De acordo co establecido na Directiva 2000/60/CE do Parlamento Europeo e do Consello, do 23 de outubro de 2000, polo que se establece un marco comunitario de actuación no ámbito da política de augas, e de acordo co establecido no texto refundido da Lei de augas aprobada por real decreto lexislativo 1/2001, do 20 de xullo, e na Lei 9/2010, do 4 de novembro, de augas de Galicia, Augas de Galicia elabora o Plan hidrolóxico da demarcación hidrográfica Galicia-Costa.
Deste xeito, o 22 de xaneiro de 2016 publicouse no Boletín Oficial del Estado o Real decreto 11/2016, do 8 de xaneiro, polo que se aproban os plans hidrolóxicos das demarcacións hidrográficas de Galicia-Costa, das bacías mediterráneas andaluzas, do Guadalete-Barbate e do Tinto, Odiel e Piedras.
No Decreto 1/2015, do 15 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da planificación en materia de augas de Galicia e se regulan determinadas cuestións en desenvolvemento da Lei 9/2010, do 4 de novembro, de augas de Galicia, regúlase no artigo 14, a revisión do Plan hidrolóxico de Galicia-Costa, cun procedemento de revisión completa e periódica cada seis anos seguindo o establecido no artigo 11. Con base neste artigo, a Proposta de proxecto de Plan hidrolóxico Galicia-Costa someterase a consulta pública durante un prazo mínimo de seis (6) meses.
Tamén e segundo este artigo, o Plan hidrolóxico Galicia-Costa será obxecto do procedemento de avaliación ambiental estratéxica, regulado nos artigos 20 e 21 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, e elaborarase o estudo ambiental estratéxico que será sometido a un período de consulta pública como mínimo de 45 días hábiles.
Augas de Galicia está a traballar na revisión e actualización do vixente Plan hidrolóxico Galicia-Costa, polo que conforme os artigos expostos, esta dirección
RESOLVE:
Someter a consulta pública durante un prazo de seis (6) meses a Proposta de proxecto de plan hidrolóxico da demarcación hidrográfica de Galicia-Costa ciclo 2021-2027 e o Estudo ambiental estratéxico da proposta de proxecto de plan hidrolóxico da demarcación hidrográfica de Galicia-Costa ciclo 2021-2027.
Os documentos que se someten información pública poderán consultarse na páxina web oficial de Augas de Galicia (actualmente https://augasdegalicia.xunta.gal/) durante un período de seis (6) meses. Este prazo empezará a contarse desde o día seguinte ao da publicación no Diario Oficial de Galicia e, dentro dese prazo, poderanse realizar as achegas e formular cantas observacións e suxestións se coiden convenientes, dirixidas ao organismo de bacía, en calquera das formas previstas no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
Para o suposto de ser un suxeito obrigado a relacionarse a través de medios electrónicos coas administracións públicas ou de optar por este medio, as comunicacións deberán realizarse presentando o formulario do procedemento de presentación electrónica de solicitudes, escritos e comunicacións que non dispoñan dun sistema electrónico específico nin dun modelo electrónico normalizado, con código de procedemento PR004A, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal/detalle-procedemento?codtram=PR004A). Neste caso, deberá escollerse como destinatario do formulario a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade e, dentro desta, Augas de Galicia.
Na medida en que os documentos de propostas, observacións e/ou suxestións presentados conteñan datos de carácter persoal, a súa entrega implicará, de conformidade coa lexislación de protección de datos, o consentimento de publicación no marco deste proceso participativo. O tratamento dos datos persoais suxeitarase ao disposto na Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais, e quen participe neste proceso poderá exercer o dereito de acceso, rectificación, cancelación e oposición cubrindo a debida solicitude dirixida a Augas de Galicia.
Calquera dúbida sobre o proceso pode dirixirse ao correo electrónico:
planificacionhidroloxica.augas@xunta.gal.
Santiago de Compostela, 15 de abril de 2021
Teresa María Gutiérrez López
Directora de Augas de Galicia