Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 84 Mércores, 5 de maio de 2021 Páx. 22630

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Universidade

ORDE do 21 de abril de 2021 pola que se modifica a autorización do centro privado Aloya, de Vigo.

A persoa representante da titularidade do centro privado (CPR) Aloya, de Vigo, solicita a modificación da autorización relativa á supresión dun ciclo formativo de grao superior (CS) Educación Infantil no réxime ordinario, na modalidade presencial, e autorizalo no réxime de persoas adultas, na modalidade semipresencial e a distancia; tamén solicita a implantación do CS Márketing e Publicidade e do CS Transporte e Loxística, no réxime ordinario, modalidade presencial.

O centro está autorizado para impartir na modalidade presencial as ensinanzas que solicita impartir na modalidade semipresencial e a distancia en virtude da Orde do 20 de xaneiro de 2015 (DOG do 11 de febreiro).

A Orde do 5 de novembro de 2010, publicada no Diario Oficial de Galicia do 11 de novembro, establece, con carácter experimental, a ordenación da formación profesional inicial polo réxime para persoas adultas nas modalidades a distancia e semipresencial.

Logo da tramitación do expediente de acordo co establecido no Decreto 133/1995, do 10 de maio, de autorización de centros docentes privados para impartir ensinanzas de réxime xeral non universitarias, e coa Orde do 20 de setembro de 1995 que o desenvolve, por proposta da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos,

DISPOÑO:

Artigo 1. Modificación da autorización

Suprimir un ciclo formativo de grao superior (CS) Educación Infantil na modalidade presencial e autorizalo na modalidade semipresencial e a distancia; e autorizar o CS Márketing e Publicidade e o CS Transporte e Loxística, na modalidade presencial, no centro docente privado cuxos datos se detallan a seguir:

Denominación xenérica: centro privado (CPR).

Denominación específica: Aloya.

Código: 36011622.

Enderezo: rúa do Couto, nº 2.

Localidade: Vigo.

Concello: Vigo.

Provincia: Pontevedra.

Titular: Asociación Fontenova.

Composición resultante:

a) Réxime ordinario, modalidade presencial:

• CS Administración e Finanzas (2 unidades para 30 alumnos/as cada unha).

• CS Asistencia á Dirección (2 unidades para 30 alumnos/as unidade).

• CS Anatomía Patolóxica e Citodiagnóstico (2 unidades para 30 alumnos/as cada unha).

• CS Laboratorio Clínico e Biomédico (2 unidades para 30 alumnos/as cada unha).

• CS Educación Infantil (2 unidades para 30 alumnos/as cada unha).

• CS Integración Social (2 unidades para 30 alumnos/as cada unha).

• CS Márketing e Publicidade (2 unidades para 30 alumnos/as cada unha).

• CS Transporte e Loxística (2 unidades para 20 alumnos/as cada unha).

b) Réxime de persoas adultas, modalidade semipresencial e a distancia:

• CS Educación Infantil.

Artigo 2. Ordenación académica na modalidade a distancia

1. Ás ensinanzas autorizadas no artigo 1 desta orde, CS Educación Infantil no réxime de persoas adultas, aplicaráselles, en canto sexa adecuado á súa natureza, o previsto na Orde do 5 de novembro de 2010 pola que se establece, con carácter experimental, a ordenación da formación profesional inicial polo réxime para as persoas adultas nas modalidades a distancia e semipresencial.

2. O desenvolvemento dos módulos profesionais organizarase sobre a base da titoría individual e colectiva, que serán atendidas directamente polo profesorado de cada módulo. A titoría individual realizarase preferentemente de xeito telemático; a colectiva terá carácter presencial, coa intervención directa do profesorado, nas instalacións do centro docente.

A asistencia ás titorías presenciais nas instalacións do centro educativo terá carácter voluntario para o alumnado.

3. Ao longo do período lectivo correspondente, o profesorado de cada módulo profesional realizará un seguimento do desenvolvemento do proceso de ensino e aprendizaxe, utilizando para iso os instrumentos e os procedementos de recollida de información previamente establecidos na programación dos módulos, que deberán ser coñecidos polo alumnado.

A avaliación da aprendizaxe do alumnado será continua a través das actividades que se programen e harmonizarase con probas presenciais teórico-prácticas para cada avaliación parcial, de carácter obrigatorio para o alumnado e axustadas aos resultados de aprendizaxe e aos criterios de avaliación dos currículos dos módulos profesionais. Ao finalizar o desenvolvemento de cada módulo, realizarase unha proba presencial final de carácter global. Esta proba terá que realizala o alumnado que non superase o módulo mediante as probas presenciais parciais que se realicen ao longo do curso.

4. O profesorado que imparta nas modalidades de distancia e semipresencial disporá das competencias necesarias para o manexo da plataforma de formación a distancia e para realizar o seguimento do proceso de ensino-aprendizaxe do alumnado.

Artigo 3. Inicio da actividade

Para a posta en funcionamento das ensinanzas que se autorizan, a Xefatura Territorial da Consellería de Cultura, Educación e Universidade de Pontevedra, logo do informe do Servizo Territorial de Inspección Educativa, aprobará expresamente a relación do profesorado que impartirá docencia nos ditos ciclos, así como o equipamento.

Artigo 4. Inscrición no Rexistro de Centros

Esta orde dará lugar á correspondente inscrición no Rexistro de Centros da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 5. Modificación da autorización

O centro queda obrigado ao cumprimento da normativa vixente e a solicitar a oportuna revisión cando se teña que modificar calquera dos datos que se sinalan nesta orde.

Disposición derradeira primeira. Recursos

Contra esta orde, que esgota a vía administrativa, as persoas interesadas poderán formular recurso potestativo de reposición, ante esta consellería, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou ben directamente o recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses desde a mesma data, ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, de conformidade co artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 21 de abril de 2021

Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura, Educación e Universidade