Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 112 Martes, 15 de xuño de 2021 Páx. 29606

III. Outras disposicións

Consellería de Sanidade

RESOLUCIÓN do 4 de xuño de 2021, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Sanidade, pola que se declara de interese galego e se ordena a inscrición, no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, da Fundación Colexio Oficial de Médicos (C.O.M.) de Lugo.

Unha vez examinado o expediente de declaración de interese galego e inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Colexio Oficial de Médicos (C.O.M.) de Lugo, dítase esta resolución baseada nos feitos e fundamentos de dereito que se expoñen a seguir:

Feitos:

Primeiro. O 11 de outubro de 2019, Manuel Boquete París, presidente do padroado da Fundación Colexio Oficial de Médicos (C.O.M.) de Lugo, presentou solicitude de clasificación, declaración de interese galego e inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

Segundo. A Fundación Colexio Oficial de Médicos (C.O.M.) de Lugo foi constituída en escritura pública outorgada en Lugo o 17 de xuño de 2019, ante a notaria Montserrat Trigo Mayor, co número de protocolo 903, polo Ilustre Colexio Oficial de Médicos de Lugo, representado para este acto por Manuel Boquete París, Francisco Javier Carballada González e Rafael Sánchez Fernández, na súa condición de presidente, tesoureiro-contador e secretario xeral do Colexio, respectivamente.

Esta escritura foi emendada por outra outorgada o 3 de febreiro de 2020 ante a mesma notaria, co número 200 do seu protocolo, que foi pola súa vez emendada pola escritura outorgada o 16 de marzo de 2021 ante a mesma notaria, co número 327 do seu protocolo.

Dados os erros contidos nesta última escritura, foi novamente emendada o 18 de maio de 2021 mediante dilixencia da notaria Montserrat Trigo Mayor, que inclúe unha certificación do 28 de abril de 2021 e unha nova redacción dos estatutos, xa que non eran correctos. A notaria eleva a público o novo texto, polo que quedan substituídos os do 16 de marzo de 2021.

Terceiro. Segundo consta no artigo 6 dos seus estatutos, a Fundación ten por obxecto fomentar a formación e a protección social dos médicos, impulsar o estudo e a investigación en materias relacionadas coa saúde, favorecer a divulgación e o coñecemento polos cidadáns das materias relacionadas coa saúde e coa política sanitaria, e realizar calquera tipo de actividades que sexan susceptibles de contribuír á mellora da saúde da poboación.

Cuarto. Na escritura de constitución da Fundación constan os aspectos relativos á identidade dos fundadores, á súa capacidade para constituíla, á súa vontade de facelo como de interese galego conforme os preceptos da Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego, á dotación inicial, aos estatutos e á composición do padroado inicial.

Quinto. Nos estatutos da Fundación constan a súa denominación, o seu enderezo, o seu obxecto e finalidade, as regras para a aplicación das rendas aos fins fundacionais e para a determinación dos beneficiarios, a composición e as normas de funcionamento do padroado, as causas de disolución e o destino dos bens e dereitos resultantes da súa liquidación.

Sexto. O padroado inicial da Fundación está formado por Manuel Boquete París, na súa condición de presidente do Ilustre Colexio Oficial de Médicos de Lugo, como presidente; Rafael Sánchez Fernández, na súa condición de secretario xeral do colexio, como secretario, e Francisco Javier Carballada González, na súa condición de tesoureiro-contador do Colexio, como tesoureiro.

Sétimo. A Comisión integrada polos secretarios xerais técnicos de todas as consellerías elevou ao vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza a proposta de clasificación como de interese sanitario da Fundación Colexio Oficial de Médicos (C.O.M.) de Lugo, dado o seu obxecto e finalidade, polo que, cumpríndose os requisitos exixidos na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego, e segundo establecen os artigos 47.2 da citada lei, 51 do Regulamento de fundacións de interese galego, aprobado polo Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, e 7 do Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, aprobado polo Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, o protectorado será exercido polo departamento da Xunta que teña atribuídas as competencias correspondentes aos fins fundacionais.

Oitavo. De conformidade coa dita proposta, mediante a Orde da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, do 17 de xuño de 2020 (DOG núm. 128, do 30 de xuño), clasificouse de interese sanitario a Fundación Colexio Oficial de Médicos (C.O.M.) de Lugo, e adscribiuse á Consellería de Sanidade para os efectos do exercicio das funcións de protectorado.

Consideracións legais:

Primeiro. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral, consonte a lei, e o artigo 27.26 do Estatuto de autonomía para Galicia establece que é competencia exclusiva da Comunidade Autónoma de Galicia o réxime das fundacións de interese galego.

Segundo. De acordo co disposto no artigo 7.2 do Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento do rexistro de fundacións de interese galego, en relación co Decreto 136/2019, do 10 de outubro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Sanidade, corresponde á dita consellería a declaración de interese galego, mediante resolución publicada no Diario Oficial de Galicia, e a inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Colexio Oficial de Médicos (C.O.M.) de Lugo, así como o exercicio das funcións de protectorado e as demais que correspondan á Xunta de Galicia, de conformidade co indicado no dito regulamento.

Terceiro. Á vista do que antecede, e tendo en consideración o establecido na normativa vixente en materia de fundacións de interese galego e nas demais normas de xeral e pertinente aplicación, en uso das competencias atribuídas polo Decreto 136/2019, do 10 de outubro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Sanidade,

Resolvo:

Primeiro. Declarar de interese galego a Fundación Colexio Oficial de Médicos (C.O.M.) de Lugo.

Segundo. Ordenar a súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, sección da Consellería de Sanidade.

Terceiro. Esta fundación queda sometida ao disposto na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego; no Regulamento de fundacións de interese galego, aprobado polo Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro; no Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, aprobado polo Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, e na demais normativa de aplicación, e, especialmente, ás obrigas de dar publicidade suficiente dos seus obxectivos e actividades, da ausencia de ánimo de lucro na prestación dos seus servizos, así como á de presentación anual da documentación contable e do plan de actuación ante o protectorado, que será exercido pola Consellería de Sanidade.

Contra esta resolución, que non pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada, ante o conselleiro de Sanidade, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo o disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 4 de xuño de 2021

Alberto Fuentes Losada
Secretario xeral técnico da Consellería de Sanidade