Expediente-e: IN407A 2021/54-1.
Promotora: Electra de Santa Comba, S.L.
Denominación da instalación: Reforma do CT rúa Pontevedra, núm. 37.
Concello: Santa Comba.
Feitos:
1. O 17 de marzo de 2020, a empresa promotora solicitou a autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción do proxecto de execución da dita instalación de distribución eléctrica.
Achegan o proxecto que inclúe memoria, planos e orzamento, ao abeiro do artigo 123 do Real decreto 1955/2000, que abrangue os seguintes documentos: Proxecto de execución nomeado: reforma do CT rúa Pontevedra, núm. 37.
2. Enviouse separata e solicitouse o preceptivo informe ao Concello de Santa Comba. Non consta no expediente, no día de hoxe, contestación do organismo á solicitude de condicionado.
3. Os servizos técnicos da xefatura territorial emitiron informe favorable sobre a dita solicitude.
Consideracións legais e técnicas:
1. O xefe territorial é competente para resolver este expediente segundo o Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia, e o artigo 39.a) do Decreto 230/2021, do 11 de xaneiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación.
2. A lexislación que se aplicará neste expediente é a que a seguir se relaciona:
a) A Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.
b) O Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.
c) O Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09.
d) O Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.
e) O Real decreto 842/2002, do 2 de agosto, polo que se aproba o Regulamento electrotécnico para baixa tensión.
f) A Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia (DOG núm. 203, do 25 de outubro).
3. As características técnicas da instalación son as que a seguir se describen:
– Instalacións de media tensión: novo conxunto de celas modulares 4L+1P con envolvente metálica e illamento en SF6. Substitución do transformador de 400 kVA e relación de transformación 20/0,4 kV, por un novo da mesma potencia, e novos cables ponte de MT, reforma do local con nova bancada de MT, foxo de recollida de aceite, reixa e apagalumes e ampliación da ventilación.
– En baixa tensión substitúese o cadro de BT por un novo cadro de tipo AC5-1600, así como os cables de conexión.
O orzamento da instalación de MT segundo o proxecto é de 30.124,16 €.
4. No expediente consta un informe favorable dos servizos técnicos desta xefatura territorial.
De acordo con todo o sinalado,
RESOLVO:
1. Conceder a autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción á dita instalación de distribución eléctrica indicada.
2. A instalación executarase no prazo dun ano, contado a partir do día seguinte ao da publicación da presente resolución no Diario Oficial de Galicia.
3. Para a posta en funcionamento da instalación autorizada deberá achegar ante esta xefatura territorial unha solicitude coa cal xuntará a seguinte documentación:
I. As declaracións de conformidade relativas ao material ou equipamento, e as certificacións ou homologacións, se procede.
II. Un certificado do/da director/a da montaxe en que se garantirá o cumprimento das especificacións do proxecto e prescricións complementarias, se as houber, así como das regulamentacións e normas oportunas na montaxe da instalación e posta a punto.
4. Esta aprobación outórgase sen prexuízo doutras que sexan de aplicación segundo a lexislación vixente, en especial as relativas á ordenación do territorio e ao ambiente.
Contra esta resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpor recurso de alzada ante o vicepresidente segundo e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación ou publicación, segundo o disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro), sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan interpor calquera outro recurso que consideren pertinente.
Mediante este documento notifícaselle á empresa promotora esta resolución, segundo o exixido no artigo 40.1 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro).
A Coruña, 7 de xuño de 2021
Isidoro Martínez Arca
Xefe territorial da Coruña