Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 137 Martes, 20 de xullo de 2021 Páx. 37167

III. Outras disposicións

Consellería do Mar

ORDE do 13 de xullo de 2021 de incremento do crédito da Orde do 5 de xaneiro de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras xerais e a convocatoria para o ano 2021, para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de axudas a proxectos colectivos, financiados polo FEMP, para a conservación e restauración da biodiversidade e dos ecosistemas mariños no marco de actividades marisqueiras sustentables, tramitada como anticipado de gasto (código de procedemento PE209B).

Con data do 5 de febreiro de 2021 publicouse no Diario Oficial de Galicia a Orde do 5 de xaneiro de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras xerais e a convocatoria para o ano 2021, para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de axudas a proxectos colectivos, financiados polo FEMP, para a conservación e restauración da biodiversidade e dos ecosistemas mariños no marco de actividades marisqueiras sustentables, tramitada como anticipado de gasto.

O obxecto da orde de convocatoria que establece as bases de convocatoria consiste na elaboración e desenvolvemento de proxectos que teñan por obxecto recuperar hábitats mariños e costeiros en favor de poboacións de especies de interese marisqueiro ou que contribúan a unha mellor xestión ou conservación dos recursos biolóxicos mariños, incluíndo actividades destinadas á redución da contaminación física e química, medidas de conservación positivas cuxo obxectivo sexa protexer e conservar a flora e a fauna, incluída a repoboación ou reintrodución de especies autóctonas, actuacións destinadas a previr, controlar ou eliminar especies exóticas invasoras que poñan en perigo a conservación destes hábitats e especies, e que se centren en hábitats costeiros de importancia para reprodución dos organismos mariños.

As axudas previstas na orde de convocatoria concédense con cargo á aplicación orzamentaria 15.03.723A.770.1, código de proxecto 2016 00293, dotada con fondos do FEMP (Prioridade 1. Fomentar unha pesca sustentable, OE1.b), medida 1.2.1).

O artigo 3.4 das bases reguladoras establece que os importes consignados, así como as aplicacións a que se imputen, poderán ser ampliados en función das dispoñibilidades orzamentarias, sen que iso dea lugar á apertura de novo prazo de presentación de solicitudes.

Debido a que o crédito previsto na citada orde non resulta suficiente para atender todas as solicitudes cuxo obxecto é susceptible de subvención e consonte o disposto no artigo 30.2.b) do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, poderase prever a posibilidade de ampliar o crédito cando o aumento veña derivado, entre outros, da existencia de remanentes doutras convocatorias con cargo a crédito doutro programa do mesmo servizo, polo que se considera oportuno incrementar o dito crédito co obxecto de contribuír ao logro do obxectivo específico de protección e recuperación da biodiversidade e os ecosistemas acuáticos, dentro do programa operativo FEMP 2014-2020.

Por todo o antedito, facendo uso das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo único. Incremento de crédito

Increméntase o crédito destinado ao financiamento das axudas previstas na Orde do 5 de xaneiro de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras xerais e a convocatoria para o ano 2021, para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de axudas a proxectos colectivos, financiados polo FEMP, para a conservación e restauración da biodiversidade e dos ecosistemas mariños no marco de actividades marisqueiras sustentables, tramitada como anticipado de gasto.

O importe total do incremento de crédito é de 312.000,00 € para a anualidade 2021, consignada na aplicación orzamentaria 15.03.723A.770.1, código de proxecto 2016 00293, quedando o crédito destinado a estas axudas por importe máximo total de 1.312.000 €, coa seguinte distribución:

– Anualidade 2021: 812.000,00 €.

– Anualidade 2022: 500.000,00 €.

As porcentaxes de cofinanciamento das axudas son do 75 % con fondos FEMP e o 25 % pola Comunidade Autónoma.

En todo caso, a concesión das axudas estará limitada ás dispoñibilidades orzamentarias.

A publicación desta orde non supón apertura dun novo prazo de presentación de solicitudes.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta orde producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 13 de xullo de 2021

Rosa María Quintana Carballo
Conselleira do Mar