Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 119 Xoves, 24 de xuño de 2021 Páx. 31777

III. Outras disposicións

Consellería de Infraestruturas e Mobilidade

DECRETO 91/2021, do 10 de xuño, polo que se aproba o cambio de titularidade a prol do Concello de Valga da estrada PO-190 entre o punto quilométrico 0+550 e o punto quilométrico 1+280.

Segundo o teor do artigo 9.4 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, os cambios de titularidade das estradas ou treitos delas, cando non se trate de travesías urbanas ou treitos delas que estean incluídos no inventario de travesías da súa Administración titular, deberán ser aprobados por decreto da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de estradas e logo do acordo entre as administracións afectadas.

Por outra parte, a citada Lei de estradas dispón no artigo 9.7 que os cambios de titularidade poderán abranguer estradas, treitos delas, elementos funcionais e/ou espazos da zona de dominio público adxacente.

O Concello de Valga e a Axencia Galega de Infraestruturas asinaron o día 29 de abril de 2021 un convenio de colaboración para levar a cabo a segunda fase da dotación de servizos e pavimentación na PO-190 no treito comprendido entre os puntos quilométricos 0+550 e 1+280. Neste convenio queda recollido o compromiso do Concello de aceptar a transferencia de titularidade antes da licitación da obra.

A estrada PO-190 é un treito antigo da PO-548 (Pontecesures (N-550)-Vilagarcía de Arousa (glorieta porto). A dita estrada posúe un tráfico rodado de ámbito local e carece de funcionalidade dentro da Raega, polo que o cambio de titularidade é coherente e eficiente coa realidade deste treito viario, matizando que o punto quilométrico final do treito que se vai transferir se fai coincidir cunha referencia física nunha intersección.

A Axencia Galega de Infraestruturas, de acordo co informe emitido polos servizos competentes, formulou a proposta favorable á transferencia de titularidade do treito que se define no artigo 1.

De conformidade co anteriormente exposto, por proposta da conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día dez de xuño de dous mil vinte e un,

DISPOÑO:

Artigo 1

– Aprobar o cambio de titularidade a prol do Concello de Valga de:

Clave

Denominación

P.q.i

Coordenadas UTM (ETRS89)

P.q.f

Coordenadas UTM (ETRS89)

PO-190

Ferreirós-PO-548

0+550

X=525.683

Y=4.727.377

1+280

X=525.683

Y=4.727.377

Modificar o Decreto 308/2003, do 26 de xuño, polo que se aproba a relación de estradas de titularidade autonómica da Comunidade Autónoma de Galicia corrixindo a nomenclatura da PO-190 do seguinte xeito:

Estrada

Rede

Denominación

Clave anterior

PO-190

S

O Outeiro-PO-548

C-550

Artigo 2

En aplicación dos números 4 e 6 do artigo 10 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, o Concello de Valga deberá modificar o seu Catálogo de estradas para incluír o cambio de titularidade a que se refire este decreto.

Artigo 3

De acordo co establecido no artigo 9.6 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, o cambio de titularidade será efectivo ao día seguinte ao da publicación deste decreto no Diario Oficial de Galicia. A entrega dos bens formalizarase no prazo dos dous meses seguintes a esta publicación mediante a sinatura da correspondente acta de entrega.

Artigo 4

Correspóndenlle ao Concello de Valga, a partir da formalización da entrega, todas as actividades de xestión, mantemento, conservación e explotación das vías, así como o exercicio das funcións de disciplina viaria e calquera outra que puidese corresponderlle como nova Administración titular das estradas.

Disposición derradeira

Este decreto producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, dez de xuño de dous mil vinte e un

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Ethel Mª Vázquez Mourelle

Conselleira de Infraestruturas e Mobilidade