Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 119 Xoves, 24 de xuño de 2021 Páx. 31782

III. Outras disposicións

Consellería de Infraestruturas e Mobilidade

DECRETO 93/2021, do 10 de xuño, polo que se declara en concreto a utilidade pública e se dispón a urxente ocupación dos bens e dereitos afectados polo proxecto de construción denominado Mellora da seguridade viaria (MSV) no contorno do tramo de concentración de accidentes (TCA) na estrada PO-308, puntos quilométricos 3+500-5+100, Fontenla, de clave PO/19/053.06, no concello de Poio.

Antecedentes

Primeiro. O 11 de decembro de 2019 publicouse no Diario Oficial de Galicia, número 235, o Anuncio do 2 de decembro de 2019 polo que se somete ao trámite de información pública a separata para información pública do proxecto de construción denominado Mellora da seguridade viaria (MSV) no contorno do tramo de concentración de accidentes (TCA) na estrada PO-308, puntos quilométricos 3+500-5+100, Fontenla, de clave PO/19/053.06, así como a relación individual de bens, dereitos e propietarios afectados polo proxecto referido.

Segundo. Tras as análises dos informes, alegacións e certificados presentados, o 2 de xuño de 2021 apróbase o expediente de información pública e o proxecto de construción denominado Mellora da seguridade viaria (MSV) no contorno do tramo de concentración de accidentes (TCA) na estrada PO-308, puntos quilométricos 3+500-5+100, Fontenla, de clave PO/19/053.06.

O obxecto do presente proxecto é a realización dunha serie de intervencións para a mellora da seguridade no treito comprendido entre os puntos quilométricos 3+500-5+100, en Fontenla, concello de Poio, co fin de evitar ou mitigar a accidentalidade neste treito.

As principais actuacións do proxecto teñen por finalidade mellorar as interseccións, provocar unha diminución da velocidade no treito de actuación, reducir o número de xiros á esquerda no treito comprendido entre os puntos quilométricos 4+700 e 5+600.

A competencia para a execución da expropiación forzosa, no ámbito das estradas non incorporadas á Rede do Estado, con itinerarios que se desenvolvan integramente no seu territorio, correspóndelle á Comunidade Autónoma de Galicia, ao abeiro do punto dous do artigo 28 do Estatuto de autonomía de Galicia, aprobado pola Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril.

Correspóndelle ao Consello da Xunta de Galicia, como órgano equivalente ao Consello de Ministros, no ámbito da Administración autonómica, o recoñecemento concreto da utilidade pública e a declaración da urxente ocupación dos bens afectados pola expropiación a que dá lugar a realización da obra, segundo o previsto nos artigos 10 e 52 da Lei do 16 de decembro de 1954, de expropiación forzosa.

Na súa virtude, por proposta da conselleira de Infraestruturas e Mobilidade e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día dez de xuño de dous mil vinte e un,

DISPOÑO:

Artigo único

Declarar, en concreto, a utilidade pública e a necesidade de urxente ocupación para os efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos que se concretan no expediente administrativo instruído, así como en calquera das modificacións que sexa necesario realizar para a execución do proxecto de construción denominado Mellora da seguridade viaria (MSV) no contorno do tramo de concentración de accidentes (TCA) na estrada PO-308, puntos quilométricos 3+500-5+100, Fontenla, de clave PO/19/053.06.

Santiago de Compostela, dez de xuño de dous mil vinte e un

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Ethel Mª Vázquez Mourelle
Conselleira de Infraestruturas e Mobilidade