Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 96 Martes, 25 de maio de 2021 Páx. 25785

III. Outras disposicións

Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación

RESOLUCIÓN do 20 de abril de 2021, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, pola que se regula o procedemento de comunicación de instalacións temporais de produtos petrolíferos para subministración a vehículos (código de procedemento IN624E).

A instrución técnica complementaria MI-IP 04 «Instalacións para subministración a vehículos», aprobada polo Real decreto 706/2017, do 7 de xullo, regula no seu capítulo XII as instalacións temporais, que clasifica en instalacións autónomas provisionais e instalacións de subministración a vehículos en probas deportivas.

No número 4 do seu capítulo XIV, a citada ITC MI-IP 04 establece a obriga de comunicar as instalacións temporais ao órgano competente da comunidade autónoma.

De acordo co que antecede,

RESOLVO:

1. Regular o procedemento de comunicación de instalacións temporais de produtos petrolíferos para subministración a vehículos, que terá asignado o código de procedemento IN624E.

2. Publicar o modelo de comunicación de instalacións temporais de produtos petrolíferos para subministración a vehículos, que se recolle no anexo I desta resolución.

3. O procedemento IN624E é un procedemento administrativo de prazo aberto.

4. Establécese a obriga de relacionarse a través de medios electrónicos para este procedemento, ao considerarse acreditado que o colectivo de persoas físicas comunicantes teñen suficiente capacidade económica e técnica para ter acceso e dispoñibilidade dos medios electrónicos necesarios.

5. As comunicacións presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado recollido no anexo I, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal.

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa comunicación presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da comunicación aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

6. As persoas interesadas deberán achegar coa comunicación a seguinte documentación:

– Certificado de fabricación do tanque e equipamentos.

– No caso de instalacións autónomas provisionais, certificado de conformidade á ITC MI-IP 04 expedido por organismo de control.

– No caso de instalacións de subministración a vehículos en probas deportivas, certificado de conformidade a normas do conxunto recipiente almacenamento-equipamento de subministracion, expedido por organismo de control.

– No caso de recipientes móbiles autorizados para o transporte de mercadorías perigosas tipo bidóns, documento acreditativo da súa autorización ou aprobación de tipo.

– No caso de recipientes móbiles autorizados para o transporte de mercadorías perigosas tipo GRG (IBC), certificado de inspección inicial ou periódica.

7. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da comunicación deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da comunicación e o número de expediente, se se dispón del.

No caso de que algún dos documentos para presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou tivera un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

8. Para a tramitación destes procedementos consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

1. DNI ou NIE da persoa comunicante.

2. DNI ou NIE da persoa representante.

3. NIF da persoa xurídica comunicante.

4. NIF da persoa xurídica representante.

No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

9. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do sistema de notificacións electrónicas de Galicia, Notifica.gal. Este sistema remitiralles ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na comunicación. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderá, de oficio, crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, entendéndose rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

10. Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar trala presentación da comunicación deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

11. De conformidade coa Disposición adicional sexta da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, os modelos normalizados aplicables na tramitación dos procedementos regulados nesta disposición poderán ser actualizados co fin de mantelos adaptados á normativa vixente. Para estes efectos, será suficiente a publicación dos modelos actualizados na sede electrónica da Xunta de Galicia, onde estarán permanentemente accesibles para todas as persoas interesadas, sen que sexa necesaria unha nova publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 20 de abril de 2021

Paula Uría Traba
Directora xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais

missing image file
missing image file
missing image file