Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 107 Martes, 8 de xuño de 2021 Páx. 28354

III. Outras disposicións

Consellería do Mar

ORDE do 18 de maio de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras xerais e a convocatoria para o ano 2021, para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de axudas a proxectos colectivos destinados a investimentos en portos pesqueiros, lonxas e lugares de desembarque que faciliten o cumprimento da obriga de desembarque das capturas e o incremento do valor dos compoñentes infrautilizados das capturas, cofinanciadas polo Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP) (código de procedemento PE209J).

O Regulamento (UE) nº 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro, polo que se establecen as disposicións comúns relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder), ao Fondo Social Europeo (FSE), ao Fondo de Cohesión, ao Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) e ao Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP), e polo que se establecen as disposicións xerais relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo, ao Fondo de Cohesión e ao Fondo Europeo Marítimo e de Pesca, define as modalidades e as condiciones da intervención comunitaria no sector pesqueiro.

Así mesmo, o Regulamento (UE) nº 508/2014 do Parlamento Europeo e do Consello, do 15 de maio, relativo ao Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP), e polo que se derrogan os regulamentos (CE) nº 2328/2003, (CE) nº 861/2006, (CE) nº 1198/2006 e (CE) nº 791/2007 do Consello, e o Regulamento (UE) nº 1255/2011 do Parlamento Europeo e do Consello, recolle, no artigo 6, que o FEMP contribuirá á prioridade 1 da UE relativa a fomentar unha pesca sustentable desde o punto de vista ambiental, eficiente no uso dos recursos, innovadora, competitiva e baseada no coñecemento.

A Lei 11/ 2008, do 3 de decembro, de pesca de Galicia, sinala nos seus artigos 1 e 2 que esta lei ten por obxecto a regulación, no ámbito das competencias da Comunidade Autónoma de Galicia, entre outras materias, a ordenación do sector pesqueiro galego, a comercialización, manipulación, transformación e conservación dos produtos pesqueiros e que a política pesqueira galega ten por finalidade a viabilidade duradeira do sector pesqueiro, marisqueiro e acuícola galego, garantindo a mellora das condicións de vida e traballo das persoas que se dedican a estas actividades mediante a explotación sustentable, equilibrada e responsable dos recursos.

O artigo 43.2 do Regulamento nº 508/2014 establece que para facilitar o cumprimento da obriga de desembarque de todas as capturas, de acordo co artigo 15 do Regulamento (UE) nº 1380/2013 e do artigo 8, número 2, letra b), do Regulamento (UE) nº 1379/2013, e o incremento do valor dos compoñentes infrautilizados da captura, o FEMP poderá conceder axudas con destino a investimentos en portos pesqueiros, lonxas, lugares de desembarque e fondeadoiros.

Mediante a Decisión de execución da Comisión do 13 de novembro de 2015 aprobouse o programa operativo para España do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca para o período 2014-2020, que inclúe as medidas que se desenvolverán para a consecución dos obxectivos do FEMP en España. A estratexia do programa operativo prevé a adopción de medidas dirixidas a dar resposta á necesidade derivada de cumprir coa obriga de desembarque, a eliminación gradual dos descartes e aproveitar as capturas non desexadas, en cumprimento coas exixencias da política pesqueira común.

O Programa de equipamentos nos portos pesqueiros de Galicia inclúe unha liña de actuación dirixida a dar cumprimento á obriga de desembarque de todas as capturas.

Os proxectos subvencionados nesta orde financiarán as organizacións colectivas sen ánimo de lucro para desenvolver medidas de interese colectivo que contribúan á consecución da prioridade 1, ao logro do obxectivo específico 1.a) de redución do impacto da pesca no medio mariño, incluída a prevención e a redución, na medida do posible, das capturas non desexadas.

Por todo o antedito, facendo uso das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

1. Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras xerais, e a convocatoria para o ano 2021, para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de axudas para proxectos colectivos destinados a investimentos en portos pesqueiros, lonxas e lugares de desembarque que faciliten o cumprimento da obriga de desembarque das capturas e o incremento do valor dos compoñentes infrautilizados das capturas, cofinanciadas polo Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP).

2. O procedemento regulado nesta orde ten o código PE209J.

Artigo 2. Crédito orzamentario

1. As axudas concederanse con cargo á aplicación orzamentaria 15.03.514A.781.1, código de proxecto 2016 00291, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2021.

2. O crédito orzamentario para as solicitudes de axuda tramitadas durante o exercicio do ano 2021 e a plurianualidade asociada alcanza o importe de catrocentos oito mil euros (408.000,00 euros), repartidos nas seguintes anualidades:

Ano 2021: 240.000,00 €.

Ano 2022: 168.000,00 €.

3. O importe consignado poderá ser ampliado en función das dispoñibilidades orzamentarias, sen que iso dea lugar á apertura dun novo prazo de presentación de solicitudes, agás indicación expresa en contrario na orde que se publique para o efecto. En todo caso, a concesión das axudas estará limitada ás dispoñibilidades orzamentarias.

4. As axudas serán cofinanciadas conforme o artigo 43.2 do Regulamento 508/2020 do Parlamento Europeo e do Consello, do 15 de maio de 2014. As porcentaxes de cofinanciamento das axudas son do 75 % con fondos FEMP e o 25 % con fondos da comunidade autónoma.

Artigo 3. Beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarias das subvencións as confrarías de pescadores, organizacións de produtores da pesca e demais entidades asociativas xuridicamente recoñecidas e constituídas por pescadores que realicen os investimentos e os gastos que se consideren subvencionables. As entidades serán sen ánimo de lucro e deben ter un ámbito territorial que inclúa a Comunidade Autónoma de Galicia e sede social nela.

2. Non poderán obter a condición de beneficiario aquelas entidades en que concorra algunha das seguintes circunstancias:

a) Os operadores que se atopen nalgún dos supostos establecidos no artigo 10 do Regulamento (UE) nº 508/2014 do Parlamento Europeo e do Consello, do 15 de maio.

b) As persoas sinaladas no artigo 10, parágrafos 2 e 3, da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

c) Ter sido sancionada coa imposibilidade de obter préstamos, subvencións ou axudas públicas, de acordo co previsto no título V da Lei 3/2001, do 26 de marzo, de pesca marítima do Estado, e do título XIV da Lei 11/2008, do 3 de decembro, de pesca de Galicia.

d) Non se concederán axudas ás empresas en crise, de acordo coa definición establecida nas directrices comunitarias sobre axudas estatais de salvamento e reestruturación de empresas en crise.

Artigo 4. Obrigas das beneficiarias

1. As beneficiarias, ao formalizaren a súa solicitude, sométense voluntariamente ao cumprimento das condicións que se establecen nesta orde para a concesión e o pagamento das subvencións, así como ao cumprimento dos requisitos estipulados na normativa de aplicación a estas.

2. As beneficiarias deberán:

a) Cumprir o obxectivo, executar o proxecto, realizar a actividade ou adoptar o comportamento que fundamenta a concesión da subvención, dentro dos prazos máximos que se establezan na respectiva resolución de concesión, con cumprimento das condicións e prescricións establecidas nela, na orde de convocatoria e demais normativa de aplicación, de forma que se poida realizar a comprobación documental e material deste.

b) Acreditar, mediante declaración responsable, que non teñen pendente de pagamento ningunha obriga por reintegro de subvencións.

c) Acreditar, no caso de opoñerse ou non prestar o consentimento expreso á súa consulta polo órgano xestor, segundo o caso, e con anterioridade a ditarse a proposta de resolución de concesión, que están ao día nas súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social, así como que non teñen pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da comunidade autónoma.

d) Comunicarlle ao órgano concedente a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades para as cales se solicita axuda, así como calquera circunstancia que poida afectar substancialmente a execución ou a consecución dos fins para os cales foi concedida a axuda de que se trate.

e) Facilitar toda a información que lles sexa requirida en relación coas subvencións concedidas e someterse ás actuacións de comprobación que deba efectuar a entidade concedente, así como aos órganos de fiscalización e control da comunidade autónoma, da Administración xeral do Estado e da Unión Europea.

f) Cumprir as condicións de admisión da solicitude do artigo 10.1 do Regulamento (UE) nº 508/2014, durante todo o período de execución da operación e durante un período de cinco anos despois da realización do pagamento final. Así, no caso de detectarse infraccións ou fraudes en controis posteriores á concesión da axuda, e de conformidade co artigo 202 do Regulamento (UE, Euratom) nº 2018/1046, poderase recuperar a axuda aboada indebidamente.

g) Manter os investimentos obxecto de subvención durante cinco anos, polo menos, ou tres anos no caso de pemes, posteriores á súa realización de acordo co previsto no artigo 71 do Regulamento (UE) nº 1303/2013.

h) Informar o público sobre a axuda obtida, dando adecuada publicidade con expresa mención á participación do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP) e á súa porcentaxe de financiamento, nos seguintes termos:

A beneficiaria debe recoñecer que a operación recibiu o apoio dos fondos e en todas as medidas de información e comunicación adoptará:

1º. O emblema da Unión, de conformidade con las características técnicas establecidas no Regulamento de execución (UE) nº 821/2014 e no Regulamento de execución (UE) nº 763/2014.

2º. Unha referencia ao Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP) que apoia a operación.

3º. O logotipo da Xunta de Galicia.

Durante a realización da operación, a beneficiaria informará o público do apoio obtido dos fondos:

1º. Facendo unha breve descrición da operación no sitio da internet, no caso que dispoña dun, de maneira proporcionada ao nivel de apoio prestado, incluíndo os obxectivos e destacando o apoio financeiro da Unión. A descrición deberá permanecer durante a execución do proxecto e, cando menos, ata a data do pagamento final da axuda.

2º. Colocando un cartel con información sobre o proxecto (tamaño mínimo A3), no cal se mencionará o apoio financeiro da UE, nun lugar facilmente visible para o público, como a entrada dun edificio.

Se o investimento consiste na adquisición de maquinaria ou elementos móbiles, a publicidade levarase a cabo mediante a colocación dun adhesivo perdurable.

i) Manter un sistema de contabilidade separado, ou ben asignar un código contable axeitado que permita coñecer todas as transaccións relacionadas coa operación que se subvenciona, co obxecto de facilitar a pista de auditoría, de acordo co artigo 125 do Regulamento (UE) nº 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro.

j) Proporcionar toda a información e datos necesarios para poder proceder ao seguimento e avaliación do programa operativo, de acordo co establecido no artigo 111 do Regulamento (UE) nº 508/2014, relativo ao FEMP.

k) Independentemente do sistema establecido para a xustificación da subvención, deberán manterse á disposición da Comisión Europea e do Tribunal de Contas Europeo os documentos xustificativos relativos aos gastos subvencionados durante un prazo de dous anos, a partir do 31 de decembro seguinte á presentación das contas en que estean incluídos os gastos da operación, para o cal se informará ao beneficiario da data de inicio do período mencionado.

Os documentos conservaranse ou ben en forma de orixinais ou de copias compulsadas de orixinais, ou ben en soporte de datos comunmente aceptados, en especial versións electrónicas de documentos orixinais ou documentos existentes unicamente en versión electrónica.

l) Non concertar a execución total ou parcial das actividades subvencionadas con persoas ou entidades afectadas polas situacións referidas no artigo 27.7 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

m) Manter, dentro do territorio da UE, os investimentos en infraestruturas ou produtivas polo menos dez (10) anos contados desde a data do último pagamento realizado á persoa beneficiaria. Esta obriga non será de aplicación ás pemes.

Artigo 5. Proxectos obxecto de subvención

1. Poderán ser obxecto de subvención os proxectos colectivos que se desenvolvan en portos pesqueiros, lonxas ou lugares de desembarque da Comunidade Autónoma de Galicia, destinadas a:

a) Facilitar o cumprimento da obriga de desembarque de todas as capturas, de acordo co artigo 15 do Regulamento (UE) nº 1380/2013 e do artigo 8, número 2, letra b), do Regulamento (UE) nº 1379/2013.

b) Incrementar o valor dos compoñentes infrautilizados da captura.

2. Normas xerais dos proxectos:

a) Delimitación das actuacións do proxecto ao ámbito da pesca.

b) Os investimentos deberán efectuarse en portos pesqueiros de titularidade pública, lonxas ou lugares de desembarque situados na Comunidade Autónoma de Galicia.

c) No caso de proxectos por importe superior a 250.000 €, deberá presentarse un plan de negocio.

d) Cada entidade só poderá presentar un máximo de dúas solicitudes de proxecto.

e) O importe total do investimento subvencionable, é dicir, a suma dos importes dos conceptos de investimento subvencionable, debe ser como mínimo de 2.000 €.

f) Os proxectos serán técnica e economicamente viables.

3. Os proxectos que non cumpran as normas establecidas neste artigo non poderán ser obxecto de subvención e serán inadmitidos.

Artigo 6. Gastos subvencionables

1. Poderán concederse subvencións para a adquisición de equipamento, instalacións e accesorios necesarios, a montaxe e posta en marcha, incluída a obra civil asociada, así como a realización de obras en infraestruturas para a execución dos proxectos referidos no artigo 5.

2. Custos indirectos:

Enténdense por custos indirectos aqueles que, aínda que non se poden vincular directamente cunha actividade subvencionada, por teren carácter estrutural, resultan necesarios para a súa realización, como gastos de oficina, administrativos, servizos básicos, subministracións (auga, electricidade, teléfono, gas), mantemento, etc. Os custos indirectos deben corresponder ao período en que efectivamente se realiza a actividade.

Para o cálculo destes custos empregarase o método de financiamento a tipo fixo aplicando unha porcentaxe fixa do 7 % do gasto directo total subvencionable, segundo o artigo 181 do Regulamento (UE, Euratom) 2018/1046 do Parlamento Europeo e do Consello, do 18 de xullo de 2018, sobre as normas financeiras aplicables ao orzamento xeral da Unión.

Os gastos da subcontratación, se é o caso, están excluídos da base dos custos directos para o cálculo dos custos indirectos.

As categorías de custos indirectos subvencionables, que se calcularán coa porcentaxe tipo fixo non precisan de xustificación.

3. Os gastos subvencionables efectuados polo beneficiario axustaranse aos seguintes requisitos xerais:

a) Que se efectuasen ao longo da duración da acción ou programa de traballo.

b) Que se consignasen no orzamento estimado total do investimento.

c) Que sexan necesarios para a execución das actuacións obxecto da subvención.

d) Que sexan identificables e verificables, en particular, que consten na contabilidade da beneficiaria e se determinen de acordo coas normas contables e de conformidade coas prácticas contables habituais da beneficiaria en materia de gastos.

e) Que cumpran co disposto na lexislación fiscal e social aplicable.

f) Que sexan razoables e xustificados, e cumpran co principio de boa xestión financeira.

4. Naqueles proxectos que se precise execución de edificación, a contía máxima para calcular a intensidade da axuda será a que figure no proxecto técnico, anteproxecto valorado ou documento que corresponda.

5. Os investimentos e os gastos subvencionables para os cales se solicita a axuda non se poderán iniciar antes da data de presentación da solicitude da axuda, salvo para os honorarios profesionais de redacción de proxecto técnico de execución valorado, que poderán ser desde seis meses antes á data de presentación da solicitude da axuda.

O non inicio das actuacións acreditarase mediante declaración responsable de que os investimentos non foron iniciados.

Ademais, a non realización dos investimentos con anterioridade á data de presentación da solicitude de axuda demostrarase mediante a data da factura correspondente.

6. Cando o importe do gasto total subvencionable (sen IVE) supere as contías establecidas no artigo 118 da Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, para o contrato menor, o promotor deberá solicitar e achegar como mínimo tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contratación do compromiso para a obra, a prestación do servizo ou a entrega do ben, salvo que polas súas especiais características non exista no mercado suficiente número de entidades que as realicen, presten ou subministren.

No suposto de que non exista no mercado número suficiente de entidades que subministren o ben solicitado e que, polo tanto, non se presenten un mínimo de tres ofertas de distintos provedores, o solicitante acreditará o custo razoable do gasto subvencionable, mediante un informe de taxador ou perito independente.

A elección entre as ofertas presentadas, que deberán presentarse coa solicitude de subvención, realizarase de conformidade con criterios de eficiencia e economía, e deberá xustificarse expresamente nunha memoria a elección cando non recaia na proposta económica máis vantaxosa.

Cando o importe do gasto total subvencionable (sen IVE) non supere as contías establecidas no artigo 118 da Lei 9/2017, do 8 de novembro, para o contrato menor, o solicitante deberá achegar unha oferta que avale o orzamento do proxecto.

As ofertas deberán conter, como mínimo, os datos identificativos do emisor e do destinatario (razón social, enderezo e número ou código de identificación fiscal), a data de emisión do documento, o importe por concepto (especificando se inclúe ou non IVE) e a descrición técnica dos elementos ofertados.

7. O beneficiario poderá subcontratar a actividade subvencionada ata o 100 %, sempre tendo en conta as limitacións establecidas no artigo 27 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, e no seu regulamento. Queda fóra deste concepto a contratación daqueles gastos en que teña que incorrer o beneficiario para a realización por el mesmo da actividade subvencionada.

Artigo 7. Gastos non subvencionables

Consideraranse gastos non subvencionables:

a) As compras de materiais e equipos usados.

b) Os alugueres.

c) A adquisición de material, mobiliario e equipamento de oficina.

d) A adquisición de vestiario e equipamento persoal.

e) Os gastos de funcionamento, mantemento e conservación dos bens e equipamentos. Os gastos orixinados por unha mera reposición de anteriores, salvo que a nova adquisición corresponda a investimentos distintos dos anteriores, ben pola tecnoloxía utilizada ou ben polo seu rendemento.

f) Os rótulos luminosos e a iluminación de sinalización.

g) Os gastos de manutención, desprazamento de persoas e representación.

h) O IVE.

i) Os custos de persoal, agás os custos indirectos.

j) Os impostos, taxas, licenzas ou calquera outro gasto financeiro.

k) Os pagamentos en metálico.

l) Os gastos de funcionamento.

m) Os gastos de legalización.

ñ) Os investimentos realizados con carácter previo á presentación da solicitude de axuda, salvo para os honorarios profesionais dos proxectos técnicos de execución valorados relacionados coas obras.

o) Gastos periciais.

p) A adquisición de terreos non edificados e terreos edificados.

q) O custo dos elementos de transporte que non estean directamente relacionados coa operación.

r) Obras non vinculadas co proxecto de investimento, vivendas, comedores, obras de embelecemento, equipos de recreo e similares.

s) As accións que resulten subvencionables pola liña de axudas da Consellería do Mar que desenvolve o artigo 43.1 do FEMP.

t) Construción de novos portos, lugares de desembarque ou novas lonxas.

u) As obras ou urbanización que non estean directamente relacionadas coa actividade pesqueira.

v) Calquera gasto que, de acordo coa normativa aplicable, resulte ser non subvencionable.

Artigo 8. Intensidade da axuda

1. A porcentaxe máxima das axudas poderá acadar o 100 % do investimento subvencionado de acordo co previsto na presente orde, así como co indicado no artigo 95 do Regulamento (UE) nº 508/2014 do Parlamento Europeo e do Consello, condicionada, en todo caso, ás dispoñibilidades orzamentarias.

A Comisión de Avaliación prevista no artigo 16 decidirá a aplicación do incremento de intensidade de axuda pública.

2. Os rendementos financeiros que se xeren polos fondos liberados aos beneficiarios incrementarán o importe da subvención concedida e aplicaranse igualmente á actividade subvencionada.

Artigo 9. Compatibilidade da axuda

1. As axudas recollidas nesta orde serán compatibles con calquera outra axuda, subvención ou recurso público e privado, sempre que o mesmo gasto ou investimento non teñan financiamento parcial ou total procedente doutro fondo EIE ou instrumento financeiro comunitario, nin polo mesmo fondo conforme un programa ou medida diferente e, ademais, que o importe acumulado das axudas non exceda o custo da actividade subvencionada.

2. No suposto de que a suma de todas as axudas supere os devanditos límites, procederase por resolución do órgano concedente á minoración da axuda concedida.

Artigo 10. Prazos de presentación de solicitudes e de resolución

1. Para a convocatoria de 2021, o prazo de presentación de solicitudes será dun (1) mes contado desde o día seguinte ao da publicación desta orde. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo remata o último día do mes.

2. A resolución de concesión emitirase e notificaráselles aos interesados no prazo máximo de cinco (5) meses desde a publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia. O vencemento do prazo máximo indicado sen que se notifique a resolución posibilitará que os interesados poidan entender desestimada a súa solicitude por silencio administrativo.

3. De non esgotarse o crédito dispoñible, ou de resultar incrementado este posteriormente en virtude de renuncias, de modificación de resolucións de outorgamento ou de dotacións orzamentarias adicionais, poderase emitir unha nova proposta de resolución na cal se terán en conta as solicitudes que formen parte da listaxe de reserva a que se refire o artigo 19.2 desta orde.

Artigo 11. Forma de presentación de solicitudes

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal. O formulario normalizado correspóndese co anexo I desta orde. A presentación da solicitude nun formulario distinto será causa de inadmisión.

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Forma parte de cada solicitude a declaración responsable que contén esta e na cal se fan constar os seguintes aspectos:

a) Que cumpren os requisitos para obter a condición de entidade beneficiara segundo o disposto no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

b) Que non se atopan en ningún dos supostos establecidos no número 1 do artigo 10 do Regulamento (UE) nº 508/2014 do Parlamento Europeo e do Consello, do 15 de maio, é dicir:

1º. Non ter cometido infracción grave consonte o artigo 42 do Regulamento (CE)
nº 1005/2008 ou o artigo 90.1 do Regulamento (CE) nº 1224/2009.

2º. Non ter estado involucrada na explotación, xestión ou propiedade de buques pesqueiros incluídos na lista de buques INDR da Unión, recollida no artigo 40.3 do Regulamento (CE) nº 1005/2008 ou de buques que enarboren pavillón de países considerados terceiros países non cooperantes, segundo se establece no seu artigo 33.

3º. Non ter cometido infraccións graves da política pesqueira común (PPC).

4º. Non ter cometido fraude no marco do Fondo Europeo de Pesca (FEP) ou do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP).

c) Non ter sido sancionada coa imposibilidade de obter préstamos, subvencións, ou axudas públicas, de acordo co previsto no título V da Lei 3/2001, do 26 de marzo, de pesca marítima do Estado, e do título XIV da Lei 11/2008, do 3 de decembro, de pesca de Galicia.

d) Ter cumprido as obrigas establecidas nos artigos 55 e 58 ou as obrigas de constitución dos órganos reitores recollidas nas seccións 3ª e 4ª do capítulo IX do Decreto 8/2014, do 16 de xaneiro, que regula as confrarías de pescadores de Galicia e as súas federacións, tal e como sinala a disposición adicional segunda do mesmo decreto.

e) Non ser unha empresa en crise, segundo a definición e as condicións establecidas nas directrices comunitarias sobre axudas estatais de salvamento e reestruturación de empresas en crise (2014/C249/01).

f) O conxunto de todas as axudas solicitadas ou concedidas para a mesma finalidade das distintas administracións públicas competentes.

g) Que os investimentos non foron iniciados.

h) Que ten capacidade administrativa, financeira e operativa para cumprir co proxecto para o cal se solicita a axuda.

i) Que ten a condición de peme, de ser o caso.

2. As solicitudes estarán asinadas polo representante legal da entidade solicitante. A presentación da solicitude non asinada polo representante legal será causa de inadmisión.

3. Finalizado o prazo de presentación de solicitudes, o interesado non poderá modificar a súa petición de axuda variando o importe do investimento subvencionable, nin modificando os investimentos e conceptos da epígrafe do orzamento para os cales solicita a axuda. Non se consideran variación do importe do investimento as diferenzas ou erros materiais que se puidesen dar ao transcribir os importes dos orzamentos ou facturas pro forma.

Artigo 12. Documentación complementaria

1. As persoas interesadas deberán presentar coa solicitude a seguinte documentación:

a) Documentación acreditativa da personalidade: certificación do órgano competente na cal se acredite o desempeño actual do cargo por parte do asinante e se especifique o acordo polo que se lle concede a este autorización para formalizar a solicitude. Se actúa en virtude de atribucións fixadas nos estatutos indicarase así na solicitude, citando a disposición que recolle a competencia.

b) Copia dos estatutos da entidade debidamente inscritos no rexistro correspondente.

De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán solicitados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se poden obter os citados documentos, poderá solicitárselle novamente á persoa interesada a súa achega.

Quedan exoneradas do cumprimento deste requisito as confrarías de pescadores.

c) No caso das cooperativas de pescadores, documento que acredite que non teñen ánimo de lucro, se non está recollido nos estatutos da entidade.

d) Proxecto que permita determinar a súa viabilidade e realizar a valoración, conforme os criterios establecidos nos artigos 17 e 18 desta orde de bases reguladoras. Forman parte do proxecto a memoria e os documentos a que se fai referencia neste punto.

Para elaborar a memoria que se xunta coa solicitude poderá consultarse o modelo na páxina web da Consellería do Mar (http://mar.xunta.gal/). A presentación dunha memoria en modelo diferente será causa de inadmisión.

A memoria do proxecto deberá conter:

1º. Información xeral da memoria:

i. Descrición da entidade: experiencia da entidade na xestión de proxectos financiados pola Unión Europea. Elementos que aseguran a capacidade técnica da entidade para a realización do proxecto. Equipo que a entidade vai destinar para a xestión do proxecto. Número de persoas pescadoras asociadas á entidade. Historial produtivo e económico de produtos da pesca nos últimos cinco anos.

ii Explicación das necesidades que se pretenden cubrir derivadas do cumprimento da obriga de desembarque e obxectivos perseguidos (xerais e específicos). Indicar como detectou a necesidade de desenvolver a actuación.

iii. Descrición da situación anterior á actuación, das accións que se pretenden levar a cabo, da situación posterior e dos resultados que se obterán coa implementación do proxecto.

iv. Explicar quen se beneficiará do proxecto, é dicir o/os grupo/s obxectivo/s que se verán beneficiados dos resultados dos investimentos. Explicar por que a solicitante sería unha beneficiaria colectiva e o interese colectivo das accións do proxecto.

v. Calendario de realización das accións previstas.

vi. Orzamento detallado de cada unha das accións propostas, no cal o IVE deberá vir separado. De ser o caso, incluirase a relación de ofertas solicitadas e elixidas.

vii. Información relativa aos indicadores conforme o previsto no Regulamento de execución (UE) nº 1242/2014 e Regulamento de execución (UE) nº 1243/2014.

viii. No caso de que o proxecto poida desenvolverse por fases susceptibles de produciren efectos independentes, farase constar de xeito expreso e describirase cada unha delas por separado.

2º. Información especifica da memoria para equipamentos novos solicitados: marca, modelo, referencia. Características técnicas dos equipamentos solicitados: ficha técnica ou catálogo do equipo. Plano de situación onde se indique a localización dos equipamentos.

3º. Información específica para proxectos de obras de construción ou modernización de infraestruturas: proxecto técnico de execución valorado asinado por técnico competente ou, se non fose preciso para a autorización das obras, memoria descritiva das actuacións que se van realizar asinada por técnico competente, en ambos os casos con medición desagregada por partidas e prezos unitarios delas.

A memoria descritiva mencionada deberán conter, polo menos:

i. Descrición do obxecto das obras, que recollerá os antecedentes e situación previa a elas, as necesidades que se van satisfacer e a xustificación da solución adoptada.

ii. Os planos de conxunto e de detalle precisos nos cales a obra quede perfectamente definida.

iii. Fotografías do estado anterior á actuación dos elementos sobre os cales se pretende actuar.

iv. Un orzamento desagregado e detallado.

e) Estudo económico-financeiro acreditativo da viabilidade económica do proxecto. Poderán presentar o resultado da ferramenta de autoavaliación da viabilidade que pode consultarse na páxina web da Consellería do Mar (http://mar.xunta.gal/).

f) Documentación xustificativa de todos os custos incluídos (orzamentos, facturas pro forma, etc.) cunha información detallada e pormenorizada de cada un dos investimentos, equipos ou sistemas que os integran. Se é o caso, informe dun taxador ou perito independente.

As ofertas presentadas deberán incluír os mesmos elementos para ser comparables.

g) No caso dos proxectos de obras, o solicitante debe acreditar a capacidade legal do uso e desfrute dos bens relacionados no proxecto. A acreditación deberá realizarse presentando unha copia da concesión ou autorización administrativa ou xustificación de tela solicitado, copia dun contrato de alugamento, escritura pública de compravenda ou certificado do rexistro da propiedade, ou mediante escritura pública de cesión.

h) Copia das autorizacións ou permisos ou licenzas, de ser o caso, ou da xustificación de telos solicitado aos organismos correspondentes, necesarias para levar a cabo os investimentos previstos.

i) Plan de negocio, no caso de proxectos de importe superior a 250.000 euros.

2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o cal poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

3. Sempre que se realice a presentación dos documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

4. No caso de que algún dos documentos que se vaia presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a súa presentación de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 13. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) NIF da entidade solicitante.

b) DNI ou NIE do representante da entidade solicitante.

c) Certificado de estar ao día no pagamento de obrigas tributarias coa Axencia Estatal da Administración Tributaria (AEAT).

d) Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.

e) Certificado de estar ao día no pagamento de obrigas tributarias coa Axencia Tributaria de Galicia (Atriga).

f) Concesións doutras subvencións e axudas.

g) Inhabilitacións para obter subvencións e axudas.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 14. Emenda da solicitude

1. Os órganos responsables da tramitación das solicitudes comprobarán que estas reúnen todos os requisitos recollidos nesta orde. No caso contrario poráselles de manifesto por escrito aos interesados para que nun prazo de dez (10) días hábiles remitan cantos datos, documentos complementarios e aclaracións se consideren necesarios para poder resolver o expediente, coa indicación de que, se así non o fixeren, se considerará que desistiron da súa petición, logo de resolución que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 21 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. Este requirimento de emenda tamén se fará se das certificacións obtidas polo órgano instrutor, de conformidade co disposto no artigo 13, resulta que o solicitante non está ao día no pagamento das súas obrigas tributarias e sociais ou das débedas coa comunidade autónoma.

2. Sen prexuízo do sinalado nos parágrafos precedentes, en calquera momento do procedemento, o servizo xestor poderá requirir a entidade solicitante para que remita aqueles datos ou documentos complementarios que resulten necesarios para a tramitación e adopción da resolución que proceda.

Artigo 15. Órganos de xestión e resolución

1. O órgano encargado da ordenación e instrución do procedemento será o Servizo de Desenvolvemento Pesqueiro, que realizará de oficio cantas actuacións coide necesarias para a determinación, coñecemento e comprobación dos datos en virtude dos cales se deba formular a proposta de resolución.

O instrutor emitirá informe sobre o cumprimento dos requisitos da convocatoria, incluíndo a viabilidade técnica e económica do proxecto.

A viabilidade técnica analizarase en función das garantías ofrecidas en canto á solvencia técnica e á adecuación dos medios aos fins previstos; e a viabilidade económica incluirá a análise de se a empresa dispón de garantías para levar adiante o financiamento do proxecto.

2. Os proxectos considerados non viables técnica ou economicamente quedarán excluídos para obter financiamento a través desta orde de axudas e non se procederá, polo tanto, á súa valoración.

3. Os expedientes que non cumpran coas exixencias destas bases ou da normativa de aplicación quedarán á disposición do órgano instrutor, que formulará a proposta de resolución desestimatoria ou de inadmisión, segundo o caso.

4. A resolución das solicitudes correspóndelle á persoa titular da Consellería do Mar.

Artigo 16. Comisión de Avaliación

1. Unha vez completos os expedientes, serán remitidos a unha Comisión de Avaliación constituída na Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, que os examinará e valorará logo de aplicar os criterios que se sinalan nos dous artigos seguintes. O resultado da avaliación reflectirase nun informe que se incorporará ao expediente.

2. A Comisión de Avaliación estará formada polos seguinte membros:

a) Presidente/a, que será a persoa titular da Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro.

b) Vogais: unha persoa do cadro de persoal da Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, e dúas persoas pertencentes ao cadro de persoal das xefaturas territoriais.

Unha das persoas vogais da comisión actuará como secretario/a.

A Comisión poderá actuar asistida polos asesores que xulgue conveniente.

3. O funcionamento desta comisión está sometido ás normas dos órganos colexiados recollidas na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público de autonómico de Galicia (artigos 14 a 22).

4. A Comisión de Avaliación poderá limitar a contía dos gastos elixibles que considere non xustificados debidamente no proxecto, tanto en canto ao seu número como á súa valoración ou á súa necesidade.

5. No caso de presentarse varios proxectos para accións substancialmente idénticas, a Comisión de Avaliación poderá establecer unha contía de subvención para todas elas, independentemente do importe solicitado.

Artigo 17. Criterio de selección xeral

1. Inicialmente comprobarase o criterio de selección xeral, é dicir, que as operacións van dirixidas ao logro dos obxectivos definidos no programa operativo para España do FEMP. Para isto valoraranse os seguintes indicadores, clasificando os proxectos en función do grao de axuste ao programa operativo en alto, medio, baixo ou excluído:

a) Indicador de valoración sobre a adecuación do proxecto á análise DAFO da Prioridade 1 do programa operativo do FEMP, así como á estratexia e, en particular, ao cumprimento dos fins do obxectivo específico OE1.d) previsto para as medidas recollidas no número 3.3 do PO <Medidas pertinentes e indicadores de produtividade> (artigo 43.2 puntuación ata 6 puntos: DAFO de 0 a 2 puntos; estratexia de 0 a 2 puntos; medidas pertinentes de 0 a 2 puntos).

b) Indicador de valoración sobre a implicación do proxecto noutras prioridades, obxectivos específicos, así como noutros plans estratéxicos.

A medida que non ten asignado un indicador de resultado no programa operativo polo que non se ten en conta o indicador de valoración sobre a achega do proxecto á consecución dos indicadores de resultados.

2. Ponderación da valoración conxunta: os indicadores a) e b) terán, respectivamente, o 66,66 % e o 33,33 % do peso total da valoración; os proxectos cualificaranse en función da porcentaxe obtida da puntuación máxima posible en: alto: ≥ 75 % - medio: ≥ 25 % e < 75 % - baixo: ≥ 10 % e < 25 %.

Os proxectos que non alcancen o 10 % da dita puntuación máxima posible quedarán excluídos para obter financiamento a través desta orde de axudas e non se procederá, polo tanto, á súa valoración especifica.

3. Fórmulas para o cálculo dos indicadores:

Indicador a):

Va = (Poa × Pmax/Pmax a).

Indicador b):

Vb = (Pob × Pmax/Pmax b).

Onde,

Va, b é o valor do indicador a), b), respectivamente.

Poa, b é a puntuación obtida da operación subvencionable do indicador a) ou b), respectivamente.

Pmax a, b é a puntuación máxima do indicador a) ou b), respectivamente.

Pmax é a puntuación maior entre Pmax a ou Pmax b.

Artigo 18. Criterios de selección específicos

1. Unha vez aplicado o criterio xeral, a comisión valorará os proxectos segundo os criterios de selección específicos seguintes:

a) Viabilidade técnica do proxecto:

1º. Calidade, detalle e coherencia da memoria: ata 6 puntos.

2º. Traxectoria da entidade: ata 3 puntos.

3º. Concreción de obxectivos: ata 3 puntos.

4º. Capacidade xerencial: ata 3 puntos.

2. A prelación das solicitudes determinarase pola puntuación acadada polos criterios específicos.

3. A Comisión de Avaliación:

a) Poderá propor a non concesión ou minoración da axuda cando o custo proposto polo solicitante dos gastos subvencionables sexa superior ao valor de mercado.

b) Poderá establecer, á vista das solicitudes presentadas, límites máximos de investimento subvencionable, independentemente do importe solicitado.

c) Poderá limitar a contía dos gastos elixibles que se consideren que non están xustificados debidamente no proxecto, tanto en canto ao seu número como á súa valoración económica.

d) No caso de empate na avaliación, a comisión aplicará como criterio de desempate o valor da puntuación outorgada no criterio de selección específico 1.a) segundo a orde establecida.

e) No caso de que exista crédito suficiente para atender todas as solicitudes da convocatoria, non será necesario que figure a avaliación individualizada de cada expediente.

Artigo 19. Proposta de resolución

1. Logo de deliberación, o/a presidente/a da Comisión de Avaliación formularalle ao órgano concedente proposta de resolución que indicará de xeito individualizado os beneficiarios, os proxectos seleccionados e as accións para as cales se propón a subvención, así como o importe da subvención proposta para cada unha delas.

No caso de que exista crédito suficiente para atender todas as solicitudes da convocatoria, non será necesario realizar a valoración dos criterios de selección específicos.

2. Establecerase unha listaxe de reserva con aquelas solicitudes que, reunindo os requisitos establecidos na orde de convocatoria e sendo consideradas viables pola comisión, non acadasen a puntuación necesaria para seren seleccionadas por falta de crédito. No caso de dispoñibilidades orzamentarias adicionais, de conformidade co disposto no artigo 10.3 desta orde, emitirase unha nova proposta na cal se terán en conta as solicitudes da listaxe de reserva.

Artigo 20. Resolución

1. Á vista da proposta de resolución e logo da preceptiva fiscalización do gasto, o órgano competente emitirá resolución motivada pola que se outorguen ou deneguen as subvencións solicitadas.

2. A resolución de concesión emitirase e notificaráselles ás interesadas no prazo máximo de cinco (5) meses desde a publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 21. Aceptación

No prazo de dez (10) días desde a notificación da resolución, os interesados deberán comunicar a aceptación ou o rexeitamento da subvención nas condicións expresadas nela, conforme o anexo II. De non facelo, entenderase tacitamente aceptada. Por outra banda, a aceptación da axuda implica a aceptación da súa inclusión como beneficiarios na lista de operacións publicada de conformidade co artigo 119, número 2 do citado Regulamento (UE) nº 508/2014 do Parlamento Europeo e do Consello, do 15 de maio, relativo ao FEMP.

Artigo 22. Recursos

1. As resolucións, expresas ou presuntas, que recaian ao abeiro desta orde, poñerán fin á vía administrativa e, contra elas, poderase interpor, con carácter potestativo, recurso de reposición ante a conselleira do Mar, no prazo dun (1) mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación ou en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, segundo sexa o caso, ou recurso contencioso-administrativo, perante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous (2) meses contados desde o día seguinte ao da súa notificación ou de seis (6) meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, segundo o caso.

2. Contra estas bases reguladoras, cuxa aprobación pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso potestativo de reposición perante a persoa titular da Consellería do Mar no prazo dun (1) mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia. Así mesmo, tamén se poderá interpoñer directamente recurso contencioso-administrativo ante o órgano competente desta xurisdición, no prazo de dous (2) meses contados desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

3. Sen prexuízo do anterior, as persoas interesadas poderán exercer calquera outro recurso que consideren oportuno.

Artigo 23. Modificación da resolución e prórrogas

1. Calquera modificación que se pretenda realizar nos investimentos inicialmente previstos, tanto no referente ao orzamento como ás distintas partidas que o compoñen, ou calquera outro aspecto que afecte un aspecto substancial da resolución de concesión, requirirá a aceptación expresa do órgano concedente, e deberá ser posta en coñecemento deste, sempre con anterioridade á súa realización.

2. Poderase acordar a modificación da resolución de concesión por instancia do interesado, sempre que se cumpran os seguintes requisitos:

a) Que a actividade ou modificación proposta estea comprendida dentro da finalidade das bases reguladoras e da convocatoria oportuna.

b) Que a modificación non cause prexuízos a terceiros.

c) Que os novos elementos ou circunstancias que motiven a modificación, de teren concorrido na concesión inicial, non supuxesen a denegación da subvención ou a non selección do proxecto na concesión inicial.

d) Que a modificación non supoña un incremento do orzamento ou da porcentaxe de axuda.

As modificacións deberán ser solicitadas polo beneficiario, por escrito, con anterioridade á súa realización e con antelación suficiente, á Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro. O servizo xestor da medida, logo das comprobacións pertinentes, elevará proposta de modificación da resolución ao órgano concedente.

3. Non se admitirán nin aprobarán modificacións que supoñan unha execución total inferior ao 50 % do investimento subvencionado.

4. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais e internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

5. No suposto de que o beneficiario considere que non pode rematar o proxecto ou cumprir os compromisos dentro do prazo sinalado na resolución de concesión da axuda poderá, ata un mes antes de rematar o prazo de execución e xustificación, solicitar unha prórroga presentando unha memoria onde se indique a situación actual do proxecto, o grao de realización da actividade subvencionada, as causas do atraso na execución e o novo cronograma de actuación.

No caso de que a prórroga sexa aprobada, non poderá exceder da metade do tempo inicialmente concedido. Para o cómputo do prazo de execución, terase por data de inicio da execución a data de solicitude.

6. Cando os cambios no expediente supoñan unha variación da distribución por anualidades recollida na resolución inicial, a modificación quedará supeditada á existencia de dispoñibilidades orzamentarias nas anualidades correspondentes.

Artigo 24. Xustificación

1. Con carácter xeral, agás que a resolución fixe outro prazo, os gastos correspondentes deberán executarse e xustificarse antes do 1 de novembro de cada anualidade.

2. Para o cobramento da subvención concedida, as entidades beneficiarias deberán presentar a documentación que se sinala a seguir, indicando o número de expediente da resolución de concesión da subvención e dentro do prazo establecido no parágrafo anterior:

a) Xustificación de ter realizado as accións para as cales se concedeu a subvención, mediante os seguintes documentos:

1º. Informe técnico no cal se describa a realización das accións e os datos e incidencias máis significativas na súa execución, que inclúa reportaxe fotográfica dos equipamentos instalados e acredite o cumprimento das obrigas de publicidade.

2º. Relación de custos individualizados por cada actuación, con e sen IVE, que incluirá, polo menos: concepto facturado e entidade que factura, número de factura, data da factura, data de pagamento e importe xustificado (sen IVE). No caso de maquinaria e equipamento: marca e modelo, nº de serie ou referencia equivalente para a súa identificación.

3º. Facturas correspondentes aos custos sinalados na relación, detalladas ao máximo posible e, polo menos, co mesmo nivel de desagregación dos investimentos que figuren na resolución de outorgamento da axuda.

Non se admitirán supostos de autofacturación (facturas emitidas polo propio beneficiario da subvención).

4º. Xustificante bancario (transferencia bancaria ou certificación bancaria), en que conste o número da factura obxecto de pagamento, o titular da conta desde a cal se realiza a operación, que deberá coincidir co beneficiario da axuda, e a identificación do destinatario do pagamento, que deberá coincidir coa persoa ou empresa que emitiu a factura.

A data dos xustificantes de gasto e do pagamento debe ser posterior á data da solicitude de axuda (salvo para os honorarios profesionais para o proxecto técnico de execución valorado relacionado coa obra) e terán como límite para a súa validez e admisión o último día do prazo de execución e xustificación previsto no número 1 deste artigo.

5º. Unha declaración responsable, asinada polo representante legal da entidade, dos custos indirectos asumidos no período durante o cal se realiza a actividade e que foron necesarios para levala a cabo, detallando os conceptos e importes destinados a cada un deles.

b) No caso de opoñerse ou non prestar o consentimento expreso á súa consulta polo órgano xestor, segundo o caso: certificación de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias e coa Seguridade Social, e de non ter débedas por ningún concepto coa Administración pública da Comunidade Autónoma galega.

c) De ser o caso, copia da concesión ou autorización administrativa de uso e desfrute dos bens relacionados no proxecto, copia dun contrato de alugamento, escritura pública de compravenda ou certificado do rexistro da propiedade, ou escritura pública de cesión. Copia das autorizacións ou permisos para levar a cabo os investimentos. Os beneficiarios deberán estar en posesión das autorizacións ou permisos no momento do pagamento final da axuda, nos casos en que sexan necesarios para a execución do proxecto.

d) Proxectos de obras:

1º. No caso dunha actuación que requira proxecto técnico, o promotor deberá achegar coa primeira xustificación unha copia do resumo do orzamento aceptado por capítulos e da memoria deste. Neste suposto presentaranse certificacións de obra asinadas por técnico competente, que deberán coincidir cos conceptos dos capítulos do proxecto técnico que figura no expediente.

2º. Licenza municipal de obras, no caso de que sexa necesaria pola actuación que se vai realizar. Cando a actuación non estea sometida a licenza municipal, comunicación previa ao concello, que deberá vir acompañada dunha declaración responsable da persoa ou entidade promotora da actuación de non ter sido requirida para a súa emenda ou xuntar os requirimentos e documentación solicitada.

3º. Fotografías nas cales se aprecien as actuacións realizadas.

3. No momento da xustificación da execución parcial e total do proxecto e, en calquera caso, antes do derradeiro pagamento, o beneficiario presentará unha declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas para o mesmo proxecto, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, así como unha declaración responsable de que se manteñen os requisitos para ser beneficiario, conforme o anexo III.

4. Os servizos correspondentes da Consellería do Mar emitirán certificado sobre o grao de realización do investimento, así como da súa adecuación, tanto ao proxecto que serviu de base para o outorgamento da axuda, como aos xustificantes de gasto presentados.

5. Transcorrido o prazo establecido na resolución de concesión da axuda para a xustificación dos investimentos sen se ter presentado esta, requirirase o beneficiario para que a presente no prazo improrrogable de dez días. A falta de presentación da xustificación no prazo establecido neste parágrafo comporta a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, a exixencia do reintegro e demais responsabilidades que derivan da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 25. Pagamento e pagamentos parciais

1. A Consellería do Mar efectuará o pagamento das axudas unha vez xustificada de forma documental e material a realización do obxecto da subvención e a elixibilidade do gasto. O importe da axuda aboaráselle mediante transferencia bancaria ao beneficiario e na contía que corresponda segundo o proxecto executado.

2. Poderán presentarse xustificacións parciais a medida en que se vaian executando as accións subvencionadas. O importe conxunto dos pagamentos parciais e dos pagamentos anticipados que, se é o caso, se concedesen, non poderán superar o 80 % do total da subvención concedida nin superar o importe da correspondente anualidade, e quedarán condicionados á efectiva realización completa do proxecto e á liquidación definitiva da subvención.

Os pagamentos parciais están suxeitos á prestación de garantía nos termos sinalados no artigo 27. Non se considerará que un pagamento é parcial cando comprenda a totalidade da subvención correspondente a unha fase do proxecto susceptible de producir efectos independentes, sempre que así se recolla expresamente na resolución de concesión.

3. O pagamento da primeira e sucesivas anualidades terá carácter de ingreso á conta e a súa consolidación estará condicionada á finalización das actividades obxecto da axuda. No caso de que o solicitante non cumpra cos requisitos exixidos, estará obrigado ao reintegro da axuda nos termos previstos nos artigos 32 a 40 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

4. No caso de que o investimento sexa xustificado por menor contía que o considerado como subvencionable inicialmente, poderase minorar a axuda na mesma proporción, sempre que esta minoración non afecte aspectos fundamentais do proxecto e que non supoña unha realización deficiente deste.

No suposto de que o custo definitivo real do investimento for inferior ao orzamento considerado para o outorgamento da axuda, esta minorarase proporcionalmente, aplicando a porcentaxe da axuda deducido, sobre a nova base constituída polo custo final do investimento.

5. Se o beneficiario xustifica conceptos, partidas e/ou elementos subvencionables aprobados que representen menos do 50 % do importe total do investimento subvencionado, entenderase que non acadou os obxectivos propostos na solicitude e, polo tanto, procederase ao reintegro das cantidades que se aboaran, ou perderase o dereito de cobramento da subvención, se é o caso.

Artigo 26. Pagamento anticipado

Por resolución motivada do órgano concedente, e logo de solicitude dos interesados, poderá autorizarse un anticipo de ata un 50 % da subvención prevista para a anualidade naqueles casos en que o investimento exixa pagamentos inmediatos. Os pagamentos anticipados están suxeitos á prestación de garantía nos termos sinalados no artigo 27.

Artigo 27. Garantías

1. Será obrigatoria a prestación de garantías para a expedición de anticipos ou pagamentos á conta, de acordo cos artigos 65 e seguintes do Regulamento da Lei de subvencións de Galicia, nos seguintes casos:

a) Anticipos que superen o importe de 18.000 euros.

b) Pagamentos parciais que excedan os 18.000 euros.

Estes importes anteriores enténdense referidos á cantidade acumulada dos pagamentos realizados, parcial e/ou anticipadamente.

2. A garantía constituirase mediante seguro de caución prestado por entidade aseguradora ou mediante aval solidario de entidade de crédito ou sociedade de garantía recíproca, que se depositará na Caixa Xeral de Depósitos da Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, e deberá acadar como mínimo ata os dous (2) meses seguintes ao remate do prazo de xustificación da axuda.

3. A garantía deberá cubrir o 110 % do importe das cantidades aboadas á conta ou das cantidades anticipadas, calquera que fose o prazo de xustificación previsto na convocatoria.

4. As garantías serán liberadas logo de que se comprobe a realización do proxecto ou das accións independentes que o compoñan.

Artigo 28. Reintegro

1. Procederá o reintegro, total ou parcial, da subvención concedida e dos xuros de mora correspondentes desde o momento do seu pagamento e ata a data en que se acorde a procedencia do reintegro, nos supostos sinalados no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. De conformidade co artigo 14.1.n) da citada Lei 9/2007, o importe que se ten que reintegrar determinarase de acordo cos seguintes criterios de gradación de posibles incumprimentos das condicións impostas co motivo da concesión das subvencións:

a) Procederá o reintegro total da axuda concedida e dos xuros de mora que se teña dereito a percibir desde o momento do seu pagamento ata a data en que se acorde a procedencia do reintegro, no caso de incumprir a obriga indicada no artigo 4.2.d) de comunicar a obtención doutras axudas, no caso de que sexan incompatibles.

b) O incumprimento da obriga establecida no artigo 4.2.d) de comunicar a obtención doutras axudas, no caso de que estas sexan compatibles, dará lugar ao reintegro parcial polo exceso de financiamento, xunto cos xuros de demora, conforme o establecido no artigo 23 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

c) O incumprimento das obrigas en materia de publicidade establecidas no artigo 4.2.h) dará lugar a un reintegro parcial do 2 % da axuda concedida.

d) O incumprimento do mantemento dun sistema de contabilidade separado ou unha codificación contable axeitada, segundo o establecido no artigo 4.2.i), dará lugar ao reintegro parcial do 2 % da axuda concedida.

3. Procederase ao reintegro parcial pro rata temporis da subvención, se nos cinco anos seguintes ao pagamento final ao beneficiario se produce algunha das seguintes circunstancias:

a) O cesamento ou relocalización dunha actividade produtiva fóra da zona do programa.

b) Un cambio na propiedade que proporcione unha vantaxe indebida (entendendo por tal a utilización de mecanismos que permitan a obtención dun maior grao de axuda que a que lle correspondería ao beneficiario).

c) Un cambio substancial (en relación coas condicións e requisitos polos que se concedeu a axuda) que afecte a natureza, cos obxectivos ou coas condicións de execución da operación, de forma que se menoscaben os seus obxectivos orixinais.

4. Para o devandito procedemento de reintegro terase en conta o establecido no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no título V do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento.

Artigo 29. Infraccións e sancións

As actuacións dos beneficiarios en relación coas axudas obxecto desta orde están sometidas ao réxime de infraccións e sancións do título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 30. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos efectuaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas efectuaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do sistema de notificacións electrónicas de Galicia, Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación efectuada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderá de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento por parte das persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse realizadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido e entenderanse rexeitadas cando transcorran dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, efectuarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 31. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 32. Remisión normativa

Para todo o non previsto nesta convocatoria observarase o disposto no Regulamento (UE) nº 508/2014 do Parlamento Europeo e do Consello, do 15 de maio, relativo ao Fondo Europeo Marítimo e de Pesca; no Regulamento (UE) nº 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro, relativo ás disposicións comúns dos fondos estruturais e de investimentos europeos; no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, e posteriores modificacións; no disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; nos preceptos básicos da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e nos do seu regulamento de execución; na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e demais normativa de aplicación.

Artigo 33. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, á que estean vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 34. Servizo Nacional de Coordinación Antifraude

Calquera persoa que teña coñecemento de feitos que poidan ser constitutivos de fraude ou irregularidade en relación con proxectos ou operacións financiados total ou parcialmente con cargo a fondos procedentes da Unión Europea no marco da presente convocatoria poderá poñer os ditos feitos en coñecemento do Servizo Nacional de Coordinación Antifraude na Intervención Xeral da Administración do Estado, polos medios electrónicos a través da canle habilitada para o efecto polo dito servizo no enderezo web http://www.igae.pap.minhafp.gob.es/sitios/igae/es-ES/Paginas/denan.aspx, e nos termos establecidos na Comunicación 1/2017, do 3 de abril, que se pode consultar no enderezo web http://www.igae.pap.minhafp.gob.es/sitios/igae/es-ES/snca/Documents/ComunicacionSNCA06-04-2017Canaldenuncias.pdf

Disposición adicional primeira. Comisión de Avaliación

A creación da Comisión de Avaliación non xerará incremento da consignación orzamentaria do órgano con competencias en materia de desenvolvemento pesqueiro.

Disposición adicional segunda. Desenvolvemento da orde

Facúltase a directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro para ditar as resolucións necesarias para o desenvolvemento e aplicación desta orde.

Disposición derradeira primeira

Esta orde producirá efectos a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 18 de maio de 2021

Rosa Mª Quintana Carballo
Conselleira do Mar

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file