Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 103 Xoves, 3 de xuño de 2021 Páx. 27416

III. Outras disposicións

Consellería de Infraestruturas e Mobilidade

DECRETO 85/2021, do 20 de maio, polo que se declara, en concreto, a utilidade pública e se dispón a urxente ocupación dos bens e dereitos afectados polo proxecto de construción denominado Senda e reparación de beirarrúas na PO-549, de clave PO/19/126.06, nos concellos de Vilanova de Arousa e Vilagarcía de Arousa.

Antecedentes:

Primeiro. O 6 de xullo de 2020 publicouse no Diario Oficial de Galicia núm. 133 o Anuncio do 25 de xuño de 2020 polo que se somete ao trámite de información pública o proxecto de construción denominado Senda e reparación de beirarrúas na PO-549, de clave PO/19/126.06, así como a relación individual de bens, dereitos e propietarios afectados polo proxecto referido.

Segundo. Após a análise dos informes, alegacións e certificados presentados, o 7 de maio de 2021 apróbase o expediente de información pública e o proxecto de construción Senda e reparación de beirarrúas na PO-549, de clave PO/19/126.06.

O proxecto ten por obxecto a creación dunha senda peonil e a reparación das beirarrúas existentes na estrada PO-549, no treito que comunica os concellos de Vilagarcía de Arousa e Vilanova de Arousa, na provincia de Pontevedra.

Inclúense no dito proxecto como principais actuacións as seguintes: construción dunha senda peonil á marxe da estrada, dotación de prazas de estacionamento, estreitamento dos carrís da estrada existente e extensión dunha capa de rodadura en toda a plataforma da estrada na zona de actuación.

A competencia para a execución da expropiación forzosa, no ámbito das estradas non incorporadas á rede do Estado, con itinerarios que se desenvolvan integramente no seu territorio, corresponde á Comunidade Autónoma de Galicia, ao abeiro do número dous do artigo 28 do Estatuto de autonomía de Galicia, aprobado pola Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril.

Corresponde ao Consello da Xunta de Galicia, como órgano equivalente ao Consello de Ministros, no ámbito da administración autonómica, o recoñecemento concreto da utilidade pública e a declaración da urxente ocupación dos bens afectados pola expropiación a que dá lugar a realización da obra, segundo o previsto nos artigos 10 e 52 da Lei do 16 de decembro de 1954, de expropiación forzosa.

Na súa virtude, por proposta da conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinte de maio de dous mil vinte e un,

DISPOÑO:

Artigo único

Declarar, en concreto, a utilidade pública e a necesidade de urxente ocupación para os efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos que se concretan no expediente administrativo instruído, así como en calquera das modificacións que sexa necesario realizar para a execución do proxecto de construción denominado Senda e reparación de beirarrúas na PO-549, de clave PO/19/126.06.

Santiago de Compostela, vinte de maio de dous mil vinte e un

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Ethel Mª Vázquez Mourelle
Conselleira de Infraestruturas e Mobilidade