Ponse en coñecemento de todos os interesados na concentración parcelaria da zona de San Tomé (Cartelle-Ourense), declarada de utilidade pública e urxente execución polo Decreto 36/1999, do 11 de febreiro (DOG núm. 37, do 23 de febreiro), o seguinte:
Primeiro. Con data do 27 de abril de 2021, a directora xeral de Desenvolvemento Rural aprobou o acordo de concentración parcelaria da zona de San Tomé (Cartelle-Ourense).
Segundo. O acordo de concentración seralle notificado individualmente a cada un dos afectados e estará exposto ao público no Concello de Cartelle e na zona. Os documentos que se poden examinar no citado concello refírense aos predios de substitución onde constan as situacións xurídicas derivadas das parcelas de procedencia, as fichas de atribucións, os planos e outros.
Terceiro. De conformidade co disposto polo artigo 36 da Lei 4/2015, do 17 de xuño, de mellora da estrutura territorial agraria de Galicia, no prazo dun mes, contado desde o día seguinte ao da notificación individual, poderá vostede interpoñer recurso de alzada, ante o conselleiro do Medio Rural.
Os recursos poderanse presentar no Rexistro da Xefatura Territorial da Xunta de Galicia en Ourense, sito na rúa Florentino L. Cuevillas, nº 4-6, baixo; no Rexistro Xeral da Consellería do Medio Rural, sito no Edificio Administrativo San Caetano, s/n, de Santiago de Compostela, ou en calquera das dependencias a que fan referencia o artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
Os planos do acordo están accesibles na internet, na páxina web da Consellería do Medio Rural, no enderezo:
https://ovmediorural.xunta.gal/gl/consultas-publicas/concentracions-parcelarias-procesos
Ourense, 10 de maio de 2021
Luis Jorge Álvarez Ferro
Xefe territorial de Ourense