Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 94 Venres, 21 de maio de 2021 Páx. 25243

IV. Oposicións e concursos

Consellería de Facenda e Administración Pública

RESOLUCIÓN do 12 de maio de 2021, do tribunal designado para xulgar o proceso selectivo extraordinario de consolidación para o ingreso na categoría 007 do grupo II, titulada/o de grao medio, do persoal laboral fixo da Xunta de Galicia, convocado pola Orde do 22 de novembro de 2019 pola que se dá publicidade de diversos acordos.

Nas sesións que tiveron lugar o 4 de maio e o 6 de maio de 2021, o tribunal nomeado mediante a Resolución do 14 de setembro de 2020 (DOG núm. 188, do 16 de setembro), para cualificar o proceso selectivo extraordinario de consolidación para o ingreso na categoría 007 do grupo II, titulada/o de grao medio, do persoal laboral fixo da Xunta de Galicia, convocado pola Orde do 22 de novembro de 2019 (DOG núm. 225, do 26 de novembro),

ACORDOU:

Primeiro. Ao abeiro do previsto na base II.1.2.7 da convocatoria, anular as preguntas número 126, 137 e 145 do primeiro exercicio deste proceso selectivo, realizado o 27 de marzo de 2021. O seu lugar pasa a ser ocupado polas preguntas núm. 154 e núm. 158 e 159. Así mesmo, acórdase modificar o modelo de corrección de respostas nas preguntas núm. 31, onde é correcta a alternativa b), e a núm. 49, onde é correcta a alternativa a). Rexéitanse na súa totalidade as restantes reclamacións realizadas ao devandito exercicio.

Segundo. Ao abeiro do previsto na base II.1.2.7 da convocatoria, anular as preguntas número 36 e 132 do primeiro exercicio deste proceso selectivo, realizado o 22 de abril de 2021. O seu lugar pasa a ser ocupado polas preguntas núm. 154 e núm. 158. Así mesmo, acórdase modificar o modelo de corrección de respostas nas preguntas núm. 62, onde é correcta a alternativa b). Rexéitanse na súa totalidade as restantes reclamacións realizadas ao devandito exercicio.

Terceiro. De conformidade co disposto na base II.1.1.1 da convocatoria, superarán o primeiro exercicio do proceso selectivo as persoas aspirantes que obtivesen unha puntuación mínima de quince puntos (15 puntos). Para estes efectos, de conformidade coas bases da convocatoria, mediante a resolución deste tribunal, do 10 de marzo de 2021, pola que se dá publicidade aos parámetros para a cualificación do primeiro exercicio, estableceuse que superarán o primeiro exercicio as persoas aspirantes presentadas que acaden as mellores puntuacións ata completar o número máximo de sesenta e tres (63), sempre e cando respondesen como mínimo correctamente seis (6) preguntas da parte xeral-bloque I e vinte e catro (24) da parte xeral-bloque II, unha vez feitos os descontos correspondentes. As preguntas non contestadas non penalizan nin reciben puntuación.

Todas as persoas aspirantes con idéntica puntuación a aquela persoa aprobada que marque o corte consideraranse igualmente aprobadas, aínda que se superase o número de aspirantes antes indicado (63).

Asignarase a valoración de 15 puntos ás persoas aspirantes que obteñan unha nota equivalente á nota de corte fixada. O resto das persoas declaradas aptas terá unha cualificación distribuída entre os 15 e os 30 puntos, proporcional ao número de respostas correctas. Do mesmo xeito, asignarase a puntuación proporcional que corresponda ás persoas aspirantes declaradas non aptas.

Feita a corrección na sesión do 6 de maio de 2021, acadaron a puntuación mínima de 15 puntos un total de 57 aspirantes.

Cuarto. Publicar as puntuacións obtidas polas persoas aspirantes presentadas que superaron o primeiro exercicio do proceso selectivo extraordinario de consolidación para o ingreso na categoría 007 do grupo II, titulada/o de grao medio, do persoal laboral fixo da Xunta de Galicia e as puntuacións obtidas polas persoas aspirantes presentadas que superaron os mínimos establecidos na base II.1.1.1. da convocatoria pero non superaron o exercicio e aos cales se lles asignou unha puntuación de 0 a 15 puntos, no portal web corporativo funcionpublica.xunta.gal. Así mesmo, publicar a relación das persoas aspirantes presentadas que non acadaron os mínimos establecidos na base II.1.1.1 da convocatoria.

Quinto. De acordo co disposto na base II.1.2.8 da convocatoria, os aspirantes poderán presentar as alegacións que consideren oportunas con relación ás puntuacións, no prazo de dez (10) días hábiles contados desde o seguinte ao de publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Sexto. De acordo co disposto na base II.1.1.3. da convocatoria, as persoas aspirantes que superaron o primeiro exercicio disporán dun prazo de dez (10) días hábiles, contados desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, para presentar a documentación xustificativa de estar en posesión do Celga 4 ou o equivalente debidamente homologado polo órgano competente en materia de política lingüística da Xunta de Galicia, de acordo coa disposición adicional segunda da Orde do 16 de xullo de 2007 pola que se regulan os certificados oficiais acreditativos dos niveis de coñecemento da lingua galega (DOG núm. 146, do 30 de xullo), modificada pola Orde do 10 de febreiro de 2014 (DOG núm. 34, do 19 de febreiro).

Sétimo. De conformidade co disposto na base III.13 da orde de convocatoria, contra este acordo poderase interpor recurso de alzada ante o conselleiro de Facenda e Administración Pública, nos termos previstos nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 12 de maio de 2021

Paula Oliete Trillo
Presidenta do tribunal