Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 100 Luns, 31 de maio de 2021 Páx. 26832

III. Outras disposicións

Universidade de Santiago de Compostela

RESOLUCIÓN do 19 de maio de 2021 pola que se ordena a publicación no Diario Oficial de Galicia do Regulamento para a xestión de convenios e protocolos xerais de actuación.

Exposición de motivos

O Consello de Goberno da USC na súa sesión do 30 de abril de 2021 aprobou o Regulamento para a xestión de convenios e protocolos xerais de actuación na Universidade de Santiago de Compostela.

Por isto, esta reitoría

RESOLVE:

Ordenar a publicación no Diario Oficial de Galicia do Regulamento para a xestión de convenios e protocolos xerais de actuación na Universidade de Santiago de Compostela, aprobado no Consello de Goberno da USC na súa sesión do 30 de abril de 2021, nos termos do anexo desta resolución.

Santiago de Compostela, 19 de maio de 2021

Antonio López Díaz
Reitor da Univesidade de Santiago de Compostela

ANEXO

Regulamento para a xestión de convenios e protocolos xerais de actuación
na Universidade de Santiago de Compostela

A Lei orgánica 6/2001, do 21 de decembro, de universidades, establece no seu artigo 2.2.j), entre as funcións comprendidas dentro da autonomía das universidades, o establecemento de relacións con outras entidades para a promoción e desenvolvemento dos seus fins institucionais.

De acordo co disposto neste precepto, os estatutos da Universidade de Santiago de Compostela prescriben no seu artigo 4 que para levar a cabo o mellor desenvolvemento das súas funcións, a Universidade propiciará o establecemento de relacións con outras universidades, organizacións e institucións, e moi en particular, coas de carácter académico, científico e cultural.

Por outra banda, a Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público recolle no capítulo VI do título preliminar un réxime xurídico completo dos convenios coa finalidade de mellorar a eficiencia da xestión pública, facilitar a utilización conxunta de medios e servizos públicos, contribuír á realización de actividades de utilidade pública e cumprir coa lexislación de estabilidade orzamentaria e sustentabilidade financeira.

O actual regulamento para a xestión de convenios na USC foi aprobado no Consello de Goberno do 19 de decembro de 2002 e modificado polo Acordo do mesmo órgano do 24 de xaneiro de 2008. Esta regulación ditouse ao abeiro da derrogada Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, que se caracterizaba por unha escasa regulación en materia de convenios e por ser de aplicación unicamente aos convenios que se celebran entre o Estado e as comunidades autónomas.

A nova regulación que introduce a Lei 40/2015, de réxime xurídico do sector público, caracterízase por conter unha regulación máis detallada sobre os convenios e ser de aplicación a todas as administracións públicas e, tamén, aos convenios que estas celebren con suxeitos de dereito privado.

Neste novo contexto normativo, este regulamento pretende, en virtude da autonomía universitaria en materia de convenios, establecer un marco normativo na nosa Universidade adaptado ás novas disposicións de ámbito estatal na materia.

Por todo o exposto, o Consello de Goberno, na súa sesión de 30 de abril de 2021, en virtude das competencias que ten atribuídas, aproba o seguinte regulamento:

Artigo 1. Obxecto e ámbito de aplicación

1. Este regulamento ten por obxecto establecer o procedemento de xestión dos convenios de carácter administrativo que a Universidade de Santiago de Compostela (USC) asine con outras universidades, administracións públicas, organismos públicos, entidades de dereito público ou con suxeitos de dereito privado para un fin común.

2. Os convenios e acordos obxecto deste regulamento poderán ter calquera obxecto ou finalidade colaborativa, sempre que se atope comprendida dentro dos fins atribuídos á USC pola Lei orgánica de universidades ou os seus estatutos e non proceda dar cumprimento a esta finalidade por medio de contrato administrativo ou privado ou por outra normativa específica.

3. Este regulamento tamén será de aplicación á xestión dos protocolos xerais de actuación ou instrumentos similares que a Universidade asine ao abeiro do artigo 47.1 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.

Artigo 2. Réxime xurídico

O réxime xurídico aplicable aos convenios e protocolos xerais de actuación que asine a USC será o establecido na Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, no artigo 4.2 dos estatutos da Universidade, neste regulamento e en calquera outra norma específica que lle sexa de aplicación.

Artigo 3. Tipos de convenios

Os convenios que subscriba a USC deberán corresponder a algún dos seguintes tipos:

a) Convenios interadministrativos, asinados entre a USC e outras administracións públicas ou entidades do sector público.

b) Convenios intradministrativos, asinados entre a Universidade e entidades de dereito público vinculadas ou dependentes desta.

c) Convenios asinados entre a USC e un suxeito de dereito privado.

d) Convenios non constitutivos de Tratado internacional, nin de Acordo internacional administrativo, nin de Acordo internacional normativo, asinados entre a USC e os órganos, organismos públicos ou entes dun suxeito de Dereito internacional ao abeiro da Lei 25/2014, do 27 de novembro, de tratados e outros acordos internacionais.

Artigo 4. Contido dos convenios

1. Os convenios que a USC asine con outras institucións, administracións ou empresas deberan incluír, como mínimo, os seguintes contidos:

a) Os suxeitos que subscriben o convenio e a capacidade xurídica con que actúa cada unha das partes.

b) A competencia na que se fundamenta a actuación da Universidade e da outra parte cando sexa Administración pública, organismos públicos ou entidades de dereito público.

c) O obxecto do convenio e as actuacións que debe realizar cada suxeito para o seu cumprimento, indicando, se é o caso, a titularidade dos resultados obtidos. Formarán parte do convenio os anexos ou plans de traballo.

d) As obrigas e compromisos económicos que asume cada unha das partes, se os houbese, indicando a súa distribución temporal por anualidades e a súa imputación concreta ao orzamento correspondente, de acordo co previsto na lexislación orzamentaria.

e) As consecuencias aplicables en caso de incumprimento das obrigas e compromisos que asume cada unha das partes e, se é o caso, os criterios para determinar a posible indemnización polo incumprimento.

f) Os mecanismos de seguimento, vixilancia e control da execución do convenio e dos compromisos adquiridos polos asinantes, que preferentemente se arbitrarán a través dunha comisión de seguimento. Estes mecanismos teñen como finalidade resolver os problemas de interpretación e cumprimento que poidan xurdir respecto dos convenios.

g) O réxime de modificación do convenio. A falta de regulación expresa, a modificación do contido do convenio requirirá acordo unánime dos asinantes, materializado por escrito mediante addenda.

h) O prazo de vixencia do convenio, nos termos recollidos na lexislación vixente aplicable.

2. Poderán subscribirse convenios marco nos que se recollan compromisos de carácter xenérico, de xeito que as accións concretas serán determinadas nos respectivos convenios específicos. Os convenios marco non poderán establecer obrigas de carácter económico entre as partes.

3. Os convenios que requiran unha xustificación das actividades ou dos gastos realizados cos fondos recibidos deben indicar claramente o contido da xustificación, así como a oficina ou persoas responsables da súa elaboración e presentación.

4. Aqueles convenios dos que se deriven resultados de investigación deberán incluír condicións sobre propiedade industrial e intelectual dos resultados, se é o caso.

5. Os convenios incluirán unha cláusula de exoneración de responsabilidade da USC polos danos que puidese causar a outra parte e o seu persoal, cando en execución deles realicen actividades por conta da Universidade. Con independencia do anterior, cando se considere que concorre algún risco non cuberto que, en función das actividades previstas faga aconsellable a subscrición dunha póliza de seguro específica, o convenio definirá a parte ou partes que asumirán o seu custo.

6. Os convenios deberán facer referencia á regulación da protección de datos persoais. No caso de que se realice unha encarga de tratamento a unha das partes, deberá figurar un anexo coas condicións acordadas.

7. Os convenios asinados pola Universidade con outras entidades públicas ou privadas redactaranse preferentemente en lingua galega. No caso de ter efectos fóra de Galicia redactaranse en lingua española. Ademais, poderán redactarse na lingua oficial da outra ou outras entidades asinantes.

8. Os convenios internacionais poderán redactarse noutra lingua estranxeira, ademais de facelo nalgunha das linguas oficiais.

Artigo 5. Modelos-tipo de convenios

1. A USC poderá aprobar no Consello de Goberno modelos-tipo para uniformizar a formalización de convenios dunha mesma materia.

2. Aprobado o modelo-tipo de convenio non será necesario aprobar individualmente cada un dos convenios que sigan o modelo nin sometelos aos controis previos que se establecen neste regulamento, pero si deberán ser informados polo órgano responsable destes.

3. Unha vez asinado o convenio establecido a través dun modelo-tipo darase conta del ao Consello de Goberno.

4. A USC tamén poderá asinar modelos-tipo de convenios con administracións públicas, entidades ou organizacións representativas de colectivos empresariais e sociais aos que se poderán adherir os distintos membros da organización sen necesidade de asinar un convenio específico con cada un deles.

5. O control do cumprimento dos convenios asinados conforme un modelo-tipo será o mesmo ca o do resto dos convenios.

Artigo 6. Procedemento de elaboración, aprobación e sinatura dos convenios

1. Iniciativa.

Poderán propoñer a aprobación de convenios os órganos de goberno unipersoais e colexiados da USC, así como o seu persoal docente e investigador.

Será requisito para a tramitación do convenio que figure identificado quen o promova. Farase constar nun documento que se achegará co convenio, segundo o modelo que se aprobe.

A persoa propoñente será a responsable da proposta inicial de redacción do convenio e, de ser o caso, da negociación e do impulso da tramitación ata a súa sinatura. Así mesmo, será responsable da súa execución e cumprimento.

A proposta de convenio deberá ser negociada co apoio técnico das unidades administrativas competentes por razón da materia.

No caso de que a iniciativa proveña dun órgano ou institución alleos á USC deberá designarse un órgano ou unidade da Universidade como propoñente.

Se durante a vixencia do convenio se modificase a persoa responsable ou promotora, deberá comunicarse o cambio á unidade responsable da xestión dos convenios (en diante, Unidade de Convenios), que o poñerá en coñecemento dos órganos ou centros afectados.

2. Elaboración do proxecto de convenio.

Cando o convenio sexa promovido pola USC, a proposta deberá estar debidamente motivada mediante unha memoria xustificativa da necesidade de formalizar o convenio. A elaboración do texto do convenio tomará como base o modelo-tipo para a materia, cando exista.

En todo caso quen o propoña poderá obter asesoramento dos órganos técnicos da USC para a elaboración do texto e para a súa negociación.

Unha vez elaborado o proxecto de convenio deberá remitirse á Unidade de Convenios para a súa tramitación.

3. Informes preceptivos.

O proxecto de convenio deberá ser informado preceptivamente:

a) Pola Asesoría Xurídica da USC nos seus aspectos de legalidade, agás que se trate dun convenio elaborado seguindo un modelo-tipo previamente aprobado.

b) Polo director/a da unidade de gasto correspondente cando comporte obrigas económicas para a USC. Neste caso acompañarase da acreditación da retención do crédito correspondente.

c) Polo servizo responsable da xestión da actividade económica da USC no suposto de convenios con empresas privadas para informar de que o texto non contén prestacións propias dos contratos administrativos e de que non se elude a libre concorrencia.

d) Polas vicerreitorías, Secretaría Xeral ou Xerencia cando afecten o ámbito da súa competencia.

Os convenios que precisen a coordinación empresarial de actividades preventivas deberan ser informados polo Servizo de Prevención de Riscos da USC.

Os informes dos órganos responsables deberán recollerse no modelo que se estableza. No caso de que sexan desfavorables, a motivación realizarase nun documento específico. As eventuais modificacións do proxecto de convenio que se poidan introducir con posterioridade á realización dos informes requirirán un novo pronunciamento dos órganos informantes.

4. Aprobación.

Solicitados e recibidos os informes preceptivos pola Unidade de Convenios e completada a tramitación, proporase ao Consello de Goberno a aprobación do proxecto de convenio, se procede.

5. Sinatura.

Unha vez certificada a aprobación do convenio polo Consello de Goberno, a Unidade de Convenios xestionará a sinatura por cada unha das partes. En cumprimento da normativa vixente, os convenios deberán ser asinados de forma electrónica sempre que sexa posible.

A sinatura dos convenios por parte da USC corresponde ao reitor/a da Universidade, como representante legal da institución, sen prexuízo da posible delegación, que deberá incorporarse no expediente do convenio.

Artigo 7. Rexistro, arquivo e difusión dos convenios

1. Os convenios nos cales a Universidade sexa parte deberán ser remitidos, tras a súa sinatura, á Secretaría Xeral para os efectos da súa inscrición no Rexistro de Convenios da USC, da súa difusión e das comunicacións que procedan.

2. No asento de cada convenio deberán constar necesariamente os seguintes datos:

a) As partes que asinan o convenio.

b) A persoa responsable do convenio.

c) O obxecto.

d) As datas de inicio e de remate do convenio, así como as prórrogas formalizadas.

e) As addendas ao convenio.

f) Calquera outro dato de relevancia.

3. A Unidade de Convenios dará traslado dunha copia do convenio ou acordo a aquelas unidades ou servizos administrativos da USC directamente implicados no seu cumprimento e execución.

Artigo 8. Protocolos xerais de actuación ou instrumentos similares

1. Teñen a consideración de protocolos xerais de actuación as meras declaracións de intencións de contido xeral ou que expresen a vontade da USC e as restantes partes subscritoras para actuar cun obxectivo común, sempre que non supoñan a formalización de compromisos xurídicos concretos e exixibles.

2. Dos protocolos xerais de actuación ou instrumentos similares darase conta ao Consello de Goberno unha vez asinados polo reitor.

Artigo 9. Procedemento de urxencia para a aprobación dos convenios

1. O reitor ou reitora poderá, excepcionalmente, autorizar e asinar con carácter previo á súa aprobación polo Consello de Goberno aqueles convenios que, debido ás circunstancias concorrentes, deban asinarse con carácter urxente. Neste caso deberán xustificarse as circunstancias que motivan a dita urxencia.

2. O reitor ou reitora proporá ao Consello de Goberno, na primeira reunión deste órgano que teña lugar tras a sinatura, a ratificación dos convenios asinados seguindo este procedemento.

Artigo 10. Vixencia, prórroga e modificación dos convenios

1. Os convenios deberán ter unha duración determinada que  non  poderá ser superior a catro anos,  sendo posible acordar expresamente a súa prórroga, que non poderá exceder os catro anos.

2. Non obstante o anterior, os convenios poderán ter unha duración superior se así se prevé normativamente. En particular, terán unha duración específica:

a) Os convenios asinados ao abeiro do artigo 34 da Lei da ciencia, tecnoloxía e innovación.

b) Os convenios marco de colaboración.

c) Os convenios para a creación de cátedras institucionais.

d) Os convenios previstos no artigo 29.3 dos estatutos da USC para a contratación de persoal para os lectorados.

e) Os convenios de mobilidade de estudantado e profesorado nos que a outra entidade teña regulamentada a exixencia dunha duración superior.

f) Os convenios que instrumenten a implantación de títulos conxuntos.

g) Os convenios de adscrición.

Artigo 11. Cumprimento dos convenios

1. O incumprimento dos compromisos establecidos nos convenios poderá dar lugar á súa resolución. A denuncia poderá realizarse por calquera dos seus asinantes, ben a iniciativa propia, pola comisión de seguimento, por proposta do responsable ou de calquera órgano ou servizo implicado.

2. A denuncia do convenio, que será asinada polo reitor ou reitora, deberá comunicarse aos demais asinantes e será obxecto de anotación no rexistro.

3. A falta de execución dun convenio ou a súa execución defectuosa, cando produzan prexuízos á USC poderán dar lugar á exixencia de responsabilidades aos seus causantes.

4. Sen prexuízo das atribucións das comisións de seguimento, o Consello de Goberno e a Secretaría Xeral poderán solicitar aos responsables dos convenios canta información sexa necesaria para determinar o cumprimento destes.

Artigo 12. Extinción e resolución dos convenios

1. Os convenios extinguiranse polo cumprimento das actuacións que constitúen o seu obxecto ou por incorrer en causa de resolución.

2. Son causas de resolución:

a) O transcurso do prazo de vixencia do convenio sen terse acordado a prórroga deste.

b) O acordo unánime das partes asinantes.

c) O incumprimento das obrigas e compromisos asumidos por parte dalgún dos asinantes.

d) Decisión xudicial declaratoria da nulidade do convenio.

e) Calquera outra causa distinta das anteriores prevista no convenio ou noutras leis.

3. No caso de incumprimento das obrigas e compromisos asumidos por parte dalgún dos asinantes, calquera das partes poderá notificar á outra para que realice nun determinado prazo as obrigas ou compromisos que se consideran incumpridos.

4. Se transcorrido o prazo indicado no requirimento persistise o incumprimento, a parte que o ditou notificará ás partes asinantes a concorrencia da causa de resolución e entenderase resolto o convenio. A resolución do convenio por esta causa poderá implicar a indemnización dos prexuízos causados, se así se tivese previsto.

5. Naqueles casos que proceda, a denuncia do convenio será asinada polo reitor da USC.

6. A liquidación dos convenios farase de acordo co artigo 52 da Lei de réxime xurídico do sector público ou norma que a regule.

Artigo 13. Publicidade dos convenios e transparencia

A Secretaría Xeral fará pública a relación de convenios asinados pola USC, nos termos previstos na lexislación estatal e autonómica de transparencia.

Artigo 14. Comunicacións obrigatorias dos convenios

1. Aqueles convenios nos que os compromisos económicos asumidos pola USC superen os 600.000 euros deberán remitirse de xeito electrónico ao Tribunal de Contas ou órgano externo de fiscalización da Comunidade Autónoma dentro dos tres meses seguintes á súa subscrición.

2. Tamén se deberán comunicar as modificacións, prórrogas ou variacións de prazos, alteración dos importes dos compromisos asumidos e a extinción dos convenios indicados no punto anterior.

Artigo 15. Resolución de conflitos

Os conflitos que puidesen xurdir na interpretación, desenvolvemento, modificación e resolución dos convenios deberán ser resoltos pola comisión de seguimento do convenio. No caso de non terse alcanzado solución, corresponderá á xurisdición contencioso-administrativa a resolución da cuestión litixiosa.

Artigo 16. Órgano responsable da tramitación, rexistro e seguimento dos convenios e protocolos xerais de actuación

A Secretaría Xeral, a través da Unidade de Convenios, será a responsable da tramitación e rexistro dos convenios así como do seu seguimento en colaboración coas persoas propoñentes destes.

Disposición adicional primeira. Convenios con normas especiais

Os convenios ou concertos que teñan un procedemento específico ou un contido especial aprobado por norma internacional, estatal ou autonómica, rexeranse polas correspondentes normas de aplicación.

En especial, os convenios vinculados a programas nacionais ou internacionais de intercambio (Sicue, Erasmus) quedan excluídos desta regulación ao contar co seu propio procedemento.

Disposición adicional segunda. Convenios que instrumentan a implantación de títulos conxuntos e convenios de cooperación educativa para a realización de prácticas académicas externas

Os convenios que se formalicen para instrumentar a implantación de títulos conxuntos ou para a realización de prácticas académicas externas do estudantado xestionaranse pola vicerreitoría ou vicerreitorías con competencias delegadas nestas materias, agás no referente ao seu rexistro, que corresponderá á Unidade de Convenios.

Disposición adicional terceira. Convenios para a realización de actividades de investigación ao abeiro do artigo 83 da Lei orgánica de universidades

Os convenios para a realización de actividades de investigación ao abeiro do artigo 83 da Lei orgánica de universidades xestionaranse conforme a súa normativa específica. Non obstante, no referente ao contido, publicación e rexistro seralles de aplicación o establecido nos artigos 6 e 7 deste regulamento.

Disposición adicional cuarta. Convenios de entidades públicas dependentes da USC

Aos convenios que formalicen as entidades de dereito público dependentes da USC seranlles de aplicación as disposicións deste regulamento relativas a tipos de convenios, contidos, vixencia, prórroga, modificación, cumprimento, extinción e resolución destes.

Disposición adicional quinta. Habilitación para o desenvolvemento normativo

Facúltase a Secretaría Xeral para ditar as instrucións que sexan necesaria para a aplicación deste regulamento e para a súa interpretación. Así mesmo, será a encargada de elaborar os modelos de documentos para dar soporte aos distintos tipos de trámites.

Disposición transitoria

A tramitación de convenios que se iniciase antes da entrada en vigor deste regulamento rexeranse pola normativa anterior.

Disposición derrogatoria

Queda derrogado o Regulamento para a xestión de convenios na Universidade de Santiago de Compostela, aprobado polo Consello de Goberno do 19 de decembro de 2002.

Disposición derradeira

O presente regulamento entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.