de xeito destacado durante o uso de maquinaria. Ademais, alega que o aproveitamento da propiedade se ve limitado como consecuencia do paso desta instalación, e terá que respectar unha distancia, por exemplo, para a plantación de árbores froiteiras ou construcións. Así mesmo, expón que os traballos necesarios para esta instalación ocasionarían danos e perdas derivados da ocupación temporal do terreo para o desenvolvemento das actividades necesarias da instalación, explotación e mantemento de liña. Por último, declara que existe alternativa de paso por terreos de dominio público sen ter que facer uso de expropiación, e propón que podería levarse perfectamente soterrada polo camiño municipal desde o punto baixo ata o barrio superior onde se atopa o transformador, tal e como está desde este último cara arriba.

Sexto. As alegacións presentadas foron trasladadas á empresa promotora. A continuación resúmese a contestación de UFD Distribución Electricidad, S.A.:

En relación cos apelidos da alegante, UFD corrixiu a titularidade da parcela número 2 a nome de Carmen Renda Carrera na relación de bens e dereitos de afectados.

Declara que o obxecto do proxecto é mellorar a calidade de subministración eléctrica, para o cal se mellora a liña existente na zona substituíndo o apoio existente HV-400/11 por un apoio C-2000/12, ao substituír o van augas abaixo e ao retensar o van augas arriba. Polo tanto, afirma que non se causa máis afección á parcela da xa existente e ao non modificar a altura da liña non afecta as tarefas agrícolas.

Destaca que o apoio que se vai substituír se encontra no límite entre dúas parcelas con referencias catastrais 36033A0200001760000SL e 360033A0200001750000SP, e é a segunda a que nos ocupa e independente á parcela indicada con vivenda que linda con ela.

Ademais, destaca que como indica o artigo 162 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedemento de autorización de instalacións eléctricas, a servidume de paso de enerxía eléctrica non impide ao dono do predio servinte cercalo ou edificar sobre el, deixando a salvo a dita servidume, sempre que sexa autorizada pola Administración competente que tomará en especial consideración a normativa vixente en materia de seguridade, así mesmo entenderá que a servidume foi respectada cando o peche, plantación ou edificación construída polo propietario non afecte a propia servidume e a seguridade da instalación, persoas e bens. Neste caso trátase dunha liña aérea en que queda limitada a plantación de árbores e prohibida a construción de edificios e instalacións industriais na faixa definida pola proxección sobre o terreo dos condutores extremos nas condicións máis desfavorables, incrementada coas distancias regulamentarias a ambos lados desa proxección, estando a parcela xa sometida a esas limitacións xa que se mantén a servidume existente.

Por último, contesta que tal e como indica o artigo 158 do RD 1955/2000, efectivamente a servidume de paso aéreo permítelle á UFD o dereito de paso ou acceso para atender o establecemento, vixilancia, conservación, reparación da liña eléctrica e podas de árbores, algo que xa tiña dereito de facer pola servidume establecida.

Sétimo. Os servizos técnicos da Xefatura Territorial á vista da documentación contida no expediente emitiron informe favorable sobre a solicitude de autorización.

Consideracións legais e técnicas.

Primeiro. A Xefatura Territorial de Pontevedra é competente para resolver este expediente con fundamento no Decreto 230/2020, do 23 de decembro, da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación (DOG nº 5, do 11 de xaneiro de 2021), e no Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, da Consellería de Economía, Emprego e Industria, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG nº 22, do 1 de febreiro).

Segundo. A lexislación de aplicación a este expediente é:

Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.

Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.

Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia.

Lei do 16 de decembro de 1954, sobre expropiación forzosa.

Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

Real decreto lei 23/2020, do 23 de xuño, polo que se aproban medidas en materia de enerxía e noutros ámbitos para a reactivación económica.

Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09.

Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.

Decreto do 26 de abril de 1957 polo que se aproba o Regulamento da Lei de expropiación forzosa.

Terceiro. As características técnicas deste proxecto substitución apoio na LMT ATI712 e instalación RC, para o cal UFD Distribución Electricidad, S.A. solicita a autorización administrativa de construción, autorización administrativa de construción e declaración de utilidade pública, son:

Substitución do apoio HV-400/11 na LMT ATI712, tramo ATI7120556, por un apoio C-2000-12, no cal se instala un reconectador (RC). LMT aérea a 15 kV, con condutor LA-56, de 73 metros de lonxitude, con orixe no apoio proxectado C-2000-12 e final no apoio existente A4R8CUA7//C1-92-3.

As instalacións están situadas na Rúa, Santa Eulalia, no concello de Mos (Pontevedra).

Cuarto. Con respecto ás alegacións presentadas, visto o contido destas e as respostas do promotor, exponse o seguinte:

No que respecta ao apelido da titular da parcela número 2, cabe destacar que UFD xa procedeu ao cambio da relación de bens e dereitos afectados figurando Carmen Renda Carrera como titular da parcela.

En relación co perigo potencial para as persoas que desenvolvan tarefas agrícolas, no plano 5/6 do proxecto de execución presentado indícase que a distancia entre o condutor e o terreo é de 8,69 metros. Neste caso hai que ter en conta o que dispón a ITC-LAT 07 do RD 223/2008. O punto 5 desta ITC establece que a altura dos apoios será a necesaria para que os condutores queden situados por riba de calquera punto do terreo a unha altura mínima de Dadd + Del = 5,3 + Del en metros cun mínimo de 6 metros, porén en lugares de difícil acceso estas distancias poderán ser reducidas nun metro. Ademais a ITC tamén establece que cando as liñas atravesan explotacións gandeiras pechadas ou explotacións agrícolas a altura mínima será de 7 metros, co obxectivo de evitar accidentes por proxección de auga ou por circulación de maquinaria agrícola, camións e outros vehículos. Polo tanto, a distancia é suficiente segundo o establecido na normativa vixente.

No tocante á limitación do aproveitamento da propiedade, poderase poñer de manifesto esta circunstancia na presentación da folla de aprecio durante a fase de expropiación, momento no cal, o titular concretará o valor que estime como se indica no artigo 30 e seguintes da Lei do 16 de decembro de 1954 sobre a expropiación forzosa.

Por outra parte, no que atinxe á alternativa proposta, esta non está claramente formulada. Para que un trazado alternativo prospere téñense que dar todas as condicións establecidas no artigo 161 do RD 1995/2000, do 1 de decembro. É preciso neste sentido traer a colación a Sentenza 1819/2006, do 29 de novembro, ditada polo TSX de Galicia no Recurso 7206/2003, en cuxo fundamento cuarto di: «Ao considerar que á vista do exposto e do aclarado polo perito no momento da ratificación do seu informe, é complicado sinalar sen xénero de dúbidas, cal sería desde todos os intereses públicos e privados afectados o trazado preferible de entre os catro en presenza (o aprobado e as tres posibles variacións examinadas como factible tamén polo perito) pois para practicar a correspondente comparación tense que valorar o conxunto de circunstancias técnicas, económicas e de causación de prexuízos que existe en cada unha das opinións de referencia, e é certo que á Sala lle resulta dificil unha ou outra, xa que presentan todas vantaxes nuns dos aspectos e incovenientes noutros deles; pois, o que non cabe é miralos unicamente desde a prespectiva da conveniencia da parte aquí recorrente; xa que iso supoñería descoidar os demais intereses implicados en cada trazado; todo o cal ten que prever a Administracións cando aprobe unha das opcións; e neste caso, aceptou a proposta pola aquí codemandada; a cal, ao implicar unha substancial igualdade en consecuencias de conxunto –e non só ao mirar os intereses da aquí recorrente– coas demais opinións, debe ser respectada».

Conforme con todo o indicado,

RESOLVO:

Primeiro. Outorgarlle á empresa UFD Distribución Electricidad S.A. as autorizacións administrativas previa e de construción da instalación de distribución de enerxía eléctrica denominada substitución apoio na LMT ATI712 e instalación RC, cuxas características se axustarán en todas as súas partes ás que figuran no proxecto de execución, ás condicións técnicas e de seguridade establecidas nos regulamentos de aplicación e ás condición establecidas nos condicionados dos organismos que constan no expediente.

Segundo. Declarar a utilidade pública, en concreto, da citada instalación eléctrica, o que leva implícito a necesidade de ocupación dos bens ou de adquisición dos dereitos afectados e implica a urxente ocupación para os efectos do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

A empresa UFD Distribución Electricidad, S.A. asegurará o mantemento e a vixilancia correcta das instalacións durante a construción e despois da súa posta en servizo, co fin de garantir que en todo momento se manterán as condicións regulamentarias de seguridade. En todo momento deberanse cumprir as normas e directrices vixentes que resulten de aplicación, en particular, canto establece o Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09.

Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras da instalación autorizada.

Contra a presente resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante o vicepresidente segundo e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación da Xunta de Galicia, no prazo dun (1) mes, contado a partir do día seguinte ao da súa notificación ou publicación, de acordo co disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.

Pontevedra, 30 de xuño de 2021

Tomás Nogueiras Nieto
Xefe territorial de Pontevedra