Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 121 Luns, 28 de xuño de 2021 Páx. 32550

III. Outras disposicións

Consellería do Mar

ORDE do 11 de xuño de 2021 pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión de subvencións para compensar as empresas de transformación dos produtos pesqueiros e da acuicultura que tivesen perdas de produción entre o 1 de febreiro e o 31 de decembro de 2020 como consecuencia do brote da COVID-19, independentemente do seu tamaño, cofinanciadas co Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP), e se procede á súa convocatoria para o ano 2021 (código de procedemento PE201G).

O Regulamento (UE) nº 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, polo que se establecen disposicións comúns relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo, ao Fondo de Cohesión, ao Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural e ao Fondo Europeo Marítimo e da Pesca, e polo que se establecen disposicións xerais relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo, ao Fondo de Cohesión e ao Fondo Europeo Marítimo e de Pesca, e se derroga o Regulamento (CE) nº 1083/2006 do Consello (DOUE, L347, do 20.12.2012) (en diante, disposicións comúns dos fondos EIE); e o Regulamento (UE) nº 508/2014 do Parlamento Europeo e do Consello, do 15 de maio de 2014, relativo ao Fondo Europeo Marítimo e de Pesca, e polo que se derrogan os regulamentos (CE) nº 2328, (CE) nº 861/2006, (CE) nº 1198/2006 e (CE) nº 791/2007 do Consello, e o Regulamento (UE) nº 1225/2011 do Parlamento Europeo e do Consello (DOUE, L149, do 20.05.2014), constitúen o marco de financiamento comunitario para o período 2014-2020 que, entre outros, ten como obxectivo apoiar actuacións que fomenten un sector da pesca sustentable e respectuoso co ambiente para acadar os obxectivos da política pesqueira común (PPC) en consonancia cos obxectivos da estratexia de Europa 2020. Por outra banda, mediante a Decisión do 13.11.2015, a Comisión aprobou o programa operativo para España do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca para efectos de concesión de axudas do devandito Fondo neste Estado membro, de maneira que este contribúe á estratexia da UE para un crecemento intelixente, sustentable e integrador e á consecución dos obxectivos temáticos seleccionados e das prioridades da Unión.

O sector da pesca constitúe un sector estratéxico para o desenvolvemento da nosa Comunidade. Este sector da pesca, tan importante para Galicia, vese especialmente afectado polas perturbacións do mercado xeradas por un descenso significativo da demanda como consecuencia do brote da COVID-19. O descenso da demanda e dos prezos, unido á vulnerabilidade e á complexidade da cadea de subministración, converteu en deficitarias as operacións das frotas pesqueiras e da produción de peixe e marisco.

Como consecuencia da situación de emerxencia de saúde pública ocasionada pola COVID-19 e para protexer a saúde e seguridade dos cidadáns, conter a progresión da enfermidade e reforzar o sistema de saúde pública, o 14 de marzo de 2020 o Goberno de España declarou o estado de alarma a través da publicación do Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, polo que se declara o estado de alarma para a xestión da situación de crise sanitaria ocasionada pola COVID-19.

No artigo 15 desta norma recóllese que se debe garantir o abastecemento alimentario, de forma que se asegure o funcionamento dos centros de produción de alimentos, entre os que están as empresas de transformación dos produtos da pesca e da acuicultura que, como consecuencia da pandemia, sufriron importantes perdas económicas.

Co obxectivo de atenuar o impacto social e económico producido neste sector, aprobouse o Regulamento (UE) nº 2020/560 do Parlamento Europeo e do Consello, do 23 de abril de 2020, polo que se modifican os regulamentos (UE) nº 508/2014 e (UE) nº 1379/2013, que establece medidas específicas ata o 31 de decembro de 2020, a fin de mitigar o impacto do brote da COVID-19 no sector da pesca e da acuicultura, que se viu especialmente afectado polas perturbacións do mercado xeradas por un descenso significativo da demanda.

O Regulamento (UE) nº 2020/558 do Parlamento Europeo e do Consello, do 23 de abril de 2020, modifica os regulamentos (UE) nº 1301/2013 e (UE) nº 1303/2013 no que respecta a medidas específicas para ofrecer una flexibilidade excepcional no uso dos fondos estruturais e de investimentos europeos en resposta ao brote da COVID-19.

Ante este novo marco comunitario, cómpre publicar as bases reguladoras que establezan o procedemento para a concesión de determinadas axudas ao abeiro da normativa antes citada e, ao mesmo tempo, realizar a convocatoria destas axudas para o ano 2021, coa finalidade de apoiar as empresas de transformación dos produtos pesqueiros e da acuicultura con medidas que teñen por obxecto compensar a industria transformadora que tivese perdas de produción entre o 1 de febreiro e o 31 de decembro de 2020 como consecuencia do brote da COVID-19, cofinanciadas co Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP).

En consecuencia, e de acordo co disposto no artigo 27.15 do Estatuto de autonomía de Galicia, e en uso das competencias que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa presidencia, oído o sector interesado, en virtude das competencias que ten atribuídas a Consellería do Mar en materia de acuicultura, e no exercicio das atribucións que me foron conferidas,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras para a concesión das axudas destinadas a compensar as empresas de transformación dos produtos pesqueiros e da acuicultura pola redución da produción que tivese lugar entre o 1 de febreiro e o 31 de decembro de 2020 como consecuencia do brote da COVID-19, que se enmarcan nas medidas recollidas no artigo 55 do Regulamento UE 508/2014, modificado polo Regulamento UE nº 2020/560.

O código do procedemento correspondente a estas axudas é o PE201G.

Artigo 2. Marco normativo

No non previsto nesta orde observarase o que establece o Regulamento (UE) nº 508/2014 do Parlamento Europeo e do Consello, do 15 de maio de 2014, relativo ao Fondo Europeo Marítimo e de Pesca; Regulamento (UE) nº 1303/2013 relativo ás disposicións comúns dos fondos EIE; Regulamento (UE) nº 2020/560 do Parlamento Europeo e do Consello, do 23 de abril de 2020, polo que se modifican os regulamentos (UE) nº 508/2014 e (UE) nº 1379/2013 en relación con medidas específicas para atenuar o impacto do brote da COVID-19 no sector da pesca e a acuicultura; Regulamento (UE) nº 2020/558 do Parlamento Europeo e do Consello, do 23 de abril de 2020, polo que se modifican os regulamentos (UE) nº 1301/2013 e (UE) nº 1303/2013 no que respecta a medidas específicas para ofrecer unha flexibilidade excepcional no uso dos fondos estruturais e de investimentos europeos en resposta ao brote da COVID-19; o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, e posteriores modificacións; o disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; o Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; os preceptos básicos da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e os do seu regulamento de execución; e a Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas; e demais normativa de aplicación.

Artigo 3. Crédito orzamentario

1. O importe fixado na presente convocatoria, así como as aplicacións a que se impute, poderase ampliar no caso de que exista crédito dispoñible derivado dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito, de remanentes doutras convocatorias ou en calquera dos casos e coas condicións establecidas no número 2 do artigo 30 do Regulamento da Lei de subvencións de Galicia (Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro), sen que iso dea lugar á apertura dun novo prazo de presentación de solicitudes.

2. En todo caso, o incremento do crédito queda condicionado á declaración de dispoñibilidade do crédito como consecuencia das circunstancias antes sinaladas e, se for o caso, logo de aprobación da modificación orzamentaria que proceda.

3. As axudas mencionadas contan co financiamento do FEMP nun 75 % e do Estado membro (CA de Galicia) nun 25 %.

4. As axudas concederanse con cargo á aplicación orzamentaria 15.02.723A.771.1 (proxecto contable: 2021 00091), que figura dotada no proxecto de orzamento de gastos da Consellería do Mar para o ano 2021. Os importes máximos das subvencións que se concedan no dito exercicio orzamentario ascenderán a 4.000.000 €.

Artigo 4. Persoas e entidades beneficiarias e requisitos xerais

Poderán ser beneficiarias as persoas físicas, xurídicas, pluralidade de persoas físicas, agrupacións ou entidades sen personalidade xurídica ou comunidades de bens que cumpran os seguintes requisitos:

1. Ser unha empresa do sector de transformación dos produtos pesqueiros e da acuicultura que vise reducida a súa produción entre o 1 de febreiro e o 31 de decembro de 2020 como consecuencia da pandemia da COVID-19, sempre que as perdas sexan de polo menos un 20 % en relación cos ingresos medios para o mesmo período nos 3 anos anteriores (2017, 2018 e 2019). No caso de empresas con menos de tres anos de actividade, estas deberán ter actividade durante, polo menos, o ano natural 2019 completo.

O establecemento de transformación deberá ser titularidade da empresa solicitante durante o período de referencia indicado, 1 de febreiro de 2017 a 31 de decembro de 2020. No caso de empresas con menos de tres anos de actividade, deberá ser titular do establecemento desde, polo menos, o 1 de xaneiro de 2019 ata o 31 de decembro de 2020.

2. Non ter pendente de pagamento ningunha obriga por reintegro de subvencións nin sanción firme pendente de pagamento por infracción da normativa marítimo-pesqueira.

3. Non poderán ser persoas beneficiarias destas axudas as persoas en que concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

4. Non estar incursas en ningunha das circunstancias previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

5. Non estar incursas en ningunha clase de inhabilitación para a obtención de axudas previstas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

6. Estar ao día no pagamento de obrigas por reintegro de subvencións, conforme o artigo 10.2.g) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o artigo 9 do Regulamento de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

7. Non ter pendente de pagamento ningunha sanción firme por infracción da normativa marítimo-pesqueira.

8. Non ter cometido infracción grave:

– da PPC definida como tal en actos lexislativos do Parlamento Europeo e do Consello;

– do Regulamento (UE) nº 1005/2008, do Consello, polo que se establece un sistema contra a pesca ilegal, non declarada e non regulamentada, e do Regulamento (UE) nº 1224/2009 do Consello, polo que se establece un réxime comunitario de control; durante os 12 meses anteriores á data da presentación de solicitudes, se o operador ten nove puntos de infracción polas infraccións graves segundo o Regulamento (UE) nº 404/2011, cada punto de infracción acumulado que se engada aos nove puntos de infracción polas infraccións graves, segundo o Regulamento (UE) nº 404/2011 suporá un mes adicional de inadmisibilidade da axuda por punto acumulado.

9. No marco do FEP ou FEMP, non ter sido declaradas culpable de cometer fraude, segundo a definición do artigo 1 do convenio relativo á protección dos intereses financeiros das comunidades europeas (DOUE serie C 316 do 27.11.1995),

10. Que non estean nin estivesen nos últimos 24 meses involucradas na explotación, xestión ou propiedade dos buques incluídos na lista comunitaria dos buques INDNR (pesca ilegal non declarada e non regulamentada) ou de buques que nin estean nin estivesen nos últimos 12 meses enarborando o pavillón de países considerados terceiros países non cooperantes ao abeiro do Regulamento (CE) nº 1005/2008 do Consello, do 29 de setembro de 2008, polo que se establece un sistema comunitario para previr, desalentar e eliminar a pesca ilegal, non declarada e non regulamentada.

11. Antes de que se dite a proposta de resolución de concesión, deben estar ao día nas obrigas tributarias e coa Seguridade Social e non ter pendente de pagamento ningunha débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia.

12. Á solicitude acompañarase unha declaración responsable, por parte do solicitante, do seu representante ou apoderado, do cumprimento dos requisitos establecidos nos puntos 2 a 10 deste artigo.

Artigo 5. Requisitos específicos das persoas beneficiarias

Sen prexuízo do anterior, a persoa beneficiaria deberá cumprir os seguintes requisitos:

a) A empresa debe dispor de centros produtivos en Galicia.

b) Deberá figurar de alta na Axencia Española de Administración Tributaria dentro das epígrafes relacionadas coa transformación de produtos procedentes da pesca, marisqueo ou acuicultura.

c) As perdas por empresa serán de, polo menos, un 20 % en relación cos ingresos medios para o mesmo período (entre o 1 de febreiro e o 31 de decembro de 2020) nos 3 anos civís anteriores.

Artigo 6. Obrigas xerais das persoas beneficiarias

As persoas beneficiarias destas axudas están obrigadas a:

a) Durante os cinco anos seguintes ao pagamento final á persoa beneficiaria, que será a data contable do último pagamento, esta non pode:

– Cesar a actividade produtiva nin, no caso de agrupacións, entidades sen personalidade xurídica ou comunidades de bens, disolverse ata que transcorra o devandito prazo.

– Relocalizar a actividade produtiva fóra de Galicia.

A Consellería do Mar solicitará o reintegro da axuda de forma proporcional ao período durante o cal se incumprisen os requisitos, segundo o disposto no artigo 71 do Regulamento UE nº 1303/2013.

b) Someterse ás actuacións de comprobación que efectuará o órgano concedinte ou calquera outra comprobación e control financeiro que poidan realizar os órganos de control competentes, tanto nacionais coma comunitarios, e achegar canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

c) Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos durante un mínimo de cinco anos desde a percepción da data contable do último pagamento, para os efectos de comprobación e control. Cando proceda, deberán dispoñer dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos exixidos na lexislación aplicable ás persoas beneficiarias. Ademais, tamén deberán conservar os devanditos documentos durante dous anos a partir do 31 de decembro do ano seguinte á presentación das contas ás autoridades europeas, por parte da Administración, en que se incluíra a súa operación, para o cal se informará o beneficiario da axuda da devandita data.

d) Manter un sistema de contabilidade separado ou un código contable específico en relación con todas as transaccións relacionadas coa subvención que permita seguir a pista de auditoría.

e) Comunicarlle á Consellería do Mar a obtención doutras subvencións e axudas para a mesma finalidade procedentes de calquera Administración ou ente, tanto públicos como privados.

f) Comunicarlle á Consellería do Mar calquera circunstancia que poida afectar substancialmente a execución dos fins para os cales foi concedida a axuda.

g) Durante os cinco anos seguintes ao pagamento final á persoa beneficiaria, esta non poderá ter cometido unha infracción grave da PPC nin do Regulamento (UE) nº 1005/2008, do Consello, polo que se establece un sistema contra a pesca ilegal, non declarada e non regulamentada, e do Regulamento (UE) nº 1224/2009 do Consello, polo que se establece un réxime comunitario de control, non ter sido declarada culpable de cometer fraude, nin estar incluída na lista comunitaria dos buques INDNR (pesca ilegal non declarada e non regulamentada) ou de buques que enarboren o pavillón de países considerados terceiros países non cooperantes ao abeiro do Regulamento (CE) nº 1005/2008 do Consello, do 29 de setembro de 2008.

Artigo 7. Intensidade das axudas

1. As axudas reguladas nesta orde teñen o carácter de subvencións de capital e non constitúen axudas de estado.

2. A contía máxima da axuda poderá ser de ata o 50 % das perdas en vendas sufridas nos centros de produción de Galicia, cun límite de 400.000,00 euros por persoa beneficiaria. Para calcular o devandito importe teranse en conta as vendas realizadas no período de referencia (1 de febreiro ao 31 de decembro de 2020), en comparación co mesmo período dos anos 2017, 2018, e 2019. Realizarase a media das vendas feitas neses tres anos e calcularase se a empresa sufriu perdas de vendas por máis do 20 % con respecto ao mesmo período de referencia, no ano 2020.

No caso de empresas de menos de tres anos de actividade, o cálculo realizarase tendo en conta os datos dos anos correspondentes.

Se as perdas fosen inferiores ao 20 % non se terá dereito á subvención.

3. A perda das vendas acreditarase a través dun informe de auditoría subscrito por un auditor independente inscrito no Rexistro Oficial de Auditores de Contas (ROAC) que certifique, para o período de referencia (1 de febreiro ao 31 de decembro de 2020), as vendas en euros e volume de produto, a media destes ingresos e a comparativa porcentual respecto ao ano para o que se solicita a axuda (2020). Deberá especificar a porcentaxe de perdas de vendas da empresa e tamén en cada centro de produción de Galicia.

Artigo 8. Compatibilidade das axudas

As axudas establecidas na presente orde serán incompatibles con calquera outra axuda concedida para a mesma finalidade e período, procedente de calquera outra Administración ou ente público ou privado, nacional, da Unión Europea ou de organismos internacionais.

Artigo 9. Prazo de presentación das solicitudes

Para esta convocatoria de 2021 o prazo de presentación das solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo remata o último do mes.

Artigo 10. Forma de presentación de solicitudes

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible (anexo I) na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal.

De conformidade do artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións publicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda

Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

2. Para efectos de presentación da solicitude, os interesados poderán actuar por medio de representantes. A acreditación da representación deberá realizarse, mediante a presentación da correspondente autorización e aceptación utilizando o anexo III da presente orde.

Artigo 11. Documentación complementaria

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude (anexo I) a seguinte documentación:

– Anexo II.1 de Pluralidade de persoas físicas, se é o caso.

– Anexo II.2 de Agrupacións ou entidades sen personalidade xurídica ou comunidades de bens, se é o caso.

– Anexo III. Nomeamento de representante para os efectos de presentación da solicitude.

– Anexo IV. Contido da certificación do auditor para cada centro de produción en Galicia.

– Informe de auditoría subscrito por un auditor adscrito ao Rexistro Oficial de Auditores de Contas, (ROAC), que certifique, para o período de referencia (1 de febreiro ao 31 de decembro), as vendas en euros e volume de produto, a media destes ingresos e a comparativa porcentual respecto ao ano para o cal se solicita a axuda (2020). Deberá especificar a porcentaxe de perdas de vendas da empresa e tamén en cada centro de produción de Galicia (debe recoller a información detallada no anexo IV).

– Documentación que demostre a titularidade dos establecementos produtivos en Galicia, o que se verificará coa nota simple do Rexistro da Propiedade das instalacións. En caso de que as instalacións estean alugadas á empresa solicitante ou en cesión de uso, xuntarase contrato de alugamento ou de cesión de uso elevado a escritura pública notarial.

– Certificado actualizado da declaración censual de alta en obrigas tributarias de cada solicitante, en que conste o seu envío telemático ou a súa presentación, de data posterior á da publicación da orde.

– Licenza de actividade dos establecementos.

2. Así mesmo, segundo proceda, presentarase a seguinte documentación complementaria:

2.1. Se o solicitante é unha persoa xurídica:

a) Certificado acreditativo de carecer de antecedentes penais obtido a través do Rexistro Central de Penados do Ministerio de Xustiza, o cal deberá conter a totalidade de antecedentes penais non cancelados, para efectos de verificar que non foi declarado culpable de cometer fraude no marco do FEP ou FEMP. Se da información anterior non se entende acreditada a ausencia de antecedentes penais, solicitarase ao interesado que achegue certificado que acredite a totalidade de antecedentes penais ou a ausencia deles.

b) Poder suficiente da persoa representante, no caso de que tal poder non figure nos estatutos.

c) Certificación rexistral actualizada en que figure a constitución da sociedade e os estatutos vixentes.

2.2. Se o solicitante é unha agrupación ou entidade sen personalidade xurídica ou comunidade de bens:

a) Acordo de nomeamento de representante ou apoderado para os efectos da solicitude da axuda, asinado por todos.

b) Certificado acreditativo de carecer de antecedentes penais obtido a través do Rexistro Central de Penados do Ministerio de Xustiza, o cal deberá conter a totalidade de antecedentes penais non cancelados, para efectos de verificar que non foi declarado culpable de cometer fraude no marco do FEP ou FEMP. Se da información anterior non se entende acreditada a ausencia de antecedentes penais, solicitarase ao interesado que achegue certificado que acredite a totalidade de antecedentes penais ou a ausencia deles.

c) Documento de constitución da comunidade de bens, agrupación ou entidade sen personalidade xurídica.

De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán obtidos electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, de non se poderen obter os citados documentos, poderáselle solicitar novamente á persoa interesada a súa achega.

A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar, de maneira motivada, o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

No caso de que algún dos documentos que se vaia presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a súa presentación de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 12. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) DNI/NIE da persoa solicitante.

b) DNI/NIE da persoa representante ou NIF da entidade representante nomeada para os efectos da presentación da solicitude.

c) DNI/NIE da persoa representante legal da persoa xurídica, de ser o caso.

d) NIF da persoa xurídica solicitante, da comunidade de bens ou sociedade civil, agrupación ou entidade sen personalidade xurídica, segundo corresponda.

e) Certificación de estar ao día no cumprimento das súas obrigas coa Axencia Estatal da Administración Tributaria.

f) Certificación de estar ao día no cumprimento das súas obrigas coa Tesouraría Xeral da Seguridade Social.

g) Certificación de estar ao día no cumprimento das súas obrigas coa Facenda da Xunta de Galicia.

h) Consulta de estar ao día no pagamento de obrigas por reintegro de subvencións emitido pola Consellería de Facenda (Atriga).

i) Informe acreditativo de non ter sanción firme pendente de pagamento por infracción da normativa marítimo-pesqueira, emitido pola unidade de sancións e reclamacións da xefatura territorial correspondente da Consellería do Mar.

j) Consulta de non estar en concurso de acredores (artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia), obtido a través do Rexistro Público Concursal do Ministerio de Xustiza.

k) Informe acreditativo de non ter cometido infracción grave da política pesqueira común, do Regulamento (UE) nº 1005/2008, do Consello, polo que se establece un sistema contra a pesca ilegal, non declarada e non regulamentada, e do Regulamento (UE) nº 1224/2009, do Consello, polo que se establece un réxime comunitario de control, emitido polo Ministerio de Agricultura Pesca e Alimentación.

Así mesmo, informe sobre sancións graves dos solicitantes de axudas cofinanciadas co FEMP, de conformidade co artigo 10.1.a) do Regulamento (UE) nº 508/2014, relativo ao Fondo Europeo Marítimo e de Pesca, emitido polo Servizo Técnico-Xurídico da Consellería do Mar.

l) Certificado acreditativo de carecer de antecedentes penais cando o solicitante sexa unha persoa física ou unha pluralidade de persoas físicas. No caso de que o solicitante sexa unha agrupación ou entidade sen personalidade xurídica ou comunidade de bens, certificado de carecer de antecedentes penais dos seus integrantes. Os certificados deberán ser obtidos a través do Rexistro Central de Penados do Ministerio de Xustiza, o cal deberá conter a totalidade de antecedentes penais non cancelados, para efectos de verificar que non foi declarado culpable de cometer fraude no marco do FEP ou FEMP. Se da información anterior non se entende acreditada a ausencia de antecedentes penais, solicitarase ao interesado que achegue certificado que acredite a totalidade de antecedentes penais ou a ausencia deles.

m) Consulta no sistema nacional de publicación de subvencións do Ministerio de Facenda de non ter sido declarado culpable de cometer fraude, no marco do FEP ou FEMP.

n) Consulta de non estar nin ter estado nos últimos 24 meses involucrado na explotación, xestión ou propiedade dos buques incluídos na lista comunitaria dos buques INDNR, obtido do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación.

o) Consulta de concesión de subvencións e axudas.

p) Consulta de inhabilitación para obter subvencións e axudas.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro habilitado do formulario correspondente (anexo I, anexo II.1, anexo II.2 ou anexo III) e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 13. Tramites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica de Galicia.

Artigo 14. Tramitación de solicitudes

A tramitación das solicitudes realizarase por fases; no caso de que unha solicitude non supere unha das fases, isto implicará que a súa tramitación finalizará sen que poida pasar á fase seguinte; neste caso, o órgano competente emitirá a correspondente resolución.

A) Fase de admisión de solicitudes.

1. O Servizo de Innovación Tecnolóxica das Industrias da Consellería do Mar analizará os expedientes e requirirá a emenda da documentación necesaria, de ser o caso.

2. Se a solicitude non reúne algún dos requisitos exixidos nestas bases reguladoras ou na correspondente convocatoria, requirirase o interesado para que, nun prazo de dez días hábiles, emende a deficiencia ou remita os documentos preceptivos.

Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixer, se dará por desistido da súa solicitude.

Este requirimento de emenda tamén se fará se das certificacións obtidas de conformidade co artigo 4, punto 11, resulta que o solicitante non está ao día no pagamento das súas obrigas tributarias co Estado, coa Comunidade Autónoma e coa Seguridade Social.

A documentación requirida para emenda da solicitude deberá ser presentada na forma que se determina nos artigos 14 e 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

3. Sen prexuízo do sinalado no número anterior, poderá requirirse o solicitante para que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.

4. Sempre que se teñan en conta para a resolución das axudas aspectos distintos aos aducidos polos interesados, daráselles a estes un trámite de audiencia con carácter previo á selección dos expedientes pola comisión de selección.

5. Para os expedientes que non cumpran as exixencias contidas nestas bases ou na normativa de aplicación, ou que non conteñan a documentación necesaria, o órgano instrutor emitirá un informe desfavorable previo á proposta de resolución de non admisión ou de desistencia, segundo sexa o caso, na cal se indicarán as causas que a motivan.

6. O Servizo de Innovación Tecnolóxica das Industrias emitirá un informe coas solicitudes que reunisen todos os requisitos e a documentación necesaria, á vista do cal a comisión de selección analizará e clasificará as solicitudes de acordo cos criterios fixados nas bases.

Artigo 15. Comisión de selección

1. Os expedientes serán seleccionados por unha comisión de selección constituída na Dirección Xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica.

2. A comisión seleccionadora estará formada polos seguintes membros:

a) Presidente: subdirector/a xeral de Innovación Tecnolóxica.

b) Vogais: dous funcionarios adscritos á Dirección Xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, designados polo presidente e polo/a xefe/a do Servizo de Innovación Tecnolóxica das Industrias, que actuará como secretario/a.

3. En caso de imposibilidade de asistir a algunha das sesións, os membros do órgano colexiado poderán ser substituídos pola persoa que designe o presidente. O órgano colexiado precisará de, polo menos, a maioría simple dos membros para a realización da selección.

4. As sesións da comisión poderán celebrarse de forma presencial ou a distancia.

5. A comisión poderá propoñer que o órgano instrutor requira a documentación complementaria necesaria para a correcta selección da solicitude de que se trate.

6. A comisión seleccionadora poderá traballar asistida dos asesores que xulgue conveniente, así como solicitar informes a expertos técnicos na materia.

7. A comisión de selección reunirase nunha sesión única para a elaboración da proposta de concesión ao órgano concedente, salvo no caso de que a suma dos investimentos subvencionados dos expedientes propostos non supere o crédito existente para as axudas, caso en que poderá celebrar cantas sesións considere necesarias, emitindo propostas parciais de concesión en cada unha das sesións.

Artigo 16. Criterios de Selección

Tendo en conta que se trata de axudas destinadas a atender situacións orixinadas pola pandemia da COVID-19 no marco do Regulamento 2020/560, polo que se modifica o Regulamento UE nº 508/2014, e dado o carácter prioritario e a limitación temporal das accións, non é necesario realizar a comparación e a prelación das solicitudes presentadas.

A comisión de selección, para atender a situación orixinada pola COVID-19, dado o seu carácter prioritario e a limitación temporal das accións, non valorará os criterios xerais do FEMP; asignaráselle a valoración de ALTA con carácter xeral a todos os expedientes.

As solicitudes serán seleccionadas segundo a forma de cálculo establecida no artigo 7 desta orde co único fin de obter o importe da axuda correspondente a cada empresa solicitante, e non de establecer unha orde de prelación.

No suposto de que o crédito consignado na convocatoria resulte suficiente para atender a totalidade das solicitudes presentadas, outorgarase a máxima porcentaxe de subvención posible.

No caso de que o importe fixado na presente convocatoria resulte insuficiente para atender as solicitudes presentadas na súa intensidade máxima, ratearase o importe global máximo destinado a esta axuda entre todos os solicitantes.

Artigo 17. Resolución e aceptación

1. A resolución das solicitudes correspóndelle á persoa titular da Consellería do Mar, que poderá delegar a dita competencia na persoa titular da Dirección Xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica. No caso de concesións que superen a contía de 3.000.000 € por persoa beneficiaria, será necesaria a autorización do Consello da Xunta.

2. Esta autorización non implicará a aprobación do gasto, que lle corresponderá en todo caso ao órgano competente para ditar a resolución de concesión da subvención.

3. O prazo máximo para ditar e notificar a resolución da axuda será de seis meses contados desde a data de publicación desta orde de convocatoria de axudas no Diario Oficial de Galicia. En todo caso, a data límite para ditar resolución de concesión será o 31 de decembro de 2021. Transcorrido o prazo sen resolución expresa, os interesados poderán entender desestimadas as súas solicitudes, de conformidade co disposto no artigo 25 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

4. Unha vez notificada a devandita resolución, a persoa interesada terá un prazo de dez días hábiles a partir do seguinte ao da súa notificación para a aceptación desta. Transcorrido este prazo sen producirse manifestación expresa, entenderase tacitamente aceptada a axuda.

5. A resolución de concesión indicará, entre outros aspectos, os compromisos asumidos polas persoas beneficiarias; os créditos orzamentarios aos cales se imputa o gasto; a contía da subvención individualizada e a porcentaxe do financiamento do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca.

Artigo 18. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificacións electrónicas de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que conste na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e polas entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar que as persoas interesadas cumpran a súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido e rexeitadas cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 19. Recursos

1. Contra a resolución expresa que se dite, que pon fin á vía administrativa, cabe interpor recurso potestativo de reposición perante a persoa titular da Consellería do Mar, no prazo dun (1) mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, ou recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous (2) meses contados desde o día seguinte ao da súa notificación.

2. Se, transcorrido o prazo para resolver establecido no artigo 17, non lle é notificada a resolución ao interesado, entenderase desestimada por silencio administrativo negativo e caberá interpor recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Consellería do Mar, en calquera momento, ou recurso contencioso-administrativo perante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de seis (6) meses, contados en ambos os dous casos a partir do día seguinte ao que se produza o acto presunto.

3. Sen prexuízo do anterior, os interesados poderán interpor calquera outro recurso que consideren oportuno.

Artigo 20. Modificación da resolución

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por calquera outra Administración ou ente público ou privado, nacional, da Unión Europea ou de organismos internacionais, deberá ser comunicada á Dirección Xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, e poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

2. O acordo de modificación poderá declarar a perda total ou parcial do dereito á subvención concedida e o conseguinte reintegro, se é o caso, nos termos establecidos na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Non se admitirá a subrogación dun novo propietario na condición de solicitante ou persoa beneficiaria das axudas.

4. O acto polo cal se acorde a modificación da resolución de concesión ou, se é o caso, a súa denegación, será ditado polo órgano concedente, unha vez instruído o correspondente expediente, en que se dará audiencia ao interesado. Non obstante, poderase prescindir deste trámite de audiencia cando non figuren no procedemento nin se teñan en conta na resolución outros feitos, alegacións ou probas que as aducidas polo interesado.

Artigo 21. Pagamento

1. Tendo en conta que se trata dunha compensación e que as persoas beneficiarias non teñen que realizar xustificación do investimento, unha vez concedida a axuda, o pagamento poderase realizar no mesmo acto administrativo que o da concesión da axuda.

2. A proposta de pagamento das axudas realizarase cunha certificación previa da Dirección Xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica do cumprimento de todos os requisitos para acceder ás axudas no momento en que se vaia ordenar o pagamento.

3. Non poderá realizarse o pagamento da subvención mentres a persoa beneficiaria non estea ao día nas súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social. O órgano instrutor verificará o cumprimento deste requisito coa AEAT, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Atriga, cando caducase a validez das certificacións presentadas coa solicitude.

Artigo 22. Incumprimento e reintegro das axudas

1. Se a persoa beneficiaria incumpre calquera dos requisitos establecidos nestas bases e demais normas aplicables, así como as condicións e obrigas que, de ser o caso, se establezan na resolución de concesión da axuda, poderanse anular os beneficios concedidos coa obriga de reintegro da axuda ou subvención.

2. Procederá o reintegro total ou parcial da subvención concedida, así como os xuros de mora correspondentes desde o momento do pagamento da subvención e ata a data en que se acorde a procedencia do reintegro, nos supostos establecidos nos artigos 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e 74 a 76 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Ademais, será tamén causa de reintegro, de acordo coas directrices comunitarias para o exame das axudas estatais no sector da pesca e da acuicultura (2008/C84/06), a comisión de infracción ao dereito comunitario pola persoa beneficiaria e, en especial, ás normas da política pesqueira común durante o período cuberto pola subvención. O reembolso das axudas será proporcional á gravidade da infracción cometida.

4. Sen prexuízo da obriga de reintegro, se como consecuencia dunha comprobación posterior ou de calquera outra verificación, se constata falsidade nas declaracións mencionadas nesta orde, serán de aplicación as infraccións e sancións establecidas na Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

5. Para este procedemento de reintegro terase en conta o establecido no capítulo II do título II da Lei de subvencións de Galicia.

Artigo 23. Infraccións e sancións

Sen prexuízo do establecido nos artigos anteriores, ás persoas beneficiarias das axudas reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei de subvencións de Galicia.

Artigo 24. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para que aquela cumpra as obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 25. Servizo Nacional de Coordinación Antifraude

Calquera persoa que teña coñecemento de feitos que puidesen ser constitutivos de fraude ou irregularidade en relación con proxectos ou operacións financiados total ou parcialmente con cargo a fondos procedentes da Unión Europea no marco da presente convocatoria poderá poñer tales feitos en coñecemento do Servizo Nacional de Coordinación Antifraude na Intervención Xeral da Administración do Estado, polos medios electrónicos a través da canle habilitada para o efecto polo dito servizo no enderezo web http://www.igae.pap.minhafp.gob.es/sitios/igae/es-ES/Paginas/denan.aspx, e nos termos establecidos na Comunicación 1/2017, do 2 de abril, que se pode consultar no enderezo web http://www.igae.pap.minhafp.gob.es/sitios/igae/es-ES/snca/Documents/ComunicacionSNCA06-04-2017Canaldenuncias.pdf.

Artigo 26. Publicidade

1. En aplicación do establecido no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, serán obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia as axudas concedidas, con expresión da convocatoria, programa e crédito orzamentario a que se imputan, persoa beneficiaria, cantidade concedida e finalidade da subvención, coas excepcións previstas no dito artigo, de ser o caso. A aceptación da axuda supón a inclusión da operación e dos seus datos na lista de operacións prevista no artigo 115.2 do Regulamento (UE) nº 1303/2013, que establece as disposicións comúns relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo, ao Fondo de Cohesión, ao Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural e ao Fondo Europeo Marítimo e de Pesca.

2. Así mesmo, serán igualmente obxecto de publicidade a través da páxina web da Consellería do Mar (http://mar.xunta.gal/) a relación de beneficiarios e o importe das axudas concedidas.

3. Por outra parte, de conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, comunicarase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

Disposición adicional primeira

Delégase na directora xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica a resolución destas axudas.

Disposición derradeira primeira

Facúltase a directora xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica para ditar as resolucións necesarias para o desenvolvemento desta orde.

Disposición derradeira segunda.

Esta orde producirá efectos a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 11 de xuño de 2021

Rosa Mª Quintana Carballo
Conselleira do Mar

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file