Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 89 Mércores, 12 de maio de 2021 Páx. 23721

III. Outras disposicións

Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación

ORDE do 6 de maio de 2021 pola que se amplía o prazo para a adhesión dos comercios ao Programa de dinamización e incentivación do consumo nos comercios retallistas da Comunidade Autónoma de Galicia, a través dos bonos Activa comercio convocados pola Orde do 8 de abril de 2021.

A Orde da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación do 8 de abril de 2021 (DOG núm. 69, do 14 de abril) establece as bases reguladoras para a concesión de axudas en réxime de concorrencia non competitiva do Programa de dinamización e incentivación do consumo nos comercios retallistas da Comunidade Autónoma de Galicia a través dos bonos Activa comercio, e procede á súa convocatoria e á apertura do prazo para a adhesión dos comercios.

A dita orde dispón no artigo 10.2 que «o prazo para adherirse ao programa será dun (1) mes a contar desde o día seguinte ao da publicación da presente orde no Diario Oficial de Galicia, sen prexuízo da súa posible ampliación nos termos establecidos na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas».

Co fin de que todos os establecementos comerciais retallistas que cumpran os requisitos establecidos nas bases reguladoras poidan adherirse ao programa bonos Activa comercio, é aconsellable a ampliación do prazo a que se fai referencia no parágrafo anterior.

A teor do exposto, en virtude das competencias que ten atribuídas a Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación en materia de comercio interior, e no exercicio das atribucións que me foron conferidas,

DISPOÑO:

Artigo único. Ampliación de prazo

O prazo para a adhesión dos comercios retallistas ao Programa de dinamización e incentivación do consumo a través dos bonos Activa comercio amplíase ata o 31 de maio de 2021.

Contra este acordo de ampliación de prazo non cabe recurso de acordo co disposto no artigo 32.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Disposición derradeira. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 6 de maio de 2021

Francisco José Conde López
Vicepresidente segundo e conselleiro
de Economía, Empresa e Innovación