Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 111 Luns, 14 de xuño de 2021 Páx. 29263

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Universidade

RESOLUCIÓN do 2 de xuño de 2021, da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, pola que se incoa o procedemento para declarar ben de interese cultural o microscopio naturalista de Antony Van Leeuwenhoek.

A Consellería de Cultura, Educación e Universidade recibiu a petición da Dirección Xeral de Belas Artes do Ministerio de Cultura e Deporte para iniciar o procedemento de declaración de ben de interese cultural do microscopio naturalista, creado a finais do século XVII, por Antony Van Leeuwenhoek, un holandés considerado o pai da microbioloxía e parasitoloxía que foi un dos primeiros en observar os microorganismos, para o que utilizaba microscopios de deseño propio. Este instrumento é unha peza emblemática e excepcional da microscopia e permitiu ao seu creador sentar as bases das bacterioloxía e protozooloxía.

Por tanto, e tendo en conta que a Comunidade Autónoma de Galicia, ao abeiro do artigo 149.1.28 da Constitución e segundo o disposto no artigo 27 do Estatuto de autonomía, asumiu a competencia exclusiva en materia de patrimonio cultural e, en exercicio desta apróbase a Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia, ademais do informe da Dirección Xeral de Belas Artes que xustifica o carácter excepcional desta peza para a historia da ciencia, así como o recollido no artigo 106.1 sobre os bens que integran o patrimonio científico e técnico:

«(...) integran o patrimonio científico e técnico de Galicia os bens e coleccións de valor relevante que as ciencias empregaron para xerar e transmitir o saber, incluídos os instrumentos e aparellos científicos, as coleccións de animais e vexetais, minerais, figuras plásticas para o estudo anatómico humano ou animal, modelos planetarios, cristalográficos e outros, que se rexerán polo disposto nesta lei para os bens mobles».

É polo que a directora xeral de Patrimonio Cultural, exercendo as competencias establecidas no artigo 24 do Decreto 198/2020, do 20 de novembro, polo que se dispón a estrutura orgánica da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, en virtude do mencionado no título I da Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia (DOG núm. 92, do 16 de maio) e o Decreto 430/1991, do 30 de decembro, polo que se regula a tramitación para a declaración de bens de interese cultural de Galicia e se crea o Rexistro de Bens de Interese Cultural de Galicia (DOG núm. 14, do 22 de xaneiro de 1992), e en resposta á petición motivada da Dirección Xeral de Belas Artes do Ministerio de Cultura e Deporte,

RESOLVE:

Primeiro. Incoar o procedemento para declarar ben de interese cultural o microscopio naturalista de Antony Van Leeuwenhoek como ben moble, conforme o descrito no anexo I desta resolución, e proceder cos trámites para a súa declaración.

Segundo. Ordenar que se anote esta incoación de forma preventiva no Rexistro de Bens de Interese Cultural de Galicia e que se lle comunique ao Rexistro Xeral de Bens de Interese Cultural da Administración do Estado.

Terceiro. Aplicar de forma inmediata e provisional o réxime de protección que establece a Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia, para os bens de interese cultural e para os bens mobles en particular. O expediente deberá resolverse no prazo máximo de vinte e catro (24) meses, desde a data desta resolución, ou producirase a súa caducidade e o remate do réxime provisional establecido.

Cuarto. Ordenar a publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia e no Boletín Oficial del Estado.

Quinto. Notificar esta resolución ás persoas interesadas.

Santiago de Compostela, 2 de xuño de 2021

Mª Carmen Martínez Ínsua
Directora xeral do Patrimonio Cultural

ANEXO

Descrición do ben

1. Denominación: microscopio naturalista de Antony Van Leeuwenhoek.

2. Descrición xeral:

• Ben: instrumentos científicos.

• Título: microscopio naturalista.

• Datación: Holanda, Ca. 1690.

• Autor: Antony Van Leeuwenhoek.

• Tipo: ben moble.

• Localización: o ben pertence a unha colección particular.

3. Datos históricos e descritivos.

Antonio Van Leeuwenhoek naceu en Delft, Holanda, o 24 de outubro de 1632, no seo dunha próspera familia de clase media de artesáns, comerciantes e funcionarios públicos na denominada Idade de Ouro holandesa, período de gran actividade comercial que proveu un gran desenvolvemento das artes e das ciencias. Naquela cidade traballou vendendo seda, lá, algodón... aos burgueses acomodados da cidade. Cómpre ter en conta que os comerciantes de panos tiñan como costume usar unha lupa de poucos aumentos para contar os fíos dos tecidos e, así, comprobar a súa calidade. En 1668 realizou unha viaxe a Londres que lle resultou moi proveitosa xa que adquiriu o libro Micrographia de Robert Hooke. A partir desta publicación aprendeu a técnica de construción de microscopios simples e comezou a producir os seus propios dispositivos perfeccionando os existentes mediante unhas lentes diminutas de gran calidade fabricadas en vidro, cristal de rocha ou diamante, que puía a man e fixaba entre dúas pequenas placas de metal perforadas. Consideraba que as lentes simples biconvexas, moi pequenas, dotadas dunha gran curvatura, de curta distancia focal, eran preferibles aos microscopios compostos empregados nese momento. A clave do seu éxito residiu na iluminación de campo escuro, é dicir, nunha iluminación lateral dos obxectos que facía resaltar os contrastes contra un fondo escuro.

A esta destreza sumoulle as súas grandes calidades de observación, paciencia e minuciosidade, necesarias no estudo das ciencias naturais, ámbito que lle ocupou o resto da súa vida co recoñecemento da comunidade científica.

A área principal do seu traballo foi a investigación microscópica de estruturas orgánicas e inorgánicas. Recoñeceu a verdadeira natureza dos microorganismos, concluíndo que os espécimes en movemento que observaba a través do seu microscopio eran pequenos animais. É considerado o pai da microbioloxía e parasitoloxía actual.

Os microscopios orixinariamente fabricados por Leeuwenhoek, inspirados nos métodos de construción establecidos por Robert Hooke, son extremadamente raros, e en termos de interese e importancia ocupan un lugar relevante na historia da ciencia.

Na actualidade recoñeceuse a existencia de 9 exemplares dos máis de 500 que se cre que chegou a construír. A maioría posúen unha lente e foron fabricados en latón ou prata, capaces de aumentos de 60x e 266x.

O instrumento obxecto desta resolución foi descuberto en decembro de 2014 na dragaxe dos lodos dunha canle da cidade de Delft, cidade onde Leeuwenhoek viviu toda a súa vida. Adquirido polo seu actual propietario por medio dunha plataforma dixital a un vendedor de antigüidades que o ofrecía como parte dun lote de «instrumentos de pintura». Cómpre comentar que o concello desa cidade limpara as canles fluviais en 1981, e o lodo rescatado utilizouse na ampliación dun espazo público. Desde entón algúns afeccionados rastrexaban esa zona buscando diferentes obxectos de época. Unha desas persoas atopou un lote de diversas pezas que eran as que se vendían. Tras pechar a poxa, o vendedor acordou remitir os obxectos ao comprador que, unha vez que o tivo no seu poder, iniciou o proceso de autenticación no prestixioso laboratorio de Cavendish, pertencente ao departamento de Física da Universidade de Cambridge. O resultado de tal proceso foi que o microscopio era, basicamente, similar aos que se conservaban.

Este microscopio consta de dúas placas de metal no medio das cales se atopa a lente, ademais dos correspondentes parafusos de axuste para a mostra. Posúe unhas dimensións de 39 × 19 mm e un aspecto moi similar a simple vista ao que, actualmente, se atopa no museo Boerhaave de Leiden, o único dos nove orixinais que ten buratos na base no parafuso. Un aspecto importante que chamaba a atención ao observar por primeira vez a lente era a importante abrasión que presentaba a súa superficie; a reconstrución dos perfís da lente con base na superficie puída que sobreviviu, permite recrear a aparencia orixinal da lente.

A lente deste microscopio, fabricado con vidro puído de alta calidade, presenta un poder de magnificación de 180x, o que converte no terceiro de maior calidade, tras os conservados no University Museum de Utrecht (266x) e o Planetarium Zuylenburgh de Oud-Zuilen (248x).

4. Valoración cultural.

E innegable que a invención do microscopio, combinación de polo menos dúas lentes para conseguir un aumento considerable do obxecto visualizado, foi un grande avance para a ciencia ao posibilitar o progreso de moitas disciplinas científicas, por exemplo, bioloxía, medicina, química... ao facilitar a identificación das estruturas básicas da materia.

Este exemplar é o único microscopio orixinal de Leeuwenhoek que se coñece en España e é o irmán xemelgo do existente no museo Boerhaave de Leiden, ben que ten un aumento maior e, como aquel, presenta unha característica única: tres buratos no parafuso. O resto dos microscopios localízanse fundamentalmente no país de orixe do naturalista de Delft, cuxas investigacións se consideran a orixe da microbioloxía e outorgan ao seu creador unha gran consideración na evolución da microscopia e o desenvolvemento do microscopio.

5. Réxime de protección e salvagarda.

A incoación para declarar ben de interese cultural do microscopio naturalista de Antony Van Leeuwenhoek determinará a aplicación inmediata, aínda que provisional, do réxime de protección previsto na lei para os bens xa declarados, segundo o artigo 17.4 da Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia (LPCG), e co que se establece na Lei 16/1985, do 25 de xuño, do patrimonio histórico español (LPHE) en materia de exportación e espolio.

Este réxime implica a súa máxima protección e tutela, polo que a súa utilización quedará subordinada a que non se poñan en perigo os valores que aconsellan a súa protección. Este réxime implica:

• Autorización: as intervencións que se pretendan realizar terán que ser autorizadas pola Consellería de Cultura, Educación e Universidade e o seu uso quedara subordinado a que non se poñan en perigo os valores que aconsellan a súa protección, polo que os cambios de uso substanciais deberán ser autorizados pola citada consellería.

• Deber de conservación: as persoas propietarias, posuidoras ou arrendatarias e, en xeral, as titulares de dereitos reais sobre os bens, están obrigadas a conservalos, mantelos e custodialos debidamente e a evitar a súa perda, destrución ou deterioración.

• Acceso: as persoas propietarias, posuidoras ou arrendatarias e, en xeral, as titulares de dereitos reais sobre os bens están obrigadas a permitir o acceso ao persoal habilitado para a función inspectora, ao persoal investigador e ao persoal técnico da Administración nas condicións legais establecidas. Este acceso poderá ser substituído para o caso de investigación polo seu depósito na institución ou entidade que sinale a Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, e non poderá superar os dous meses cada cinco anos.

• Visita pública: as persoas propietarias, posuidoras ou arrendatarias e, en xeral, titulares de dereitos reais sobre os bens, deberán permitir a visita pública nas condicións establecidas na normativa vixente, que poderá ser substituída polo depósito para a súa exposición durante un período máximo de cinco meses cada dous anos.

• Transmisión: toda pretensión de transmisión onerosa da propiedade ou de calquera dereito real de desfrute deberá ser notificada á Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, con indicación do prezo e das condicións en que se propoña realizala e a Administración poderá exercer os dereitos de tanteo ou retracto nas condicións legais establecidas.

• Expropiación: o incumprimento das obrigas de conservación será causa de interese social para a expropiación forzosa por parte da Administración competente.

• Traslado: calquera traslado deberá ser autorizado pola Dirección Xeral do Patrimonio Cultural con indicación da orixe e destino, carácter temporal ou definitivo e condicións de conservación, seguridade, transporte e, se é o caso, aseguramento, agás nos casos de exportación.

• Exportación: a exportación queda sometida ao disposto nos artigos 5 e 6 da LPHE xa que se trata dunha competencia da Administración do Estado.