Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 124 Xoves, 1 de xullo de 2021 Páx. 33391

III. Outras disposicións

Vicepresidencia primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo

EXTRACTO da Orde do 18 de xuño de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión das bolsas de formación de persoas expertas en cooperación internacional para o desenvolvemento e se procede á súa convocatoria para o ano 2021 (código de procedemento PR809A).

BDNS (identif.): 572165.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo pode consultarse na Base de datos nacional de subvencións (BDNS) (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index):

Primeiro. Persoas beneficiarias

As persoas beneficiarias das bolsas serán persoas tituladas universitarias e con veciñanza administrativa en Galicia.

Segundo. Obxecto

Estas bases teñen por obxecto regular a convocatoria de seis bolsas para a formación de persoas expertas en cooperación internacional para o desenvolvemento.

Os destinos das bolsas serán en Santiago de Compostela, na sede da Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea ou, fóra desta, nas unidades de cooperación no exterior (UCE) da Axencia Española de Cooperación Internacional para o Desenvolvemento ou nas oficinas das axencias da Organización das Nacións Unidas.

As bolsas reguladas nesta orde concederanse en réxime de concorrencia competitiva e baixo os principios de publicidade, obxectividade, transparencia, igualdade, non discriminación, eficacia e eficiencia.

Terceiro. Bases reguladoras

Orde do 18 de xuño de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión das bolsas de formación de persoas expertas en cooperación internacional para o desenvolvemento e se procede á súa convocatoria para o ano 2021 (código de procedemento PR809A).

Cuarto. Importe

Para a concesión destas bolsas destínase un crédito de 98.600 €, que se distribuirá do seguinte xeito: 30.700 € para o ano 2021 e 67.900 € para o ano 2022.

O importe da bolsa será de 1.200 € brutos mensuais, no caso de que os destinos sexan no exterior e 1.000 € brutos mensuais, no caso de que os destinos sexan na sede da Dirección Xeral, que se farán efectivos polo importe líquido tras realizar a retención fiscal e da cota obreira que lle corresponda, na conta bancaria que sinale a persoa beneficiaria da bolsa. Os meses serán considerados en todos os casos de 30 días.

As persoas bolseiras destinadas no exterior recibirán en concepto de aboamento dos gastos de viaxe, primeiro establecemento, visados, vacinación, seguros, desprazamentos internos ou calquera outro necesario no desenvolvemento da bolsa unha contía máxima de 3.000 € para cada un dos destinos propostos, que lles será aboada con anterioridade á primeira mensualidade da bolsa.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 18 de xuño de 2021

Beatriz Cuiña Barja
Secretaria xeral técnica da Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo