Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 96 Martes, 25 de maio de 2021 Páx. 25953

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

ANUNCIO do 6 de maio do 2021, da Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, polo que se somete a información pública a modificación das Normas técnicas de planeamento urbanístico de Galicia.

As Normas técnicas de planeamento urbanístico de Galicia, aprobadas por Orde do 10 de outubro de 2019 da conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, teñen por obxecto unificar os criterios técnicos para a elaboración dos documentos de planeamento urbanístico, a terminoloxía e os conceptos urbanísticos xerais, así como calquera outra cuestión que precise aclaración ou orientación técnica en materia de planeamento urbanístico.

Mediante a Resolución do 6 de maio de 2021, da Dirección xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, acordouse o inicio da tramitación da modificación das Normas técnicas de planeamento urbanístico de Galicia, ao abeiro do disposto no artigo 48 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e 89 do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o Regulamento que a desenvolve e, de conformidade co artigo 13 do Decreto 42/2019, do 28 de marzo, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda.

En cumprimento do disposto nos artigos sinalados, sométense a información pública a modificación das Normas técnicas de planeamento urbanístico de Galicia, durante o prazo dun mes, contado a partir da publicación deste anuncio no Diario Oficial de Galicia.

Durante o referido prazo, calquera persoa poderá examinar o documento, en horario de oficina, nas dependencias da Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, sitas no Edificio Administrativo San Caetano s/n, en Santiago de Compostela, e presentar ante a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda ou a través do correo electrónico sxurb@xunta.gal, as alegacións, observacións e xustificacións que se consideren pertinentes.

Asemade, poden consultarse as Normas técnicas de planeamento urbanístico de Galicia a través da seguinte ligazón:

https://cmatv.xunta.gal/seccion-tema/c/CMAOT_Territorio_e_urbanismo_Planeamento_urbanistico?content=SX_Ordenacion_Territorio_Urbanismo/Participacion_publica/seccion.html&std=Participacion_publica.html.

Santiago de Compostela, 6 de maio de 2021

María Encarnación Rivas Díaz
Directora xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo