Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 102 Mércores, 2 de xuño de 2021 Páx. 27163

II. Autoridades e persoal

c) Substitucións

Consellería do Mar

ORDE do 27 de maio de 2021 pola que se dispón a suplencia da persoa titular da Dirección da entidade pública empresarial Portos de Galicia.

O artigo 12 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, dispón que os titulares dos órganos administrativos poderán ser suplidos temporalmente nos supostos de vacante, ausencia ou enfermidade por quen designe o órgano competente para o nomeamento daqueles e, no caso de que non se designe suplente, a competencia do órgano administrativo será exercida por quen designe o órgano administrativo inmediato superior do cal dependa, indicando tamén que a suplencia non implicará alteración da competencia.

O artigo 15 da Lei 6/2017, do 12 de decembro, de portos de Galicia, refírese ás funcións que corresponden á persoa titular da Dirección de Portos de Galicia, sen establecer regulación ou designación ningunha relativa á súa suplencia.

Conforme o artigo 7 da Lei 6/2017, do 12 de decembro, Portos de Galicia é unha entidade pública empresarial que actúa, no desenvolvemento e xestión das súas funcións, con suxeición aos principios da Lei 16/2010, do 17 de decembro. Así mesmo, de acordo co sinalado no citado artigo e co artigo 2 do Decreto 50/2021, do 11 de marzo, polo que se aproba a estrutura orgánica da Consellería do Mar, a entidade pública empresarial Portos de Galicia está adscrita organicamente á Consellería do Mar, polo que o órgano administrativo inmediato do cal depende organicamente é a persoa titular da Consellería.

De acordo con esta regulación, e tendo en conta a ausencia temporal da persoa titular da Dirección de Portos de Galicia, coa finalidade de evitar demoras na xestión,

RESOLVO:

Primeiro. Designar suplente da persoa titular da Dirección da entidade pública empresarial Portos de Galicia, en caso de vacante, ausencia ou enfermidade, a persoa titular da súa Presidencia.

Segundo. As resolucións ou actos que se adopten no exercicio desta suplencia deberán facer constancia de tal circunstancia, mediante a mención dela, e especificarase o titular do órgano en cuxa suplencia se adoptan e quen efectivamente está a exercer esta suplencia.

Terceiro. A suplencia non implicará alteración da competencia.

Cuarto. A presente resolución producirá efectos desde o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 27 de maio de 2021

Rosa María Quintana Carballo
Conselleira do Mar