Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 118 Mércores, 23 de xuño de 2021 Páx. 31546

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Universidade

ORDE do 11 de xuño de 2021 pola que se resolve a integración dos centros bibliotecarios do Concello de Cenlle, da Fundación Exponav e da Fundación Granell na Rede de Bibliotecas de Galicia.

O ámbito de actuación da Consellería de Cultura, Educación e Universidade responde ao vixente marco institucional de distribución de competencias configurado basicamente no Estatuto de autonomía de Galicia. Este, no artigo 27.19, establece como competencia exclusiva da Xunta de Galicia o fomento da cultura en Galicia e no artigo 32 que lle corresponde ao Goberno da nosa comunidade autónoma a defensa e promoción dos valores culturais do pobo galego.

De conformidade co Decreto 198/2020, do 20 de novembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, esta, asume as competencias de promoción e difusión da cultura, para potenciar a imaxe das bibliotecas e o fomento do acceso igualitario á cultura para toda a cidadanía a través da lectura.

Á Consellería de Cultura, Educación e Universidade, segundo o establecido na Lei 5/2012, do 15 de xuño, de bibliotecas de Galicia, como órgano de dirección e coordinación do sistema galego de bibliotecas, correspóndelle tramitar e resolver os procedementos de integración de bibliotecas de titularidade pública ou privada na Rede, segundo o establecido nesta lei e no seu desenvolvemento regulamentario.

O Concello de Cenlle, a Fundación para o Fomento do Coñecemento da Construción Naval e das Actividades Marítimas (Exponav) e a Fundación Granell solicitaron a integración dos seus respectivos centros bibliotecarios na Rede de Bibliotecas de Galicia e os servizos técnicos desta consellería comprobaron que cumpren cos requisitos exixidos no Decreto 41/2001, do 1 de febreiro, de refundición da normativa en materia de bibliotecas.

Por proposta do secretario xeral de Cultura, no exercicio das facultades que me confire o artigo 3 do Decreto 198/2020, do 20 de novembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Cultura, Educación e Universidade,

RESOLVO:

Primeiro. Aprobar a integración na Rede de Bibliotecas de Galicia dos seguintes centros bibliotecarios:

– A Biblioteca Pública Municipal de Cenlle.

– A Biblioteca da Fundación para o Fomento do Coñecemento da Construción Naval e das Actividades Marítimas (Exponav).

– A Biblioteca da Fundación Granell.

Segundo. A resolución favorable de integración estará condicionada á sinatura dun convenio onde se recolla a obriga do titular do centro bibliotecario de prestar un servizo público axustado ao estipulado no Decreto 41/2001, do 1 de febreiro, e que poderá responder nos restantes termos ás especiais características de cada tipo de centros.

Terceiro. O prazo de sinatura deste convenio non deberá ser superior aos tres meses. De non cumprirse este prazo, deixarase sen efecto a posible resolución favorable e suporá o arquivamento definitivo da solicitude.

Cuarto. O posterior incumprimento do dito convenio poderá ser motivo de exclusión temporal ou definitiva do centro bibliotecario de que se trate da Rede de Bibliotecas de Galicia.

Santiago de Compostela, 11 de xuño de 2021

Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura, Educación e Universidade