A Directiva 2007/60/CE do Parlamento Europeo e do Consello, do 23 de outubro de 2007, relativa á avaliación e xestión dos riscos de inundación, trasposta ao noso ordenamento xurídico polo Real decreto 903/2010, do 9 de xullo, de avaliación e xestión de riscos de inundación, ten como principais obxectivos obter un axeitado coñecemento e avaliación dos riscos asociados ás inundacións e lograr unha actuación coordinada de todas as administracións públicas e a sociedade para reducir as consecuencias negativas das inundacións. Para obter estes obxectivos, define como ferramenta principal o Plan de xestión de risco de inundación.
O 22 de xaneiro de 2016 publicouse no Boletín Oficial del Estado o Real decreto 19/2016, do 15 de xaneiro, polo que se aproba o Plan de xestión do risco de inundación da demarcación hidrográfica de Galicia-Costa. Segundo a disposición derradeira segunda do Real decreto 19/2016, do 15 de xaneiro, o plan deberá ser revisado e actualizado, como máis tarde o 22 de decembro de 2021 e, a continuación, cada seis anos, tal e como marca tamén o artigo 21.3 do Real decreto 903/2010, do 9 de xullo, de avaliación e xestión de riscos de inundación.
O artigo 13.3 do Real decreto 903/2010, do 9 de xullo, referido ao procedemento de elaboración e aprobación dos plans, determina que o proxecto de plan de xestión de risco de inundación se someterá a consulta pública durante un prazo mínimo de tres meses. Tamén e segundo o artigo 13.6, os plans de xestión do risco de inundación serán obxecto do procedemento de avaliación ambiental estratéxica, polo que con base nos artigos 20 e 21 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, se elaborará o estudo ambiental estratéxico, que será sometido a un período de consulta pública, como mínimo, de 45 días hábiles.
Do mesmo xeito, o artigo 20 do Decreto 1/2015, do 15 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da planificación en materia de augas de Galicia e se regulan determinadas cuestións en desenvolvemento da Lei 9/2010, do 4 de novembro, de augas de Galicia, tamén determina o período de consulta e o proceso de elaboración dos plans de xestión do risco de inundación e o seu sometemento ao proceso de avaliación ambiental.
Augas de Galicia está a traballar na revisión e actualización do vixente Plan de xestión de risco de inundación da demarcación hidrográfica de Galicia-Costa, polo que, con base nos artigos expostos, esta dirección
RESOLVE:
Someter a consulta pública durante un prazo de tres meses a proposta de proxecto do Plan de xestión do risco de inundación da demarcación hidrográfica de Galicia-Costa, ciclo 2021-2027, e o estudo ambiental estratéxico da proposta de proxecto do Plan de xestión do risco de inundación da demarcación hidrográfica de Galicia-Costa, ciclo 2021-2027.
Os documentos sometidos a consulta pública poderán consultarse na páxina web oficial de Augas de Galicia (actualmente, https://augasdegalicia.xunta.gal/) durante un período de tres (3) meses. Este prazo empezará a contar desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia e, dentro dese prazo, poderanse realizar as achegas e formular cantas observacións e suxestións se consideren convenientes, dirixidas ao organismo de bacía, en calquera das formas previstas no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
Para o suposto de ser un suxeito obrigado a relacionarse a través de medios electrónicos coas administracións públicas ou de optar por este medio, as comunicacións deberán realizarse presentando o formulario do procedemento Presentación electrónica de solicitudes, escritos e comunicacións que non dispoñan dun sistema electrónico específico nin dun modelo electrónico normalizado, con código de procedemento PR004A, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal/detalle-procedemento?codtram=PR004A). Neste caso, deberá escollerse como destinatario do formulario a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade e, dentro desta, Augas de Galicia.
Na medida en que os documentos de propostas, observacións e/ou suxestións presentados conteñan datos de carácter persoal, a súa entrega implicará, de conformidade coa lexislación de protección de datos, o consentimento da súa publicación no marco deste proceso participativo. O tratamento dos datos persoais suxeitarase ao disposto na Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais, e quen participe neste proceso poderá exercer o dereito de acceso, rectificación, cancelación e oposición, cubrindo a debida solicitude dirixida a Augas de Galicia.
Calquera dúbida sobre o proceso pode dirixirse ao correo electrónico planinundacions.augasdegalicia@xunta.gal.
Santiago de Compostela, 15 de abril de 2021
Teresa María Gutiérrez López
Directora de Augas de Galicia