Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 128 Mércores, 7 de xullo de 2021 Páx. 34695

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Universidade

EXTRACTO da Orde de 23 de xuño de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións a institucións sen fin de lucro e entidades locais galegas, destinadas ao financiamento de gastos correntes derivados da realización de festivais, feiras, mostras, ciclos e certames de artes escénicas e musicais de carácter afeccionado, e se convocan para o ano 2021 (código de procedemento CT215A).

BDNS (Identif.): 573459.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións
(http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Entidades beneficiarias

Poderán ser beneficiarias das subvencións previstas nesta convocatoria as seguintes entidades:

a) Institucións sen ánimo de lucro.

b) Entidades locais.

As axudas, no ámbito das entidades locais, están dirixidas a concellos de Galicia, mediante solicitude individual ou mediante xestión compartida, a través da solicitude conxunta de agrupación ou asociación de concellos, as mancomunidades de concellos e consorcios locais de Galicia constituídos exclusivamente por concellos; así mesmo, poderán ser beneficiarias as entidades resultantes dunha fusión municipal.

Quedan excluídas do ámbito de aplicación desta convocatoria as deputacións provinciais.

Segundo. Obxecto e finalidade

Esta orde ten como obxecto o establecemento das bases reguladoras e a convocatoria, en réxime de concorrencia competitiva, das subvencións destinadas a financiar os gastos correntes derivados da realización de festivais, feiras, mostras, ciclos e certames de artes escénicas e musicais de carácter afeccionado para o ano 2021, de acordo co establecido nesta orde.

Estas axudas contribúen á promoción e cooperación cultural, á difusión e animación sociocultural e, en definitiva, á promoción da cultura en Galicia, por considerar que as artes escénicas e musicais son elementos claves da creatividade artística e da dinamización cultural da nosa comunidade autónoma.

Terceiro. Bases reguladoras

Orde de 23 de xuño de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións a institucións sen fin de lucro e entidades locais galegas, destinadas ao financiamento de gastos correntes derivados da realización de festivais, feiras, mostras, ciclos e certames de artes escénicas e musicais de carácter afeccionado, e se convocan para o ano 2021 (código de procedemento CT215A)

Cuarto. Importe

As subvencións reguladas nesta orde concederanse con cargo ás seguintes aplicacións orzamentarias dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 2021: 10.40.432B.481.2, por un importe inicial máximo de 30.000 €, para os solicitantes dentro do grupo de institucións sen fin de lucro, e 10.40.432B.460.0, por un importe inicial máximo de 20.000 €, para o grupo de solicitantes de entidades locais.

A axuda máxima por beneficiario que concederá a Consellería será de 6.000 €, que en ningún caso poderá exceder o 70 % do orzamento total do proxecto que se vai realizar. Este importe de 6.000 € ascenderá a 7.500 € cando se trate de solicitudes conxuntas de entidades locais, é dicir, solicitudes presentadas conxuntamente por máis dunha entidade local de acordo co establecido no artigo 3 desta orde.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

As entidades solicitantes relacionadas no artigo 3 da orde de convocatoria que desexen acollerse a estas axudas deberán presentar a correspondente solicitude no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes. En todo caso, sempre estarán excluídos do cómputo os sábados, domingos e os declarados festivos.

Santiago de Compostela, 23 de xuño de 2021

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade
P.D. (Orde do 9.2.2021)
Manuel Vila López
Secretario xeral técnico da Consellería de Cultura,
Educación e Universidade