Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 84 Mércores, 5 de maio de 2021 Páx. 22634

III. Outras disposicións

Axencia Galega das Industrias Culturais

RESOLUCIÓN do 23 de abril de 2021 pola que se aproban as bases, en réxime de concorrencia non competitiva, das subvencións ás actividades de distribución para industrias culturais e se convocan para o ano 2021 (código de procedemento CT402C).

A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) é unha entidade de dereito público con personalidade xurídica propia, patrimonio propio e autonomía na súa xestión, que ten por obxecto o impulso e a consolidación do tecido empresarial no sector cultural galego, segundo o previsto nos artigos 3, 4 e 5 da Lei 4/2008, do 23 de maio, de creación da Axencia Galega das Industrias Culturais. A Axencia Galega das Industrias Culturais é o organismo en que a Xunta de Galicia, coa participación necesaria dos sectores culturais implicados, centraliza os programas de apoio destinados a reforzar o papel dos creadores individuais, empresas e industrias culturais privadas, dentro do obxectivo xenérico de promoción e fomento da cultura galega impulsado pola Consellería de Cultura, Educación e Universidade. O obxectivo da axencia é consolidar o tecido industrial no sector cultural galego para promover un tecido empresarial capitalizado, competitivo e innovador, fomentar a creación e potenciar a comercialización de bens e servizos culturais de calidade, favorecendo a difusión da lingua e da cultura galegas como elementos singularizadores.

Con esta convocatoria de axudas, a Axencia Galega das Industrias Culturais quere cumprir co establecido no artigo 5 da Lei 4/2008, «En consonancia cos seus obxectivos e fins, a Agadic exercerá as seguintes funcións:

...c) Promover a distribución e comercialización dos produtos culturais dentro e fóra do noso país, fomentando a captación de públicos e facilitando o acceso da cultura galega a novos mercados internacionais...

...f) Fomentar a creación, o mantemento e a utilización de infraestruturas e equipamentos por parte dos axentes culturais, en especial o impulso de centros que faciliten o acceso á cultura dos cidadáns e das cidadáns...

...h) Impulsar a cooperación e o asociacionismo entre os traballadores e traballadoras e as empresas dos distintos sectores culturais, así como as medidas do sector profesional galego para aumentar a súa presenza e competitividade nos mercados culturais, en especial no apoio ás exportacións de bens e servizos culturais galegos».

Por todo isto, en consonancia cos seus obxectivos inmediatos, apróbase a convocatoria pública de subvencións á distribución de produtos culturais, para o exercicio 2021, de acordo coas seguintes bases:

Primeira. Obxecto, finalidade, principios de xestión e ámbito de aplicación

Esta resolución, no desenvolvemento das funcións e obxectivos encomendados e previstos na Lei 4/2008, do 23 de maio, de creación da Axencia Galega das Industrias Culturais, ten por obxecto fixar as bases que regularán o réxime de subvencións establecidas pola Agadic para promover a distribución exterior e interior de bens e servizos culturais producidos por empresas e/ou compañías ou grupos profesionais con sede na Comunidade Autónoma de Galicia, coa excepción das asociacións e entidades sen fins de lucro, e se convocan para o ano 2021 (código de procedemento CT402C).

Segunda. Procedemento de concesión e principios de xestión

1. Estas axudas deberán cumprir as condicións de exención e os límites do artigo 3 do Regulamento (UE) 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis. O importe total das axudas de minimis concedidas por un Estado membro a unha única empresa non excederá os 200.000 euros durante calquera período de tres exercicios fiscais.

2. A percepción destas axudas é compatible con outras subvencións, axudas e ingresos ou recursos para o mesmo proxecto, procedentes de calquera outra Administración ou ente público ou privado, pero incompatibles con outras para o mesmo proxecto da Consellería de Cultura, Educación e Universidade ou calquera organismo dependente. No caso de percibirse outras axudas, deberase acreditar documentalmente a súa natureza e contía, así como calquera circunstancia que poida afectar substancialmente a execución das actuacións. A comunicación deberá efectuarse tan axiña como se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

3. En ningún caso, a suma dos importes das axudas concedidas ao abeiro desta resolución poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con subvencións ou axudas doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, supere o 100 % do custo da actividade subvencionada.

4. Nos anexos da presente resolución deberase cubrir a declaración das axudas percibidas polos solicitantes.

5. A xestión destas subvencións realizarase polo procedemento de concorrencia non competitiva polo esgotamento do crédito, de acordo cos seguintes principios:

a) Publicidade, concorrencia, obxectividade, transparencia, igualdade e non discriminación.

b) Eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados pola Administración outorgante.

c) Eficiencia na asignación de efectivos e na utilización de recursos públicos.

6. A normativa aplicable a estas subvencións axustarase ao disposto na presente resolución pola que se aproban as bases de subvencións ás actividades de distribución para industrias culturais, e se convocan para o ano 2021; á Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; ao Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei de subvencións; á Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, así como aos preceptos básicos do Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento da Lei xeral de subvencións; á Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas; á Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais, e demais normativa de xeral aplicación.

7. De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

8. Sobre estas bases poderase obter información na páxina web da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic): http://www.agadic.gal, especialmente no que atinxe as obrigas e exixencias establecidas pola Agadic en materia de programación.

Terceira. Beneficiarios e modalidades. Requisitos

1. Poden solicitar as distintas modalidades de subvención as entidades que a continuación se sinalan, para actividades que se leven a cabo entre o 1 de novembro de 2020 e o 31 de outubro de 2021.

A. Artes escénicas.

• Modalidade A.1: subvencións para a distribución de espectáculos fóra de Galicia.

Beneficiarios: persoas físicas (autónomas) e/ou xurídicas dedicadas profesionalmente á actividade de produción e distribución de espectáculos de artes escénicas con sede social ou establecemento permanente na Comunidade Autónoma de Galicia.

Requisitos:

– Estar dado de alta no imposto de actividades económicas, na actividade para a que solicita a subvención.

Ter asinado no momento da solicitude o/os contrato/s convite/s con contido económico.

Poderán acollerse a esta modalidade empresas que presenten un proxecto de distribución a nivel nacional ou internacional consistente na realización dun mínimo de tres funcións e en ningún caso máis de oito no mesmo espazo.

• Modalidade A.2: subvencións para a representación de espectáculos de artes escénicas en feiras e festivais fóra de Galicia.

Beneficiarios: persoas físicas (autónomas) e/ou xurídicas dedicadas á actividade de produción e distribución de espectáculos de artes escénicas, con sede social ou establecemento permanente en Galicia, para a exhibición de espectáculos en feiras e festivais fóra de Galicia.

Estar dado de alta no imposto de actividades económicas, na actividade para a que solicita a subvención.

Ter asinado no momento da solicitude o/os contrato/os ou convite/s con contido económico.

• Modalidade A.3: subvencións para a asistencia a feiras e mercados de artes escénicas fóra de Galicia.

Beneficiarios: persoas físicas (autónomas) e/ou xurídicas dedicadas á actividade de produción e distribución de bens ou servizos culturais con sede social ou establecemento permanente en Galicia, para a asistencia a feiras ou mercados culturais fóra da Comunidade Autónoma galega, incluídos os celebrados en liña.

Requisitos:

Estar dado de alta no imposto de actividades económicas, na actividade para a que solicita a subvención.

Inscrición como profesional dos asistentes á feira ou mercado.

Acreditar a relación de vinculación dos/das asistentes coa empresa, mediante contrato ou declaración do titular da empresa beneficiaria.

• Modalidade A.4: subvencións para a distribución interior de espectáculos escénicos no territorio da comunidade autónoma.

Beneficiarios: persoas físicas (autónomas) e xurídicas dedicadas profesionalmente á actividade de produción e distribución de espectáculos de artes escénicas, con sede social ou establecemento permanente na Comunidade Autónoma de Galicia.

Poderán acollerse a esta modalidade empresas que presenten un proxecto de distribución pola Comunidade Autónoma de Galicia consistente na realización dun mínimo de cinco representacións de artes escénicas. Só se terán en conta e serán funcións subvencionables aquelas programadas en espazos que non formen parte da Rede Galega de Teatros e Auditorios.

En ningún caso, máis de catro representacións nun mesmo espazo.

Requisitos:

Estar dado de alta no imposto de actividades económicas, na actividade para a que solicita a subvención.

Ter asinado no momento da solicitude o/os contrato/os ou cesións.

B. Música.

• Modalidade B.1: subvencións para a distribución de espectáculos musicais fóra de Galicia.

Beneficiarios: persoas físicas (autónomas) e/ou xurídicas dedicadas profesionalmente á actividade de produción e distribución de espectáculos musicais con sede social ou establecemento permanente na Comunidade Autónoma de Galicia.

Requisitos:

Estar dado de alta no imposto de actividades económicas, na actividade para a que solicita a subvención.

Ter asinado no momento da solicitude o/os contrato/s convite/s con contido económico.

Poderán acollerse a esta modalidade empresas que presenten un proxecto de distribución a nivel nacional ou internacional consistente na realización dun mínimo de tres concertos e en ningún caso máis de oito no mesmo espazo.

• Modalidade B.2: subvencións para as representacións musicais en feiras e festivais fóra de Galicia.

Beneficiarios: persoas físicas (autónomas) e/ou xurídicas dedicadas á actividade de produción e distribución de actividades musicais, con sede social ou establecemento permanente en Galicia, para a realización de concertos en feiras e festivais fóra de Galicia.

Estar dado de alta no imposto de actividades económicas, na actividade para a que solicita a subvención.

Ter asinado no momento da solicitude o/os contrato/os ou convite/s con contido económico.

• Modalidade B.3: subvencións para a asistencia a feiras e mercados musicais fóra de Galicia.

Beneficiarios: persoas físicas (autónomas) e/ou xurídicas dedicadas á actividade de produción e distribución de bens ou servizos musicais con sede social ou establecemento permanente en Galicia, para a asistencia a feiras ou mercados musicais fóra da Comunidade Autónoma galega, incluídos os celebrados en liña.

Requisitos:

Estar dado de alta no imposto de actividades económicas, na actividade para a que solicita a subvención.

Inscrición como profesional dos asistentes á feira ou mercado.

Acreditar a relación de vinculación dos/das asistentes coa empresa, mediante contrato ou declaración do titular da empresa beneficiaria.

2. Non poderán obter a condición de beneficiarias as persoas ou entidades en que concorra algunha das prohibicións establecidas nos termos previstos no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. En todo caso, os solicitantes presentarán unha declaración responsable de non estaren incursos en tales circunstancias, consonte o modelo establecido no anexo I desta convocatoria.

Cuarta. Procedemento créditos, contías e límites

1. O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia non competitiva, por esgotamento do crédito, de conformidade co disposto nos artigos 19.2 e 22 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. O importe máximo para o financiamento das axudas incluídas nesta convocatoria é de 460.000 euros, dos cales 230.000 euros son para artes escénicas (modalidades A1, A2, A3 e A4) e 230.000 euros para música (modalidades B1, B2 e B3) da partida orzamentaria 2021.10.A1.432.B.470.0, para o ano 2021, código de proxecto 2015-0003.

Nas artes escénicas:

A modalidade A4 disporá dun máximo de 80.000 euros.

En música:

A modalidade B3 disporá dun mínimo de 30.000 euros.

3. A contía máxima total que poderá obter unha empresa beneficiaria no conxunto das distintas modalidades da presente convocatoria será:

25.000 euros se se trata de artes escénicas.

25.000 euros se se trata de actuacións musicais.

Este límite tamén se aplicará por cada compañía/artista/grupo cando estea representado por varias entidades.

4. Aplicaranse ademais os seguintes límites máximos na adxudicación:

A. Artes escénicas.

• Modalidades A.1 e A.2: subvencións para a distribución de espectáculos fóra de Galicia e para a representación de espectáculos de artes escénicas en feiras e festivais fóra de Galicia.

O correspondente aos gastos de desprazamento, transporte, mantenza e aloxamento do persoal artístico (músicos/actores/bailaríns/manipuladores) e técnico necesario para a distribución do espectáculo, co límite equivalente ao importe do contrato de distribución.

No caso de contratación á billeteira, o importe do contrato calcularase inicialmente, para a súa adxudicación, mediante o produto entre a porcentaxe da billeteira que percibirá a compañía, o prezo medio de entrada e o 60 % da capacidade do local. En todo caso, a contía final que se percibirá non superará a contía da billeteira efectivamente xustificada.

No suposto de actuacións en feiras, subvencionaranse tamén gastos dos custos de persoal artístico e técnico (nóminas e Seguridade Social, excluídas axudas de custo) necesario para a representación, correspondentes á data da súa realización, sen que estes supoñan máis do 60 % do caché.

Enténdese por caché, para estes efectos, o establecido na Rede Galega de Teatros e Auditorios para Galicia, sen necesidades técnicas. Para solicitantes non ofertados na Rede Galega de Teatros e Auditorios, o caché será o que eles establezan na solicitude.

Gastos de desprazamento. Enténdese por desprazamento os gastos da viaxe de ida e a viaxe de volta, quedando excluídos os desprazamentos nos días intermedios na mesma cidade. Si son gastos xustificables os do día de desprazamento entre unha cidade e outra, no caso de que se teñan representacións en distintas cidades dentro do mesmo plan de distribución. En todo caso, deberán achegarse as facturas correspondentes aos gastos xustificados, así como o seu pagamento.

Enténdense incluídos nos gastos subvencionables de desprazamento os seguintes:

Gastos de visado, no suposto de que sexa imprescindible para efectuar as representacións.

– Gastos de avión, cos seguintes máximos:

España e Portugal: 200 euros por persoa.

Resto Europa: 300 euros por persoa.

Resto do mundo: 700 euros por persoa.

Peaxes de autoestradas, combustibles, alugueiro de vehículos, desprazamento a aeroportos.

Billetes de autobús e tren.

Aparte do máximo para viaxe de avión, os máximos subvencionables por persoa e viaxe son: 50 euros en España e Portugal, 70 euros no resto de Europa e 100 euros no resto do mundo.

– Gastos de transporte: enténdense por transporte aqueles gastos referentes ao desprazamento dos materiais precisos para o desenvolvemento da actividade. Será necesaria a presentación das correspondentes facturas, en que se fará referencia clara ao motivo do transporte e ao material transportado.

O máximo subvencionable para o trasporte será de 400 euros en España e Portugal, 600 euros no resto de Europa e 800 euros no resto do mundo.

– Gastos de mantenza e aloxamento.

Deberán acreditarse os gastos subvencionados coas correspondentes facturas dos establecementos onde se produce o gasto (hoteis, restaurantes, axencias de viaxes ...), salvo no caso de que quen se despraza sexa persoal laboral contratado pola empresa, que poderá xustificarse co aboamento das axudas de custo legal ou convencionalmente permitidas nas correspondentes nóminas. Os máximos subvencionables por estes conceptos son os seguintes:

– España e Portugal:

Mantenza: un máximo de 36 euros por persoa e día.

Aloxamento: un máximo de 40 euros por persoa e día.

– Resto de Europa:

Mantenza: un máximo de 60 euros por persoa e día.

Aloxamento: un máximo de 60 euros por persoa e día.

– Resto do mundo:

Mantenza: un máximo de 60 euros por persoa e día.

Aloxamento: un máximo de 80 euros por persoa e día.

Para calcular a axuda teranse en conta os seguintes máximos:

– Días máximos que se consideran para a axuda, para os gastos de aloxamento e mantenza:

No caso de non ser representacións consecutivas:

España e Portugal: 2 días.

Resto de Europa: 3 días.

Resto do mundo: 4 días.

– No caso de representacións consecutivas:

Os días relativos ás viaxes de ida e volta, os días de representación artística e os días intermedios, cun tope dun día intermedio por data de representación artística ou concerto.

Modalidade A.3: subvencións para a asistencia a feiras e mercados de artes escénicas fóra de Galicia.

O correspondente aos gastos derivados da asistencia á feira, festival, incluídos os de desprazamento, transporte, aloxamento, mantenza (segundo os máximos reflectidos para as modalidades A.1 e A.2), así como os dereitos ou as cotas de asistencia e alugamento de espazos de exhibición, co límite equivalente ao 60 % sobre o custo e co máximo de 2.000 euros por feira e 15.000 euros anuais por solicitante. O máximo de persoas asistentes que se subvencionará por beneficiario será de dúas.

Os correspondentes aos gastos de inscrición para aqueles que se celebren en liña.

Non son obxecto desta liña de subvencións os honorarios profesionais e outros similares derivados da realización de representacións nin os correspondentes á elaboración de materiais promocionais.

• Modalidade A.4: subvencións para a distribución de espectáculos escénicos no territorio da Comunidade Autónoma.

O apoio á distribución de espectáculos de artes escénicas dentro da Comunidade Autónoma subvencionarase pola Agadic ata o 100 % dos custos de persoal artístico e técnico (nóminas e Seguridade Social, excluídas axudas de custo) necesario para a representación, correspondentes á data da súa realización, cos seguintes límites:

a) No suposto de que a representación teña como única contraprestación o importe das billeteiras, os máximos subvencionables son:

Cachés ata 1.500 euros, máximo 30 % do caché.

Ata 3.000 euros, máximo 40 % do caché.

Máis de 3.000 euros, máximo 50 % do caché.

A contía máxima subvencionable por representación é de 2.500 euros.

En ningún caso a contía máxima de salario do persoal artístico subvencionable enténdese referida aos mínimos fixados polo convenio colectivo de actores e actrices de Galicia. Para o persoal técnico, o límite subvencionable será de 200 euros por persoa e día.

Enténdese por caché, para os efectos desta cláusula, o establecido na Rede Galega de Teatros e Auditorios para Galicia, sen necesidades técnicas. Para solicitantes non ofertados na Rede Galega de Teatros e Auditorios, o caché será o que eles establezan na solicitude.

Só se subvencionarán os contratos de actuación ou cesión subscritos con entidades de titularidade pública para espazos escénicos convencionais. Tamén están incluídos os contratos subscritos con entidades privadas, sempre que os espazos escénicos sexan públicos, e xestionados polas ditas empresas privadas en virtude de contrato de xestión de servizos públicos.

As compañías só poderán ser beneficiarias desta subvención nun máximo de catro representacións por espazo.

En ningún caso, serán obxecto de subvención as funcións contratadas pola Agadic e, en xeral, pola Xunta de Galicia e calquera das entidades do sector público galego, nin as que sexan consecutivas a estas no mesmo espazo.

b) No suposto de que a representación teña como contraprestación unha porcentaxe de caché, ademais dos límites establecidos no punto anterior, a contía total de tal contraprestación máis a axuda da Agadic non poderá superar o 100 % do caché.

En todo caso, o límite por empresa na modalidade A.4 será de 15.000 euros, percibido na mesma proporción se os actores teñen un contrato laboral mensual como se a contratación é por bolo ou representación solta, de conformidade co establecido no Convenio colectivo de actores e actrices de Galicia.

B. Música.

• Modalidade B.1 e B.2: subvencións para a distribución de espectáculos musicais fóra de Galicia e para a representación musicais en feiras e festivais fóra de Galicia.

O correspondente aos gastos de desprazamento, transporte, mantenza e aloxamento do persoal artístico (músicos) e técnicos necesarios para a distribución do espectáculo musical, co límite equivalente ao importe do contrato de distribución.

No caso de contratación á billeteira, o importe do contrato calcularase inicialmente, para a súa adxudicación, mediante o produto entre a porcentaxe da billeteira que percibirá a compañía, o prezo medio de entrada e o 60 % da capacidade do local. En todo caso, a contía final que se percibirá non superará a contía da billeteira efectivamente xustificada.

Gastos de desprazamento. Enténdese por desprazamento os gastos da viaxe de ida e a viaxe de volta, quedando excluídos os desprazamentos nos días intermedios na mesma cidade. Si son gastos xustificables os do día de desprazamento entre unha cidade e outra, no caso de que se teñan representacións en distintas cidades dentro do mesmo plan de distribución. En todo caso, deberán achegarse as facturas correspondentes aos gastos xustificados, así como o seu pagamento.

Enténdense incluídos nos gastos subvencionables de desprazamento os seguintes:

Gastos de visado, no suposto de que sexa imprescindible para efectuar as representacións.

– Gastos de avión, cos seguintes máximos:

España e Portugal: 200 euros por persoa.

Resto Europa: 300 euros por persoa.

Resto do mundo: 700 euros por persoa.

Peaxes de autoestradas, combustibles, alugueiro de vehículos, desprazamento a aeroportos.

Billetes de autobús e tren.

Aparte do máximo para viaxe de avión, os máximos subvencionables por persoa e viaxe son: 50 euros en España e Portugal, 70 euros no resto de Europa e 100 euros no resto do mundo.

– Gastos de transporte: enténdense por transporte aqueles gastos referentes ao desprazamento dos materiais precisos para o desenvolvemento da actividade. Será necesaria a presentación das correspondentes facturas, en que se fará referencia clara ao motivo do transporte e ao material transportado. O máximo subvencionable para o trasporte será de 400 euros en España e Portugal, 600 euros no resto de Europa e 800 euros no resto do mundo.

– Gastos de mantenza e aloxamento.

Deberán acreditarse os gastos subvencionados coas correspondentes facturas dos establecementos onde se produce o gasto (hoteis, restaurantes, axencias de viaxes ...), salvo no caso de que quen se despraza sexa persoal laboral contratado pola empresa, que poderá xustificarse co aboamento das axudas de custo legal ou convencionalmente permitidas nas correspondentes nóminas. Os máximos subvencionables por estes conceptos son os seguintes:

– España e Portugal:

Mantenza: un máximo de 36 euros por persoa e día.

Aloxamento: un máximo de 40 euros por persoa e día.

– Resto de Europa:

Mantenza: un máximo de 60 euros por persoa e día.

Aloxamento: un máximo de 60 euros por persoa e día.

– Resto do mundo:

Mantenza: un máximo de 60 euros por persoa e día.

Aloxamento: un máximo de 80 euros por persoa e día.

Para calcular a axuda teranse en conta os seguintes máximos:

– Días máximos que se consideran para a axuda, para os gastos de aloxamento e mantenza:

No caso de non ser representacións consecutivas:

España e Portugal: 2 días.

Resto de Europa: 3 días.

Resto do mundo: 4 días.

– No caso de representacións consecutivas:

Os días relativos ás viaxes de ida e volta, os días de representación artística e os días intermedios, cun tope dun día intermedio por data de representación artística ou concerto.

• Modalidade B.3: subvencións para a asistencia a feiras e mercados musicais e fóra de Galicia.

O correspondente aos gastos derivados da asistencia á feira, festival, incluídos os de desprazamento, transporte, aloxamento, mantenza (segundo os máximos reflectidos para as modalidades A.1 e A.2), así como os dereitos ou as cotas de asistencia e alugamento de espazos de exhibición, co límite equivalente ao 60 % sobre o custo e co máximo de 2.000 euros por feira e 15.000 euros anuais por solicitante e todas as modalidades. O máximo de persoas asistentes que se subvencionará por beneficiario será de dúas.

Os correspondentes aos gastos de inscrición para aqueles que se celebren en liña.

Non son obxecto desta liña de subvencións os honorarios profesionais e outros similares derivados da realización de representacións nin os correspondentes á elaboración de materiais promocionais.

5. Os importes previstos poderán ser incrementados ao longo do exercicio, nos supostos establecidos no artigo 31.2 da Lei de subvencións de Galicia, e tras declaración previa de dispoñibilidade de crédito, logo da modificación orzamentaria que proceda. Se é o caso, a ampliación de crédito deberase publicar nos mesmos medios que esta convocatoria, sen que tal publicidade implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio de novo cómputo de prazo para resolver. A alteración da distribución establecida nesta convocatoria non precisará de nova convocatoria, pero si das modificacións que procedan no expediente de gasto e da publicación nos mesmos medios que a convocatoria.

Quinta. Inicio do procedemento: solicitudes

As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia,
https://sede.xunta.gal

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Sexta. Prazo de presentación das solicitudes e emenda

1. O prazo para a presentación das solicitudes será dun (1) mes desde o día seguinte ao publicación da correspondente convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houbese día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

2. Se a solicitude non estivese debidamente cuberta, non se achegase a documentación exixida ou non se reunisen os requisitos sinalados na normativa da convocatoria ou os que, con carácter xeral, se indican na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, a persoa interesada será requirido para que no prazo de 10 días hábiles, contados desde o día seguinte ao da notificación do requirimento, emende o defecto advertido, a falta detectada ou presente os documentos preceptivos, e indícase ademais que, de non o facer, se considerará que desiste na súa petición, logo de resolución que declarará esta circunstancia e que deberá ser ditada nos termos previstos na lei.

Sétima. Documentación xeral e documentación específica necesaria para a tramitación do procedemento.

1. Ademais da solicitude (anexo I) publicado xunto coa presente convocatoria, as persoas interesadas deberán presentar a seguinte documentación xeral:

1.1. Se a persoa solicitante é persoa xurídica, certificado do acordo de solicitude da axuda ou da autorización da persoa que a asine en nome da entidade.

1.2. Se o solicitante é unha sociedade civil, comunidade de bens ou calquera outra agrupación de persoas sen personalidade xurídica propia, nomeamento do representante ou apoderado legal único da agrupación.

1.3. Se o solicitante é unha sociedade civil, comunidade de bens ou calquera outra agrupación de persoas sen personalidade xurídica propia, compromisos de execución asumidos por cada membro da agrupación e importe de subvención que se lle aplicará a cada un.

1.4. Se o solicitante é unha sociedade civil, comunidade de bens ou calquera outra agrupación de persoas sen personalidade xurídica propia, compromiso de non disolución durante o tempo de duración da actividade subvencionada.

1.5. Estatutos rexistrados e escrituras de constitución inscritos no Rexistro Mercantil ou o que corresponda.

1.6. Documentación que acredite suficientemente a representación de quen asina a solicitude.

2. As persoas solicitantes deberán presentar a seguinte documentación específica:

2.1. Modalidade A.1, A.2, B.1 e B.2 (subvencións para a distribución de espectáculos de artes escénicas e musicais fóra de Galicia e subvencións para a representación de espectáculos de artes escénicas e espectáculos musicais en feiras e festivais fóra de Galicia, respectivamente):

2.1.1. Ficha de distribución (anexo II).

2.1.2. Contrato de actuación ou oferta/convite con contido económico.

2.2. Modalidade A.3 e B.3 (subvencións para a asistencia a feiras e mercados de artes escénicas e musicais e fóra de Galicia).

2.2.1. Ficha de distribución (anexo II).

2.2.2. Documento de inscrición como profesional dos asistentes á feira ou mercado.

2.2.3. Se é o caso, contrato ou declaración asinada polo solicitante, da relación dos asistentes coa entidade.

2.3. Modalidade A.4 (subvencións para a distribución de espectáculos escénicos no territorio da Comunidade Autónoma).

2.3.1. Ficha de contratación (anexo III).

2.3.2. Contrato de actuación.

De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común, non será necesario achegar os documentos que xa foran presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán recadados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se puidesen obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.

3. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

4. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente se se dispón del.

5. No caso de que algún dos documentos que se presenten de forma electrónica supera os tamaños máximos establecidos ou ten un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación destes de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

6. Sen prexuízo do disposto no parágrafo 1, Agadic poderá requirir a persoa solicitante para que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.

7. Se a solicitude non reúne os requisitos establecidos na convocatoria, o órgano competente requirirá o interesado para que a emende no prazo máximo e improrrogable de 10 días, e indicaralle que, se non o fixer, se terá por desistido da súa solicitude, logo de resolución que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 21 da Lei do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Oitava. Comprobación de datos

1. Para a tramitación do procedemento destas axudas consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

DNI ou NIE da persoa solicitante.

DNI ou NIE da persoa representante.

NIF da entidade solicitante.

Certificado de estar dado de alta no imposto de actividades económicas, na epígrafe/subepígrafe que corresponda, no exercicio actual.

Certificado de estar ao día no pagamento de obrigas tributarias coa Axencia Estatal de Administración Tributaria.

Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.

Certificado de estar ao día no pagamento de obrigas coa Comunidade Autónoma.

Consulta de concesións de subvencións e axudas.

Consulta de inhabilitacións para obter subvencións e axudas.

Consulta de concesións pola regra de minimis.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilita a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Novena. Trámites posteriores e información ás persoas interesadas

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude, deberá ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Décima. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencias contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Undécima. Instrución do procedemento e competencia

1. Na concesión das subvencións seguirase un procedemento abreviado en que o informe e a proposta de resolución serán efectuados nun único acto pola dirección da Axencia, elevándoos á Presidencia da Agadic para a súa aprobación posterior, consonte o procedemento previsto nos artigos 19.2 e 22 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. As solicitudes de subvención examinaranse e serán outorgadas sempre que cumpran os requisitos exixidos nesa convocatoria por orde cronolóxica, tendo en conta a data de entrada no
Rexistro da Agadic.

2. Ao se tratar dunha convocatoria aberta que dispón do crédito vixente en actos sucesivos de adxudicación, a Agadic publicará no DOG o esgotamento da partida orzamentaria asignada, así como a inadmisión de ulteriores solicitudes destinadas a participar dos subtipos de subvención indicados. Desde o momento en que se esgote o crédito orzamentario, non serán outorgadas novas subvencións a estas modalidades, sen prexuízo do cumprimento do disposto no artigo 31.4 da Lei de subvencións de Galicia.

3. A Dirección da Agadic, directamente ou a través dos seus servizos administrativos, actuará como órgano instrutor do procedemento, nos termos previstos no artigo 21 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e correspóndelle realizar de oficio cantas actuacións considere necesarias para a determinación, coñecemento e comprobación dos datos en virtude dos que se debe pronunciar a resolución. En particular, terá atribuídas especificamente as seguintes funcións:

1ª. Examinar as solicitudes e documentación presentadas.

2ª. Requirir das persoas solicitantes a emenda ou achega da documentación que resultase de obrigado cumprimento.

3ª. Formular o informe-proposta de resolución, debidamente motivado.

4. Co fin de facilitar unha mellor xestión das solicitudes, poderáselles pedir información complementaria aos interesados, así como a outros servizos da Consellería de Cultura, Educación e Universidade ou aos profesionais ou expertos consultados. En todo caso, a Dirección da Agadic poderá requirir os solicitantes para que proporcionen calquera información aclaratoria que resulte necesaria para a xestión da súa solicitude.

Sen prexuízo das facultades que teñan atribuídas outros órganos da Administración do Estado ou da Comunidade Autónoma, a Dirección da Agadic e as unidades administrativas encargadas da tramitación e seguimento do expediente respectivo poderán comprobar, en todo momento, a aplicación das subvencións concedidas para os fins programados, e levarán a cabo as funcións de control, así como de avaliación e seguimento dos labores e demais actuacións que derivasen destas bases. Para estes efectos, os beneficiarios deberán cumprir coas obrigas de comprobación que se establezan nesta resolución e na de adxudicación da subvención. Para realizar estas funcións, poderanse utilizar cantos medios estean á disposición da Dirección da Agadic para comprobar o cumprimento dos requisitos exixidos nesta resolución e na restante normativa vixente que resulte de aplicación.

5. Instruído o procedemento, o órgano instrutor, á vista do expediente, da documentación requirida, ditará a proposta de resolución, indicando o número de solicitudes subvencionadas e o importe económico da subvención correspondente a cada unha delas que elevará á Presidencia do Consello Reitor da Agadic.

Duodécima. Resolución da convocatoria

1. A Presidencia do Consello Reitor da Agadic, por delegación do Consello Reitor (disposición adicional do Acordo do 24 de xullo de 2012 (DOG nº 164, do 29 de agosto), deberá ditar resolución expresa, no prazo de 15 días desde a data de elevación da proposta de resolución. A citada resolución deberase ditar e notificar no prazo máximo de cinco meses, contados desde o día seguinte ao da publicación desta convocatoria pública, será motivada e fará mención expresa dos beneficiarios, da contía da axuda (en equivalente bruto de subvención), dunha desestimación xeneralizada do resto dos proxectos solicitantes e do seu carácter de axuda de minimis exenta en aplicación do Regulamento (UE) nº 1407/2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis.

2. O vencemento do prazo máximo indicado sen que se notifique a resolución posibilitará que os interesados poidan entender desestimada a súa solicitude por silencio administrativo.

3. A resolución da convocatoria porá fin á vía administrativa e contra ela poderanse interpor os seguintes recursos, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición ante a Presidencia do Consello Reitor da Agadic, no prazo dun (1) mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta fose expresa.

b) Recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous (2) meses contados desde o día seguinte ao da notificación da resolución, se esta fose expresa.

Décimo terceira. Notificacións de resolucións e actos administrativos

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderá de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, entendéndose rexeitada cando transcorran dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Décimo cuarta. Aceptación da subvención

Unha vez notificada a resolución, os beneficiarios comunicarán á Agadic a aceptación por escrito da subvención concedida no prazo máximo de 10 días hábiles, contados a partir do día seguinte ao da notificación da resolución de concesión. Transcorrido este prazo sen comunicarse esta aceptación ou sen producirse manifestación expresa, entenderase como tacitamente aceptada.

Décimo quinta. Gastos subvencionables

1. Só se admitirán como gastos subvencionables os efectivamente pagados con anterioridade ao remate final da xustificación e que se inclúan nos indicados na cláusula terceira para cada modalidade. Non se terán en conta os pagamentos en efectivo.

2. Non serán subvencionables os gastos relativos a:

– Imposto sobre o valor engadido, así como os impostos de natureza similar que sexan recuperables pola entidade.

– Gastos de subcontratación de servizos con empresas vinculadas ou con aquelas que non teñan como obxecto social e actividade social a prestación dos servizos obxecto da subcontratación.

– Gastos de subcontratación da execución da actividade, cando excedan o 20 % do importe da subvención concedida.

– Calquera outro non vinculado directamente coa actividade obxecto de subvención.

3. Cando o importe do gasto subvencionable supere as contías establecidas na Lei 9/2017, do 8 novembro, de contratos do sector público, para o contrato menor, o beneficiario deberá solicitar como mínimo tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contratación do compromiso para a obra, prestación do servizo ou entrega do ben, salvo que polas súas especiais características non existan no mercado suficiente número de entidades que as realicen, presten ou subministren, ou salvo que o gasto se tivese realizado con anterioridade á solicitude da subvención.

Décimo sexta. Pagamento

1. O pagamento das axudas farase efectivo a partir da data da resolución definitiva de concesión e realizarase sempre e cando se acredite que a actividade foi executada de acordo co programa e/ou proxecto presentados e se xustifique correctamente o seu emprego, todo isto sen prexuízo do réxime de pagamentos anticipados.

2. A Agadic, consonte as previsións estipuladas no artigo 31.6 da Lei de subvencións de Galicia, e 63.1 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, poderá aboar como pagamento anticipado, que suporá entregas de fondos con carácter previo á xustificación, como financiamento necesario para poder levar a cabo as actuacións inherentes á subvención, de acordo coas seguintes condicións:

Cando o importe da subvención non supere os 18.000 euros, ata un 80 % da subvención concedida, e sen que se supere a anualidade prevista en cada exercicio orzamentario. Cando o importe da subvención concedida supere os 18.000 euros, ademais, un 10 % adicional sobre o importe que exceda os 18.000 euros e sen que se supere a anualidade prevista en cada exercicio orzamentario.

O importe restante aboarase tras a acreditación polo beneficiario do cumprimento total das obrigas establecidas nestas bases.

3. Os beneficiarios que reciban pagamentos anticipados, cando estes excedan os 18.000 euros, deberán constituír garantías de conformidade co artigo do artigo 67 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, mediante seguro de caución prestado por entidade aseguradora ou mediante aval solidario de entidade de crédito ou sociedade de garantía recíproca, que deberá cubrir o 110 % do importe do anticipo e deberá alcanzar como mínimo ata os dous meses seguintes á finalización do prazo de xustificación.

Quedan exonerados da constitución de garantía os beneficiarios e nos casos establecidos no artigo 65.4 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Décimo sétima. Xustificación e liquidación da subvención outorgada

1. Os prazos de xustificación das presentes subvencións será dun mes contado desde a adxudicación da subvención, e en todo caso, rematarán o 10 de novembro de 2021.

2. Os beneficiarios deberán entregar a seguinte documentación xustificativa:

2.1. Documentación xeral:

– Relación completa dos gastos realizados, polo importe total dos gastos de explotación presentados no proxecto inicial e aceptados como subvencionables pola Agadic (anexo IV).

Copia das publicacións nas páxinas e perfís propios das redes sociais en que se explicite o apoio da Xunta de Galicia e do Xacobeo á actividade beneficiaria da subvención.

– Copia dos xustificantes, dos gastos imputados á actividade obxecto da subvención, así como do seu pagamento bancario mediante extractos ou certificacións bancarias debidamente identificados, selados e asinados pola persoa beneficiaria por importe igual ou superior á subvención concedida de conformidade co disposto no artigo 42 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei de subvencións, salvo na modalidade A.3, de asistencia á feira, en que se subvenciona o 60 % do orzamento, e o beneficiario deberá xustificar o 100 % dos gastos. Non se aceptarán aquelas facturas en cuxo concepto non se estableza de maneira clara e discriminada o obxecto do ben, a obra e/ou o servizo facturado.

– Relación de subvencións, achegas ou outros recursos concedidos para o mesmo obxecto por outras administracións públicas, así como declaración das axudas concedidas en réxime de minimis durante os tres últimos exercicios (anexo V).

2.2. Modalidades A.1 e A.2 e B.1 e B.2:

Unha memoria coa relación de concertos ou actuacións realizadas ou distribuídas xunto co número de espectadores.

– Copia dos recibos acreditativos do cobramento das cantidades estipuladas.

– Folla de billeteira das funcións realizadas, con indicación do público asistente e a recadación por billeteira, ou certificación acreditativa da realización do espectáculo pola entidade organizadora.

– Copia dos xustificantes, dos gastos imputados á actividade obxecto da subvención, por importe igual ou superior á subvención concedida por cada concepto subvencionado e cos límites establecidos nas presentes bases.

Non se aceptarán aquelas facturas en cuxo concepto non se estableza de maneira clara e discriminada o obxecto do ben, a obra e/ou o servizo facturado.

2.3. Modalidade A.3 e B.3:

– Copia dos xustificantes, dos gastos imputados á actividade obxecto da subvención, por importe total dos gastos.

Non se aceptarán aquelas facturas en cuxo concepto non se estableza de maneira clara e discriminada o obxecto do ben, a obra e/ou o servizo facturado.

2.4. Modalidade A.4:

Unha memoria coa relación de concertos ou actuacións realizadas ou distribuídos xunto co número de espectadores.

– Copia dos recibos acreditativos do cobramento das cantidades estipuladas.

– Folla de billeteira das funcións realizadas, con indicación do público asistente e a recadación por billeteira.

– Nóminas e documentos acreditativos das contías aboadas en concepto de Seguridade Social do persoal artístico e técnico e, se é o caso, facturas e pagamentos do persoal técnico correspondente á data da representación e xustificantes bancarios dos pagamentos.

Décimo oitava. Obrigas específicas dos beneficiarios

Son obrigas das persoas físicas (autónomas) ou entidades subvencionadas as sinaladas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, cumprir coa presente convocatoria e, en concreto:

1. Facer constar os logotipos, da Xunta de Galicia e Xacobeo 21, segundo a súa normativa básica de identidade corporativa, en todos os elementos de difusión relacionados coa actividade subvencionada, inseríndoos nun lugar preferente ou, cando menos, en igualdade de condicións que a entidade subvencionada e coa seguinte expresión «coa colaboración da Xunta de Galicia e Xacobeo 21».

2. Comunicar a través das publicacións nas páxinas e perfís propios nas redes sociais o apoio da Xunta de Galicia e do Xacobeo 2021 á actividade beneficiaria da subvención.

3. Proporcionar en todo momento a información que sexa solicitada respecto da subvención concedida e someterse ás actuacións de comprobación da Agadic, da Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, segundo o establecido no título III da Lei 9/2007, ou do Consello de Contas ou Tribunal de Contas, segundo a súa normativa.

4. Dar cumprimento das obrigas de publicidade que se establecen no artigo 18 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, modificado polo artigo 30 da Lei estatal 15/2014, do 16 de setembro, de racionalización do sector público e outras medidas de reforma administrativa.

Décimo novena. Modificación da resolución

1. A Axencia Galega das Industrias Culturais ten a facultade de revisar as axudas concedidas e modificar a resolución de concesión no caso de alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención.

2. As persoas beneficiarias teñen a obriga de solicitar á Agadic a aceptación de calquera modificación ou alteración relevante ou significativa sobre o proxecto subvencionado. Para que tales modificacións poidan ser tidas en conta na xustificación deberán ser previamente aceptadas pola Agadic. As alteracións non autorizadas, ou non solicitadas, poderán dar lugar á minoración da subvención concedida ou á súa revogación.

3. Non se aceptarán modificacións que afecten os requisitos para poder optar ás subvencións exixidos na base cuarta da presente resolución.

4. En canto ao resto das modificacións solicitadas, a Agadic poderá acordar, de xeito motivado, a modificación da resolución de concesión, coa minoración proporcional derivada das alteracións.

Vixésima. Reintegro

1. O incumprimento das obrigas contidas nestas bases reguladoras, na convocatoria ou na demais normativa aplicable, así como das condicións que, de ser o caso, se establezan na resolución de concesión, dará lugar á obriga de devolver total ou parcialmente as subvencións percibidas, así como os xuros de demora desde o momento do pagamento da subvención ata a data en que se acorde a procedencia do reintegro, nos casos e termos establecidos no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, así como polo título V do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e en particular polo incumprimento de calquera dos requisitos e obrigas estipulados nesta convocatoria pública.

2. Para facer efectiva a devolución a que se refire o punto anterior, tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Aos beneficiarios das subvencións reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Vixésimo primeira. Réxime de recursos

A convocatoria destas axudas, as súas bases e todos cantos actos administrativos deriven dela poderán ser impugnados interpoñendo os seguintes recursos, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición ante o Presidente do Consello Reitor da Axencia Galega das Industrias Culturais, no prazo dun (1) mes contado a partir do seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

b) Recurso contencioso-administrativo no prazo de dous (2)meses contados desde o seguinte ao da publicación da resolución de conformidade co disposto no artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

Disposición derradeira. Entrada en vigor

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 23 de abril de 2021

Román Rodríguez González
Presidente do Consello Reitor da Axencia Galega das Industrias Culturais

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file