Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 125 Venres, 2 de xullo de 2021 Páx. 33879

III. Outras disposicións

Axencia Galega de Innovación

RESOLUCIÓN do 28 de xuño de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva das axudas ao deseño, para a mellora da capacidade de innovación e sustentabilidade das empresas en Galicia, a través do impulso da xestión do deseño estratéxico de produtos, servizos, experiencias e marcas e identidades corporativas, enmarcados en prioridades estratéxicas da RIS3 e se procede á súa convocatoria para o ano 2021 (Programa DeseñaPeme) (código de procedemento IN848E).

O Estatuto de autonomía de Galicia recolle no seu artigo 27.19 que lle corresponde á Comunidade Autónoma galega a competencia do fomento da cultura e da investigación en Galicia, sen prexuízo do establecido no artigo 149.2 da Constitución.

A Lei 5/2013, do 30 de maio, de fomento da investigación e da innovación de Galicia, no seu artigo 1, establece como obxectivo xeral o fomento da investigación científica e a innovación tecnolóxica para promover o desenvolvemento económico, social e produtivo de Galicia. Esta lei, no seu capítulo III, crea o Plan galego de investigación e innovación como unha ferramenta encamiñada ao logro deste obxectivo, atribuíndolle no seu artigo 15.3 a consideración de plan estratéxico de subvencións, para os efectos do establecido no artigo 5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

O Decreto 50/2012, do 12 de xaneiro, polo que se crea a Axencia Galega de Innovación e se aproban os seus estatutos, establece que a Axencia Galega de Innovación ten como finalidade fomentar e vertebrar as políticas de innovación tecnolóxica dentro da Administración galega e o apoio e impulso do crecemento e da competitividade das empresas galegas a través da implementación de tecnoloxías e programas de innovación eficientes.

A Estratexia de especialización intelixente de Galicia 2014-2020 (RIS3 Galicia), que foi aprobada polo Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do 7 de novembro de 2013, define o marco para as políticas de investigación e innovación en Galicia e supedita as prioridades de investimento a tres retos. Cada un destes retos ten asociadas unha serie de prioridades e liñas de acción específicas, aliñadas cos obxectivos e principais programas de innovación nacionais e europeos.

A Comisión Europea define a estratexia Europa 2020 para o crecemento intelixente, sustentable e integrador e invita os gobernos dos estados membros a que inclúan iniciativas para impulsar e apoiar o emprendemento innovador, a innovación empresarial, a cultura innovadora a todos os niveis e o deseño como vehículo de transformación de ideas ao mercado. O deseño, unido á ciencia e á tecnoloxía, axuda na transformación dese coñecemento en produto e actúa como «unha disciplina clave para levar as ideas ao mercado, transformándoas en produtos ou servizos atractivos e fáciles de usar» (Innovation Union, Europe 2020 Flagship Initiative).

Por iso, desde 2018, baseándose no informe elaborado pola Comisión Europea «The Action Plan for Design Driven Innovation 2013» a Xunta de Galicia está a facer unha aposta firme de impulso a través do Programa de deseño para a innovación (aprobado no Consello da Xunta do 21 de xuño de 2018) para difundir, divulgar e apoiar a empresas e entidades en como o deseño pode axudar á I+D+i, ao impulso da competitividade e a reducir os prazos da transferencia ao mercado. Pero faise necesario seguir impulsando este cambio na sistemática das empresas con novas medidas e iniciativas.

Desgraciadamente, prevalece na nosa contorna unha concepción e unha visión errónea e redutiva do deseño, que o considera unha disciplina artística cuxo único propósito é o de engadir estética ou estilo ao produto industrial ou á comunicación empresarial. Queremos axudar ás pemes galegas, da man de profesionais e axentes do deseño galego, a introducir o deseño nos seus modelos de negocio empresariais de maneira estratéxica. Cos deseñadores/as queremos contribuír a proxectar o carácter multidisciplinar do deseño e a súa importancia para a competitividade e a innovación das nosas empresas, e traballar co fin de reforzar aínda máis Galicia e a súa industria, a súa economía e o futuro do seu tecido empresarial.

A innovación, xunto co deseño como forza impulsora, permite lanzar unha economía xeradora de bens e servizos de alto valor engadido e unha xestión eficaz das súas cadeas de valor cun maior acceso aos mercados en todo o mundo.

No presente son moitos os casos, de pemes e grandes empresas galegas, que xa apostan polo deseño para a innovación como motor de competitividade e creceron grazas á súa aposta estratéxica ao longo da nosa historia.

Pero o reto é que sexan moitos máis, e que se focalice a implementación nas pemes galegas. Que se realice unha construción dun ecosistema galego de deseño e innovación, sólido e sustentable no tempo para a difusión da importancia do deseño nas pemes, e en definitiva, a promoción do binomio deseño e innovación en todos os sectores industriais e empresariais galegos, a través dos seus axentes protagonistas.

A abundante e ampla oferta de axentes tecnolóxicos presente no ecosistema galego de innovación non impide que, ao mesmo tempo, exista unha baixa taxa de absorción, por parte das pequenas e medianas empresas da I+D+i xerada en Galicia, especialmente naquelas pemes non tecnolóxicas pertencentes a sectores tradicionais. O sector do deseño galego, polo tanto, está chamado a xogar un rol clave neste proceso, a unión do deseño e a innovación mediante a construción dun ecosistema sólido de axentes impulsores posibilitará que a transformación ecolóxica e dixital sexa máis accesible e sustentable no tempo.

Ademais neste momento tan complexo que nos toca vivir hai dúas palabras que se repiten continuamente: cambio e incerteza. Ambas están a marcar a nosa existencia en todos os ámbitos e, por suposto, tamén condicionan, de xeito determinante, a actividade económica. No contexto actual aparecen catro áreas críticas nas que o deseño pode e debe xogar un papel fundamental, complementario ao avance tecnolóxico: o reto climático e de sustentabilidade, a transformación dixital, a competitividade industrial e o benestar social.

O reto climático é, sen dúbida, un dos grandes desafíos da nosa xeración e deste século. O deseño circular toma unha gran relevancia no contexto actual. Xa non falamos só de ecodeseño de produtos, senón de todo un movemento creativo ao redor da sustentabilidade. Por tanto, as persoas e o planeta teñen que estar no centro das nosas prioridades. Unha economía circular baséase precisamente no deseño, en deseñar estratexicamente para reducir a xeración de residuos e de contaminación nos procesos e manter dentro dun mesmo ciclo (circular) os materiais e os produtos en uso, este modelo é unha aposta clave para os negocios empresariais actuais. Trátase de producir e consumir de forma máis responsable e eficiente, e minimizar a utilización de materias primas e enerxía, en liña da Axenda 2030 sobre o desenvolvemento sostible.

A revolución dixital é outra das grandes transformacións na que estamos inmersos. Neste gran cambio social das últimas décadas, o deseño amosou de maneira patente todo o seu potencial, achegando as súas metodoloxías para a concepción de interfaces e de sistemas e contribuíndo a que os desenvolvementos de tecnoloxías da información se orientase aos usuarios e ás persoas e non á tecnoloxía en si mesma. Ademais a pandemia escalou o uso das novas tecnoloxías, e non podemos perder de vista a necesaria humanización destas, contribución fundamental desde o deseño.

A través destas axudas queremos que as pemes implanten un método para a xestión estratéxica do deseño de produtos e servizos como unha parte máis da xestión empresarial, co fin de asegurar un maior grao de eficacia para as empresas na súa relación co mercado, e dotar a esta de maiores trazos de innovación, sustentabilidade, diferenciación e adaptación ao usuario. Tamén o uso de metodoloxías que favorecen a xestión da identidade e as marcas das empresas, entre as que o adecuado uso do deseño cobra importancia, debido a que contribúe a que os públicos obxectivos visualicen e perciban adecuadamente os valores e as estratexias de posicionamento e comunicación en que aquelas, a identidade corporativa e as marcas, se asentan.

Ademais, para abordar estes obxectivos, cómpre poñer en valor un sector de servizos avanzados no ámbito da xestión do deseño estratéxico en Galicia.

O procedemento de concesión destas axudas tramitarase en réxime de concorrencia competitiva e as axudas concedidas no marco da presente resolución axustaranse ao establecido no Regulamento (UE) nº 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño de 2014, polo que se declaran determinadas categorías de axudas compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do tratado, publicado no Diario Oficial da Unión Europea (DOUE) núm. 187, do 26 de xuño de 2014 (en diante, Regulamento (UE) nº 651/2014).

Consecuentemente con todo o anterior, a directora da Axencia Galega de Innovación, en exercicio das facultades que lle confire o artigo 17.3 do Decreto 50/2012, do 12 de xaneiro, polo que se crea a Axencia Galega de Innovación,

DISPÓN:

Artigo 1. Convocatoria e bases reguladoras

1. Esta resolución ten por obxecto aprobar as bases polas que se rexerá a concesión das axudas da Axencia Galega de Innovación dirixidas ás microempresas, pequenas e medianas empresas, destinadas ao financiamento de actividades de deseño, para a mellora das capacidades de innovación e sustentabilidade das empresas en Galicia, a través do impulso da xestión do deseño estratéxico de produtos, servizos e marcas e identidades corporativas, aliñados coas prioridades establecidas na RIS3 para Galicia (Programa DeseñaPeme). Código de procedemento IN848E.

2. O obxectivo destas é incorporar o deseño estratéxico nas pemes beneficiarias, é dicir, os seus procesos e o pensamento creativo propio do deseño, na xestión do negocio. Esta convocatoria de axudas será unha ferramenta para facilitar o obxectivo de mellorar a posición das empresas, e fomentar entre elas a adopción do deseño no marco empresarial como un valor estratéxico, que proporciona innovación aos produtos e aos servizos, aos soportes en que estes se presentan ao mercado, e que contribúe a fixar unha imaxe das empresas diferenciada e moderna, nun contorno cada vez máis competitivo e globalizado.

Nestas axudas diferéncianse tres ámbitos do deseño segundo o tipo de proxecto a poñer en marcha nas empresas beneficiarias:

1.1. Deseño de produto.

1.2. Deseño de servizos/experiencias.

1.3. Deseño de marca e identidade corporativa.

As axudas relativas aos puntos 1.1 e 1.2 teñen como obxectivo que as pemes implanten un método para a xestión do deseño de novos produtos, servizos e experiencias como unha parte máis da xestión empresarial, co fin de garantir un maior grao de eficacia para as empresas na súa relación co mercado, e dotar a esta de maiores trazos de innovación, sustentabilidade, diferenciación e adaptación ao usuario.

A axuda relativa ao punto 1.3, ten como obxectivo que as pemes implanten o uso de metodoloxías que favorecen a xestión da identidade e as marcas das empresas, entre as que o adecuado uso do deseño cobra importancia, debido a que contribúe a que o público obxectivo recoñeza adecuadamente ás empresas, os seus valores e as súas estratexias de posicionamento e comunicación sobre as que a identidade corporativa e as marcas se constrúen.

No artigo 5 seguinte inclúese o detalle dos requisitos que deberán cumprir os proxectos en cada un dos ámbitos de deseño.

3. Así mesmo, por medio desta resolución, convócanse as devanditas axudas para o ano 2021 en réxime de concorrencia competitiva (código procedemento IN848E), que se axustan ás axudas concedidas no marco da presente resolución ao establecido no Regulamento (UE) nº 651/2014.

Artigo 2. Definicións

1. Empresa: segundo o artigo 1 do anexo I do Regulamento (UE) nº 651/2014, considerarase empresa toda entidade, independentemente da súa forma xurídica, que exerza unha actividade económica. En particular, consideraranse empresas as entidades que exerzan unha actividade artesanal ou outras actividades a título individual ou familiar, así como as sociedades de persoas e as asociacións que exerzan unha actividade económica de forma regular.

2. Microempresa, pequena e mediana empresa: segundo o artigo 2 do anexo I do Regulamento (UE) nº 651/2014, consideraranse pemes as empresas que ocupan a menos de 250 persoas e o seu volume de negocio anual non excede de 50 millóns de euros ou o seu balance xeral non excede de 43 millóns de euros. Dentro das pemes, considerarase pequena empresa aquela que ocupa menos de 50 persoas e o seu volume de negocio anual ou balance xeral anual non supera os 10 millóns de euros; e microempresa, aquela que ocupa menos de 10 persoas e o seu volume de negocio anual ou balance xeral anual non supera os 2 millóns de euros.

Para o calculo destes efectivos deberán contemplarse as indicacións incluídas nos artigos 3, 4, 5 e 6 do citado anexo I do Regulamento (UE) nº 651/2014.

3. Empresa en crise: a que así se defina consonte o previsto no artigo 2.18 do Regulamento (UE) nº 651/2014 e as directrices comunitarias sobre axudas estatais de salvamento e de reestruturación de empresas en crise, DOUE C 249 de 31.7.2014, ou documento que o substitúa.

4. Entidade vinculada: son empresas vinculadas segundo o artigo 3.3 do anexo I do Regulamento (UE) nº 651/2014 aquelas empresas entre as cales existe algunha das seguintes relacións:

a) Unha empresa posúe a maioría dos dereitos de voto dos accionistas ou socios da outra empresa.

b) Unha empresa ten dereito a nomear ou revogar a maioría dos membros do órgano de administración, dirección ou control da outra empresa.

c) Unha empresa ten dereito a exercer unha influencia dominante sobre outra, en virtude dun contrato celebrado con ela ou dunha cláusula estatutaria da segunda empresa.

d) Unha empresa, accionista ou asociada a outra, controla soa, en virtude dun acordo celebrado con outros accionistas ou socios da segunda empresa, a maioría dos dereitos de voto dos seus accionistas ou socios.

Tamén se considerarán empresas vinculadas as que manteñan algunha das devanditas relacións a través dunha persoa física ou un grupo de persoas físicas que actúen de común acordo, se as devanditas empresas exercen a súa actividade ou parte desta no mesmo mercado de referencia ou en mercados contiguos, considerándose mercado contiguo o mercado dun produto ou servizo situado nunha posición inmediatamente anterior ou posterior á do mercado en cuestión.

5. Iniciativa empresarial emprendedora: empresa xa constituída que non supere a antigüidade máxima de 42 meses na data de presentación da solicitude, consonte o establecido no artigo 5 da Lei 9/2013, do 19 de decembro, do emprendemento e da competitividade económica de Galicia.

6. Reto estratéxico: sintetiza o conxunto de prioridades tecnolóxicas e de innovación da estratexia RIS3 de Galicia, baseadas tanto en actividades existentes como en oportunidades de futuro. Os retos estratéxicos son:

Reto 1: xestión innovadora de recursos naturais e culturais. Modernización dos sectores tradicionais galegos a través da introdución de innovacións que incidan no melloramento da eficiencia e rendemento no uso dos recursos endóxenos e a súa reorientación cara a usos alternativos con maior valor engadido en actividades enerxéticas, acuícolas, farmacolóxicas, cosméticas, alimentarias e culturais.

Reto 2: o modelo industrial da Galicia do futuro. Aumentar a intensidade tecnolóxica da estrutura industrial de Galicia, a través da hibridación e as tecnoloxías facilitadoras esenciais.

Reto 3: novo modelo de vida saudable baseado no envellecemento activo. Posicionar a Galicia para o ano 2020 como a rexión líder no sur de Europa na oferta de servizos e produtos intensivos en coñecemento relacionados cun modelo de vida saudable: envellecemento activo, a aplicación terapéutica de recursos hídricos e mariños e a nutrición funcional.

7. Deseño: o deseño é un proceso centrado no usuario para a resolución de problemas e a exploración de oportunidades que impulsa a innovación non tecnolóxica, que proporciona metodoloxías e ferramentas que poden ser utilizadas en diferentes fases do proceso de innovación para incrementar o valor de novos sistemas de produtos e servizos. O seu uso sistemático como ferramenta de innovación impulsada polo mercado e centrada no usuario, complementa a innovación tecnolóxica e reforza a competitividade. Integrado a un nivel estratéxico na empresa, fortalece a súa marca e o seu posicionamento diferenciado, e crea unha vantaxe sustentable no tempo.

8. Deseño estratéxico: esta disciplina do deseño incorpora deseño, procesos e pensamento de deseño na propia xestión do negocio; o deseño traballa ao servizo da empresa para repensar o concepto de negocio, para crear novos escenarios e visións, para ser unha das forzas estratéxicas que xeren produtos, servizos, interaccións e novos modelos de negocio innovadores.

9. Deseño de produto: enténdese por deseño de novo produto a concepción e desenvolvemento de produtos que se perciban no mercado como novos ou, no caso de redeseño de produtos xa existentes, que se aprecie unha mellora substancial.

10. Deseño de servizos/experiencias: é a actividade de planificar e organizar persoas, infraestrutura, comunicación e materiais que compoñen un servizo, para mellorar a súa calidade, a interacción entre o provedor e as persoas usuarias e as súas experiencias. O deseño de servizos permite deseñar experiencias memorables para as persoas usuarias, crear novos vínculos entre os diferentes axentes do proceso e potenciar as súas capacidades de acción e interacción. Esta disciplina xorde debido a que hai un cambio dunha sociedade industrial a unha sociedade de servizos e provoca que os deseñadores/as deban agora resolver tamén a ergonomía tanto dos produtos como dos servizos e esa é unha tarefa en ocasións altamente complexa.

11. Deseño de identidade corporativa: a identidade corporativa encárgase de definir e concretar unha personalidade para a corporación ou entidade para a que se deseña. Nela estará reflectido todo o que a representa, e tamén o que diferencia á empresa ou a organización doutras. Ademais, o deseño da identidade corporativa tamén se encarga do desenvolvemento da promoción dos produtos e servizos da compañía.

Artigo 3. Financiamento

1. As subvencións imputaranse ao capítulo VII do orzamento da Axencia Galega de Innovación á aplicación orzamentaria que se indica neste artigo, nas que existe crédito axeitado e suficiente nos orzamentos da Comunidade Autónoma galega, sen prexuízo de ulteriores variacións producidas como consecuencia da existencia dunha maior dispoñibilidade orzamentaria segundo o disposto no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, o que poderá dar lugar á concesión de máis subvencións de acordo coa orde de prelación de solicitudes que resulte da aplicación dos criterios de valoración.

Procedemento IN848E

Beneficiarios

Aplicación

2021

2022

Total

Pemes

06.A2.561A.770.0

600.000 €

900.000 €

1.500.000 €

2. A distribución de fondos establecida para cada anualidade, na aplicación orzamentaria sinalada, é unha previsión que deberá axustarse tras a valoración das solicitudes de axuda, sen incrementar o crédito total.

Artigo 4. Beneficiarios

1. Poderán ser beneficiarias destas axudas as microempresas, pequenas e medianas empresas, conforme as definicións contidas no artigo 2, con domicilio social ou un centro de traballo en Galicia, onde deberán desenvolver as actividades para as que se solicitan a axuda.

2. Os beneficiarios das axudas deberán contar con capacidade administrativa, financeira e operativa suficiente para a execución da axuda que se lles conceda, cuxas condicións se determinarán no documento que establece as condicións da axuda (DECA), conforme o disposto no artigo 20 da presente resolución.

3. Non poderán adquirir a condición de beneficiarios destas axudas:

a) As microempresas, pequenas e medianas empresas incluídas nalgunha das seguintes rúbricas da Clasificación nacional de actividades económicas-CNAE-2009:

– Sección J: información e comunicacións: quedan excluídas como beneficiarias as empresas das divisións 61: Telecomunicacións; 62: Programación, consultaría e outras actividades relacionadas coa informática; e 63: Servizos de información.

b) As asociacións, as fundacións e, en xeral, as entidades sen ánimo de lucro.

c) As entidades e sociedades públicas con personalidade xurídica propia vinculadas ou dependentes das administracións públicas, así como aquelas pertencentes á administración institucional, calquera que sexa a administración na que se integren.

d) Calquera ente, organismo ou entidade con personalidade xurídica propia, que se creasen especificamente para satisfacer necesidades de interese xeral que non teñan carácter industrial ou mercantil, sempre que un ou varios suxeitos pertencentes ao sector público financien maioritariamente a súa actividade, controlen a súa xestión, ou nomeen a máis da metade dos membros do seu órgano de administración, dirección ou vixilancia, de acordo co establecido no artigo 3.1 da Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público.

e) As microempresas, pequenas e medianas empresas en crise conforme a definición contida no artigo 2.

f) As microempresas, pequenas e medianas empresas que están suxeitas a unha orde de recuperación pendente tras unha decisión previa da Comisión Europea declarase unha axuda ilegal e incompatible co mercado común.

g) As microempresas, pequenas e medianas empresas nas que concorra algunha das prohibicións recollidas no artigo 10 da Lei 9/2007.

Artigo 5. Actividades subvencionables

1. Serán actividades subvencionables, aquelas incluídas no Proxecto de deseño para a innovación e sustentabilidade que deberá reunircomo mínimoas seguintes características:

a) Introduciranse un conxunto de actividades que constitúan un conxunto completo e homoxéneo de fases que permita implementar ou incrementar as capacidades de deseño da empresa solicitante.

b) As fases, coas súas actividades correspondentes, incluídas no Proxecto de deseño para a innovación e sustentabilidade relativas a cada un dos ámbitos de deseño obxecto desta convocatoria, deben implicar o desenvolvemento das opcións desagregadas, tal e como se describe a continuación:

b.1) Deseño de produto.

Concepción e desenvolvemento de produtos, que se perciban no mercado como novos ou, no caso de redeseño dos xa existentes, que se aprecie unha mellora substancial. Os proxectos que se presenten nesta liña deberán expoñer o deseño ou redeseño dun só produto ou dunha soa gama concreta de produto.

Para isto as actividades subvencionables de cada unha das fases do proxecto de deseño deberán incluír:

Fase I: Análise, estratexia e conceptualización.

Esta fase ten como obxectivo a análise do contexto do proxecto, a definición de claves para o deseño e a materialización de solucións en forma de conceptos visuais. Esta fase deberá comprende como mínimo as seguintes actividades:

1.1. Análise da organización interna da empresa e do deseño das súas estratexias, posicionamentos e carteira de produtos, nos seguintes ámbitos:

Produto: produtos de referencia, produtos sustitutivos, competencia, análise de valor.

Tecnolóxico: definición de condicionantes técnicos, funcionais e dimensionais.

Económico-produtivo: canal comercial, punto de venda, materiais e procesos. Custo obxectivo e inversións.

Usuario-cliente: definición e priorización de targets, factores de valor, ergonomía aplicable e entorno de uso.

1.2. Briefing: Resumen do posicionamento, insights e keys de deseño. Obxectivos e especificacións de deseño.

1.3. Conceptualización-brainstorming: conceptos e estilo do produto en base a solucións asociadas a obxectivos; presentación de conceptos de produto-estilo asociado a unha aproximación a custos e inversións; selección final.

Fase II: Deseño de detalle e desenvolvemento.

Esta fase ten como obxectivo definir integramente o deseño a partir do concepto seleccionado na fase I, así como da súa arquitectura xeral e despezamento, tanto desde o punto de vista estético, funcional, técnico/produtivo como económico. Esta fase deberá comprender como mínimo as seguintes actividades:

2.1. Deseño de detalle:

2.1.1. Deseño funcional e dimensional do produto: análise de todos os usos para garantir o correcto funcionamento e a interacción co usuario. Definición da arquitectura de produto e despezamento.

2.1.2. Selección de materiais, procesos e compoñentes.

2.1.3. Refinamento estético (axuste de proporcións e encontros entre os diferentes compoñentes).

2.1.4. Deseño de gráfica aplicada. Selección de acabados. Integración da marca.

2.2. Desenvolvemento:

2.2.1. Definición técnica dos diferentes compoñentes (adecuación a cada proceso produtivo e optimización da montaxe e transporte).

2.2.2. Desenvolvemento dos diferentes sistemas e mecanismos; modelado 3D das pezas e xeración de planos para produción.

Fase III: Preindustrialización.

Esta fase ten como obxectivo integrar todas as melloras necesarias nas diferentes pezas e compoñentes do produto. Elaborarase o material necesario para a contratación de útiles ou moldes de fabricación e a produción dos diferentes compoñentes para a súa produción seriada.

Esta fase deberá comprender como mínimo as seguintes actividades:

3.1. Análise de secuencia de ensamblaxe e puntos críticos de axuste.

3.2. Deseño e modelado 3D de pezas para produción.

3.3. Solucións para mantemento e reparación.

3.4. Especificacións de montaxe.

Nos proxectos de deseño de produto que se presenten a esta convocatoria, tamén se poderán contemplar outras disciplinas do deseño que se interrelacionan para a consecución do resultado final de dito proxecto, son as seguintes:

• Deseño circular: mediante esta liña de subvención, preténdese impulsar o deseño circular de cara a conseguir novos produtos sustentables. Esta convocatoria pretende poñer en marcha novas solucións sustentables para contribuír á transición ecolóxica mediante o deseño de novos produtos.

• Deseño dixital: nos casos nos que o deseño do produto supoña o desenvolvemento de deseños dixitais, poderán ser incluídos como actividade subvencionable sempre que estean asociados ao novo produto.

• Deseño de identidade de produto: os proxectos poderán incluír elementos de identidade gráfica, envase, embalaxe e comunicación sempre que estean asociados ao novo produto.

b.2) Deseño de servizos e experiencias.

Concepción e desenvolvemento de servizos e experiencias, que se perciban no mercado como novos ou, no caso de redeseño dos xa existentes, que se aprecie unha mellora substancial.

Para iso as actividades subvencionables de cada unha das fases do proxecto de deseño deberán incluír:

Fase I: Análise, estratexia e conceptualización.

Análise da organización interna da empresa e do deseño das súas estratexias, posicionamentos e carteira de servizos e a súa interrelacción. Nesta fase analizarase o contexto do proxecto de deseño, estableceranse as claves do deseño e as solucións materializaranse en forma de concepto.

Fase II: Deseño de detalle e desenvolvemento.

Procedementos para a execución do deseño do servizo seleccionado e prototipos do novo deseño, para iso cómpre definir integramente o deseño partindo do concepto seleccionado na fase I, así como a súa arquitectura xeral, desde o punto de vista estético, funcional, técnico/produtivo e económico.

Nos proxectos de deseño de servizos e experiencias que se presenten a esta convocatoria, tamén se poderán considerar outras disciplinas do deseño que se interrelacionan para a consecución do resultado final do dito proxecto, son as seguintes:

• Deseño dixital: nos casos nos que o deseño do servizo supoña o desenvolvemento de deseños dixitais, poderán ser incluídos como actividade subvencionable sempre que estean asociados ao novo servizo.

• Deseño de identidade de servizo: os proxectos poderán incluír elementos de identidade gráfica e comunicación sempre que estean asociados ao novo servizo.

b.3) Deseño de marca e identidade corporativa.

Este ámbito do deseño ten como obxectivo formular a identidade corporativa e marca das empresas e a súa interrelación cos seus produtos e servizos e do deseño como parte significativa delas.

Para elo as actividades subvencionables de cada unha das fases do proxecto de deseño deberán incluír:

Fase I: Análise, estratexia e conceptualización.

1.1. Análise interna e externa.

Esta análise ten como obxectivo a valoración xeral da situación en canto á identidade da empresa, da súa marca ou marcas, os seus produtos, servizos e dos seus soportes e métodos de comunicación e a súa relación, así como a valoración de como todo iso é percibido polo usuario/cliente. Para iso, realizarase unha análise en profundidade da:

– Estratexia da empresa; sector; posicionamento; unidades de negocio, segmentos de mercado; carteira de produtos e servizos.

– Estrutura de marcas, a forza e a potencialidade das mesmas e públicos clave.

– Plans e actuacións internas e externas de comunicación, os elementos utilizados ou a través dos que se proxecta a dita comunicación (oficinas, fachadas, rótulos, vehículos, catálogos, folletos, manuais técnicos, envases e envoltorios dos produtos, etiquetas, papelería, internet, etc.), os procedementos de relación externa (protocolos de atención ao cliente e/ou servizo postventa, relacións públicas).

1.2. Proposta de deseño conceptual da identidade corporativa.

Proposta de deseño de identidade coherente e realista para a empresa nos seus diferentes niveis (empresa, marca e produto/servizo) e elementos de actuación, que persiga a eficacia ante os seus diferentes públicos clave.

Fase II: Deseño de detalle e desenvolvemento.

O prego de especificacións deberá de incluír a definición do proxecto, os obxectivos de deseño, xunto coa información relevante para cada proxecto: valores a transmitir, que esperan e valoran os distintos públicos clave, as marcas existentes, os produtos, os elementos de comunicación, soportes e packaging utilizados; así como información sobre o mercado, e sobre as restricións técnicas e de custo que resulten significativas.

O deseño gráfico, a identidade visual, o packaging, os soportes dixitais, etc. son unha parte relevante do branding que fai tanxible a súa estratexia para as persoas e para o mercado.

Potenciarase que os deseños desta identidade representen valores sostibles e innovadores asociados á empresa-marca e produto-servizo.

c) Deberá estar aliñado con algunha das prioridades da RIS3 para Galicia (anexo I).

d) O orzamento subvencionable será dun mínimo de 10.000 € e dun máximo de 200.000 €, a presentación dun proxecto de deseño para a innovación e a sustentabilidade cun orzamento fóra do rango establecido, será causa de inadmisión da solicitude de axuda.

e) A súa duración mínima será de seis meses para un proxecto de deseño de marca e identidade corporativa, e dun ano para os deseños de produto e deseño de servizos e experiencias. A data máxima estenderase ata o 30 de setembro de 2022, a presentación dun proxecto de deseño para a innovación e sustentabilidade cunha duración fóra do rango establecido, será causa de inadmisión da solicitude de axuda.

2. Só se financiarán as actividades de deseño desenvolvidas na Comunidade Autónoma Galega.

3. De acordo co artigo 6 do Regulamento (UE) nº 651/2014 considerarase que as axudas teñen un efecto incentivador se a solicitude de axuda se presente antes do inicio da actividade. Entenderase que a actividade comeza co primeiro compromiso en firme para o pedido de equipos ou outro compromiso que faga o investimento irreversible se esta data é anterior. Os traballos preparatorios, como a obtención de permisos e a realización de estudos previos de viabilidade, non se consideran o inicio dos traballos.

En consecuencia, a data de inicio das actividades integradas no proxecto de deseño para a innovación e sustentabilidade deberá ser sempre posterior á data de presentación da solicitude da axuda. De non cumprirse esta condición, non poderá financiarse ningún gasto derivado do devandito plan.

Artigo 6. Intensidade das axudas e concorrencia

1. As axudas concederanse en forma de subvencións. A contía máxima da axuda que pode ser concedida para cada proxecto de deseño determinarase sobre a inversión subvencionable de cada beneficiario e será conforme aos límites de intensidade previstos nos artigos 28 e 29 do Regulamento (UE) nº 651/2014 de acordo coa seguinte táboa:

Microempresa e pequena e mediana empresa

Axudas deseño para a innovación e sustentabilidade en favor das Peme

50 %

2. As axudas concedidas pola Axencia Galega de Innovación ao abeiro desta convocatoria serán compatibles coa percepción doutras axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade, procedentes de calquera Administración ou ente público ou privado, nacional ou internacional, salvo que se superen as intensidades máximas de axuda establecidas no Regulamento (UE) nº 651/2014 que se indican na táboa anterior.

De acordo co establecido no artigo 65.11 do Regulamento (UE) nº 1303/2013, modificado polo Regulamento (UE) nº 2018/1046, a actividade de deseño poderá recibir axuda dun ou varios fondos EIE ou dun ou varios programas e doutros instrumentos da Unión, a condición de que o gasto declarado nunha solicitude de pagamento correspondente a un dos Fondo EIE non se declare para solicitar axuda doutro Fondo ou instrumento da Unión, ou axuda do mesmo fondo no marco dun programa distinto.

Artigo 7. Conceptos subvencionables

1. Terán a consideración de gastos subvencionables aqueles que respondan á natureza da actividade subvencionada e resulten estritamente necesarios para o desenvolvemento da actividade de deseño para a innovación para o que foron concedidos. En ningún caso o custo de adquisición dos gastos subvencionables poderá ser superior ao valor de mercado.

2. Para a anualidade de 2021, só se admitirán aqueles gastos que fosen realizados dentro do período comprendido entre a data de presentación da solicitude de subvención e o 31 de outubro de 2021. Para a anualidade 2022, admitiranse os gastos realizados dentro do período comprendido entre o 1 de novembro de 2021 e o 30 de setembro de 2022.

3. De acordo co establecido no artigo 29.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, cando o importe do gasto subvencionable iguale ou supere a contía de 15.000 €, o beneficiario deberá solicitar, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contratación do compromiso para a prestación do servizo ou a entrega do ben, salvo que polas especiais características non exista no mercado suficiente número de entidades que as realicen, presten ou subministren.

A elección entre as ofertas presentadas, que deberán presentarse na xustificación, deberá xustificarse expresamente nunha memoria cando a elección non recaia na proposta económica máis vantaxosa.

Cando o gasto subvencionable sexa de importe inferior ao sinalado no parágrafo anterior, deberá presentarse, como mínimo, unha oferta ou factura proforma do provedor.

Consideraranse custos subvencionables os seguintes:

a.1) Custos de obtención, validación e defensa de patentes e outros activos inmateriais.

a.2) Custos de servizos de asesoramento en materia de innovación: consultoría, asistencia e capacitación nos ámbitos da transferencia de coñecemento, a adquisición, protección e explotación de activos inmateriais, e o uso de normas e regulamentos que os incorporan.

a.3) Activos materiais e inmateriais exclusivamente ligados ao proxecto, que permitan consolidar a implantación das actividades de deseño na empresa, como poidan ser moldes, utensilios, prototipos e equipos necesarios para o prototipado. Quedan excluídos aqueles investimentos no ámbito da fabricación dos produtos, así como a renovación de activos xa existentes na empresa.

a.4) Custos de servizos de apoio en materia de deseño para a innovación: bancos de datos, bibliotecas, investigación de mercados, laboratorios, etiquetaxe de calidade, ensaio e certificación, co fin de desenvolver produtos, procesos ou servizos máis eficaces.

a.5) Custos de persoal propio.

a.6) Custos de persoal de nova contratación, que deberá dispoñer dunha titulación ou recoñecemento no ámbito do deseño.

Os custos de persoal propio e de nova contratación rexeranse polo disposto no artigo seguinte desta convocatoria.

a.7) Custos de equipamento e material instrumental de nova adquisición e non adquirido con fondos ou axudas públicas: na medida en que se utilicen para as actividades do Proxecto de deseño para a innovación e a sustentabilidade.

A instalación do equipamento sempre e cando sexa estritamente necesaria para a súa posta en funcionamento.

As licenzas e renovacións de licenzas de software se son de uso específico para as actividades de I+D+i e non de uso xeral.

a.8) Custos de adquisición de licenzas de propiedade industrial: as licenzas deberán ser adquiridas ou obtidas de fontes externas, sempre e cando a operación se realice en condicións de plena competencia e sen elemento ningún de colusión.

a.9) Custos de material, subministracións e produtos similares, que se deriven directamente do desenvolvemento do deseño e que deberán estar especificados na Memoria do proxecto. Os custos de material de oficina e consumibles informáticos non se financiarán neste concepto. Este custo non poderá superar o límite do 20 % do custo total da actividade subvencionada.

a.10) Subcontratacións: custos de servizos de asesoramento en materia de deseño con entidades provedoras de servizo de deseño, profesionais do deseño, estudos de deseño e empresas externas de servizos de consultaría especializadas nas disciplinas de deseño obxecto da convocatoria.

A subcontratación deberá estar debidamente xustificada e motivada na memoria técnica e deberá cumprir co establecido no artigo 27 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, tendo en conta que, en todo caso, esta non poderá superar o límite do 50 % do custo total da actividade subvencionada.

O orzamento subvencionable relativo ás subcontratacións estará comprendido nos seguintes rangos en función da disciplina do deseño que a empresa beneficiaria queira abordar:

1) Deseño de produto: mínimo de 50.000 € ata un máximo de 100.000 €.

2) Deseño de servizos/experiencias: mínimo de 30.000 € euros ata un máximo de 60.000 €.

3) Deseño de identidade corporativa: mínimo de 10.000 € ata un máximo de 50.000 €.

Será obrigatoria a subscrición dun contrato entre a empresa e a entidade subcontratista, que poderá condicionarse a resultar a primeira beneficiaria da subvención, e deberá recoller, como mínimo, os seguintes aspectos: obxectivos do contrato, descrición das actividades, data inicio e duración total, orzamento total e desagregación por anualidades. No contrato deberanse detallar as persoas que participan na subcontratación, unha descrición específica das actividades realizadas por cada unha delas neste e a porcentaxe de dedicación ao plan. Todos estes aspectos serán revisados pola Axencia Galega de Innovación.

O profesional ou equipo de profesionais colaboradores externos que presten o servizo deberán dispoñer dunha titulación ou recoñecemento no ámbito do deseño específico no que participen e contar cunha experiencia demostrable superior a 2 anos na prestación de servizos similares aos solicitados pola empresa.

Ademais, segundo o artigo 27.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, cando a actividade concertada con terceiros exceda o 20 por cento do importe da subvención e o dito importe sexa superior a 60.000 euros, a subcontratación estará sometida ao cumprimento dos seguintes requisitos:

a) Que o contrato se subscriba por escrito.

b) Que a súa subscrición a autorice previamente a entidade concedente da subvención na forma que se determine nas bases reguladoras.

A subcontratación deberá ser autorizada pola Axencia Galega de Innovación. Nese sentido, en caso de resolución favorable do proxecto de deseño entenderase autorizada desde a data de inicio da súa execución sempre que esta sexa posterior á data de presentación da solicitude da axuda.

En ningún caso poderá concertar o beneficiario a execución total ou parcial das actividades subvencionadas con:

a) Persoas ou entidades incursas nalgunha das prohibicións do artigo 10 desta lei.

b) Persoas ou entidades que percibisen outras subvencións para a realización da actividade obxecto de contratación.

c) Intermediarios ou asesores nos que os pagamentos se definan como unha porcentaxe de custo total da operación, agás que o dito pagamento estea xustificado con referencia ao valor de mercado do traballo realizado ou dos servizos prestados.

d) Persoas ou entidades vinculadas co beneficiario, salvo que concorran as seguintes circunstancias:

1ª. Que a contratación se realice de acordo coas condicións normais de mercado.

2ª. Que se obteña a previa autorización do órgano concedente nos termos que se fixen nas bases reguladoras.

e) Persoas ou entidades solicitantes de axuda ou subvención na mesma convocatoria e programa que non obtivesen subvención por non reunir os requisitos ou non alcanzar a valoración suficiente.

5. No suposto de que o importe do IVE non sexa recuperable, poderá ser considerado un gasto subvencionable. Neste caso deberase presentar un certificado relativo á situación da entidade co respecto ao IVE.

Artigo 8. Custos de persoal

Os custos de persoal serán subvencionables na medida en que se incorresen neles de xeito efectivo e se xustifíquen mediante os correspondentes documentos acreditativos de gasto e de pagamento.

1. Poderanse subvencionar:

a) Os custos de persoal propio no tempo imputado exclusivamente ao desenvolvemento do proxecto de deseño.

b) Os de persoal de nova contratación que se incorpore á entidade para a realización do proxecto de deseño.

2. No caso de persoal propio, cando a imputación ao proxecto non sexa do 100 %, na memoria que se achegue á solicitude deberán xustificarse os motivos da porcentaxe de imputación do tempo de dedicación ao plan. Non será suficiente unha xustificación xenérica que non permita valorar a adecuación, pertinencia e verificabilidade do tempo imputado.

Só no caso de micropemes poderán subvencionarse os custos de persoal directivo e xerencial que realice actividades do proxecto de deseño cunha dedicación máxima do 30 %. Na memoria que se achegará coa solicitude xustificaranse detalladamente as funcións/tarefas concretas que desenvolverá este persoal nas diferentes actividades recollidas no plan. Estas funcións deberán ser compatibles co seu labor directivo ou xerencial.

3. No caso de persoal de nova contratación deberá dedicarse de xeito exclusivo cunha dedicación do 100 % ao proxecto de deseño e non ter contrato laboral coa empresa ou empresa vinculada nos 6 meses anteriores á formalización do contrato.

4. Os custos de persoal non poderán superar os custos máximos anuais por grupo de cotización que se establecen no seguinte cadro:

Grupo de cotización

Titulación/categoría profesional

Total anual

(Soldo bruto1 + Seguridade Social a cargo da empresa)

1

Enxeñeiros/licenciados/persoal de alta dirección

45.000 €

2

Enxeñeiros técnicos, peritos e axudantes titulados/diplomados

39.375 €

3

Xefes administrativos e de taller (técnicos especialistas)

31.500 €

5. Só serán subvencionables aqueles gastos de persoal relacionados con actividades que a entidade non levaría a cabo se non realizase a operación subvencionada.

6. Non se considerarán subvencionables:

a) Os gastos relacionados con aqueles traballadores que non estean dados de alta nun centro de traballo da Comunidade Autónoma de Galicia onde se desenvolve o proxecto de deseño.

b) Os gastos de persoal que non teña relación contractual laboral coa entidade beneficiaria da subvención, agás que se trate:

– De socios traballadores de cooperativas ou sociedades laborais.

– De socios da empresa con labor directivo e xerencial e coas limitacións establecidas no punto 2 deste artigo.

c) Os conceptos incluídos na retribución bruta do traballador que non garden relación coa actividade subvencionada.

d) Os custos de persoal administrativo relacionados con tarefas de xestión do plan.

e) Os custos de viaxes, as indemnizacións ou axudas de custos.

f) Os custos de persoal directivo e xerencial que realice labores de I+D+i no caso de medianas empresas e de pequenas empresas que non teñan a categoría de micropemes.

7. Calquera modificación no cadro de persoal asignado ao proxecto de deseño deberá ser motivada e xustificada, e será aprobada pola Axencia Galega de Innovación. En caso de producirse substitucións, ademais, a persoa substituta deberá cumprir as mesmas condicións de perfil e contratación que a persoa que causou baixa.

Os custos de persoal serán subvencionables na medida en que se incorresen en eles de xeito efectivo e se xustifíquen mediante os correspondentes documentos acreditativos de gasto e de pagamento.

Artigo 9. Forma, lugar e prazo de presentación das solicitudes

1. As solicitudes presentaranse, obrigatoriamente, por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo II) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela na que fose realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

Para a presentación electrónica das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365. (https://sede.xunta.gal/chave365).

2. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

Entenderase como último día do prazo o correspondente ao día seguinte ao mesmo ordinal do día de publicación. Se o último día do prazo fora inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houbere día equivalente ao inicial do cómputo, entenderse que o prazo expira o derradeiro día do mes.

Artigo 10. Documentación complementaria

1. As persoas interesadas deberán achegar xunto coa solicitude (anexo II) a seguinte documentación:

a) Memoria técnica do Proxecto de deseño para a innovación e sustentabilidade proposto, que incluirá a desagregación do seu orzamento, segundo o guión-modelo que se inclúe como anexo III, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal e páxina web da Axencia Galega de Innovación (http://gain.xunta.gal), na súa epígrafe de axudas. A non presentación da memoria técnica será causa de inadmisión da solicitude.

b) Aos efectos de determinar a condición de Peme:

• Documentación xustificativa da declaración completa do imposto sobre sociedades do último exercicio pechado; balance e conta de resultados do último exercicio pechado e informe de auditoría financeira, se procede. No caso de empresas de nova creación, previsión de balance e conta de resultados do primeiro ano de funcionamento.

• Documentación xustificativa para efectos de comprobación do número de empregados do solicitante, podendo ser esta o informe do número medio anual de traballadores en situación de alta ou calquera outro documento acreditativo emitido pola Seguridade Social.

• No caso de pequenas e medianas empresas asociadas ou vinculadas no capital ou nos dereitos de voto por outra ou outras, en contía igual ou superior ao 25 por 100, deberase achegar a seguinte documentación das empresas que participen na solicitante: escritura de constitución debidamente rexistrada e as súas posteriores modificacións, acreditación do número de persoas que ocupa a empresa, o volume de negocios e/ou un balance xeral anual que permita clasificar a empresa como «pequena ou mediana»; así como as relaciones de asociación ou vinculación no capital ou nos dereitos de voto que, en contía igual ou superior ao 25 por 100, puideran existir entre a empresa solicitante e outras empresas, de acordo cos criterios establecidos no anexo I do Regulamento (UE) 651/2014, da Comisión, do 17 de xuño de 2014, polo que se declaran determinadas categorías de axuda compatibles co mercado común en aplicación dos artigos 107 e 108 do TFUE.

Se estas empresas a súa vez estivesen participadas por outras empresas ou participasen en outras, igualmente, se deberá aportar de todas elas os documentos sinalados no parágrafo anterior.

No caso de non ter traballadores dados de alta no réxime xeral de seguridade social, se aportará documento acreditativo emitido por la Seguridade Social e declaración responsable do representante legal da entidade de non ter traballadores.

c) Certificación actualizada do Rexistro Mercantil, na que se especifique a data de constitución, o obxecto social, capital, sede social e clasificación CNAE. Poderase substituír o dito certificado pola presentación das escrituras de constitución da empresa solicitante e as súas modificacións posteriores debidamente rexistradas.

d) No caso de ter concedida algunha axuda para proxectos de I+D+i, copia da resolución de concesión das últimas tres anualidades.

De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común, non será necesario achegar os documentos que xa foran presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán recabados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se puidesen obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.

2. A documentación complementaria deberá presentarse electrónicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela na que fose realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude (anexo II) deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente se se dispón del.

4. No caso de que algún dos documentos que se vaian presentar de forma electrónica superase os tamaños máximos establecidos ou tivese un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 11. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) NIF da entidade solicitante.

b) NIF da entidade representante.

c) DNI/NIE da persoa representante que asine a solicitude.

d) Poder do representante que presenta a solicitude inscrito no rexistro competente.

e) Certificado de estar ao día nas obrigas tributarias coa AEAT.

f) Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.

g) Certificado de estar ao día no pagamento coa Consellería de Facenda.

h) Inhabilitacións para obter subvencións e axudas.

i) Concesións de subvencións e axudas.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar os documentos.

Cando así o esixa a normativa aplicable solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

4. A Axencia Galega de Innovación realizará as comprobacións documentadas necesarias para garantir que as empresas beneficiarias teñen a condición de peme, segundo a definición establecida pola Comisión Europea no anexo I do referido Regulamento (UE) nº 651/2014, e que non incorren en ningunha das circunstancias enumeradas no punto 3 do artigo 2 desta convocatoria, para considerar unha empresa en crise.

Artigo 12. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderá de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, entendéndose rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non fose posible por problemas técnicos practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora e do procedemento administrativo común.

Artigo 13. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 14. Información aos interesados

1. Sobre este procedemento administrativo, que ten como código IN848E, poderase obter información adicional na Axencia Galega de Innovación, a través dos seguintes medios:

a) Páxina web da Axencia Galega de Innovación (http://gain.xunta.gal), na súa epígrafe de axudas.

b) Nos teléfonos 881 99 91 20, 981 95 70 00 da devandita axencia.

c) No enderezo electrónico programadeseno.gain@xunta.gal

d) Persoalmente.

e) Na Guía de procedementos e servizos administrativos no enderezo http://sede.xunta.gal/guia-de-procedementos-e-servizos

2. Así mesmo, para cuestións xerais sobre este procedemento poderá facerse uso do teléfono de información xeral da Xunta de Galicia 012.

3. De acordo co establecido no artigo 14 letra ñ) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as entidades beneficiarias quedan informadas da existencia do Rexistro Público de Subvencións e dos aspectos previstos no artigo 5 da Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal.

4. En cumprimento do artigo 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, o texto da convocatoria e a información requirida no ordinal oitavo de dito artigo será comunicado á Base de datos nacional de subvencións (BDNS). A BDNS dará traslado ao Diario Oficial de Galicia do extracto da convocatoria para a súa publicación de acordo co establecido no Real decreto 130/2019, do 8 de marzo, polo que se regula a Base de datos nacional de subvencións e a publicidade das subvencións e demais axudas.

Artigo 15. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 16. Instrución do procedemento e tramitación

1. A Área de Centros da Axencia Galega de Innovación será o órgano competente para a instrución do procedemento de concesión das subvencións. Corresponderalle á directora da Axencia Galega de Innovación ditar a resolución de concesión.

2. De conformidade co establecido no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se a solicitude non reúne algún dos requisitos exixidos nesta convocatoria ou non se acompaña da documentación esixida, requiriráselle ao interesado mediante anuncio publicado na páxina web da Axencia Galega de Innovación (http://gain.xunta.gal), para que nun prazo de dez días hábiles emende a falta ou achegue os documentos preceptivos. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixese, se terá por desistido na súa petición, logo da correspondente resolución. Se a instrución do procedemento o aconsellase, o órgano competente poderá substituír esta publicación na web pola notificación individualizada.

A documentación requirida presentarase electronicamente accedendo á carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, de acordo co disposto no artigo 14 da Lei 39/2015.

3. Sen prexuízo do disposto no parágrafo anterior, poderá requirirse ao solicitante para que forneza cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.

4. Unha vez revisadas as solicitudes e feitas as emendas, aqueles expedientes administrativos que reúna todos os requisitos e a documentación necesaria serán remitidos á comisión de selección.

5. Os expedientes que non cumpran as esixencias contidas nestas bases ou na normativa de aplicación, ou que non conteñan a documentación necesaria, quedarán á disposición do órgano instrutor para que formule a proposta de resolución de inadmisión, na que se indicarán as causas desta.

6. O non axustarse aos termos da convocatoria, así como a ocultación de datos, a súa alteración ou calquera outra manipulación da información será causa de desestimación da solicitude, sen prexuízo do disposto nos artigos 50 e seguintes da Lei 9/2007.

Artigo 17. Comisión de selección

1. A comisión de selección será o órgano colexiado encargado de seleccionar as solicitudes e estará composto por:

a) A persoa que desempeña a dirección dunha área da Axencia Galega de Innovación, ou persoa en quen delegue, que actuará como presidente.

b) A persoa que desempeña a xefatura dun departamento da Axencia Galega de Innovación ou persoa en quen delegue.

c) Dous persoas empregadas públicas da Axencia Galega de Innovación, actuando unha delas como secretario, con voz e sen voto.

2. A comisión realizará a selección de acordo co informe de avaliación realizado para cada solicitude conforme os criterios de valoración establecidos no artigo seguinte.

Proporase a concesión das solicitudes por orde decrecente ata esgotar os créditos dispoñibles, quedando, de ser o caso, como suplentes aquelas para as cales non se dispón de crédito suficiente pero que acadaron unha puntuación igual ou superior á puntuación mínima indicada no punto 2 do artigo seguinte.

3. A comisión de selección emitirá un informe final no que figurarán, de xeito individualizado, as solicitudes propostas para obter a subvención, especificándose a avaliación que lles corresponde. Así mesmo, indicarase o importe da subvención para cada un delas sen superar o crédito dispoñible.

Artigo 18. Criterios de valoración

A avaliación de cada solicitude que reúna os requisitos esixidos nesta convocatoria realizaranse por xestores/as técnicos/as da Gain, que poderán contar co apoio de persoal experto externo.

1. A valoración de cada proxecto de deseño, que reúna os requisitos esixidos nesta convocatoria, realizarase sobre un total de 130 puntos que se outorgarán atendendo aos obxectivos e aspectos técnicos e económico-financeiros do deseño, así como á súa potencialidade para xerar valor económico, segundo os seguintes criterios de valoración:

1.1. Calidade técnica do proxecto en termos de innovación (20 puntos).

1.2. Calidade técnica do proxecto en termos de sustentabilidade (30 puntos).

1.3. Capacidade técnica e financeira do proxecto (20 puntos).

1.4. Impacto económico e social (30 puntos).

1.5. Impacto sociolaboral e xeración de emprego (30 puntos).

Puntuación

1.1. Calidade técnica do proxecto de deseño en termos de innovación:

Valorarase o grado de innovación e novidade do novo deseño desenvolvido.

Un proxecto baixo ou nulo no grado de innovación será desestimado.

20

Alta

20

Media

10

Baixa

0

1.2. Calidade técnica da proposta en termos de sustentabilidade:

Valorarase o grao de sustentabilidade da nova solución desenvolvida.

30

Alta

30

Media

15

Baixa

5

1.3. Capacidade técnica e financeira do proxecto:

Metodoloxía, plan de traballo e orzamento do proxecto. Valorarase a coherencia do plan de traballo e a metodoloxía prevista para o seu desenvolvemento e a adecuación do orzamento do proxecto aos obxectivos previstos para a súa correcta execución (incorporación de profesionais titulados en deseño, capacidade e experiencia da entidade colaboradora).

20

Alta

20

Media

10

Baixa

5

1.4. Impacto económico e social:

Avaliarase a repercusión económica e social prevista pola aplicación do resultado do proxecto, valorando especialmente:

– Previsións de internacionalización.

– Incremento nas vendas e mellora da competitividade da empresa.

– Vantaxes competitivas e/ou incrementos de produtividade potenciais do proxecto de deseño para a empresa.

– Impacto nos retos e prioridades RIS3 para Galicia.

30

Alta

30

Media

15

Baixa

5

1.5. Impacto sociolaboral e xeración de emprego:

Puntuarase o número e características do persoal de nova contratación a tempo completo adscrito ao proxecto de deseño, así como dispoñer dun plan de igualdade, de acordo co seguinte:

a) Número e características do persoal de nova contratación a tempo completo adscrito ao proxecto de deseño: perfil muller; persoa cunha discapacidade certificada superior ao 33 %; persoas retornadas (alta).

b) Por cada nova contratación con carácter indefinido: (alta).

c) Por cada nova contratación cun perfil diferente aos anteriores: (media).

d) Plan de igualdade (alta).

30

Alta

30

Media

15

Baja

5

Para obter a puntuación deste último punto será necesario que a nova contratación cumpra os seguintes requisitos:

1. A retribución salarial anual bruta que percibirá cada persoa contratada adscrita ao plan, deberá figurar expresamente no contrato e non poderá ser inferior a 19.000 €.

2. Para os efectos do disposto nesta convocatoria, consideraranse grupos de cotización correspondentes á titulación do persoal contratado os que se correspondan coa seguinte táboa:

Titulación

Grupo/s de cotización á Seguridade Social

Título superior universitario (licenciado universitario, arquitecto, enxeñeiro ou grao)

1 ou 2

Título medio universitario (graduado, diplomado, enxeñeiro técnico, arquitecto técnico ou grao)

1 ou 2

Título de formación profesional de grado superior ou equivalente

3 ou 5

2. No caso de empate nas puntuacións, como criterio de desempate terán preferencia as empresas que dispoñan dun plan de igualdade dos previstos no capítulo I do título III do Decreto lexislativo 2/2015, do 12 de febreiro, polo que se aproba o texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de igualdade.

No caso de persistir o empate, terase en conta a puntuación obtida do criterio de valoración establecido en primeiro lugar, e así sucesivamente.

Artigo 19. Audiencia

1. Instruído o procedemento, e inmediatamente antes de redactar a proposta de resolución, porase de manifesto aos interesados para que, nun prazo de dez días, poidan formular alegacións e presentar os documentos e xustificacións que consideren pertinentes.

2. Poderase prescindir do trámite a que se refire o punto anterior cando non figuren no procedemento nin se vaian ter en conta na resolución outros feitos nin outras alegacións ou probas que as aducidas polo interesado.

Artigo 20. Resolución e notificación

1. Unha vez concluído o trámite de audiencia, o órgano instrutor elevará a proposta de resolución e o informe emitido pola comisión de selección á directora da Axencia Galega de Innovación para ditar a resolución de concesión, que deberá estar debidamente motivada.

Na proposta de resolución figurarán de xeito individualizado as solicitudes propostas para obteren a subvención e especificarase a avaliación que lles corresponde segundo os criterios recollidos nestas bases reguladoras. Indicarase, así mesmo, o importe da subvención para cada unha delas.

2. Á vista da proposta formulada e segundo o que dispón o artigo 21.4 da Lei 9/2007, ao non seren tidos en conta outros feitos nin outras alegacións e probas que as aducidas polos interesados, a directora da Axencia Galega de Innovación ditará as correspondentes resolucións definitivas de concesión ou denegación, que serán motivadas de acordo cos criterios de valoración establecidos.

3. As resolucións expresarán, cando menos, e para cada procedemento:

a) A relación de entidades beneficiarias da axuda.

b) O importe global da axuda para cada entidade e a desagregación do dito importe por anualidades.

c) A lista de solicitudes denegadas, xunto coa súa causa de denegación.

d) A desestimación expresa do resto das solicitudes.

4. En todo caso, deberá notificarse a cada beneficiario un documento no que deberán figurar, como mínimo, a identificación do beneficiario, a contía da subvención e obrigas que correspondan, os requisitos específicos relativos aos produtos ou servizos que deban obterse coa axuda, o plan financeiro e o calendario de execución, así como os demais requisitos previstos na normativa comunitaria para a selección de operación que debe conter o documento polo que se establecen as condicións de axuda (DECA).

5. No expediente da subvención tamén se fará constar o informe do órgano instrutor no que conste que da información que ten no seu poder se desprende que os beneficiarios cumpren os requisitos necesarios para acceder ás axudas.

6. O prazo máximo para resolver as solicitudes presentadas ao abeiro desta convocatoria será de tres meses contados a partir do día seguinte ao de remate do prazo para a presentación de solicitudes. De non mediar resolución expresa no dito prazo mediante a publicación da correspondente resolución no Diario Oficial de Galicia, os solicitantes poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

7. Todas as resolucións serán notificadas de acordo co establecido na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. Non obstante, e de conformidade co establecido no artigo 45.1 desa lei, a notificación individual de concesión da axuda poderase substituír pola publicación no Diario Oficial de Galicia e na páxina web http://gain.xunta.gal, con indicación da data da convocatoria, do beneficiario, da cantidade concedida e da finalidade da axuda outorgada.

Artigo 21. Modificación da resolución

1. As actuacións subvencionadas deben executarse no tempo e forma que se determinen nas resolucións de concesión debendo obter autorización da Axencia Galega de Innovación para realizar cambios no plan.

2. Porén, cando xurdan circunstancias concretas que alteren as condicións técnicas ou económicas tidas en conta para a concesión da axuda, e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión polo órgano concedente.

3. Tamén se poderá acordar a modificación da resolución de concesión por instancia do beneficiario se cumpren os seguintes requisitos:

a) Que a modificación sexa autorizada expresamente polo órgano concedente.

b) Que a modificación non afecte os obxectivos perseguidos coa axuda, os seus aspectos fundamentais ou que tivesen sido determinantes para a concesión da axuda, á determinación do beneficiario, nin dan dereitos de terceiros.

c) Que as modificacións obedezan a causas sobrevidas que non puideron preverse no momento da solicitude. Os novos elementos e circunstancias que motiven a modificación, de teren concorrido na concesión inicial, non poderían supor a denegación da subvención, nin poderán ser tidos en conta requisitos ou circunstancias que, debendo concorrer no momento en que se ditou a resolución, tivesen lugar con posterioridade a ela.

4. A solicitude de modificación debe formularse polo representante legal da entidade beneficiaria, expresando os motivos dos cambios que se propoñen e xustificando a imposibilidade de cumprir as condicións expostas na resolución de concesión.

Salvo naqueles supostos no que proceda a aplicación do establecido no artigo 59 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, non se admitirán cambios con data anterior á entrada en rexistro da solicitude de modificación.

5. O acto polo cal se acorde ou se denegue a modificación da resolución será ditado pola directora da Axencia Galega de Innovación, logo da instrución do correspondente expediente, no cal se dará audiencia ao interesado. A autorización da modificación deberá realizarse de forma expresa, notificándoselle ao interesado.

Artigo 22. Réxime de recursos

1. Segundo o disposto no artigo 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, contra as resolucións ditadas ao abeiro desta resolución de convocatoria, os interesados poderán interpoñer recurso de alzada no prazo dun mes desde o día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa. Se o acto non for expreso, o solicitante e outros posibles interesados poderán interpor o recurso de alzada en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que, de acordo co previsto nesta resolución, se produzan os efectos do silencio administrativo.

2. Contra as resolucións de reintegro, que poñen fin á vía administrativa, os interesados poderán interpoñer recurso de reposición no prazo dun mes desde o día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa. Se o acto non for expreso, o solicitante e outros posibles interesados poderán interpor o recurso de alzada en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que, de acordo co previsto nesta resolución, se produzan os efectos do silencio administrativo. Todo isto segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015.

Artigo 23. Renuncia

A renuncia á subvención poderase facer axustándose aos modelos publicados na web da Axencia Galega de Innovación (http://gain.xunta.gal) e por calquera outro medio que permita a súa constancia, sempre que incorpore as sinaturas que correspondan, de acordo co establecido no artigo 94 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. A directora da Axencia Galega de Innovación ditará a correspondente resolución nos termos do artigos 21.1 da dita norma.

Artigo 24. Obrigas dos beneficiarios

Sen prexuízo das demais obrigas que resulten do artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, así como daqueloutras específicas que se indican nesta convocatoria, os beneficiarios das subvencións concedidas ao abeiro desta resolución quedan obrigados a:

a) Realizar a actividade que fundamenta a concesión da subvención, e acreditalo ante o órgano concedente, así como o cumprimento dos requisitos, prazos e condicións establecidos nas normas reguladoras, na convocatoria e na resolución de concesión ou documento no que se establecen as condicións de axuda.

b) Xustificar ante a Axencia Galega de Innovación, de acordo co previsto nestas bases de convocatoria e na normativa reguladora de subvencións, o cumprimento dos requisitos e condicións, a realización da actividade e dos gastos subvencionables e o cumprimento da finalidade que determinan a concesión e desfrute da subvención.

c) Proceder ao reintegro, total ou parcial, da subvención percibida no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión e no resto de casos previstos na Lei 9/2007.

d) Subministrar á Administración, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento das obrigas previstas na Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno.

e) Someterse ás actuacións de comprobación que deba efectuar o órgano concedente, ás de control financeiro que correspondan á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma en relación coa subvención concedida, ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas.

f) Comunicar á Axencia Galega de Innovación a obtención de subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas. Esta comunicación deberá efectuarse tan pronto como se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

g) Desenvolver as actividades do proxecto de deseño na Comunidade Autónoma de Galicia.

h) Solicitarlle á Axencia Galega de Innovación autorización para realizar aquelas modificacións no desenvolvemento das actuacións aprobados que estean suxeitas á previa autorización. A realización de modificacións non autorizadas no orzamento financiable suporá a non admisión das cantidades desviadas.

i) Facilitar cantos datos resulten necesarios para a avaliación do instrumento no marco da avaliación da RIS3 Galicia ou outros instrumentos relacionados coa medición da innovación.

No marco do Plan de avaliación da RIS3 Galicia, desenvolverase un seguimento específico das axudas concedidas. Este seguimento estará baseado na recompilación de información acerca dos resultados económicos e técnicos obtidos polas entidades beneficiarias, así como o seu nivel de satisfacción co apoio recibido.

j) Asistir a unha xornada formativa impartida pola Axencia Galega de Innovación sobre as obrigas desta axuda e outros aspectos relacionados cos obxectivos da Axencia para o cal será convocado expresamente con antelación. Á dita xornada deberá acudir, como mínimo, unha persoa pertencente á plantilla do beneficiario vinculada ás tarefas de deseño.

k) Calquera outra obriga imposta de maneira expresa aos beneficiarios na resolución de concesión ou no documento no que se establecen as condicións da axuda.

Artigo 25. Xustificación da subvención

1. A xustificación deberá facerse electrónicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

2. Prazos de xustificación:

Períodos de emisión das facturas (realización de gastos) e realización de pagamentos dos gastos executados:

Primeira anualidade: desde a data de presentación da solicitude ata o 31 de outubro de 2021.

Segunda anualidade: desde o 1 de novembro de 2021 ata o 30 de setembro de 2022.

Prazos de presentación da documentación:

Primeira anualidade: ata o 10 de novembro de 2021.

Segunda anualidade: ata o 31 de outubro de 2022.

3. Documentación xustificativa: debe presentarse a documentación económica xustificativa do custo das actividades e a documentación técnica.

As instrucións detalladas e os formularios correspondentes para a presentación da documentación xustificativa estarán dispoñibles na páxina web da Axencia Galega de Innovación, (http://gain.xunta.gal) sendo preciso presentar a documentación de xeito ordenado seguindo a estrutura establecida nas instrucións.

4. Sen prexuízo da documentación indicada nos artigos seguintes, poderá requirirse que se achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.

5. Se transcorrido o prazo establecido para a xustificación da subvención, a empresa non presenta a documentación pertinente segundo o indicado, a Axencia Galega de Innovación requirirao para que no prazo improrrogable de dez días a presente, advertíndolle de que a falta de presentación da xustificación no prazo indicado comportará a perda do dereito á subvención e a esixencia do reintegro no caso de ter recibido cantidades en concepto de anticipo, e demais responsabilidades establecidas na Lei 9/2007.

Artigo 26. Documentación xustificativa económica

1. A empresa beneficiaria deberá presentar un resumo global de execución para a totalidade do proxecto de deseño na que conste:

a) Solicitude, no modelo que estará ao seu dispor na páxina web da Axencia Galega de Innovación (http://gain.xunta.gal), no que constarán as seguintes declaracións responsables:

1ª. Conxunto das axudas solicitadas ou concedidas para a mesma finalidade e tamén aquelas, solicitadas ou concedidas, para os mesmos custos aínda que a finalidade fose diferente, de todas as administracións públicas. De ser o caso, deberá achegarse unha copia simple da resolución de concesión desas outras axudas.

2ª. Un resumo da execución do proxecto de deseño no que conste o concepto subvencionable, o provedor, o importe (IVE excluído) e a data de cada un dos xustificantes presentados agrupados por conceptos de gastos.

3ª. A titularidade da conta da entidade beneficiaria onde se deba efectuar o pagamento.

b) Documentación xustificativa do gasto: os gastos xustificaranse con facturas e demais documentos de valor probatorio equivalente no tráfico xurídico-mercantil ou con eficacia administrativa pagados.

Cando o beneficiario non dispoña de facturas electrónicas para a xustificación da subvención, deberá aportar unha copia dos documentos orixinais en papel, de acordo cos procedementos que establece a normativa vixente.

c) Documentación xustificativa do pagamento: os pagamentos xustificaranse con copia de transferencias bancarias, certificacións bancarias, extractos bancarios, ou documentos obtidos a través da banca electrónica . En ningún caso, se admitirán os pagamentos xustificados mediante recibo do provedor.

Nestes documentos deberán estar claramente identificados o receptor e o emisor do pagamento, o número e a satisfacción do importe total da factura (IVE incluído), así como o concepto a que se refiren. No caso en que no documento de pagamento non se faga referencia ás facturas, deberá ir acompañado da documentación complementaria que permita verificar a correspondencia entre gasto e pagamento.

No caso en que un xustificante de pagamento inclúa varias facturas, xuntarase dunha relación detallada delas en que se poida apreciar que o pagamento se corresponde coas devanditas facturas. No caso de facturas pagadas conxuntamente con outras non referidas ao plan, será necesario achegar o correspondente extracto bancario acompañado da orde de pagamento da empresa selada polo banco coa relación detallada das facturas.

En ningún caso se admitirán pagamentos xustificados mediante recibos do provedor, nin os pagamentos por caixa ou en efectivo.

d) Certificado relativo á situación da entidade co respecto ao IVE, só para os casos de que o IVE non sexa recuperable.

e) Para a xustificación dos custos de persoal, deberá achegarse:

1º. Certificación dos custos de persoal emitida polo responsable de recursos humanos co visto e prace representante legal da empresa, consistente nunha relación detallada por meses do persoal dedicado ao proxecto de deseño, que deberá incluír os seguintes datos: DNI, nome, apelidos, posto na entidade, retribución bruta e líquida mensual, data de pagamento das retribucións, importe da Seguridade Social, data de pagamento da Seguridade Social e custo total imputado (retribucións e Seguridade Social) segundo a dedicación de cada traballador ás actividades do proxecto de deseño.

2º. Follas mensuais comprensivas da totalidade das horas efectivamente dedicadas ao proxecto de deseño subvencionado asinadas por cada traballador/a e a persoa responsable da entidade. Estas follas acompañaranse dun resumo onde conste o número total de horas efectivamente dedicadas ao programa no período subvencionable (total de meses e de traballadores).

3º. Declaración asinada polo responsable de recursos humanos cos importes mensuais de retencións do IRPF dos traballadores dedicados ás actividades do plan, acompañada dos modelos 111 e dos seus correspondentes xustificantes bancarios. Nos documentos correspondentes a cotas liquidables con posterioridade á data de xustificación, o importe considerarase xustificado coa presentación da citada declaración quedando as entidades obrigadas a presentar os documentos acreditativos da súa liquidación no prazo máximo de dous meses desde a data límite de xustificación establecida na convocatoria.

4º. Copias das nóminas do persoal dedicado ás actividades do proxecto de deseño e copias dos xustificantes bancarios do seu pagamento. Nos xustificantes de pagamento das nóminas deberán vir detallados os seus receptores, así como as cantidades percibidas por cada un deles. Cando a documentación xustificativa deste gasto conste dun xustificante bancario da remesa total mensual, deberá achegarse a listaxe da orde de transferencia en que se detallen os distintos traballadores incluídos, que deberá estar selada pola entidade bancaria.

5º. Boletíns de cotización á Seguridade Social e os seus xustificantes de pagamento. Nos documentos correspondentes a cotas liquidables con posterioridade á data de xustificación, as entidades quedarán obrigadas a presentar os documentos acreditativos da súa liquidación no prazo máximo de dous meses desde a data límite de xustificación establecida na convocatoria.

6º. Informe de vida laboral emitido pola Tesouraría Xeral da Seguridade Social para cada un dos traballadores.

7º. No caso de persoal de nova contratación deberá achegarse copia do contrato de traballo en que se poida verificar a contratación para o desenvolvemento de actividades do plan.

8º. Se é o caso, certificado acreditativo do grao de discapacidade do persoal contratado.

f) De acordo co establecido no artigo 29.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, cando o importe do gasto subvencionable iguale ou supere a contía de 15.000 euros, no suposto de subministración de bens de equipo e servizos por empresas de consultaría ou asistencia técnica, o beneficiario deberá presentar como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores con carácter previo á contratación do compromiso da prestación de servizo ou entrega do ben, salvo que polas especiais características non exista no mercado suficiente número de entidades que as realicen, presten ou subministren, ou salvo que o gasto fose realizado con anterioridade á solicitude da subvención. A elección entre as ofertas presentadas, que deberán presentarse na xustificación, deberá xustificarse expresamente nunha memoria cando a elección non recaia na proposta económica máis vantaxosa.

g) No caso de subcontratacións deberá achegarse a seguinte documentación:

1º. Copia da factura emitida pola entidade subcontratada na que se especifique claramente o título e contido das actividades do proxecto de deseño financiado.

2º. Xustificantes de pagamento da factura/s da subcontratación.

3º. Memoria realizada polo subcontratista das súas actividades no proxecto de deseño.

Artigo 27. Documentación xustificativa técnica

1. A documentación xustificativa técnica das actividades desenvolvidas constará de:

a) Informe técnico normalizado no que constarán as actividades realizadas, as melloras producidas e os obxectivos acadados en relación ao impacto do proxecto de deseño subvencionado no incremento do desempeño innovador e sustentable da empresa.

2. Sen prexuízo da documentación anteriormente indicada, poderá requirirse do solicitante que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.

Artigo 28. Pagamento

1. Poderán realizarse pagamentos anticipados e á conta das subvencións recollidas nesta resolución, de acordo co establecido no artigo 31.6 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, nos artigos 62 e 63 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei de subvencións de Galicia e nesta convocatoria.

2. Pagamentos anticipados.

a) Anualidade 2021: poderá solicitarse o anticipo do ata o 50 % do importe concedido para esta anualidade previa solicitude expresa para o efecto.

A entidade beneficiaria que queira solicitar o anticipo deberá presentar a solicitude, no modelo que estará ao seu dispor na páxina web da Axencia Galega de Innovación (http://gain.xunta.gal) e na que se incluirá unha declaración responsable de ter iniciado as actividades do plan, así como do conxunto das axudas solicitadas ou concedidas para o mesmo fin de todas as administracións públicas, no prazo de 10 días hábiles contados desde o seguinte á publicación da resolución de concesión.

b) Anualidade 2022: poderá anticiparse como máximo ata o 50 % do importe da subvención concedida esta anualidade sempre que, conxuntamente cos pagamentos anticipados e á conta realizados ata ese momento, non se supere o 80 % da porcentaxe subvencionada conforme o punto 4 deste artigo.

No caso de que a xustificación da anualidade anterior sexa insuficiente e dea lugar a unha minoración da subvención, o importe minorado detraerase do importe desta anualidade.

A entidade beneficiaria que queira solicitar o anticipo deberá presentar a solicitude, no modelo indicado anteriormente, no prazo de 10 días hábiles contados desde o seguinte ao pagamento da anualidade 2021.

A concesión dos pagamentos anticipados realizarase mediante resolución motivada, de acordo co artigo 63.1.Dous do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei de subvencións de Galicia.

3. Pagamentos parciais á conta: faranse efectivos, para cada anualidade, unha vez presentada e comprobada a correcta xustificación da execución das actividades obxecto da axuda.

4. O importe conxunto dos pagamentos parciais, á conta e dos pagamentos anticipados non poderá ser superior ao 80 % da porcentaxe subvencionada correspondente aos pagamentos xustificados, nin excederá a anualidade prevista en cada exercicio orzamentario.

5. No caso de pagamentos á conta ou anticipos, non se precisará a presentación de garantías de acordo co disposto no 67.4 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

6. Recibida a documentación xustificativa da subvención, a Axencia Galega de Innovación, antes de proceder ao seu pagamento final, poderá realizar as actuacións de comprobación oportunas para verificar a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinaron a concesión da subvención, de acordo co establecido no artigo 30 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Ademais, con carácter previo ao pagamento final da subvención, será obrigatoria unha actividade de inspección por parte da Axencia Galega de Innovación, para comprobar a realización das actividades desenvolvidas no proxecto de deseño, tendo como referencia as previsións da entidade beneficiaria valoradas no artigo 19 desta resolución.

No caso de subvencións de capital superiores a 60.000 €, no seu cómputo individual, destinadas a investimentos en activos tanxibles, será requisito imprescindible a comprobación material do investimento polo órgano concedente, e quedará constancia no expediente mediante acta de conformidade asinada, tanto polo representante da Administración coma polo beneficiario.

A comprobación dará lugar a un informe técnico positivo ou negativo. O segundo caso suporá, de acordo co disposto no artigo seguinte, unha minoración da axuda igual á porcentaxe de incumprimento sinalado no informe técnico, sempre e cando o incumprimento non supere o 40 %, suposto no que procederá o reintegro total.

Artigo 29. Gradación dos incumprimentos, reintegros e sancións

1. A entidade beneficiaria deberá cumprir cos obxectivos, actividades e comportamentos que fundamenten a concesión da axuda, así como os compromisos asumidos nela durante o tempo de duración do plan. De non ser así, perderá o dereito ao seu cobramento e/ou, de ser o caso, procederá ao reintegro da subvención.

Tamén deberán proceder ao reintegro total ou parcial da subvención e os xuros de demora correspondentes desde o momento do seu pagamento ata a data en que se acorde a procedencia do reintegro nos supostos recollidos nos artigos 32 e seguintes da Lei 9/2007. Para facer efectiva esta devolución, tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto na citada lei e no Decreto 11/2009.

2. Serán causas de reintegro as seguintes:

a) O falseamento, inexactitude ou omisión dos datos fornecidos polo beneficiario que servisen de base para a concesión da axuda ou ocultación daqueles datos que a impedisen.

b) O incumprimento total ou parcial do obxectivo, da actividade ou da finalidade para o que a axuda foi concedida.

c) O incumprimento da obrigación de xustificación, xustificación insuficiente, xustificación fóra do prazo establecido, falsidade, terxiversación ou ocultamento nos datos ou documentos que serven de base para xustificar os investimentos subvencionables ou outras obrigacións impostas na resolución de concesión da axuda.

d) O incumprimento da obrigación de adoptar as medidas de difusión e publicidade contidas no artigo 24 desta resolución.

e) A resistencia, escusa, obstrución ou negativa ás actuacións de comprobación e control financeiro, así como o incumprimento das obrigacións contables, rexistrais ou de conservación de documentos, cando diso se derive a imposibilidade de verificar o emprego dado aos fondos percibidos, o cumprimento do obxectivo, a realidade e regularidade das actividades subvencionadas, ou a concorrencia de axudas para a mesma finalidade, procedentes de calquera Administración ou entes públicos ou privados, nacionais, da Unión Europea ou de organismos internacionais.

f) O incumprimento dos prazos de mantemento da actividade ou do emprego.

g) A obtención de financiamento de distintas procedencias ou concorrencia de subvencións por riba do custo das actividades subvencionadas.

h) Non facilitar cantos datos resulten necesarios para a avaliación do instrumento no marco da avaliación da RIS3 Galicia ou outros instrumentos relacionados coa medición da innovación nos termos e condicións establecidos no artigo 24.i) desta resolución.

i) Non asistir á xornada formativa que impartirá a Axencia Galega de Innovación nos termos e condicións establecidos no artigo 24.j) desta resolución.

k) Calquera das demais causas previstas no artigo 33 da Lei 9/2007.

3. O incumprimento total dos fins para os que se concedeu a axuda, determinado a través dos mecanismos de seguimento e control, da realización do investimento financiable ou da obriga de xustificación, será causa de perda do dereito ao cobramento ou de reintegro total da subvención.

En todo caso, serán causas de incumprimento total:

• Non xustificar a execución dun orzamento para o proxecto de deseño dun mínimo do 50 %.

• A obtención dun informe final negativo que estableza unha porcentaxe de incumprimento superior ao 40 %, de acordo co disposto no artigo 29.6 desta resolución.

4. Sempre que se cumpran os requisitos ou condicións esenciais tomadas en conta na concesión das axudas, poderase apreciar un incumprimento parcial, debendo resolver sobre o seu alcance, aplicando a mesma ponderación que tivese a condición incumprida na resolución de concesión e, se é o caso, establecendo a obriga de reintegro cos seguintes criterios:

a) No caso de condicións referentes á contía ou conceptos da base subvencionable, o alcance do incumprimento determinarase proporcionalmente aos conceptos subvencionables deixados de practicar ou aplicados a outros distintos dos considerados subvencionables, debendo, se é o caso, reintegrarse as cantidades percibidas na dita proporción.

b) Si se tivesen incumprido as tarefas, compromisos, obxectivos ou condicións do proxecto de deseño dando lugar a un informe final negativo o incumprimento valorarase en función deste e suporá a aplicación dunha minoración da axuda igual á porcentaxe de incumprimento sinalado no informe técnico, sempre que se acade a porcentaxe mínima para non dar lugar ao reintegro total.

c) Non comunicar a obtención doutras subvencións e axudas que financien as actividades subvencionadas, suporá o reintegro do exceso percibido máis os xuros de demora e a perda dun 5 % da subvención concedida, unha vez recalculada e descontado o exceso obtido sobre os topes máximos legalmente establecidos.

d) Non comunicar a modificación das circunstancias que fundamentasen a concesión da subvención suporá a perda do 5 % da subvención concedida, sen prexuízo do reintegro total no caso de non cumprirse os límites establecidos no artigo 22.

e) Non manter un sistema de contabilidade separado ou un código contable axeitado en relación con todas as transaccións relacionadas cos gastos subvencionables, sen prexuízo das normas xerais da contabilidade, que permita seguir unha pista de auditoría sobre os gastos financiados co Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, suporá a perda dun 2 % da subvención concedida.

f) Non respectar o mantemento do emprego por un período de 2 anos para as contratacións indefinidas realizadas ao abeiro do proxecto de deseño será causa de reintegro de ata o 1 % da subvención concedida por cada mes completo que reste para completar o dito período de 2 anos. Este reintegro só procederá naqueles casos nos que a baixa do traballadores non teña carácter de voluntario.

g) Non facilitar cantos datos resulten necesarios para a avaliación do instrumento no marco da avaliación da RIS3 Galicia ou outros instrumentos relacionados coa medición da innovación será causa de reintegro de ata o 2 % do incentivo.

h) Non adoptar as medidas de difusión e publicidade contidas no artigo 24 desta resolución será causa de reintegro de ata o 2 % do incentivo.

No caso de condicións que constitúan obrigas que o beneficiario debe acreditar en fase de xustificación (obrigas de publicidade, comunicación doutras axudas, etc...), estas deberán xustificarse, en todo caso, para poder proceder ao pagamento da subvención, polo que a gradación fixada neste punto só resultará aplicable para supostos de reintegro, no caso en que se detecten en controis posteriores o pagamento dalgún incumprimento relativo a esas obrigas.

A concorrencia de distintas causas de incumprimento dará lugar á apreciación conxunta destas, aplicando á minoración conxunta correspondente.

5. Se o incumprimento derivase da inobservancia dalgunha condición ou suposto distinto dos anteriores, o seu alcance será determinado en función do grao e da entidade da condición incumprida.

6. Aos beneficiarios das subvencións reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 30. Control

1. A Axencia Galega de Innovación poderá levar a cabo as actividades de inspección que considere oportunas para controlar o cumprimento do obxecto das subvencións.

2. A Axencia Galega de Innovación, polos medios que considere, poderá realizar en calquera momento aos beneficiarios as visitas, comprobacións e solicitudes de aclaracións que considere necesarias para o correcto desenvolvemento das actividades do plan, así como para acreditar o cumprimento das medidas de publicidade de orixe dos fondos. Se se constata unha incorrecta utilización dos fondos ou desvío dos obxectivos, poderá propoñer a suspensión da subvención concedida.

3. Ademais do anterior, as subvencións estarán sometidas á función interventora e de control financeiro exercido pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, nos termos que establece o Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia e a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Así mesmo, estarán sometidas ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas.

Artigo 31. Normativa aplicable

Seralles de aplicación a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, o Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento, a normativa básica da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e o seu regulamento aprobado polo Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, así como, a Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas e demais disposicións que resulten de aplicación.

Artigo 32. Integración do Programa DeseñaPeme coas restantes iniciativas da Xunta de Galicia en materia de deseño para a innovación

Como complemento ás axudas previstas nesta convocatoria, as empresas que poñan en marcha un proxecto de deseño poderán:

– Solicitar posteriormente acompañamento financeiro a través dos fondos de capital risco vinculados á innovación xestionados por XesGalicia Sociedade Xestora de Entidades de Investimento de Tipo Pechado, S.A.U., ou a través dos instrumentos financieros innovadores (IFI Innova) xestionados polo Instituto Galego de Promoción Económica.

– Solicitar os servizos de análise do potencial competitivo, profesionalización e desenvolvemento estratéxico para as pemes galegas do programa Re-Acciona xestionado polo Instituto Galego de Promoción Económica, en especial, aqueles vinculados ao deseño que non estivesen cubertos por estas axudas.

Disposición adicional primeira. Habilitación para o desenvolvemento

Facúltase a directora da Axencia Galega de Innovación para que leve a cabo as actuacións que sexan precisas para o desenvolvemento e aplicación desta resolución.

Disposición derradeira primeira. Entrada en vigor

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 28 de xuño de 2021

Patricia Argerey Vilar
Directora da Axencia Galega de Innovación

ANEXO I

Retos, prioridades e obxectivos da Estratexia de especialización intelixente de Galicia 2014-2020 (RIS3 Galicia)

Reto 1: Xestión innovadora de recursos naturais e culturais.

Modernización dos sectores tradicionais galegos a través da introdución de innovacións que incidan no melloramento da eficiencia e rendemento no uso dos recursos endóxenos e a súa reorientación cara a usos alternativos con maior valor engadido en actividades enerxéticas, acuícolas, farmacolóxicas, cosméticas, alimentarias e culturais.

Prioridades asociadas:

1.1. Valorización dos subprodutos e residuos xerados polas cadeas de produción vinculadas ao mar mediante a súa utilización como compoñentes de produtos cosméticos, aditivos alimentarios, aplicacións farmacolóxicas, para conseguir unha diminución significativa nos residuos xerados e acadar un posicionamento nos mercados de produtos innovadores con alto valor engadido (valorización-mar).

As áreas de mellora deben estar relacionadas con todas as fases da cadea produtiva e articularanse arredor dos seguintes obxectivos específicos:

– Loxística da concentración, recollida e transporte de subprodutos e residuos ligados a actividades dos sectores primarios vinculados ao mar.

– Aplicación de residuos e subprodutos na produción de biocombustibles.

– Novas aplicacións para a valorización destes residuos (como compoñentes de produtos cosméticos, aditivos alimentarios e aplicacións farmacolóxicas, etc.) a partir de subprodutos e descartes da actividade pesqueira.

– Novas actividades e modelos de negocio de servizos relacionadas con estas novas aplicacións.

– Mellora significativa nun contexto global da produción ou comercialización de bens ou servizos asociados aos usos actuais dos residuos e subprodutos ligados ás actividades do sector primario.

– Mellora da capacidade de absorción de coñecemento nas empresas, en particular, das pemes, orientado ao desenvolvemento endóxeno e colaborativo das actividades de innovación recollidas nesta epígrafe.

– Calquera outra que mellore a competitividade do sector e fomente a creación de emprego.

1.2. Desenvolvemento do sector acuícola galego para converter a rexión en referente internacional na xeración de novos produtos e servizos de base tecnolóxica aplicados á acuicultura (acuicultura).

As áreas de mellora deben estar relacionadas con todas as fases da cadea produtiva e articularanse arredor de tres grandes áreas de actuación:

– Potenciar a diversificación con actuacións nos seguintes eidos: biodiversidade, sistemas produtivos (instalación de tecnoloxías de cultivo) e comercialización (produtos e presentacións).

– Reforzamento da capacidade de absorción de coñecemento das estruturas produtivas para emprego da biotecnoloxía como vector para acadar unha maior eficiencia produtiva e enerxética nas distintas fases dos cultivos; na optimización do uso da auga e xestión dos residuos da produción, na alimentación e na loita contra as patoloxías.

– Mellora da comercialización e rastrexabilidade. Co apoio de ferramentas TIC potenciar a imaxe de marca e incrementar o valor engadido achegando información da calidade alimentaria, rastrexabilidade de produto, das garantías hixiénico-sanitarias e, en definitiva, da seguridade alimentaria dos produtos procedentes da acuicultura.

– Calquera outra iniciativa que contribúa á mellora da competitividade do sector e fomente a creación de emprego estable e de calidade.

Modernización dos sectores.

1.3. Diversificación do sector enerxético galego para acadar un melloramento significativo da eficiencia no aproveitamento de recursos naturais galegos priorizando a biomasa e a enerxía mariña (biomasa e enerxías mariñas).

As áreas de mellora deben estar relacionadas con todas as fases da cadea produtiva, de aí que se promovesen neste eido iniciativas de investigación, desenvolvemento e innovación en equipamentos, técnicas e tecnoloxías tanto de explotación e aproveitamento da biomasa como da propia produción de combustibles, entre as cales se poden salientar:

– Técnicas de explotación e aproveitamento forestal, innovando na maquinaria de recollida e tratamento de biomasa.

– Procesos asociados á fabricación e loxística de distribución de combustibles.

– Caldeiras de alta eficiencia e policombustibles.

– Gasificación de biomasa.

– Microcoxeración con biomasa.

– Calquera outra área de mellora que permita mellorar a competitividade do sector e xerar emprego.

Por outra banda, Galicia presenta unhas condiciones naturais excelentes para a explotación das enerxías procedentes do mar, e conta cun tecido industrial forte en tecnoloxías navais que podería atopar neste eido unha senda de diversificación cara a un novo nicho de mercado.

As áreas de mellora deben estar relacionadas con todas as fases da cadea produtiva, de aí que se apoiará o desenvolvemento de tecnoloxías asociadas ao aproveitamento enerxético do medio mariño (concretamente a enerxía das ondas ou undimotriz, a das correntes mariñas e a eólica off-shore) o que permitirá aproveitar as sinerxías de coñecemento e capacitación doutros sectores galegos, coma o naval e o eléctrico, para a súa exportación a aqueles países onde o aproveitamento enerxético é unha oportunidade de negocio e calquera outra área de mellora que permita mellorar a competitividade e xerar emprego.

1.4. Modernización dos sectores primarios galegos (agricultura, pesca, gandaría e forestal) cara á mellora sustentable dos indicadores de eficiencia e rendibilidade das explotacións e á xeración de produtos e servizos innovadores (modernización de sectores primarios).

As áreas de mellora relacionadas con esta prioridade deben estar relacionadas con todas as fases da cadea produtiva e articularanse principalmente arredor de innovacións para optimizar o uso dos recursos (fertilizantes, concentrados, fitosanitarios, auga, enerxía, xenética ou poboación mariña), ampliar a base territorial das explotacións, mellorar a súa xestión económica, crear novos produtos e canles de comercialización, reducir e controlar os riscos ambientais e mellorar a eficiencia enerxética, avanzar na loita integrada de pragas e no control de enfermidades; reducir a contaminación das augas e do aire polos gases de efecto invernadoiro e protección e explotación sustentable de recursos hídricos (rías e continentais). Así mesmo, de forma transversal, realizaranse actuacións de conservación, reposición e restauración do ambiente e o equilibrio territorial, que contribúan a mellora, valorización e modernización dos recursos naturais e dos seus aproveitamentos.

1.5. Modernización do sector turismo e das industrias culturais galegas a través do uso intensivo das TIC para acadar un sector turístico competitivo a nivel europeo baseado no turismo cultural e nos recursos naturais (TIC-turismo).

Para acadar este obxectivo, as áreas de mellora deben estar relacionadas con todas as fases da cadea produtiva e articularanse arredor de tres grandes áreas de actuación:

– Dotar de contidos innovadores mediante a aplicación das TIC e o fomento das ICC en todos os recursos dispoñibles na nosa comunidade: patrimonio, cultura, gastronomía, natureza, etc., respondendo así a unha demanda cada vez máis exixente e especializada.

– Fomentaranse iniciativas que desde o ámbito da tecnoloxía e da creatividade permitan xerar novos produtos turísticos e novas actividades económicas de dimensión internacional, xogando as administracións un papel de facilitador e provedor de contornos adecuados para este desenvolvemento por parte das empresas.

– Aumentar as canles de comercialización e a competencia apostando pola venda directa sen intermediarios turísticos e eliminando trabas á libre competencia.

– E, en xeral, calquera outra área de mellora susceptible de mellorar a competitividade e a xeración de emprego no sector turístico galego.

Reto 2: O modelo industrial da Galicia do futuro.

Aumentar a intensidade tecnolóxica da estrutura industrial de Galicia, a través da hibridación e das tecnoloxías facilitadoras esenciais.

Prioridades asociadas:

2.1. Diversificación en sectores tractores galegos e os seus sectores auxiliares a través dun uso intensivo das tecnoloxías facilitadoras (TFE), orientado ao fornecemento de novos procesos e produtos de alto valor engadido que permitan explorar novos mercados baseados na hibridación, no coñecemento e na tecnoloxía (diversificación dos sectores tractores).

Para acadar os obxectivos desta prioridade, as áreas de mellora deben estar relacionadas con todas as fases da cadea produtiva e articularanse arredor de catro grandes áreas de actuación:

– Desenvolvemento de estratexias baseadas na diferenciación mediante o deseño e a innovación de produto incorporando o uso de materiais intelixentes aplicados á industria do transporte ou ao sector téxtil.

– Diversificación de industrias tradicionais vinculadas tradicionalmente a sectores tractores, como é o caso do sector do metal galego moi ligado ao naval e á automoción, cara a actividades de alta tecnoloxía, por exemplo como provedores do sector aeronáutico e aeroespacial.

– Desenvolvemento de dinámicas de innovación colaborativas empresa-investigación-Administración, potenciando a capacidade de proxección tecnolóxica e comercialización a nivel internacional, por exemplo nos eidos vinculados coas necesidades chave da Administración pública.

– E, en xeral, calquera outra área de mellora susceptible de incrementar a competitividade e a xeración de emprego nos sectores tractores galegos.

2.2. Potenciar a competitividade do sector industrial galego a través da optimización de procesos produtivos baixo o concepto de «Fábrica do futuro» e a través da eco-innovación para a mellora da eficiencia e do comportamento ambiental na industria (Competitividade do sector industrial).

Para iso defínense como obxectivos específicos:

– Tecnoloxías de proceso: a fábrica do futuro. Potenciar a innovación en tecnoloxías relacionadas coa simulación nos procesos produtivos dos sectores industriais galegos para facelos máis eficientes e mellorar a súa produtividade como garante de competitividade a nivel internacional.

– Tecnoloxías limpas: eco-innovación. É indubidable a importancia que os procesos industriais produtivos teñen na nosa sociedade e as implicacións de carácter ambiental que estes entrañan, por isto un dos obxectivos desta prioridade é apoiar a transformación dos modelos produtivos cara a unha produción máis eco-innovadora e eficiente orientada á optimización de procesos e á xeración de produtos baseados en coñecemento respectuosos co ambiente.

– E, en xeral, calquera outra medida susceptible de mellorar a competitividade e a xeración de emprego nos sectores industriais galegos.

2.3. Impulso das TIC como sector tractor da economía do coñecemento en Galicia, o mesmo que outras tecnoloxías facilitadoras esenciais (TFE) (Economía do coñecemento: [TIC e TFE]).

Nesta prioridade deberán implicarse todos os axentes do ecosistema de innovación rexionais para a consolidación eficiente dun sector tecnolóxico auxiliar cunha dobre perspectiva:

– Impulso dun sector competitivo, innovador e xerador de emprego cualificado capaz de facer fronte aos retos da nova economía do coñecemento.

– Fortalecemento dun sector tecnolóxico integrador que actúe non só como provedor auxiliar aos sectores estratéxicos de Galicia, senón tamén como elemento tractor debido a súa compoñente transversal.

Reto 3: Novo modelo de vida saudable baseado no envellecemento activo.

Posicionar a Galicia para o ano 2020 como a rexión líder no sur de Europa na oferta de servizos e produtos intensivos en coñecemento relacionados cun modelo de vida saudable: envellecemento activo, a aplicación terapéutica de recursos hídricos e mariños e a nutrición funcional.

Prioridades asociadas:

3.1. Galicia como rexión líder no sur de Europa na aplicación das novas tecnoloxías ao ámbito do envellecemento activo e a vida saudable e na promoción da autonomía persoal (envellecemento activo).

As actividades principais vinculadas a esta prioridade centraranse en:

– Reforzar as áreas de xeración de coñecemento relacionadas con esta prioridade nas cales Galicia acredita unha capacidade competitiva internacional.

– Propiciar un ambiente adecuado para o florecemento de novas iniciativas empresariais de base tecnolóxica capaces de valorizar o coñecemento xerado en Galicia atendendo ás demandas tecnolóxicas do ecosistema sociosanitario.

– Consolidar o desenvolvemento e a comercialización de novos produtos ou servizos no ámbito das TIC vinculados ao envellecemento activo e á vida saudable.

– Apoiar o desenvolvemento e a introdución nos mercados de novos produtos ou servizos biotecnolóxicos de alto valor engadido dirixidos, sobre todo, á industria farmacéutica e biotecnolóxica.

– Apoiar o desenvolvemento e a comercialización de novos produtos intensivos en coñecemento baseados na valorización do potencial do termalismo e das actividades deportivas para usos terapéuticos e promoción da autonomía persoal.

– Potenciar calquera outra área de mellora que poida contribuír á xeración de novos nichos de mercado e emprego estable e de calidade, asociado ás actividades económicas comprendidas nesta prioridade, a través dun uso intensivo do coñecemento e a tecnoloxía.

3.2. Diversificación do sector alimentario galego para posicionalo como referente internacional arredor da innovación en nutrición como elemento chave para unha vida saudable (alimentación e nutrición).

Para acadar os obxectivos desta prioridade, as áreas de mellora deben estar relacionadas con todas as fases da cadea produtiva e articularanse arredor das seguintes grandes áreas de actuación:

– Apoio á xeración de valor engadido a través da consolidación dunha estrutura produtiva e de investigación artellada arredor da nutrición, dos alimentos funcionais, nutracéuticos, da alimentación adaptada para etapas e condicións da vida como a terceira idade ou a obesidade, alimentación saudable para patoloxías específicas como a diabetes, a hipertensión e, en xeral, dos hábitos de vida saudable vinculados á alimentación.

– Apoio tamén á mellora de procesos de produción, apoiado no uso das TIC que permitan o seguimento integral da cadea produtiva-extractiva (rastrexabilidade), para garantir a seguridade e calidade dos produtos e a confianza do consumidor.

– Apoio ao desenvolvemento de proxectos de colaboración público-privada en Galicia, fomentado o cambio nun sector tradicional con potencial innovador non explotado e aproveitando a sólida base académica e institucional.

– Potenciarase calquera outra área de mellora que poida contribuír á xeración de novos nichos de mercado e emprego estable e de calidade neste sector tan relevante na nosa comunidade.

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file