Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 117 Martes, 22 de xuño de 2021 Páx. 31266

III. Outras disposicións

Consellería de Facenda e Administración Pública

ORDE do 8 de xuño de 2021 pola que se dispón a publicación do Regulamento de réxime interno do Consello Económico e Social de Galicia.

O Consello Económico e Social de Galicia, creado pola Lei 6/1995, do 28 de xuño, reuniuse en sesión plenaria e, de acordo co previsto nos artigos 5.4, 13.6 e 20 da citada lei, aprobou en primeira votación por unanimidade o seu regulamento de réxime interno.

De conformidade co artigo 20 da devandita lei e coa finalidade de facilitar o coñecemento xeral do mencionado regulamento, ordénase a súa publicación como anexo a esta orde no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 8 de xuño de 2021

Valeriano Martínez García
Conselleiro de Facenda e Administración Pública

ANEXO

Regulamento de réxime interno do Consello Económico e Social de Galicia

Introdución. Natureza, funcións e réxime xurídico.

Artigo 1. Natureza

O Consello Económico e Social de Galicia é un ente institucional de dereito público, consultivo da Xunta de Galicia en materia económica e social, con personalidade xurídica propia e plena capacidade e autonomía orgánica e funcional, que figura adscrito á consellería con competencias en materia de facenda e economía e está regulado polas normas contidas na súa Lei de creación 6/1995, do 28 de xuño, polas disposicións contidas neste regulamento, polas directrices e instrucións que para o seu desenvolvemento elabore o propio Consello e, na súa falta, polo disposto na vixente Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común, e na Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.

Artigo 2. Funcións

Son funcións principais do Consello, de acordo co establecido no artigo 5 e na disposición derradeira primeira da súa lei de creación:

1. Emitir ditames de natureza preceptiva ou facultativa nos casos e sobre as materias que a referida lei determina.

2. Elaborar, por propia iniciativa ou por solicitude da Xunta de Galicia, informes ou estudos sobre as reformas da normativa vixente que se consideren necesarias para favorecer o desenvolvemento económico e social de Galicia.

3. Elaborar unha memoria anual sobre a situación económica e social de Galicia que inclúa, eventualmente, recomendacións ou orientacións sobre a política orzamentaria.

4. O Consello utilizará preferentemente medios electrónicos, informáticos e telemáticos no desenvolvemento das súas funcións nas súas relacións coa cidadanía, e coas restantes administracións públicas e institucións.

5. Con carácter xeral, o Consello realizará as súas publicacións en soporte electrónico. Tamén se poderán levar a cabo publicacións en formato papel.

Artigo 3. Sede

1. A sede do Consello radica en Santiago de Compostela, na rúa Algalia de Abaixo, número 24 (Pazo de Amarante). Cando as circunstancias o aconsellen, poderá celebrar as súas sesións en calquera lugar do territorio da Comunidade Autónoma.

2. O Consello contará cun rexistro xeral informatizado e dotarase dunha sede electrónica.

CAPÍTULO I

Membros do Consello

Artigo 4. Grupos e membros do Consello

O Consello está integrado por trinta e sete membros que, coa única excepción da presidencia, se distribúen nos tres grupos a que fan referencia as alíneas b), c) e d) do artigo 7 da súa lei de constitución. Disporán, para o exercicio das súas funcións, dos medios materiais e persoais que o Pleno lles asigne e poderán organizar o seu funcionamento interno e fixar as normas que consideren apropiadas para a súa representación.

Artigo 5. Dereitos

Os membros do Consello teñen dereito a:

a) Participar con voz e voto nas sesións do Pleno e das comisións de que forman parte.

b) Asistir a calquera das comisións sectoriais das que non forman parte e facer nelas uso da palabra coa autorización previa da presidencia.

c) Acceder aos fondos documentais do Consello e dispoñer da información relativa aos temas ou estudos que sexan desenvolvidos polo Pleno, pola Comisión Permanente ou polas comisións sectoriais.

d) Presentar mocións, suxestións, textos alternativos e emendas para a súa consideración polos órganos do Consello e deixar constancia dos seus votos particulares aos acordos adoptados, todo isto de conformidade co procedemento establecido neste regulamento.

e) Percibir as compensacións económicas a que teñan dereito pola súa participación nas actividades do Consello, de conformidade coas directrices que se establezan respecto diso, cando non lles corresponda percibilas ás entidades representadas por eles.

Artigo 6. Deberes

Os membros do Consello teñen o deber de:

a) Asistir ás sesións do Pleno e das comisións a que pertenzan cando sexan convocados e participar nos seus traballos.

b) Adecuar a súa conducta ao disposto neste regulamento e ás directrices e decisións que no seu desenvolvemento dite o propio Consello.

c) Gardar reserva en relación coas actuacións do Consello que, por decisión motivada dos seus órganos, así se decidan.

d) Non facer uso da súa condición de membros do Consello para exercer actividades privadas de carácter mercantil ou profesional.

Artigo 7. Incompatibilidades

A condición de membro do Consello será incompatible co exercicio de calquera cargo ou actividade que impida ou menoscabe o desempeño das funcións que lle son propias. Nos termos do artigo 11 da súa lei de creación, a condición de membro do Consello será, en particular, incompatible coa de:

a) Parlamentario das Cortes Xerais ou dos parlamentos autonómicos.

b) Membro do Goberno da Comunidade Autónoma.

c) Membro dos órganos previstos no Estatuto de autonomía de Galicia ou na Constitución española.

d) Alto cargo das administracións públicas, segundo o disposto na súa normativa reguladora.

e) Membro electo das corporacións locais.

Artigo 8. Nomeamento

1. Os membros do Consello, con excepción da persoa titular da presidencia e da persoa titular da secretaría xeral, serán nomeados pola Presidencia da Xunta de Galicia, despois de ser designados polas entidades, organizacións e asociacións especificadas no artigo 7 da súa lei de creación.

2. Serán nomeados un número igual de suplentes que de titulares e permanecerán nos seus cargos por un período de catro anos, renovable por períodos de igual duración, que empezará a contar desde o día seguinte ao da publicación do nomeamento no Diario Oficial de Galicia.

3. Se durante o tempo do seu mandato se modifica a representatividade da organización a que pertencen, o Pleno do Consello poderá requirir as organizacións que forman parte do mesmo grupo para que formulen as propostas de nomeamento e cesamento que resulten oportunas.

4. En particular, a representación das organizacións que corresponda establecer en atención aos resultados obtidos en procesos electorais axustarase cada ano no mes de xaneiro, de acordo cos datos que resulten da certificación oficial de resultados na data do 31 de decembro do ano inmediatamente anterior, e repartiranse os membros que correspondan en proporción directa aos ditos resultados. Cando como consecuencia do anterior se produzan modificacións no número de membros do Pleno atribuídos a algunhas organizacións, estas formularán, non máis tarde do mes de febreiro dese ano, as propostas de nomeamentos e cesamentos que sexan pertinentes.

Artigo 9. Cesamento

Os membros do Consello, con excepción da persoa titular da presidencia e da persoa titular da secretaría xeral, perderán a súa condición de tales:

a) Por falecemento.

b) Por renuncia expresa ante o presidente do Consello.

c) Por finalización do prazo do seu mandato.

d) Por declaración de incapacidade ou inhabilitación para desempeñar un cargo público por sentenza xudicial firme.

e) Por decisión das entidades, organizacións ou asociacións que promoveron a súa designación.

Artigo 10. Provisión de vacantes

As vacantes producidas no seo do Consello serán cubertas da mesma forma establecida para a súa designación. Para tal efecto, a entidade, organización ou asociación a que pertenza o membro que perdeu a súa condición de tal comunicaralle á presidencia do Consello o nome da persoa designada para substituílo. A presidencia do CES trasladará esta designación á Presidencia da Xunta de Galicia para o seu nomeamento e posterior publicación no Diario Oficial de Galicia. Os así nomeados permanecerán nos seus cargos polo tempo que lle faltase ao substituído para cumprir o seu mandato.

Artigo 11. Substitucións

Os membros titulares que non puidesen asistir a unha sesión para a que fosen convocados poderán ser substituídos polo/a suplente designado/a polas entidades, organizacións ou asociacións respectivas, sempre que o/a titular lles comunique por escrito a súa falta de asistencia á presidencia do órgano colexiado de que se trate, con carácter previo á correspondente sesión.

CAPÍTULO II

Órganos do Consello

Sección 1ª. O Pleno

Artigo 12. Composición

1. O Pleno está formado pola totalidade dos membros mencionados no artigo 7 da súa lei de creación, baixo a dirección da presidencia e asistido pola secretaría xeral.

2. Todos os seus membros teñen dereito a voto, con excepción da secretaría, que asistirá ás sesións con voz pero sen voto. Poderán tamén asistir ás sesións do Pleno, en calidade de asesores, cando a Comisión Permanente así o decida ou o propio Pleno o acorde, os/as membros do gabinete técnico regulado no artigo 18 da lei constitutiva. Tamén poderá asistir un/unha asesor/a acreditado/a por cada unha das entidades, organizacións ou asociacións que integran o Consello, dando conta de tal circunstancia á presidencia con polo menos vinte e catro horas de antelación.

Artigo 13. Constitución

1. O Pleno deberá reunirse, con carácter ordinario, unha vez cada trimestre.

2. Con carácter extraordinario poderase reunir sempre que sexa convocado para tal efecto pola presidencia por propia iniciativa ou por acordo da Comisión Permanente.

3. Tanto nun coma noutro caso considerarase validamente constituído para deliberar e tomar acordos sobre os temas que figuran na orde do día cando asista á reunión, en primeira convocatoria, a maioría absoluta dos seus membros; en segunda convocatoria será suficiente a presenza dun terzo dos ditos membros. A segunda convocatoria entenderase producida con carácter automático transcorrida media hora desde a sinalada para a primeira.

4. O Pleno unicamente poderá ampliar a orde do día da sesión cando teña carácter ordinario e a solicitude de ampliación se produza ao iniciarse a sesión e estea apoiada, polo menos, por vinte e catro dos seus membros con dereito a voto.

Artigo 14. Convocatoria

1. A convocatoria será subscrita pola presidencia e remitida ao correo electrónico de cada un/unha dos/das membros do Pleno con polo menos cinco días de antelación á data sinalada para a súa celebración. Os/as membros do Pleno deberán avisar da recepción dela ao enderezo de correo electrónico empregado para o envío da convocatoria. Remitirase tamén un aviso da remisión da convocatoria por calquera outro medio electrónico, informático ou telemático, só para aqueles membros do Pleno que así o solicitasen. Con independencia do anterior, toda a documentación relativa aos asuntos incluídos na orde do día deberá estar á disposición dos/das membros do Pleno na área privada da páxina web do CES desde a data da convocatoria.

Deberá conter a orde do día da sesión e irá acompañada da documentación específica sobre os temas que se van tratar. De isto non ser posible ou non resultar conveniente, a xuízo da presidencia, conterá a indicación de que tal documentación está ao dispor dos membros do Pleno na sede do Consello. En casos de urxencia e logo de acordo da Comisión Permanente, a convocatoria poderase cursar con corenta e oito horas de antelación.

2. As sesións do Pleno poderanse realizar de xeito telemático nos termos e cos requisitos sinalados no artigo 17 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.

3. Se o Pleno así o acorda, poderanse empregar sistemas de gravación audiovisual das súas sesións.

Artigo 15. Acordos

1. O Pleno adoptará as súas decisións por maioría simple de votos, excepto naqueles casos en que a lei constitutiva ou este regulamento exixan unha maioría cualificada. Entenderase que existe maioría simple cando sobre unha proposta haxa, dos asistentes, máis votos a favor que en contra.

2. Non poderá someterse a deliberación e votación unha proposta que non se atope incluída na orde do día sen a declaración previa da súa urxencia por parte de vinte e catro dos seus membros.

3. Os acordos adoptados reflectiranse na acta da sesión, que será redactada en galego, xunto cos votos particulares que os membros do Pleno emitisen coa expresa indicación de deixar constancia do seu contido. En ningún caso será considerado voto particular a abstención. A secretaría poderá certificar os acordos adoptados sen prexuízo da ulterior aprobación da acta polo Pleno na súa inmediata sesión posterior.

Artigo 16. Competencias

O Pleno é o órgano de goberno do Consello e en canto tal correspóndelle adoptar os acordos relativos ao exercicio das funcións que o artigo 5 da súa lei constitutiva determina. Ademais das que de modo expreso se lle atribúen na lei ou poidan estar sinaladas no presente regulamento, o Pleno ten, entre outras, as seguintes competencias específicas:

a) Establecer as liñas xerais de actuación do Consello.

b) Aprobar os ditames, preceptivos ou facultativos, así como os estudos e os informes que lle sexan solicitados pola Xunta de Galicia.

c) Acordar a elaboración de cantos estudos ou informes considere oportuno para favorecer o desenvolvemento económico e social de Galicia e aprobalos ou delegar a súa aprobación na Comisión Permanente.

d) Solicitar información complementaria para a elaboración dos ditames.

e) Aprobar a memoria anual sobre a situación económica e social en Galicia a que se refire o artigo 5.3 da lei constitutiva.

f) Aprobar a proposta de anteproxecto de orzamento do Consello.

g) Aprobar o réxime de organización e funcionamento interno do Consello e, en particular, as directrices e instrucións precisas en desenvolvemento do presente regulamento.

h) Aprobar a proposta do cadro de persoal do Consello.

i) Crear os grupos de traballo ou as comisións sectoriais para cuestións específicas que considere oportuno, asignándolles as funcións correspondentes e determinando a súa composición.

j) Adoptar os acordos precisos para facer posible o funcionamento do Consello, asumindo todas as competencias que non estean especificamente atribuídas a outros órganos do Consello.

Sección 2ª. A Comisión Permanente

Artigo 17. Composición

A Comisión Permanente está formada pola presidencia e a secretaría xeral do CES e nove membros titulares do Consello, a razón de tres representantes de cada un dos grupos a que se refire o artigo 7.1 da lei constitutiva. Serán designados/as polo Pleno por proposta de cada un dos mencionados grupos, e procederase de igual maneira para a substitución dos/das designados/as. Todos os seus membros terán dereito de voto coa excepción da secretaría xeral, que asistirá ás sesións con voz pero sen voto. Tamén poderán asistir ás sesións da comisión os membros do gabinete técnico e os/as asesores/as que a propia Comisión decida.

Artigo 18. Constitución

A Comisión Permanente reunirase cantas veces sexa convocada pola presidencia do CES, por propia iniciativa ou por solicitude de tres dos seus membros. Considerarase validamente constituída para deliberar e tomar acordos cando asistan á reunión, ademais da presidencia e a secretaría xeral do CES, ou persoas que as substitúan, polo menos cinco dos seus compoñentes. A ausencia da presidencia, unha vez comezada a sesión, será suplida polo membro da Comisión Permanente de maior idade. A Comisión Permanente poderá ampliar a orde do día da sesión cando a solicitude de ampliación sexa formulada por algún dos seus membros.

Artigo 19. Convocatoria

1. A convocatoria será subscrita pola presidencia e remitida ao correo electrónico de cada un/unha dos/das membros da Comisión Permanente con polo menos setenta e dúas horas de antelación á data sinalada para a súa celebración. Os/as membros da comisión deberán avisar da recepción dela ao enderezo de correo electrónico empregado para o envío da convocatoria. Remitirase tamén un aviso da remisión da convocatoria por calquera outro medio electrónico, informático ou telemático, só para aqueles membros da Comisión Permanente que así o solicitasen. Con independencia do anterior, toda a documentación relativa aos asuntos incluídos na orde do día deberá estar á disposición dos/das membros da Comisión Permanente na área privada da páxina web do CES desde a data da convocatoria.

A convocatoria deberá conter a orde do día, na cal, se é o caso, deberán figurar os temas propostos polos solicitantes da sesión. Nos casos de urxencia, a convocatoria poderá cursarse con corenta e oito horas de antelación.

2. As sesións da Comisión Permanente poderanse realizar de xeito telemático nos termos e cos requisitos sinalados no artigo 17 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.

3. Se a Comisión Permanente así o acorda poderanse empregar sistemas de gravación audiovisual das súas sesións.

Artigo 20. Acordos

1. A Comisión Permanente adoptará as súas decisións por maioría simple, excepto naqueles casos en que o presente regulamento exixa unha maioría cualificada. Entenderase que existe maioría simple cando sobre unha proposta haxa, dos asistentes, máis votos a favor que en contra.

2. Non se poderá someter a deliberación e votación unha proposta que non se atope incluída na orde do día sen a declaración previa da súa urxencia por parte de vinte e catro dos seus membros.

3. Os acordos adoptados reflectiranse na acta da sesión, que será redactada en galego, xunto cos votos particulares que os membros da comisión emitisen coa expresa indicación de deixar constancia do seu contido. En ningún caso será considerado voto particular a abstención. A secretaría poderá certificar os acordos adoptados sen prexuízo da ulterior aprobación da acta por parte da comisión na súa inmediata sesión posterior.

Artigo 21. Competencia

A Comisión Permanente é o órgano colexiado colaborador do Pleno no goberno do Consello e, ademais das funcións que expresamente lle delegue o Pleno, ten ao seu cargo, entre outras que puidesen figurar sinaladas neste regulamento, as seguintes competencias específicas:

a) Adoptar as medidas necesarias para a aplicación das liñas xerais de actuación aprobadas polo Pleno.

b) Colaborar coa presidencia na dirección das actuacións do Consello.

c) Aprobar a convocatoria das sesións do Pleno e fixar, xuntamente coa presidencia, a correspondente orde do día.

d) Coñecer a distribución, entre as comisións sectoriais, das peticións de ditames, estudos ou informes solicitados ao Consello pola Xunta de Galicia e resolver as cuestións que esta distribución puidese suscitar.

e) Propoñerlle ao Pleno, por propia iniciativa ou por solicitude de cando menos dezaoito membros do Consello, a elaboración de informes ou estudos e aprobar os textos elaborados se o Pleno lle delegou expresamente esta prerrogativa.

f) Decidir a contratación de estudos ou informes externos por solicitude da presidencia ou das comisións sectoriais dentro das previsións orzamentarias.

g) Fixar as directrices e dispoñer o necesario para a elaboración do proxecto da memoria anual sobre a situación socioeconómica en Galicia, que deberá ser aprobada polo Pleno.

h) Aprobar o anteproxecto de orzamento que presente a presidencia como trámite previo á súa discusión e aprobación polo Pleno do Consello.

i) Supervisar as actividades do Consello, fixar o seu calendario, coordinar os traballos das diferentes comisións e efectuar o seguimento dos ditames, estudos ou informes emitidos polo Consello, dando conta puntual diso ao Pleno a través da presidencia.

j) Propoñerlle ao Pleno a asistencia de técnicos, expertos ou asesores/as externos/as en función dos temas que figuren na orde do día da sesión.

k) Aprobar os pregos de prescricións técnicas e as contratacións cando o importe orzado exceda as contías recollidas pola Lei de contratos do sector público para o contrato menor.

l) Establecer as bases para a adscrición e a contratación do persoal do Consello dentro do marco da lexislación vixente na Comunidade galega.

m) Propoñerlle ao Pleno canto considere necesario para o mellor funcionamento do Consello.

Sección 3ª. A presidencia

Artigo 22. Nomeamento

A persoa titular da presidencia do Consello será nomeada pola Presidencia da Xunta de Galicia, por proposta conxunta das consellerías con competencias en materia de economía, facenda e emprego, despois de consultar as entidades, organizacións e asociacións representadas no Consello.

En caso de ausencia, enfermidade ou calquera outra causa xustificada será substituído/a polo membro titular do Consello de maior idade, que non disporá no exercicio do cargo do voto de calidade, que só poderá exercer a persoa titular da presidencia.

Artigo 23. Cesamento

O cesamento da persoa titular da presidencia producirase por decisión da Presidencia da Xunta de Galicia, por proposta conxunta das consellerías con competencias en materia de economía, facenda e emprego, logo de escoitar as entidades, organizacións e asociacións representadas no Consello.

Son causa tamén de finalización do mandato a renuncia expresa ante a Presidencia da Xunta de Galicia, o transcurso do prazo para o que foi designado, o falecemento, a declaración de incapacidade e a inhabilitación para o desempeño de cargos públicos por sentenza xudicial firme. Salvo nestes tres últimos casos, o/a presidente/a cesado/a continuará no exercicio das súas funcións ata a toma de posesión do/da seu/súa substituto/a.

Artigo 24. Competencias

1. A presidencia ten atribuídas, entre outras, as seguintes competencias específicas:

a) Representar o Consello e dirixir as súas actuacións en colaboración coa Comisión Permanente.

b) Formular a orde do día da Comisión Permanente e do Pleno de acordo, neste último caso, coa Comisión Permanente.

c) Convocar as sesións da Comisión Permanente e do Pleno, neste último caso de acordo coa Comisión Permanente.

d) Visar as actas, ordenar a publicación dos acordos e dispoñer o necesario para o seu cumprimento.

e) Remitir os ditames, informes e estudos á Xunta de Galicia e aos/ás conselleiros/as.

f) Dirixir os debates no seo dos órganos colexiados que presida, dar por concluídos estes cando considere que a deliberación foi suficiente, someter a votación as propostas correspondentes e proclamar o resultado delas.

g) Dirimir os empates que se produzan co seu voto de calidade.

h) Solicitar, en nome do Consello, a colaboración que xulgue oportuna de institucións, autoridades, organismos, entidades, asociacións e particulares.

i) Solicitar do órgano demandante, logo de consulta ao Pleno ou, se é o caso, á Comisión Permanente, a ampliación do prazo establecido na petición de ditame ou informe dirixida ao Consello.

j) Trasladarlles ás comisións sectoriais, oído o parecer das presidencias das eventualmente competentes por razón da materia, as solicitudes de ditames, estudos e informes recibidos e facer o seguimento do procedemento establecido no regulamento para a súa elaboración e posterior aprobación polo órgano competente.

k) Presentarlle á Comisión Permanente a proposta inicial de anteproxecto de orzamento anual do Consello.

l) Exercer as facultades que lle correspondan como órgano de contratación do Consello.

m) Informar o Pleno, ao termo de cada exercicio, da xestión orzamentaria do Consello e de todas as actuacións realizadas no seu nome.

n) Facer cumprir este regulamento e propoñerlle ao Pleno a súa interpretación en casos de dúbida ou a súa integración nos casos de falta de previsión normativa.

ñ) Executar os acordos do Pleno e da Comisión Permanente, cumprir as funcións que expresamente lle fosen delegadas e velar, en todo tempo, polo bo funcionamento do Consello.

o) Calquera outra competencia que non lle corresponda ao Pleno do Consello ou á Comisión Permanente, así como aquelas que o Pleno ou a Comisión Permanente por unanimidade lle delegue.

2. As decisións que adopte a presidencia no exercicio das súas funcións adoptarán a forma de resolución.

Sección 4ª. A secretaría xeral

Artigo 25. Nomeamento

A secretaría xeral será nomeada polo Consello da Xunta de Galicia, por proposta conxunta das consellerías con competencias en materia de economía, facenda e emprego, de entre funcionarios do grupo A1, despois de consultar as entidades, organizacións e asociacións representadas no Consello.

En caso de ausencia, enfermidade ou calquera outra causa xustificada, será substituída temporalmente polo membro do persoal técnico laboral ao servizo do Consello, con titulación superior, que designe a presidencia.

Artigo 26. Cesamento

O cesamento da persoa titular da secretaría xeral producirase por acordo do Consello da Xunta de Galicia, por proposta conxunta das consellerías con competencias en materia de economía, facenda e emprego, logo de escoitar as entidades, organizacións e asociacións representadas no Consello.

Son causas tamén de cesamento no cargo a renuncia expresa ante a Presidencia da Xunta de Galicia, o transcurso do prazo para o que foi designado/a, o falecemento, a declaración de incapacidade ou a inhabilitación para o desempeño de cargos públicos por sentenza xudicial firme. Salvo nestes tres últimos casos, o/a secretario/a xeral cesado/a continuará no exercicio das súas funcións ata a toma de posesión do/da seu/súa substituto/a.

Artigo 27. Competencias

A secretaría xeral é o órgano de asistencia técnica e administrativa do Consello e o depositario da fe pública dos seus acordos. Correspóndenlle, entre outras, ademais de cantas sexan inherentes á súa condición de secretario/a, as seguintes competencias específicas:

a) Exercer a dirección administrativa e técnica dos distintos servizos do Consello e velar por que os seus órganos actúen conforme os principios xerais que informan a actuación das administracións públicas.

b) Asistir con voz pero sen voto ás sesións do Pleno, da Comisión Permanente e, se é o caso, das comisións sectoriais e grupos de traballo.

c) Redactar as actas das sesións, autorizalas coa súa sinatura e co visto e prace da Presidencia e tramitalas de acordo co procedemento que sexa aplicable os acordos que se adopten.

d) Custodiar a documentación do Consello.

e) Expedir certificacións das actas, acordos, ditames e informes cos seus votos particulares e doutros documentos confiados á súa custodia, co visto e prace da presidencia.

f) Exercer a xefatura do persoal ao servizo do Consello.

g) Exercer a dirección do gabinete técnico.

h) Exercer as funcións económicas e orzamentarias do Consello.

i) Elaborar o anteproxecto de orzamento anual para sometelo á consideración do Pleno do Consello a través da Comisión Permanente.

j) Ser depositario dos fondos do Consello, formular as propostas de gasto e levar a cabo os pagamentos autorizados.

Sección 5ª. As comisións sectoriais

Artigo 28. Clases

As comisións sectoriais, como grupos de traballo para a elaboración dos proxectos de estudos, informes ou ditames do Consello, poden ser de carácter permanente ou específicas. Terán a condición de comisións sectoriais permanentes as seguintes:

1. Economía, emprego e sectores produtivos.

2. Sector público e benestar social.

3. Desenvolvemento rexional.

4. Memoria anual sobre a situación socioeconómica.

O Pleno do Consello poderá acordar a constitución das comisións sectoriais específicas para a redacción dos estudos, informes ou ditames que se determinen no acordo de constitución, establecendo a súa composición e fixando as súas directrices.

Artigo 29. Composición

1. As comisións sectoriais, calquera que sexa a súa clase, estarán formadas por un máximo de nove membros e un mínimo de seis, designados entre os membros titulares do Consello polos grupos que o integran e ratificada a designación pola Comisión Permanente, procurando respectar, no posible, a proporcionalidade correspondente ás entidades neles representadas.

2. As persoas designadas poderán ser substituídas polos membros do Consello, titulares ou suplentes, que a entidade a que pertencen determine, dando conta da substitución á presidencia da comisión.

3. Na primeira reunión que se realice designarán, de entre os seus membros, a quen deba exercer as funcións da presidencia e darán conta do designado á presidencia do Consello. Poderán tamén determinar as súas propias regras de funcionamento, respectando o disposto neste regulamento.

4. Ás sesións poderá asistir a secretaría xeral do Consello e, en concepto de asesores/as, os membros do gabinete técnico e mais os profesionais libres que a comisión xulgue oportuno para o mellor desempeño da súa misión. Cando a presenza destes últimos poida xerar un gasto para o Consello, a súa participación quedará condicionada á aprobación regulamentaria da oportuna proposta de gasto.

Artigo 30. Constitución

As comisións sectoriais reuniranse, logo da convocatoria da súa presidencia, cantas veces sexa necesario para desenvolver os labores que lles fosen encomendados dentro dos prazos establecidos para o efecto. Para a súa válida constitución requirirase a presenza da maioría dos seus membros ou ben de catro deles; neste último caso, deberán estar representados os tres grupos do Consello. A presidencia da comisión organizará e dirixirá as actividades da comisión, presidirá as sesións, ordenará e moderará os debates e trasladaralle á presidencia do Consello as propostas correspondentes, con indicación do número de votos que as apoiaron e, se é o caso, dos votos particulares emitidos.

Con independencia do anterior, toda a documentación relativa aos asuntos incluídos na orde do día deberá estar á disposición dos/das membros da comisión sectorial na área privada da páxina web do CES desde a data da convocatoria.

As sesións das comisións sectoriais poderanse realizar de xeito telemático nos termos e cos requisitos sinalados no artigo 17 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.

Se a comisión sectorial así o acorda poderanse empregar sistemas de gravación audiovisual das súas sesións.

Artigo 31. Competencia

As comisións sectoriais son competentes para coñecer aquelas cuestións que, por razón da materia, se correspondan co ámbito sectorial que lles foi fixado. En caso de dúbida correspóndelle á presidencia do Consello, oído o parecer das presidencias das comisións eventualmente en conflito e de acordo co decidido pola Comisión Permanente, resolver todo o relativo á asignación dun determinado asunto ao coñecemento dunha específica comisión sectorial.

Sección 6ª. O gabinete técnico

Artigo 32. Composición e funcións

1. O gabinete técnico, definido na lei de constitución como órgano de apoio ao Consello, actuará baixo a dirección da secretaría xeral e estará integrado por un máximo de catro persoas, tituladas superiores e especialistas en materias socioeconómicas.

2. O Pleno, por proposta da Comisión Permanente, fixará o seu número, a súa cualificación profesional e a modalidade de contratación dos seus servizos que considere máis conveniente para os intereses do Consello. A súa contratación e selección corresponderalle á presidencia, seguindo as directrices da Comisión Permanente.

3. As persoas que integran o gabinete técnico manterán ao servizo do Consello un réxime de dedicación plena e poderán asistir ás sesións do Pleno, da Comisión Permanente e das comisións sectoriais, en calidade de asesores/as, cando a natureza das materias que se vaian tratar o aconselle e sempre que a súa presenza sexa autorizada polo órgano colexiado en cuestión.

4. Serán funcións do gabinete técnico a elaboración de bases de datos, informes, estudos e tarefas análogas, sobre as materias socioeconómicas que solicite o Consello ou a secretaría xeral.

CAPÍTULO III

Funcionamento do Consello

Sección 1ª. Procedemento para a elaboración de ditames e informes

Artigo 33. Iniciación do procedemento

1. A elaboración de informes ou ditames polo Consello pode responder a unha solicitude da Xunta de Galicia ou a unha iniciativa do Pleno. No primeiro caso, unha vez recibida no Consello a correspondente solicitude, será inmediatamente remitida pola presidencia do Consello á presidencia da comisión sectorial competente por razón da materia, de acordo, se é o caso, co disposto no artigo 31 deste regulamento, dando conta da citada remisión para o seu coñecemento aos membros da Comisión Permanente. No escrito de remisión indicarase o prazo máximo dentro do cal a comisión sectorial deberá ter elaborado o texto da proposta correspondente. Este prazo non poderá exceder os dous terzos do prazo global fixado para a emisión do informe ou ditame polo Consello.

2. Se a iniciativa para a elaboración do ditame ou informe parte do Pleno, este decidirá o traslado á comisión sectorial que corresponda, fixará o prazo dentro do cal deberá estar redactado o texto da proposta e, se o considera oportuno, excepcionalmente poderá delegar na Comisión Permanente a súa aprobación.

Artigo 34. Estudo pola comisión sectorial

1. Unha vez recibido o encargo, a comisión sectorial organizará o seu traballo da forma que considere máis adecuada para o cumprimento da tarefa que lle foi encomendada. Poderá solicitar da secretaría xeral o apoio dos servizos técnicos do Consello e da Comisión Permanente, a través da presidencia, a colaboración de asesores/as externos/as cualificados/as.

2. O resultado dos traballos da comisión, que deberá conter unha exposición de antecedentes, a valoración efectuada e as conclusións, deberalle ser entregado, xunto cos votos particulares e os informes previos ou complementarios, á presidencia do Consello para o seu traslado á Comisión Permanente como trámite previo á convocatoria do Pleno ou, se mediou delegación, para o seu exame e aprobación pola propia Comisión Permanente.

3. Tanto o Pleno como, se é o caso, a Comisión Permanente poderán solicitar da comisión sectorial un novo exame do texto elaborado, se se considera necesario un estudo complementario das cuestións debatidas.

Artigo 35. Aprobación pola Comisión Permanente

1. Se estiver delegada na Comisión Permanente a aprobación do texto elaborado pola comisión sectorial, á sesión convocada para o efecto poderá asistir a presidencia da referida comisión sectorial ou o membro por ela designado, para expoñer o acordo alcanzado. Tamén poderán ser chamados o/a autor/a ou autores/as dos votos particulares para expoñeren o sentido das súas posicións.

2. Tras a deliberación oportuna a Comisión Permanente someterá o texto a votación e incorporaralle as modificacións que considere oportuno.

3. O texto final aprobado, que deberá igualmente conter unha exposición dos antecedentes, das valoracións efectuadas e das conclusións, así como os votos particulares, revestirá a forma, segundo os casos, de informe, estudo ou ditame do Consello Económico e Social de Galicia.

Artigo 36. Tramitación pola Comisión Permanente

Se a aprobación do texto lle corresponde ao Pleno, a Comisión Permanente limitarase a coñecer o texto remitido pola comisión sectorial e a convocar de forma inmediata a celebración do Pleno con remisión da orde do día e da documentación correspondente ao texto elaborado.

Se as circunstancias o aconsellan, a Comisión Permanente poderá elaborar unha proposta, que a presidencia someterá á consideración do Pleno como cuestión previa, para canalizar a deliberación do proxecto de resolución no seo da sesión plenaria.

Artigo 37. Presentación de emendas

1. Con anterioridade á data sinalada para a celebración do Pleno convocado, calquera membro do Consello, individual ou colectivamente, poderá presentar emendas á totalidade ou a aspectos parciais do texto elaborado pola comisión sectorial.

2. A presentación deberá formalizarse mediante escrito dirixido á presidencia do Consello con polo menos vinte e catro horas de antelación da hora prevista para a celebración do Pleno e, no caso das emendas parciais, deberán ir acompañadas dunha exposición de motivos sucinta, aclaratoria do alcance da emenda presentada.

3. Non poderá ser admitida a presentación dunha emenda á totalidade que non veña acompañada do correspondente texto alternativo.

Artigo 38. Aprobación polo Pleno

1. As deliberacións do Pleno centraranse no texto elaborado pola comisión sectorial, que será defendido pola persoa titular da presidencia da comisión ou polo vocal dela en que delegase.

2. Se se presentou algunha emenda á totalidade con texto alternativo, o primeiro asinante dela deberá defender, tamén, o sentido e o alcance da súa proposta. Concluído o debate sobre a alternativa presentada, procederase á votación e, se o texto alternativo resulta aprobado, o Pleno poderá acordar a apertura dun novo prazo para a presentación de emendas parciais, co que a aprobación final quedará diferida para unha nova sesión.

3. Se, pola contra, o texto alternativo resulta rexeitado, procederase á exposición por parte dos primeiros asinantes e ao debate das emendas parciais presentadas, pola orde que a presidencia estableza.

4. Unha vez sometidas a votación as emendas parciais, incorporaranse ao texto as que resulten aprobadas. Neste caso, o Pleno poderá autorizar a presidencia para que, asistida pola comisión sectorial competente, introduza as alteracións necesarias co obxecto de que o texto definitivo resulte coherente.

5. Finalizado o debate, someterase o texto final a votación e, no caso de non se acadar a maioría necesaria, o Pleno poderá decidir se se lle deberá remitir de novo á comisión sectorial competente para a súa remodelación de acordo cos criterios eventualmente expresados. De ser aprobado por maioría, expresarase esta circunstancia na resolución aprobatoria, e a minoría discrepante terá dereito, a título individual ou colectivamente, a que se unan á referida resolución os votos particulares formulados por escrito e presentados ante a secretaría xeral, ben no transcurso da sesión ou ben dentro do prazo máximo das corenta e oito horas seguintes á finalización do Pleno.

Artigo 39. Procedemento de urxencia

No caso de solicitarse do Consello a emisión dun ditame no prazo máximo dun mes, a convocatoria do Pleno poderá efectuarse antes da data de finalización dos seus traballos por parte da Comisión Sectorial encargada de redactalo, e esta poderá entregarlle á presidencia do Consello o texto elaborado con corenta e oito horas de antelación respecto da data prevista para a celebración da sesión.

Os membros do Consello deberán ser informados/as pola presidencia, desde o primeiro momento, da solicitude do ditame con carácter de urxencia, e poderán presentar, individual ou colectivamente, emendas ao texto preparado ata dúas horas antes do inicio das sesións, que se desenvolverán conforme o previsto no anterior artigo 38.

Sección 2ª. Da comparecencia de autoridades e constitución de mesas sectoriais

Artigo 40. Comparecencia de autoridades

1. Os membros do Consello da Xunta de Galicia poderán intervir ante o Pleno do Consello Económico e Social de Galicia, por propia iniciativa, comunicándollo previamente á presidencia, ou por solicitude do Consello logo de acordo do Pleno. Este poderá invitar tamén a calquera outro tipo de autoridades ou personalidades co obxecto de obter información sobre cuestións particulares relacionadas cos asuntos da súa competencia.

2. A comparecencia pode ter lugar nun pleno ordinario ou nun extraordinario e, de ter sido convocado para a deliberación e decisión doutros puntos da orde do día, a intervención da autoridade ou personalidade producirase ao comezo da sesión, que será suspendida pola presidencia ao finalizar a comparecencia e se reiniciará posteriormente.

3. As comisións sectoriais, a través da presidencia, poderán tamén reclamar a presenza de autoridades administrativas da Comunidade Autónoma para un mellor desenvolvemento do seu traballo.

Artigo 41. Mesas sectoriais

1. De acordo co establecido na disposición adicional segunda da lei constitutiva, o Pleno poderá propoñerlle á Xunta de Galicia a constitución e convocatoria de mesas sectoriais con participación das organizacións representadas no Consello e da Administración autonómica, para debater problemas específicos que afecten sectores estratéxicos de Galicia e definir as posibles liñas de actuación e unha mesa sectorial específica de cooperación, con participación das organizacións económicas e sociais representadas no Consello, nos termos da regulamentación comunitaria, para emitir os informes requiridos pola normativa da Unión Europea.

2. Definida a natureza concreta da mesa sectorial que se propón constituír, corresponderalle ao Pleno designar as persoas, de entre os seus membros, que formarán parte dela. O Pleno deberá ser informado puntualmente, a través da presidencia ou do membro da mesa en quen delegue, dos resultados acadados nas reunións mantidas.

CAPÍTULO IV

Réxime orzamentario e de contratación do Consello

Artigo 42. Réxime económico

1. O Consello contará cos recursos económicos para o cumprimento dos seus fins que se consignen nos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma e desfrutará o réxime tributario que lle corresponde a esta.

2. A secretaría xeral elaborará o anteproxecto de orzamento que a presidencia deberá presentar como proposta inicial á consideración da Comisión Permanente, como trámite previo á súa aprobación polo Pleno do Consello e posterior remisión á consellería con competencias en materia de facenda e economía, de acordo co previsto na Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia. Na mesma sesión dedicada ao exame e aprobación do proxecto de orzamento, o Pleno fixará a contía das compensacións económicas debidas como consecuencia da participación dos seus membros nos distintos órganos colexiados do Consello. O réxime de contabilidade e de control das actividades do Consello axustarase ao establecido para os entes da súa natureza nas disposicións en vigor.

Artigo 43. Réxime de contratación e de persoal

1. O Consello rexerase, en canto a contratación, polas normas contidas na Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, e na súa normativa de desenvolvemento.

2. O persoal propio do Consello, con excepción, se for o caso, dos que formen parte do gabinete técnico, rexerase polas normas do dereito laboral ou polas aplicables ao persoal funcionario segundo a súa natureza. As súas condicións de traballo non serán inferiores ás establecidas para o persoal laboral ou funcionario da Xunta de Galicia, segundo a súa natureza, e a súa selección efectuarase mediante convocatoria pública e de acordo cos principios de igualdade, mérito e capacidade. O cadro de persoal será aprobado polo Pleno e a súa contratación e selección levaraas a cabo a presidencia, seguindo as directrices da Comisión Permanente.

CAPÍTULO V

Da renovación do Consello e da interpretación e reforma do regulamento

Artigo 44. Renovación total do Consello

1. No Pleno ordinario correspondente ao trimestre anterior a aquel en que deba producirse o remate do período de catro anos de duración do mandato dos membros do Consello, fixarase o número de persoas que cada unha das organizacións e entidades que o compoñen deberá designar, de acordo co grao de representatividade que nese momento lles corresponda, para seren nomeadas membros, titulares e suplentes, do Consello. Nun prazo máximo de trinta días a partir dese momento, as referidas organizacións e entidades deberanlle remitir á consellería con competencias en materia de facenda e economía as súas respectivas propostas de designación, co obxecto de que sexa elevada á Presidencia da Xunta para os oportunos actos de cesamento e nomeamento dos designados.

2. Pola súa parte e dentro do mesmo prazo, a presidencia e a persoa titular da secretaría xeral do CES deberán dirixirse por escrito á consellería con competencias en materia de economía, facenda e emprego para poñer os seus cargos á disposición da Presidencia e do Consello da Xunta, respectivamente, co obxecto de que se poidan iniciar as consultas previstas no artigo 8 da lei constitutiva, para a súa renovación ou substitución.

3. Unha vez publicados os nomeamentos correspondentes no Diario Oficial de Galicia, a presidencia do Consello en funcións, logo de consulta á Presidencia da Xunta, convocará de forma inmediata un pleno extraordinario, con citación de todos os designados, cun único punto da orde do día que estará referido á toma de posesión, por esta orde, da secretaría xeral, da presidencia e dos membros do Consello.

Artigo 45. Interpretación e reforma do regulamento

1. Correspóndelle ao Pleno do Consello a facultade de interpretar este regulamento e integrar as súas posibles lagoas. Tamén lle corresponde ao Pleno a facultade de reformalo parcial ou totalmente. A este respecto, o Pleno poderá, sen máis, aceptar a modificación proposta pola Comisión Permanente ou designar unha comisión específica para elaborar a proposta de modificación, que será sometida posteriormente a debate e decisión dunha nova sesión plenaria.

2. Para a aprobación da modificación regulamentaria será preciso o voto favorable de, polo menos, vinte e catro dos seus membros. De non obterse a maioría precisa, poderá someterse o mesmo texto a unha nova votación na sesión plenaria ordinaria inmediatamente posterior, na cal abondará para a súa aprobación co voto favorable de dezaoito dos seus membros. Se se introduciu algunha variación no texto sometido a votación, a maioría requirida para a súa aprobación, en primeira volta, seguirá sendo a que reúna o voto favorable de, polo menos, vinte e catro dos seus membros.