Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 83 Martes, 4 de maio de 2021 Páx. 22414

III. Outras disposicións

Augas de Galicia

RESOLUCIÓN do 12 de abril de 2021 pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión de axudas, en réxime de concorrencia non competitiva, para a adquisición e instalación de equipamentos de medida do caudal subministrado en alta por sistemas de abastecemento de auga potable de titularidade pública na Comunidade Autónoma de Galicia, e se convocan para o ano 2021 (código de procedemento administrativo AU301A).

O 11 de xaneiro de 2020 entrou en vigor a Lei 9/2019, do 11 de decembro, de medidas de garantía do abastecemento en episodios de seca. O seu artigo 1 establece que ten por obxecto, entre outros, os seguintes:

1. Garantir a prestación adecuada dos servizos de abastecemento de auga en alta ou adución e a subministración de auga en baixa ou distribución apta para o consumo humano, en todo o territorio de Galicia, cando exista un episodio de seca, tendo en conta os recursos hídricos dispoñibles.

2. Establecer as normas e as medidas para o aproveitamento dos recursos hídricos, no ámbito da Demarcación Hidrográfica Galicia-Costa, nos períodos en que exista un episodio de seca, co fin de reducir a vulnerabilidade fronte a este evento, buscando unha garantía no abastecemento á poboación en equilibrio co medio natural e tendo en conta os posibles efectos do cambio climático.

En coherencia co anterior, a disposición adicional terceira da Lei 9/2019, do 11 de decembro, establece que as persoas titulares das redes de abastecemento deben dispoñer de contadores homologados de medición de consumo de auga en todos os puntos de captación ou de subministración en alta e nos puntos de subministración final en alta ou en baixa, factúrese ou non a auga, incluídos os consumos propios da entidade subministradora da auga.

En relación con esta previsións legal, esta resolución ten por finalidade promover que as entidades locais responsables de sistemas de abastecemento á poboación conten con contadores homologados de medición de consumo de auga, de tal xeito que se fomente o emprego eficiente dos recursos hídricos.

Esta resolución ten a vontade de ser un instrumento xurídico que permita colaborar coas entidades responsables de sistemas de abastecemento á poboación en toda a Comunidade Autónoma de Galicia, para que estas poidan xestionar coa maior dilixencia, eficacia e eficiencia posibles as súas competencias nunha materia tan importante como é a xestión dos recursos hídricos.

En consecuencia, e tendo en conta o determinado na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e de conformidade coa Lei 9/2010, do 4 de novembro, de augas de Galicia,

RESOLVO:

Artigo 1. Obxecto e finalidade

1. O obxecto desta resolución é establecer as bases reguladoras para a concesión de axudas, en réxime de concorrencia non competitiva, para a adquisición e instalación de dispositivos de medición do caudal captado en sistemas de abastecemento de titularidade local da Comunidade Autónoma de Galicia (código de procedemento administrativo AU301A).

2. A finalidade das axudas é contribuír a que as entidades competentes xestionen os recursos hídricos coa maior dilixencia, eficacia e eficiencia posibles.

Artigo 2. Réxime de concesión

A concesión destas axudas realizarase en réxime de concorrencia non competitiva, segundo a excepción recollida no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

As solicitudes de axuda presentadas en prazo e cos requisitos establecidos nas bases reguladoras recollidas nesta resolución de convocatoria resolveranse por orde de entrada no rexistro da solicitude e ata o esgotamento do crédito.

Artigo 3. Entidades beneficiarias

1. Poderán ser entidades beneficiarias destas axudas os concellos, as mancomunidades, os consorcios e outras entidades locais recollidas na Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia, responsables de sistemas de abastecemento de auga potable que dean servizo a menos de 50.000 habitantes.

2. Para obteren a condición de beneficiarias, todas as entidades solicitantes deberán cumprir, con anterioridade ao remate do prazo de presentación de solicitudes, os seguintes requisitos:

a) Cumprir os requisitos recollidos no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

b) Estar ao día nas obrigas coa Axencia Estatal da Administración Tributaria, coa Tesouraría Xeral da Seguridade Social e coa consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia.

c) Se é o caso, ter cumprido o deber de remisión ao Consello de Contas das contas xerais do último exercicio orzamentario antes da finalización do prazo de presentación da solicitude de axuda.

3. Para obteren a condición de beneficiarias, ademais do anterior, todas as mancomunidades e consorcios locais solicitantes deberán estar formalmente constituídos de acordo coa normativa vixente.

4. Se unha entidade local das previstas nos artigos 1 e 2 da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia figurase en máis dunha solicitude, terase en conta a primeira solicitude correctamente presentada. As sucesivas solicitudes quedarán en reserva e poderán ser atendidas, se é o caso, segundo o previsto no artigo 5 desta resolución.

Artigo 4. Actuacións subvencionables

1. Serán subvencionables os investimentos realizados desde o 11 de xaneiro de 2020 na adquisición e instalación de equipos de medición do caudal en sistemas de abastecemento en alta de auga potable de titularidade pública.

O abastecemento de auga en alta ou adución inclúe a captación, o abrollamento e o represamento dos recursos hídricos e a súa xestión, incluído o tratamento de potabilización, o transporte por arterias principais e o almacenamento en depósitos reguladores de cabeceira dos núcleos de poboación.

2. Subvencionaranse tantos equipos como sexan necesarios para medir o caudal en alta do sistema, ou a existencia de perdas ou fugas, coa única limitación do importe máximo por solicitude establecido no artigo 6.

Para ser subvencionables, as actuacións deberán incluír equipos de medición antes da entrada á estación de tratamento de auga potable (ETAP), de forma que se rexistre de forma individualizada o caudal detraído da captación de auga. No caso de sistemas con varios puntos de captación, poderá instalarse un único equipo que rexistre o caudal detraído polo conxunto das tomas existentes.

Os equipos subvencionados poderán ser caudalímetros ultrasónicos ou electromagnéticos ou contadores mecánicos, sempre que estean homologados para o uso ao que van destinados de acordo á normativa comunitaria e estatal vixente sobre metroloxía. A súa instalación realizarase de acordo coas recomendacións do fabricante recollidas no certificado de homologación e, na medida do posible, permitirá a realización de medidas de contraste para comprobar o seu funcionamento, ben sexa a través dun tramo recto para o uso de equipos de ultrasóns non intrusivos ou deixando tomas para a inserción de sondas electromagnéticas ou ultrasónicas.

3. Cando a entidade local preste o servizo a través dunha entidade concesionaria, organismo autónomo local, entidade pública empresarial ou sociedade mercantil local, non serán subvencionables aquelas actuacións incluídas nos plans de investimentos ou mellora aos que estean obrigados esas entidades concesionarias, ou nas súas obrigas de conservación e substitución de infraestruturas.

4. Non serán subvencionables con cargo a esta axuda os gastos de execución doutras intervencións dirixidas á redución de perdas na rede, nin gastos correntes das entidades, tales como material funxible, luz, auga, teléfono, alugueiros de locais e similares, nin a adquisición de elementos decorativos ou ornamentais, mesmo se calquera deles está relacionado coa compra ou coa instalación dos dispositivos subvencionados.

Artigo 5. Crédito

1. As axudas reguladas ao abeiro desta resolución financiaranse con cargo á conta financeira 6566. Subvencións de capital a corporacións locais, da entidade pública empresarial Augas de Galicia. O importe total asignado a esta convocatoria ascende a cincocentos mil euros (500.000,00 €).

2. O crédito indicado no punto anterior distribuirase en cinco grupos:

a) O 20 % do importe irá destinado a entidades de entre 20.001 e 50.000 habitantes.

b) O 20 % do importe irá destinado a entidades de entre 10.001 e 20.000 habitantes.

c) O 20 % do importe irá destinado a entidades de entre 5.001 e 10.000 habitantes.

d) O 20 % do importe irá destinado a entidades de entre 2.001 e 5.000 habitantes.

e) O 20 % do importe irá destinado a entidades de 2.000 habitantes ou menos.

3. Estas cantidades teñen o carácter de máximo inicial e serán de aplicación as seguintes previsións:

a) As solicitudes presentadas desde a data de inicio do prazo de presentación de solicitudes e ata o 15 de xullo de 2021 serán valoradas dentro de cada grupo por orde de entrada, ata o momento do esgotamento do crédito asignado inicialmente a cada un dos grupos, de producirse este antes da finalización do dito prazo.

Se o crédito dispoñible se esgota antes desa data, anunciarase esta circunstancia a través da páxina web de Augas de Galicia.

As solicitudes que se reciban despois do esgotamento do crédito e ata o 15 de xullo de 2021 quedarán en reserva, e poderán, se é o caso, subvencionarse ben co crédito que quede libre de producirse algunha renuncia por parte das entidades beneficiarias ou ben co incremento do crédito orzamentario destinado a estas axudas, sen prexuízo do disposto no punto seguinte para o posible crédito sobrante nos outros grupos de axudas establecidos nesta resolución.

b) Despois do 15 de xullo de 2021, o crédito resultante no conxunto dos grupos unificarase e continuarán valorándose as solicitudes, para calquera dos cinco grupos, atendendo exclusivamente á orde de entrada, para o cal se deberán ter en conta tanto as solicitudes presentadas dentro do prazo anterior e que non puideron ser atendidas por insuficiencia do crédito inicial para ese grupo como as que se presenten posteriormente e ata finalización do prazo de presentación de solicitudes.

Neste momento tamén serán obxecto de valoración aquelas solicitudes que quedaron en reserva porque consta nelas unha entidade local das previstas nos artigos 1 e 2 da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia que xa figurase noutra solicitude presentada con anterioridade.

Se o novo crédito resultante dispoñible se esgota antes desa data, anunciarase esta circunstancia a través da páxina web de Augas de Galicia e, en tal caso, as solicitudes que se reciban despois do esgotamento do crédito e ata finalización do prazo de presentación de solicitudes quedarán en reserva, e poderán, se é o caso, ser subvencionadas, ben co crédito que quede libre de producirse algunha renuncia por parte das entidades beneficiarias ou ben co incremento do crédito orzamentario destinado a estas axudas.

4. O importe dos fondos previstos entenderase máximo, ben que cabería a posibilidade de ampliar o crédito como consecuencia da existencia dunha maior dispoñibilidade orzamentaria derivada dalgunha das circunstancias previstas no artigo 30.2 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro e, se for o caso, logo da aprobación da modificación orzamentaria que proceda. Isto podería dar lugar á concesión de máis subvencións de acordo co indicado no punto anterior.

Augas de Galicia publicará a ampliación nos mesmos medios que a convocatoria, sen que tal publicidade implique a apertura dun novo prazo para presentar novas solicitudes, nin o inicio dun novo cómputo de prazo para resolver.

Artigo 6. Importe máximo das axudas

1. O importe das axudas será do 100 % do investimento da actuación proposta, ata esgotar o crédito referido no artigo anterior e cos límites máximos por solicitude que se indican a seguir (IVE incluído):

a) Quince mil euros (15.000 €) en entidades de entre 20.001 e 50.000 habitantes.

b) Doce mil euros (12.000 €) en entidades de entre 10.001 e 20.000 habitantes.

c) Nove mil euros (9.000 €) en entidades de entre 5.001 e 10.000 habitantes.

d) Seis mil euros (6.000 €) en entidades de entre 2.001 e 5.000 habitantes.

e) Tres mil euros (3.000 €) en entidades de 2.000 habitantes ou menos.

Para todos os efectos desta convocatoria, considerarase o número de habitantes por concello recollido no Real decreto 1147/2020, do 15 de decembro, polo que se declaran oficiais as cifras de poboación resultantes da revisión do Padrón municipal referidas ao 1 de xaneiro de 2020.

Nos supostos das entidades locais recollidas no artigo 2 da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia, considerarase a suma do número de habitantes de cada concello beneficiado pola adquisición e instalación dos dispositivos de medición do caudal.

2. Ademais do límite máximo por solicitude establecido no punto anterior, establécense os seguintes importes máximos subvencionables por equipo de medición en función da súa tipoloxía e do diámetro da tubaxe (IVE incluído):

Diámetro nominal

Dn (mm)

Caudalímetros

electromagnéticos

Caudalímetros

ultrasónicos

Contadores mecánicos

Dn <= 65

2.500,00 €

1.000,00 €

500,00 €

65<Dn<=100

2.750,00 €

1.500,00 €

500,00 €

100<Dn<=150

3.000,00 €

2.000,00 €

750,00 €

150<Dn<=200

4.000,00 €

2.750,00 €

1.000,00 €

200<Dn<=250

5.000,00 €

3.500,00 €

1.500,00 €

250<Dn<=300

6.000,00 €

4.500,00 €

2.000,00 €

Dn> 300 mm

7.000,00 €

7.000,00 €

3.500,00 €

Artigo 7. Compatibilidade das axudas

1. Estas subvencións serán compatibles con outras que, para a mesma finalidade, concedan outras administracións públicas.

As entidades solicitantes deberán declarar todas as subvencións que teñan solicitado e/ou obtido para o mesmo fin.

2. As entidades beneficiarias están obrigadas a comunicarlle ás entidades concedentes a obtención de subvencións ou axudas que financien as actividades obxecto desta resolución.

3. A obtención de subvencións ou axudas concorrentes non poderá superar o custo total da actividade subvencionada. Cando se produza exceso das subvencións ou axudas percibidas de distintas entidades públicas respecto do custo da actividade e estas fosen compatibles entre si, a entidade beneficiaria deberá reintegrar o exceso xunto cos xuros de demora, unindo as cartas de pagamento á correspondente xustificación.

O reintegro do exceso farase a favor das entidades concedentes en proporción ás subvencións concedidas por cada unha delas. Con todo, cando sexa a Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia a que advirta o exceso de financiamento, exixirá o reintegro polo importe total do exceso, ata o límite da subvención outorgada por ela.

Artigo 8. Prazo e forma de presentación de solicitudes

1. O prazo de presentación de solicitudes comezará o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia e rematará o 1 de setembro de 2021.

2. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal.

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algún dos solicitantes presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela na que fose realizada a emenda.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e firma admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

3. Coa solicitude (anexo I) a entidade local acepta e declara o seguinte:

a) Que a entidade que solicita a subvención acepta as condicións e demais requisitos exixidos nesta resolución de convocatoria.

b) Que todos os datos contidos na solicitude e nos documentos que se xuntan son certos.

c) O conxunto de todas as subvencións ou axudas das distintas administracións públicas competentes ou outros entes públicos, solicitadas ou concedidas para as mesmas actuacións financiadas ao abeiro desta resolución e o compromiso de comunicar de contado cantas subvencións ou axudas solicite e/ou obteña doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, a partir da data desta declaración.

d) Que está ao día na remisión ao Consello de Contas de Galicia da conta xeral da entidade local no momento da presentación da solicitude de subvención.

e) Que está ao día no cumprimento das obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e que non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia.

f) Que cumpre os requisitos que para poder obter a condición de beneficiaria se recollen nos artigos 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións e 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

4. As solicitudes e os trámites posteriores deberán estar asinados:

a) Se a entidade solicitante é un concello, pola persoa titular da Alcaldía-Presidencia ou persoa en quen estea delegada a competencia.

b) Se a entidade solicitante é unha mancomunidade ou consorcio local, pola persoa titular da presidencia ou persoa que teña delegada a competencia.

5. A presentación da solicitude implica o coñecemento e a aceptación destas bases reguladoras.

Artigo 9. Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento

1. As entidades interesadas deberán achegar xunto coa solicitude a seguinte documentación:

a) Resolución do órgano competente da entidade local solicitante pola que se acorda a solicitude da subvención ao abeiro desta resolución na que conste expresamente que se aceptan todas as condicións e requisitos establecidos na resolución de convocatoria.

b) Documentación acreditativa da remisión ao Consello de Contas da conta xeral da entidade local correspondente ao exercicio orzamentario 2019.

c) Documentación acreditativa da titularidade ou dispoñibilidade da infraestrutura.

d) No caso de prestarse o servizo a través dunha entidade concesionaria, entidade pública empresarial ou sociedade mercantil, deberá presentarse documentación acreditativa de que a adquisición, instalación e renovación de contadores en alta non consta entre as obrigas da dita entidade.

e) Memoria valorada na que se indique, como mínimo:

1º. O concello ou concellos aos que dá servizo o sistema de abastecemento obxecto da actuación.

2º. Os datos principais de cada un dos dispositivos de medición de caudal previstos, incluíndo como mínimo:

• A súa localización prevista, representada sobre planos a escala de suficiente detalle (1:10.000 ou menor), indicando se permite a realización de medicións de contraste que validen o seu funcionamento.

• O modelo de equipo seleccionado, indicando expresamente o diámetro e caudal considerados na súa selección e a súa homologación de acordo á normativa vixente.

3º. Equipos de medición de caudal en alta existentes e xustificación da necesidade de instalar máis.

4º. Orzamento estimado da adquisición e instalación do dispositivo de medición do caudal, e a documentación que avale esa estimación (por exemplo, factura pro forma ou orzamento achegado pola empresa subministradora).

2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das entidades interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela na que fose realizada a emenda.

As entidades interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

4. No caso de que algún dos documentos para presentar de forma electrónica superase os tamaños máximos establecidos ou tivese un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

5. Toda a documentación achegada polos solicitantes no marco desta axuda considerarase presentada ante Augas de Galicia para os efectos de comprobación e/ou actualización dos seus inventarios de infraestruturas de abastecemento e de presións sobre os recursos hídricos.

Artigo 10. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) DNI/NIE da persoa física que compareza como representante.

b) NIF da entidade solicitante.

c) Certificacións sobre o cumprimento de obrigas que deba emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria.

d) Certificacións sobre o cumprimento de obrigas fronte á Seguridade Social que deba emitir a Tesouraría Xeral da Seguridade Social.

e) Certificacións sobre o cumprimento de obrigas coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia que deban emitir a Consellería de Facenda.

f) Inhabilitacións para obter subvencións e axudas.

g) Concesións de subvencións e axudas.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás entidades interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 11. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificacións electrónicas de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderá de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse practicadas no momento no que se produza o acceso ao seu contido, entendéndose rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non fose posible por problemas técnicos practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 12. Publicación dos actos

1. Publicarase no Diario Oficial de Galicia (DOG), de conformidade co establecido no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administración públicas, a ampliación do crédito da convocatoria e a relación de axudas que se concedan.

2. Así mesmo, serán igualmente obxecto de publicidade a través da páxina web de Augas de Galicia (https://augasdegalicia.xunta.gal), a ampliación do crédito da convocatoria, o esgotamento do crédito da convocatoria e a relación de axudas que se concedan.

Artigo 13. Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar trala presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 14. Instrución

1. A unidade administrativa encargada da tramitación do procedemento será a Secretaría Xeral de Augas de Galicia, que realizará de oficio cantas actuacións estime necesarias para a determinación, o coñecemento e a comprobación dos datos en virtude dos cales se debe formular a proposta de resolución.

2. Se a solicitude non está debidamente cuberta ou non se presenta a documentación complementaria exixida, a unidade administrativa encargada da tramitación do procedemento requirirá á entidade solicitante para que, no prazo máximo de dez (10) días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, coa advertencia de que, de non o facer, se considerará que desiste da súa solicitude, de acordo co previsto nos artigos 20.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, logo de que se dite resolución ao abeiro do artigo 21 desta lei.

Igual requirimento efectuarase no suposto de resultado negativo da consulta efectuada á Axencia Estatal da Administración Tributaria, Tesouraría Xeral da Seguridade Social ou consellería competente en materia de economía e facenda e da verificación do DNI/NIE.

Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose correcta e completamente presentada.

3. Sen prexuízo do disposto no punto anterior, en calquera fase do procedemento anterior á proposta de resolución, a unidade administrativa encargada da tramitación do procedemento poderá requirir ás entidades solicitantes para que acheguen a información e/ou a documentación complementaria que se considere conveniente para a correcta definición, avaliación e comprobación das solicitudes presentadas.

4. Os requirimentos realizaranse nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

5. O órgano instrutor será o encargado de verificar o cumprimento das condicións exixidas nesta orde e no resto de normativa aplicable para poder ser beneficiario das axudas. Para tal fin, analizará as solicitudes presentadas e a documentación que se achegue.

6. En relación con aquelas solicitudes que estean completas e cumpran coas condicións exixidas, o órgano instrutor elaborará unha proposta de resolución na que consten esas circunstancias e que da información que ten no seu poder se desprende que as entidades beneficiarias cumpren todos os requisitos necesarios para acceder ás subvencións.

Artigo 15. Resolucións, prazos e recursos

1. Unha vez realizada a proposta de resolución, a persoa titular da Presidencia de Augas de Galicia ou a persoa en quen delegue ditará a resolución respecto de cada unha das solicitudes admitidas a trámite acordando ou ben o outorgamento da subvención ou ben a desestimación ou a non concesión, por desistencia, renuncia ao dereito ou imposibilidade material sobrevida.

En ningún caso o importe da subvención concedida poderá superar o custo da actividade que vaia desenvolver a persoa beneficiaria.

2. O prazo para ditar as resolucións do procedemento iniciado en virtude desta convocatoria será tres meses, contados a partir da data de finalización do prazo de presentación de solicitudes.

Segundo o establecido no artigo 23.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia o vencemento do prazo máximo sen que sexa notificada a resolución lexitima aos interesados para entender rexeitada por silencio administrativo a súa solicitude de concesión da subvención.

3. As resolucións ditadas neste procedemento esgotan a vía administrativa e contra elas poderá interpoñerse, ante o mesmo órgano, recurso potestativo de reposición no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución ou desde o día en que se produza o acto presunto. Alternativamente, poderá interpoñerse directamente recurso contencioso-administrativo, ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da notificación da resolución ou desde o día en que se produza o acto presunto.

Artigo 16. Modificación da resolución

1. O órgano competente para a concesión destas subvencións poderá acordar a modificación da resolución por instancia do beneficiario, sempre que se cumpran os límites e os requisitos recollidos nos artigos 35 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro e 7 do Decreto 193/2011, do 6 de outubro, polo que se regulan especialidades nas subvencións ás entidades locais galegas.

A modificación da resolución nestes supostos non implicará o incremento do importe da subvención inicialmente concedida.

Artigo 17. Aceptación

1. As entidades beneficiarias disporán dun prazo de dez días, contados a partir do día seguinte ao da notificación da resolución de concesión, para comunicar a aceptación da subvención e das condicións contidas nela, ou ben comunicar a renuncia á subvención concedida.

2. Transcorrido o prazo sen que se produza manifestación expresa, entenderase tacitamente aceptada a subvención, de conformidade co artigo 21.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. As entidades beneficiarias das subvencións, unha vez aceptadas estas, quedarán obrigadas a destinar os fondos percibidos ao obxecto concreto para o cal foron concedidas.

Artigo 18. Obrigas dos beneficiarios

Sen prexuízo das demais obrigas establecidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as entidades beneficiarias das subvencións concedidas ao abeiro desta resolución quedan obrigadas a:

1. Cumprir o obxectivo da axuda e co contido indicado nesta resolución.

2. Xustificar ante o órgano concedente o cumprimento da finalidade da subvención, a realización da actividade ou adopción do comportamento que fundamentou a súa concesión e o seu custo real.

3. Destinar os fondos percibidos ao obxecto concreto para o cal foron concedidos e realizar as actuacións que integran o proxecto subvencionado, segundo o estipulado no artigo 41 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

4. Proceder ao reintegro das cantidades percibidas, se as houber, xunto cos xuros de demora correspondentes, segundo o procedemento establecido no artigo 38 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, nos seguintes supostos:

a) Incumprimento das condicións establecidas para a concesión da subvención.

b) Incumprimento da obriga de xustificar o pagamento nos termos establecidos nesta resolución.

c) Incumprimento da obriga, se é o caso, de achegar os tres orzamentos que, en aplicación do artigo 29.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, deba ter solicitado a entidade beneficiaria e/ou falta ou insuficiente acreditación de que a elección recaeu na oferta economicamente máis vantaxosa.

d) Incumprimento das obrigas establecidas nos artigos 11 e 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

e) Nos supostos establecidos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia ou en calquera outro que resulte da normativa aplicable.

5. No suposto de concertar con terceiros a execución parcial ou total das actuacións obxecto da subvención, tramitar e adxudicar os contratos necesarios conforme as prescricións contidas na lexislación sobre contratación administrativa do sector público e, especificamente, a que rexe as contratacións das administracións públicas.

6. Comunicarlle ao órgano concedente a obtención de subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas. Esta comunicación deberá efectuarse tan axiña como se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

7. Consentir expresamente a inclusión dos datos relevantes da subvención nos rexistros públicos que proceda, conforme ao previsto na disposición adicional do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006.

8. En relación coa subvención concedida, someterse ás actuacións de comprobación que deba efectuar o órgano concedente, ás de control financeiro que corresponden á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas e achegar canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

Artigo 19. Contratación

1. As entidades beneficiarias poderán concertar con terceiros a execución parcial ou total das actuacións obxecto da subvención, salvo que o impida a súa natureza. En ningún caso poderán subcontratarse actuacións que, aumentando o custo da actuación subvencionada, non acheguen valor engadido ao seu contido.

Os contratistas quedarán obrigados soamente ante a entidade beneficiaria, que asumirá a total responsabilidade da execución da actuación subvencionada fronte á Administración concedente.

2. A tramitación dos expedientes de contratación que procedan será realizada polas entidades beneficiarias conforme a normativa vixente en materia de contratación do sector público, e serán as entidades locais contratantes as responsables directas das consecuencias que poidan derivar dos incumprimentos.

3. En todo caso, deberá observarse o establecido nos artigos 27 e 29.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no artigo 31.3 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e no artigo 10.e) do Decreto 193/2011, do 6 de outubro, polo que se regulan especialidades nas subvencións ás entidades locais galegas.

A entidade beneficiaria deberá acreditar, se é o caso, as ofertas recibidas xunto coa documentación xustificativa da subvención e xustificar a elección entre as ofertas presentadas.

A elección deberá realizarse consonte criterios de eficiencia e economía e, con carácter xeral, recaerá na proposta económica máis vantaxosa. De non recaer nesta, deberá xustificarse expresamente nunha memoria a elección do/da adxudicatario/a.

Artigo 20. Xustificación e pagamento

1. Os beneficiarios terán o prazo dun mes desde a instalación dos dispositivos de medición para a presentación da documentación xustificativa da subvención, prazo que en todo caso rematará o 1 de decembro de 2021.

2. As entidades beneficiarias deberán achegar a través da sede electrónica da Xunta de Galicia o anexo II desta resolución no que expresamente se declara:

a) Se solicitou ou lle foron concedidas outras subvencións ou axudas para o mesmo proxecto ou conceptos para os que lles foi concedida esta axuda, con indicación do importe e a súa procedencia, se é o caso.

b) Que a entidade solicitante non está incursa en ningunha das prohibicións establecidas no artigo 10, números 2 e 3, da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia para obter a condición de beneficiaria da subvención.

c) Que os bens obxecto de subvención inventariables destinaranse ao fin concreto para o que se outorgou a subvención durante un prazo mínimo de cinco anos se son bens inscribibles nun rexistro público ou de dous anos para o resto de bens, segundo o previsto no artigo 29.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de Subvencións de Galicia.

3. Xunto co anexo II deberá presentarse a seguinte documentación xustificativa:

a) Memoria xustificativa do investimento realizado, incluíndo como mínimo:

1º. Planos da localización do equipo na rede e da súa posición con respecto a elementos característicos como tomas, depósitos e plantas de tratamento.

2º. Fotografías do equipo instalado.

3º. Explicación e resultados do proceso de instalación e, se é o caso, calibración, incluíndo a xustificación do cumprimento das recomendacións de instalación do fabricante.

4º. Informe de validación do funcionamento do equipo a través da medida cun segundo instrumento. Se a posición do equipo non permite realizar esta medida de contraste, incluiranse os planos e fotografías que o xustifiquen.

5º. Acreditación da homologación do equipo instalado de acordo á normativa metrolóxica vixente, e documentación técnica que recolla os requirimentos de instalación (distancias a codos, etc.).

b) Conta xustificativa que recolla o previsto no artigo 10 do Decreto 193/2011, do 6 de outubro, polo que se regulan especialidades nas subvencións ás entidades locais galegas.

4. Augas de Galicia poderá solicitar calquera documentación necesaria para a correcta verificación da subvención.

5. A falta de presentación da xustificación no prazo indicado comportará a perda do dereito ao cobramento da subvención e demais responsabilidades establecidas na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, sen prexuízo do previsto nos artigos 45.2 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

6. Augas de Galicia, de atopar conforme a documentación xustificativa, proporá o libramento dos fondos, segundo o estipulado no artigo 41 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

Artigo 21. Incumprimento de obrigas

1. Augas de Galicia poderá realizar as visitas e inspección que estime necesarias para comprobar o cumprimento das obrigas asumidas polas entidades beneficiarias.

2. O órgano concedente poderá revogar a concesión da axuda se a entidade beneficiaria incumpre as condicións impostas con motivo da súa concesión.

3. O incumprimento das obrigas contidas nesta resolución ou na restante normativa que sexa de aplicación dará lugar á obriga de devolver total ou parcialmente a axuda percibida, así como os xuros de demora correspondentes.

4. Para facer efectiva a devolución a que se refire o número anterior, tramitarase o procedemento de reintegro oportuno, que se axustará ao previsto nos artigos 37 e seguintes da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e no título V do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

5. Ás persoas beneficiarias das subvencións reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto nos títulos IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e VI do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

Artigo 22. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as entidades beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, á que se atopen vinculadas, previo requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Disposición adicional única. Delegación de competencias

Delégase na persoa titular da Dirección de Augas de Galicia a competencia para resolver o procedemento de concesión de subvencións, a modificación da resolución e outras incidencias que poidan xurdir na súa tramitación, así como a competencia para autorizar e dispoñer os gastos, o recoñecemento das obrigas e a proposta de pagamentos, en relación co disposto no artigo 73.a) do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Disposición derradeira primeira. Desenvolvemento da resolución

Facúltase a persoa titular da Dirección de Augas de Galicia para ditar cantas disposicións sexan precisas para o desenvolvemento desta resolución.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta resolución producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 12 de abril de 2021

Ethel Mª Vázquez Mourelle
Presidenta de Augas de Galicia

missing image file
missing image file
missing image file