Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 88 Martes, 11 de maio de 2021 Páx. 23665

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

ANUNCIO do 27 de abril de 2021, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense, polo que se publica a Resolución do 23 de abril de 2021 relativa ao acto de conciliación formulado polos representantes dos montes veciñais en man común de Carzoá e de Montes, no concello de Cualedro.

Examinada a solicitude de conciliación formulada polos representantes do MVMC de Montes, pertencente á CMVMC de Santa Baia de Montes e o MVMC de Carzoá, pertencente á CMVMC de Carzoá, no concello de Cualedro, resultan os seguintes

Feitos:

Primeiro. Con data do 30 de agosto de 2019 o presidente da CMVMC de Santa Baia de Montes achegou un escrito no rexistro electrónico da Xunta de Galicia (nº 2019/rx 1788615) relativo a un acto de deslindamento entre a citada comunidade de montes veciñais en man común entre os MVMC de Carzoá e de Montes,

Coa solicitude achegou os seguintes documentos: acta do deslindamento, memoria descritiva, acta de conciliación, certificación de aprobación das comunidades de montes implicadas e arquivos shp.

Segundo. O informe do Servizo de Montes da Xefatura Territorial de Ourense do 20 de decembro de 2019 considera que a solicitude se axusta ao establecido no artigo 53 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, aínda que non se achega ningunha planimetría coa memoria.

En vista disto, o Servizo de Montes propuxo ao Xurado a aprobación do deslindamento, ben que coas seguintes condicións:

– Exclúese o tramo 1, sen denominación, por entender que afecta a confluencia do perímetro estremeiro destes dous MVMC co MVMC San Martiño, pertencente á CMVMC de San Martiño. Este punto deberá establecerse mediante un procedemento de deslindamento que inclúa o acordo da comunidadd de montes veciñais titular deste.

– Exclúese o tramo 8, denominado Os Penedos das Cruces, por entender que afecta a confluencia do perímetro estremeiro destes dous MVMC co MVMC de Cualedro, pertencente á CMVMC de Cualedro, polo que este punto deberá establecerse mediante un procedemento de deslindamento que inclúa o acordo da comunidade de montes veciñais titular deste.

Consideracións legais e técnicas:

Primeira. A presente resolución dítase o abeiro do artigo 53 do Regulamento para a execución da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e de conformidade co disposto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Segunda. O artigo 53 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, recolle o procedemento que se seguirá no deslindamento entre montes veciñais en man común e establece que o xurado provincial de clasificación de montes veciñais en man común, logo do exame da documentación presentada, ditará resolución que será publicada no Diario Oficial de Galicia e notificada ás comunidades interesadas.

De acordo cos feitos e fundamentos de dereito expostos, o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común acordou por unanimidade o día 25 de novembro de 2020:

Aprobar o acto de conciliación acadado polas xuntas reitoras dos MVMC de Montes, pertencente á CMVMC de Santa Baia de Montes, e o MVMC de Carzoá, pertencente á CMVMC de Carzoá, no concello de Cualedro, de acordo co informe do Servizo de Montes do 20 de decembro de 2019.

Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso potestativo de reposición perante o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense no prazo dun mes, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo perante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Ourense, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao desta notificación, de acordo co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e nos artigos 8 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Ourense, 27 de abril de 2021

Luis Jorge Álvarez Ferro
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación
de Montes Veciñais en Man Común de Ourense