Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 111 Luns, 14 de xuño de 2021 Páx. 29459

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Axencia Galega de Infraestruturas

RESOLUCIÓN do 1 de xuño de 2021, da Área de Deseño de Infraestruturas, pola que se fai pública a aprobación do expediente de información pública e definitivamente do proxecto de construción do acondicionamento de aparcadoiro de servizo á estrada AC-862 (Narón) (clave AC/20/131.10).

O director da Axencia Galega de Infraestruturas, por delegación da conselleira de Infraestruturas e Mobilidade (Orde do 7 de setembro de 2017, Diario Oficial de Galicia do 20 de setembro), vistos os informes das administracións afectadas e as alegacións formuladas no trámite de información pública, ditou o 31 de maio de 2021 a seguinte resolución:

Resolución pola que se aproba o expediente de información pública e definitivamente o proxecto de construción do acondicionamento de aparcadoiro de servizo á estrada AC-862 (Narón), de clave: AC/20/131.10.

Antecedentes de feito:

Primeiro. A actuación obxecto do proxecto consiste en definir un aparcadoiro con carácter de elemento funcional vinculado á estrada AC-862 e á vía de acceso ao novo centro de saúde en Narón, mellorando a seguridade viaria na estrada de Castela e reducindo o risco de accidentes, así como solucionando o problema do estacionamento derivado da construción do centro de saúde.

Segundo. No Diario Oficial de Galicia núm. 47, do 10 de marzo de 2021, publicouse o anuncio do 4 de marzo de 2021 polo que se somete ao trámite de información pública o proxecto de construción do acondicionamento de aparcadoiro de servizo á estrada AC-862 (Narón), de clave AC/20/131.10.

Terceiro. As administracións afectadas emitiron os correspondentes informes e no trámite de información pública non se formularon alegacións.

Fundamentos de dereito:

Primeiro. A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade é competente para resolver os expedientes de información pública en materia de estradas e informes das administracións afectadas, de acordo co Decreto 26/2019, do 7 de marzo, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade. Esta competencia atópase delegada na persoa titular da Dirección da Axencia Galega de Infraestruturas, segundo o artigo 8.1.b) da Orde do 7 de setembro de 2017 sobre delegación de competencias no secretario xeral técnico e noutros órganos e entidades públicas adscritos a esta consellería (DOG nº 179, do 20 de setembro).

Segundo. De acordo co establecido no artigo 21 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, o mencionado proxecto de construción someteuse ao trámite de información pública, durante un período de trinta (30) días hábiles, contados a partir do seguinte ao da publicación deste anuncio no Diario Oficial de Galicia.

O artigo 22.2 da citada Lei 8/2013, do 28 de xuño, establece que no caso de estudos ou proxectos sometidos aos trámites de información pública e ao informe das administracións afectadas, unha vez emitido o informe sobre as alegacións presentadas, o órgano competente da Administración promotora da actuación debe adoptar a correspondente resolución, que pode ser de aprobación definitiva de todo o ámbito do estudo ou proxecto ou ben só dunha parte deste.

De acordo co que establece o artigo 23 da citada Lei 8/2013, do 28 de xuño, os estudos e proxectos sometidos aos trámites de información pública en materia de estradas e ao informe das administracións afectadas, unha vez aprobados definitivamente, teñen a consideración de proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal, segundo o disposto na lexislación autonómica de ordenación do territorio, e as determinacións que neles se conteñen terán forza vinculante para as administracións públicas e para os particulares e prevalecerán sobre as determinacións do planeamento urbanístico vixente, sen prexuízo de que as entidades locais en que se asenten as infraestruturas obxecto do proxecto deberán adaptar o seu planeamento urbanístico ao contido no proxecto.

Polo exposto, o Concello de Narón deberá adaptar o seu planeamento urbanístico na súa primeira modificación ou revisión ao contido no proxecto.

De acordo con todo o exposto, e tras os informes e certificados presentados,

RESOLVO:

Primeiro. Aprobar o expediente de información pública do acondicionamento de aparcadoiro de servizo á estrada AC-862 (Narón), de clave: AC/20/131.10.

Segundo. Aprobar o proxecto de construción do acondicionamento de aparcadoiro de servizo á estrada AC-862 (Narón), de clave: AC/20/131.10, que mantén o trazado aprobado inicialmente como definitivo.

Terceiro. Conforme establece o artigo 23 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, o Concello de Narón deberá adaptar o seu planeamento urbanístico ao contido no proxecto, na súa primeira modificación ou revisión.

Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpor recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, contados desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido nos artigos 10, 14 e 46.1 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

O que se fai público para xeral coñecemento.

Santiago de Compostela, 1 de xuño de 2021

Carlos Lefler Gullón
Xefe da Área de Deseño de Infraestruturas